Nome orixinal | Natalia Peluso |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 12 de xaneiro de 1995 (30 anos) Luján, Arxentina |
Outros nomes | Nathy Peluso |
Residencia | Barcelona, España[1] |
Educación | Universidade Rei Xoán Carlos Universidade de Murcia |
Actividade | |
Ocupación | Cantante e compositora |
Período de actividade | 2017 - |
Xénero artístico | |
Instrumento | Voz |
Selo discográfico | Sony Music Spain (en) |
Familia | |
Irmáns | Sofía Gabanna |
Premios | |
| |
Sitio web | nathypeluso.com |
Natalia Peluso[3], coñecida artisticamente como Nathy Peluso, nada en Luján (provincia de Buenos Aires) o 12 de xaneiro de 1995, é unha cantante e compositora arxentina que fusiona os xéneros hip hop, soul, trap, jazz, salsa e swing.[4][5]
Criouse no barrio de Saavedra, na cidade de Buenos Aires. Medrou escoitando artistas estadounidenses, como Ella Fitzgerald e Ray Charles, e tamén latinoamericanos, como João Gilberto, Ray Barretto, Serú Girán e Atahualpa Yupanqui.
En 2004 emigrou coa familia a España. Residiu inicialmente en Torrevieja e máis tarde en Murcia, onde iniciou estudos de comunicación audiovisual, que logo abandonaría. Posteriormente trasladouse a Madrid a estudar teatro físico na Universidade Rei Xoán Carlos, co obxectivo de especializarse en pedagoxía das artes visuais e a danza. Porén, abandonou a carreira no segundo curso.[6] En Madrid traballou en hostalaría e en cadeas de produción.[7][8]
Tras abandonar os estudos mudouse a Barcelona, onde actualmente reside.[9] En 2017 comezou a dedicarse por completo á música co lanzamento do seu primeiro recompilatorio, Esmeralda.[10]
Con 16 anos empezou a actuar en hoteis e restaurantes de Torrevieja interpretando principalmente temas clásicos de Frank Sinatra, Etta James ou Nina Simone.[7] Sendo adolescente subía versións á súa canle de YouTube.[11] Cando estudaba teatro facía bases electrónicas con amigos, nas que gravaron e fixeron vídeos que se empezaron a facer coñecidos. Isto levouna a decidir deixar a carreira de teatro no segundo ano.[7]
A súa raíz é a música negra, non só con estilos como o blues, o jazz, o funk ou o soul, senón tamén músicas máis tradicionais, como os ritmos africanos ou o bombo clap.[12] Ao estudar teatro con profesorado e estudantado de Cuba, a República Dominicana e Colombia, adquiriu vocabulario e acentos deses países, reflectidos nas súas cancións.[7]
En 2017 edita o primeiro recompilatorio, Esmeralda,[10] e compón a canción «Corashe».[13] Tras o lanzamento de La Sandunguera en 2018, un EP de seis cancións, actuou ese ano en festivais como Bilbao BBK Live, Sonorama, Sónar ou FIB, e completou unha xira de máis de 100 concertos por Europa, España e Latinoamérica.[14][15][16][17][18] En gran parte das actuacións contou coa súa banda, Big Menu[19].
En 2019 foi nomeada nos Premios Música Independente (MIN) nas categorías de «canción do ano» e «mellor videoclip» por La Sandunguera.[20] O 30 de abril de 2019 anunciou o lanzamento do seu primeiro libro Deja que te combata, unha recompilación das súas reflexións, proxectos e historias.[21] Ao mesmo tempo lanza un novo single, «Natikillah».[18] Ese mesmo ano, actuou en festivais como Primavera Sound e recibiu o premio Discovery Artist na Latin Alternative Music Conference (LAMC) de Nova York.[22] En decembro asina coa filial española de Sony Music e lanza o sinxelo «Copa Glasé», unha homenaxe ás cancións do Nadal de Nina Simone ou as Big Band de jazz.[23]
En 2020 lanzou o primeiro sinxelo como adianto do seu álbum «Business Woman».[24] Máis adiante publica unha colaboración con Rels B, «No se perdona», e o sinxelo «Buenos Aires», que retrata o espellismo vivido durante o confinamento de 2020.[25] Este segundo sinxelo foi gravado en La Diosa Salvaje, o estudio do famosísimo músico arxentino «El Flaco» Spinetta, e producido por Rafa Arcaute, gañador de varios premios Latin Grammy.[26]
En xullo obtivo o seu primeiro nomeamento nos Premios Gardel, na categoría de «mellor novo artista». Tamén obtivo dous nomeamentos nos Latin Grammy a «mellor artista novo» e a «mellor canción alternativa» por «Buenos Aires».[27][28] En setembro presentou en YouTube o videoclip dun novo tema, «Sa sa», que integraría o seu primeiro disco de estudio,[29] Calambre, publicado un mes despois.[30] O álbum inclúe unha fusión de sons: hip hop, trap, R&B, reguetón, salsa e tango.[31][32]
En novembro dese ano actuou na gala dos Latin Grammys coa canción «Buenos Aires», acompañada polo cantautor arxentino Fito Páez.[33] O 27 dese mes uniuse co produtor musical arxentino Bizarrap no seu Music Sessions.[34] A canción logrou debutar no Arxentina Billboard Hot 100 en 90º posición. Peluso logrou así o primeiro ingreso a dita lista.[35] Un mes despois do lanzamento, o tema alcanzou o posto 74 na clasificación global de Spotify e recibiu a certificación de ouro, tanto na Arxentina como en España.[36] Posteriormente recibiu o triplo disco de platino en España, con 120 000 copias vendidas.[37]
En xaneiro de 2021 foi nomeada nos Premios Lo Nuestro como artista relevación feminina.[38] O mesmo mes, a cantante publicou un novo sinxelo, «Delito», cun vídeo que mostra de preto unha relación intoxicada e cruzada polo desexo e a paixón.[39] En febreiro recibiu dous nomeamentos nos Premios Odeón: mellor álbum urbano por Calambre e mellor artista revelación urbano.[40] Participou nun evento de Samsung conducido por Santiago del Moro na presentación dun novo produto, evento no que actuou xunto a Bizarrap.[41] Ese mesmo mes, tras o éxito da súa primeira actuación en COLORS, actuou de novo interpretando «Puro veneno», canción incluída no seu último álbum.[42] En marzo, na entrega dos Premios Goya, cantou «La Violetera», canción popularizada por Sara Montiel, acompañada da Orquestra Sinfónica de Málaga, en homenaxe á banda sonora da película homónima, dirixida por Luis César Amadori.[43]
En abril, Peluso participou no festival South by Southwest, en Austin, Texas (Estados Unidos). Nesa edición, que foi virtual, interpretou «Delito» e «Buenos Aires».[44] Ese mesmo mes participou nunha nova versión do «Himno á alegría», canción orixinal de Ludwig van Beethoven e Waldo de los Ríos. Foi unha iniciativa da asociación española "La Carbonería Siglo XXI", impulsada polos principais selos discográficos do país en prol do sector da música. Na versión tamén participaron Aitana, Lali Espósito, David Bisbal, Pablo Alborán e Andrés Calamaro, entre outros cantantes, e o guitarrista Brian May, exintegrante de Queen. O vídeo tamén contou coa participación de varias figuras do deporte como Lionel Messi, Rafael Nadal, Marc Márquez ou Diego Simeone.[45][46]
Tamén en abril, a cantante anunciou o inicio da xira do seu primeiro álbum de estudo, Calambre Tour.[47] O mes seguinte, con nove nomeamentos nos premios Carlos Gardel, Peluso foi a artista máis nomeada da edición.[48]
En xuño recibiu unha certificación de dobre platino en España polo sinxelo «Delito», logo dun dos seus shows previstos no país.[49] En xullo publicou un novo sinxelo, «Mafiosa».[50] Na 23ª entrega anual dos Premios Gardel obtivo catro galardóns: mellor álbum pop alternativo e mellor novo artista por Calambre, mellor álbum/canción de música urbana/trap por «Nathy Peluso: Bzrp Music Sessions, Vol. 36» xunto a Bizarrap, e gravación do ano por «Buenos Aires».[51]
En agosto protagonizou un mini documental de Spotify en que compartiu recordos da infancia xunto á súa familia e fragmentos gravados detrás do escenario durante os seus shows, e tamén relata a súa inclinación por fusionar sons e xéneros.[52] O mes seguinte publicou a versión acústica de «Mafiosa» xunto cunha versión de «La despedida», canción de Daddy Yankee, con mestura de hip-hop e pop. Formou parte das gravacións inaugurais de Spotify Singles, o programa que lles dá aos artistas a oportunidade de gravar novas versións das súas propias cancións e das cancións dos colegas.[53] Tamén recibiu un nomeamento nos Premios Quiero.
Ano | Premio | Categoría | Traballo nomeado | Resultado | Ref. |
---|---|---|---|---|---|
2019 | Premios Música Independente | Canción do ano | «La sandunguera» | Nomeada | [56] |
Vídeo do ano | Nomeada | [57] | |||
Conferencia de Música Alternativa Latina | Discovery artist | Ela mesma | Gañadora | [58] | |
2020 | Premios Carlos Gardel | Mellor novo artista | Nomeada | [59] | |
Premios Grammy Latinos | Mellor artista novo | Nomeada | [60] | ||
Mellor canción alternativa | «Buenos Aires» | Nomeada | [61] | ||
Premios Filo News | Mellor artista musical | Ela mesma | Nomeada | [62] | |
2021 | Premios Lo Nuestro | Artista revelación feminina | Nomeada | [63] | |
Premios Odeón | Artista odeón revelación urbano | Nomeada | [64] | ||
Mellor álbum urbano | Calambre | Nomeada | [65] | ||
Premios Heat Latin Music Awards | Artista revelación | Ela mesma | Nomeada | [66] | |
Mellor artista feminina | Nomeada | ||||
Mellor artista rexión sur | Nomeada | ||||
Premios Carlos Gardel | Mellor álbum / canción de música urbana / trap | «Nathy Peluso: Bzrp Music Sessions, Vol. 36» | Gañadora | [67] | |
Canción do ano | Nomeada | ||||
Mellor videoclip curto | Nomeada | ||||
Mellor álbum pop alternativo | Calambre | Gañadora | |||
Mellor deseño de capa | Nomeada | ||||
Mellor novo artista | Gañadora | ||||
Álbum do ano | Nomeada | ||||
Gravación do ano | «Buenos Aires» | Gañadora | |||
MTV Millennial Awards | "Bichota del año" | Ela mesma | Nomeada | [68] | |
Artista viral / himno viral | «Nathy Peluso: Bzrp Music Sessions, Vol. 36» | Nomeada | |||
Premios Juventud | La nueva generación – femenina | Ela mesma | Nomeada | [69] | |
Artista da xuventude feminina | Nomeada | ||||
Premios Grammy Latinos | Mellor fusión / interpretación urbana | «Nathy Peluso: Bzrp Music Sessions, Vol. 36» | Nomeada | [70] | |
Mellor canción rap / hip hop | «Sana sana» | Nomeada | |||
Mellor álbum música alternativa | Calambre | Gañadora | |||
Mellor canción alternativa | «Agarrate» | Nomeada | |||
Premios Quiero | Mellor vídeo rap / trap / hip hop | «Nathy Peluso: Bzrp Music Sessions, Vol. 36» | Nomeada | [71] | |
Los 40 Music Awards | Artista ou grupo revelación | Ela mesma | Nomeada | [72] | |
BAMV Fest | Vídeo favorito | «Mafiosa» | Nomeada | [73] | |
2022 | Premios Grammy | Mellor álbum alternativo ou rock latino | Calambre | Pendente |