Pasapalabra | |
---|---|
Formato | Concurso |
Duración | 1h 5min |
Producido por | ITV Studios |
Presentado por | Silvia Jato (2000-2002, 2003-2006) Constantino Romero (2002-2003) Jaime Cantizano (2006) Christian Gálvez (2007-2019) Roberto Leal (2020-) |
Día(s) de emisión | De luns a venres |
Horario de emisión | 20:00 |
Localización(s) | Fuencarral, Madrid |
Cadea | Antena 3 (2000-2006, 2020-) Telecinco (2007-2019) |
Día da estrea | 10 de xullo de 2000 |
Nº de temporadas | 6 |
Na rede
| |
https://www.antena3.com/programas/pasapalabra/ | |
Pasapalabra é un concurso emitido desde o ano 2000 na televisión de España, primeiro na cadea Antena 3 ata 2007, momento en que pasou a emitirse en Telecinco. Dende 2020 emítese de novo en Antena 3.
Pasapalabra estreouse en Antena 3 o 13 de maio de 2020 en prime time. Está baseado no formato orixinal británico The Alphabet Game. Dous concursantes intentan acumular segundos en varias probas con palabras, que servirán para ter máis tempo para contestar a todas as definicións da proba final, chamada "el Rosco". Foi presentado por Silvia Jato, Jaime Cantizano e Constantino Romero en Antena 3; por Christian Gálvez en Telecinco e desde 2020 por Roberto Leal en Antena 3. En 2010, foi galardoado co premio especial do xurado dos Premios Ondas, polos seus 10 anos de éxito en televisión.[1][2] Desde a súa estrea e ata a actualidade, o concurso presentado por Roberto Leal emítese de luns a venres de 20:10h a 21:00h en Antena 3.
Comezou a emitirse no ano 2000 en Antena 3. O programa estaba presentado pola galega Silvia Jato, salvo durante o embarazo desta, sendo substituída por Constantino Romero. Era o concurso de televisión de máis audiencia. O maior premio que se outorgou nesta etapa foi de 1.023.000 euros.
O programa seguíase emitindo en Antena 3, pero a marcha de Silvia Jato á competencia provocou o cambio de presentador. Así, o seu substituto foi Jaime Cantizano.[3] Durante esta curta etapa do programa, entregouse o maior premio que un concurso de televisión en España entregara xamais. O premio foi de 2.190.000 euros, que recibiu Eduardo Benito. Destacar entre outras cousas que parte da audiencia diminuía considerablemente, polo que Antena 3 decidiu retirar o concurso da pantalla tras emitir un total de 1.282 programas nos seus seis anos de emisión ininterrompida.[4]
No ano 2007, Telecinco faise cos dereitos do programa en España. O programa está presentado por Christian Gálvez (ex-reporteiro de CQC).[5][6] Nesta etapa houbo un pequeno cambio na mecánica do concurso: sempre enfronta a un concursante cunha concursante (nas épocas anteriores, ambos os concursantes podían ser do mesmo sexo).
Pasapalabra pasou a emitirse desde do 3 de decembro de 2007 habitualmente de luns a domingo.[7] Con todo, desde finais de 2009, deixou de emitirse os fins de semana para deixar paso ao programa de María Teresa Campos: ¡Qué tiempo tan feliz!.
O primeiro bote desta etapa (96.000 euros) foi entregado o 6 de agosto de 2007 á concursante Marta Sierra, de Málaga. O maior premio entregado ata agora, na nova etapa de Telecinco, é de 1.524.000 euros que foi entregado a César Garrido, emitido o 24 de febreiro de 2012 tras permanecer no programa durante 29 días. Ademais, o segundo premio co maior bote de Pasapalabra en Telecinco (852.000 euros), foi entregado a Carlos Villalba,[8] o 23 de febreiro de 2011. Alberto Izquierdo ten a marca de permanencia (54 programas en total repartidos en tres etapas diferentes),[9] seguido de Carlos Adán (45 programas), José Manuel Lucía (39 programas) e Laura Gonzalo (32 programas),[10] todos eles conseguidos en dúas etapas distintas.
Durante os primeiros meses do ano 2012 Telecinco emitiu a 'loita de campións', programas especiais nos que os participantes foron concursantes que destacaran nos programas emitidos pola cadea ata ese momento. Enfrontáronse entre outros José Manuel Lucía, Carlos Adán, María Hernanz, Laura Gonzalo e Lilith Manukyan, aínda que non participou César Garrido. O vencedor e declarado campión da loita de campións de Pasapalabra foi Alberto Izquierdo, que ademais acabou levándose un bote de 374.000 euros.[9]
Para celebrar os 5 anos en Telecinco, Pasapalabra estrea un novo deseño (tanto de estudo como de interface) o día 13 de setembro de 2012.
Tras varios meses de negociacións entre ITV Studios e Mediaset España para recuperar o formato, finalmente foi Atresmedia quen logrou facerse de novo cos dereitos de Pasapalabra. Así, Antena 3 emitiría de novo o programa catorce anos despois, esta vez producido pola propia ITV xunto a Atresmedia Studios.[11] Ademais, o concurso contaría con Roberto Leal como presentador.[12]
Pasapalabra foi galardoado na edición 2010 dos Premios Ondas co Premio Especial do Xurado segundo consta no acta deste "pola consolidación dun formato que marcou unha década de éxito na televisión e por dignificar o entretemento divulgativo".
Ano | Premio | Resultado |
---|---|---|
2000 | Mellor concurso | Candidato (gañador: ¿Quién quiere ser millonario?) |
2001 | Mellor concurso | Gañador |
2002 | Mellor concurso | Gañador |
2003 | Mellor concurso | Gañador |
2004 | Mellor concurso | Gañador |
2007 | Mellor concurso | Candidato (gañador: Identity) |
2008 | Mellor concurso | Gañador |
2009 | Mellor concurso | Gañador |
2010 | Mellor concurso | Gañador |
2011 | Mellor concurso | Candidato (gañador: Atrapa un millón) |
Francia, Italia, o Reino Unido, Portugal e a Arxentina contan actualmente coas súas propias versións do programa.
Colombia contou hai algúns anos coa súa propia versión, "Pasapalabras", transmitida por RCN Televisión e conducido pola presentadora de noticias Jessica de la Peña.