Unha marca de ceca é, no ámbito da numismática, unha letra, unha inscrición, un monograma, un símbolo ou calquera outro sinal presente nunha moeda ou nunha medalla e que serve como indicación da ceca ou casa de moeda onde esta foi cuñada.[1][2][3]
Os antecedentes da marcas de ceca están nas coñecidas como "marcas de maxistrado" características da moeda da Antiga Grecia, que facían mención ao maxistrado que se encargaba da produción desas moedas.[4][5]
Nun primeiro momento, semella que as marcas de ceca apareceron co propósito de localizar e controlar un problema: se unha moeda tiña falta ou exceso de peso, a marca de ceca permitía a localización inmediata da súa procedencia e podería evitarse que o desaxuste se seguise a producir. Este problema non só ocorría accidentalmente, senón que en ocasións algunha ceca alteraba intencionadamente o peso ou a proporción de metal nobre nas súas moedas para aumentar o seu lucro.[6] A alteración do peso e a lei da moeda foi sempre un delito moi perseguido e castigado, nalgunhas civilizacións mesmo coa morte. A modo de exemplo, en 1649, os directores da ceca colonial española de Potosí, na actual Bolivia, foron condenados a morte por mor da evidente alteración que facían da moeda.[7][8]
Nalgúns casos, os símbolos atopados no campo de moedas da Antiga Grecia referían inequivocamente ás casas de moeda e non aos maxistrados. As cecas establecidas en territorios conquistados por Alexandre o Grande cuñaron moedas coa mesma tipoloxía que a característica das de Macedonia, mais engadindo como marca un símbolo local.[9] Por exemplo, Rodas emitiu moedas cos tipos alexandrinos marcadas cunha rosa, un símbolo local anteriormente utilizado nas súas moedas propias.[10][11]
Xa no Imperio Romano, unha reforma de Diocleciano estableceu a marca de ceca como un elemento regular na moeda romana. Estas marcas situábanse adoito no exergo do reverso e comúñanse de tres partes; a primeira delas caracterizábase polas siglas SM (SACRA MONETA), M (MONETA) ou P (PECUNIA), en función do tipo de moeda; a segunda parte era unha abreviatura da cidade, como é o caso de ROM para Roma; e a parte final indicaba o obradoiro dentro da cidade.[12] A reforma de Anastasio, tomada habitualmente para establecer o límite entre as cuñaxes imperiais romanas e as emisións do Imperio Bizantino e doutros descendentes do romano, substituíu as marcas de ceca nas moedas de ouro pola inscrición CONOB, que aludía ao padrón monetario de Constantinopla, que foi utilizado por unha gran variedade de cecas.[13] Con todo, as marcas de ceca continuaron na moeda de cobre ata a segunda metade do século VII.[14][15][16]
Na Europa medieval, as marcas de ceca empezaron a aparecer nas moedas francesas baixo Pipino e pasaron a ser obrigatorias baixo o imperio de Carlomagno. En 1389, Carlos IV adoptou un sistema denominado dos "puntos secretos", segundo o cal se colocaba un punto baixo a primeira letra nas moedas cuñadas en Crémieu, baixo a segunda letra nas de Roma e así sucesivamente ata a vixésima segunda letra, que lle correspondía á ceca de Bourges. No século XV, ao esquema dos puntos secretos engadíronselle letras e símbolos situados ao final da lenda como marca de ceca.[17]
A inclusión do lugar de cuñaxe converteuse en xeral en toda a moeda medieval europea e da área mediterránea. Nalgúns casos facíase mención expresa da localidade nas propias lendas das moedas, algo habitual na moeda nazarí (عبد الله محمد / الغالب بالله - "O VENCEDOR POR DEUS / GRANADA"), na visigoda (EMERITA PIVS, Mérida), e na das primeiras épocas dos reinos cristiáns europeos (CIVITAS LONDON, Londres; PARSII CIVIS, París; SIACOBI, Santiago de Compostela).[18][19][20][21]
Noutras ocasións utilizábanse como marcas de ceca letras (non necesariamente siglas) monogramas ou símbolos que se asociaban inequivocamente ás localizades emisoras (B para Burgos, unha cuncha de vieira para A Coruña, unha cunca para Cuenca etc.).[22]
Na Francia de Francisco I, en 1540, cesou o sistema de puntos secretos e estableceuse un sistema de letras no campo das moedas: A para París, B para Ruán…, ata o Z para Lión, ata que foi definitivamente abolido en 1958. Só nalgúns casos de moedas medievais inglesas se facía indicación das cecas de procedencia. Cando en tempos de Guillerme III (1689-1702) cesou a cuñaxe a martelo e se introduciu maquinaria nas casas de moeda comezaron a introducirse marcas baixo o busto con ese propósito.[23] A Real Casa de Moeda de Londres (Royal Mint) estableceu sucursais en puntos do Imperio Británico próximos a zonas de extracción de ouro para a cuñaxe dos seus soberanos, que amosan as iniciais de Sydney, Melbourne, Victoria e Perth, en Australia, así como de Canadá, Suráfrica e a India.[24][25]
España exportou ao seu imperio no Novo Mundo o sistema de marcas de ceca que xa se viña utilizando nas moedas peninsulares, consistentes en iniciais e símbolos diversos (como o acueduto para Segovia ou a cuncha de vieira para A Couña). No novo continente comezou a utilizarse logo de se autorizar o establecemento dunha casa de moeda na Cidade de México, o 11 de maio de 1535. A metrópole española abriu despois cecas esparexidas polos seus territorios americanos e dotou a cada unha coa súa propia marca de ceca. Mesmo despois da súa independencia, México continuou a utilizar a súa marca de ceca colonial, un monograma formado por unha pequena letra "O" sobre un "M".
Na América do Norte, nas primeiras décadas logo da independencia estadounidense, estabeleceuse a Casa da Moeda dos Estados Unidos con cecas en Charlotte (Carolina do Norte) e Dahlonega (Xeorxia), despois do estoupido da "febre do ouro", e estas cecas puxeron tamén sobre as moedas que cuñaban as súas propias marcas. Mesmo no século XXI seguen a utilizarse as marcas P para a ceca de Filadelfia, D para Denver, S para San Francisco, e W para West Point, das nove casas de moeda oficiais que chegaron a existir na historia do país.[26][27]
O caso de Alemaña é similar ao estadounidense, recorrendo ás letras, aínda que nada teñen que ver coa sigla do topónimo: A para a Casa da Moeda de Berlín, D para a Casa da Moeda de Baviera, en Múnic, F para a ceca de Stuttgart, G para a de Karlsruhe e J para a Casa da Moeda de Hamburgo.[28]
Pero non en todos os países se botou man do alfabeto como marca de ceca. En España, por exemplo, aínda que o uso das siglas foi habitual durante séculos, á parte do xa mencionado acueduto para a ceca de Segovia, na derradeira etapa de Isabel II (1833-1868), a partir de 1850, utilizáronse unhas pequenas estrelas que indicaban a ceca en función do seu número de puntas: oito puntas para Barcelona, seis para Sevilla, cinco para Madrid, catro para Xuvia e tres para Segovia.[29]
Algunhas casas da moeda do mundo actual utilizan outros símbolos particulares como marca de ceca; este é o caso da folla de pradairo característica da Royal Canadian Mint do Canadá, ou da cornucopia, propia da Monnaie de Paris.[30]
Na Unión Europea, algunhas das moedas actuais co valor facial en euros amosan a súa correspondente marca de ceca, como é o caso das españolas, co "M" coroado indicativo da Real Casa de la Moneda - Fábrica Nacional de Moneda y Timbre.
As primeiras moedas cuñadas en Galicia, é dicir, os ases, dupondios e outros bronces a nome de Octavio Augusto no obradoiro itinerante situado na área luguesa, caracían de marca de ceca. A súa atribución a tal ceca débese aos lugares de aparición dos tesouros destas pezas e aos motivos que amosan os seus reversos, vinculados ás Guerras Cántabras, contexto no que se produciron estas cuñaxes.[31][32][33]
Xa en época da dominación xermánica dos visigoros, os tremissis emitidos en territoirio aglego, do mesmo xeito que o resto dos da Península Ibérica, amosan como marca de ceca o topónimo íntegro do lugar de cuñaxe: ARROS (Arón, Cedeira), AVRENSE (Ourense), AVIONO (Avión), BERGANCIA (Betanzos), CATORA (Catoira), GIORRES (Valdeorras), INCEIO (O Incio), IRIA (Santiago de Compostela), LVCV (Lugo), PINCIA (Pinza), TORNIO (Torroña), TVDE (Tui), OLIVES (probalemente Olives), FRAVCELLO e outras de atribución incerta.[34][35]
A nome dos reis de Castela e de León, as marcas das cunchas de vieira ou, máis raramente, a letra C, foron indicativo da ceca da Coruña; tamén as vieiras e, noutros momentos, as inscricións IACOBI, S IACOBI ou simplemente SI foron marcas de ceca do obradoiro compostelán; Lugo asociaríase coa inicial L e, probablemente, Ourense coa O.[36][37] A nome de Fernando I de Portugal, cuñaron moeda portuguesa as casas de moeda da Coruña (con marca de ceca CV ou CRV), Milmanda (marca M) e Tui (marca T).[38][39][40]
A derradeira das casas de moeda activas en Galicia, a de Xuvia, tivo como marcas de ceca nas súas moedas J ou Jª ata 1850, cando foi substituída por unha estrela de catro puntas. Nalgunhas das medallas, porén, utilízase o topónimo completo castelanizado JUBIA.[41][42][43][44]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Marca de ceca |