O Sorteo Extraordinario de Nadal (en castelán: Sorteo Extraordinario de Navidad), tamén coñecido como Sorteo ou Lotaría de Nadal, é un dos sorteos de lotaría máis populares que se celebra en España cada 22 de decembro, e que ten lugar, xeralmente, no salón de sorteos de Loterías y Apuestas del Estado, en Madrid. Forma parte dos sorteos de Lotaría Nacional.
O premio máximo recibe o nome de "O Gordo", que dende 2011 ten un valor de catro millóns de euros o billete, 400.000 euros por décimo. O período de venda deste sorteo é o máis longo do ano, xa que as administracións reciben os números nas primeiras semanas de xullo.
A primeira vez que se sorteou a lotaría en Nadal foi o 18 de decembro de 1812 en Cádiz, e o primeiro premio Gordo foi parar ao número 03604. Entón o prezo do billete era de 40 reais cun premio de 8000 pesetas. A primeira vez que se lle chamou Sorteo de Nadal foi o 23 de decembro de 1892, e substituíu a lenda de «Prósperos de Premios», aínda que non figurou imprimida nos boletos ata o Nadal de 1897. Hoxe en día o sorteo extraordinario, que se celebran todos os anos o día 22 de decembro, é o máis importante e popular de todos os sorteos de lotaría realizados en España.
Dende 2011, introdúcense 1807 bólas no bombo de premios, coas seguintes cantidades por cada billete -independentemente da súa serie- (hai que dividir entre dez para calcular o premio por cada décimo) e a súa probabilidade de acerto:
1 primeiro premio de 4 000 000 de euros, coñecido como «O Gordo». - 0,001 % (400 000 euros ao décimo)
1 segundo premio de 1 250 000 de euros. - 0,001 % (125 mil euros ao décimo)
1 terceiro premio de 500 000 euros. - 0,001 % (50 mil euros ao décimo)
2 cuartos premios de 200 000 euros. - 0,002 % (20 mil euros ao décimo)
8 quintos premios de 60 000 euros. - 0,008 % (6 mil euros ao décimo)
1 794 premios de 1000 euros, coñecidos como a «Pedrea». - 1,79 % (100 euros ao décimo)
Especiais
2 premios de 20 000 euros aos números anterior e posterior ao primeiro premio. - 0,002 % (2 mil euros ao décimo)
2 premios de 12 500 euros aos números anterior e posterior ao segundo premio. - 0,002 % (1250 euros ao décimo)
2 premios de 9600 euros aos números anterior e posterior ao terceiro premio. - 0,002 % (960 euros ao décimo)
297 premios de 1000 euros á centena (tres primeiras cifras) do primeiro, segundo e terceiro premios. - 0,3 % (100 euros ao décimo)
198 premios de 1000 euros á centena (tres primeiras cifras) dos dous cuartos premios. - 0,2 % (100 euros ao décimo)
2997 premios de 1000 euros a todos os billetes cuxas dúas últimas cifras coincidan cos do primeiro, segundo ou terceiro premios. - 3 % (100 euros ao décimo)
9999 reintegros (coincidencia da última cifra do primeiro premio) de 200 euros. (premiando o portador o mesmo valor da súa participación) - 10 % (20 euros ao décimo)