Biografía | |
---|---|
Nacemento | 21 de outubro de 1914 Valga, Imperio Ruso |
Morte | 21 de xullo de 2011 (96 anos) Pinsk, Belarús |
Lugar de sepultura | Cathedral of Name of the Blessed Virgin Mary (en) |
Cardeal | |
26 de novembro de 1994 – | |
Arcebispo de Minsk-Mahilioŭ | |
21 de maio de 1991 – ← Zygmunt Łoziński | |
Administrador apostólico | |
13 de abril de 1991 – 30 de xuño de 2011 Diocese: Diocese católica latina de Pinsk | |
Datos persoais | |
Grupo étnico | Pobo polaco |
Relixión | Igrexa católica |
Educación | Gymnázium Tadeusze Rejtana (en) Wyższe Seminarium Duchowne w Pińsku (en) |
Actividade | |
Ocupación | bispo católico (1991–), sacerdote católico (1939–) |
Consagración | Tadeusz Kondrusiewicz |
Premios | |
Kazimierz Świątek (en belaruso: Казімір Свёнтак, "Kazimir Sviontak"), nado o 21 de outubro de 1914 en Valga (Imperio Ruso, hoxe Estonia) e finado o 21 de xullo de 2011 en Pinsk (Belarús), foi un eclesiástico e cardeal católico latino de etnia polaca, que exerceu o seu labor pastoral principalmente en Belarús. Foi arcebispo metropolitano de Minsk-Mahilioŭ entre 1991 e 2006.
Świątek, o maior de dous irmáns, naceu de pais polacos o 21 de outubro de 1914 en Valga, entón parte do Imperio Ruso (hoxe Estonia).[1][2][3][4] Xunto a súa nai e ao seu irmán, foron deportados a Siberia durante a Revolución Rusa de 1917,[2] e o seu pai morreu loitando na guerra polaco-soviética. A partir de 1922, Kazimierz Świątek viviu en Polonia, onde logo de completar os seus estudos de Filosofía e Teoloxía no seminario de Pinsk,[2] foi ordenado sacerdote o 8 de abril de 1939[1][3] polo bispo de Pinsk Kazimir Bukraba; posteriormente traballou nunha parroquia de Pružany.[4]
A Unión Soviética ocupou Pinsk logo da división de Polonia pactada entre nazis e soviéticos en 1939. Świątek foi arrestado pola NKVD en abril de 1941, e permaneceu no corredor da morte en Brest por dous meses, nos que foi brutalmente interrogado.[3][4] Świątek fuxiu da cadea aproveitando a confusión creada pola invasión nazi da Unión Soviética o 22 de xuño de 1941, e volveu a Pružany.[1][3][4] En decembro de 1944, a NKVD arrestouno novamente.[2] Ao ano seguinte foi sentenciado a 10 anos de traballos forzados nun campo de concentración.[2][3] Pasou dous anos en Mariinsk (Kemerovo) e oito en Vorkutlag no norte de Rusia, traballando na taiga e nas minas de carbón; as condicións de traballo eran de frío extremo, e Świątek sufriu secuelas nas pernas e na cara.[3][4] Durante este tempo, celebraba misa en segredo, empregando unha cunca cerámica como cálice, e agochando a eucaristía nunha caixa de mistos para distribuila aos reclusos.[4] Foi liberdado en xuño de 1954, e volveu a Pinsk, onde foi párroco da catedral.[1][2][4]
En 1988 o papa Xoán Paulo II nomeouno monseñor, e en 1989 foi nomeado vigairo xeral.[1][4] O mesmo papa nomeouno en 1991 arcebispo metropolitano de Minsk-Mahilioŭ e administrador apostólico de Pinsk.[1][2][4] No consistorio do 26 de novembro de 1994 creouno cardeal, co título de Cardeal-Presbítero de San Gerardo Maiella.[1][2][4][5]
Foi tamén elixido primeiro presidente da Conferencia dos Bispos Católicos de Belarús.[2][4] Como figura máis recoñedida da Igrexa en Belarús, mantivo unha posición coidadosa co réxime de Lukašenka, evitando entrar en temas políticos, mais manténdose firme cos que tiñan implicación relixiosa.[4]
En xullo de 2006, o papa Bieito XVI aceptou a renuncia de Świątek, xa con 91 anos de idade, ao cargo de arcebispo metropolitano de Minsk-Mahilioŭ, mais permaneceu como administrador apostólico de Pinsk até o 30 de xuño de 2011. Nese momento, a Igrexa medrara en Belarús, chegando ás 400 parroquias e aos case 400 sacerdotes nativos.[4] Finou pouco despois, o 21 de xullo do mesmo ano.[6]
Dignidades da Igrexa católica | ||
---|---|---|
Predecesor: Tadeusz Kondrusiewicz (administrador apostólico) |
Arcebispo metropolitano de Minsk-Mahilioŭ 1991 - 2006 |
Sucesor: Tadeusz Kondrusiewicz |
Predecesor: Władysław Jędruszuk |
Administrador apostólico de Pinsk 1991 - 2011 |
Sucesor: Tadeusz Kondrusiewicz |