Universidade de Dole | |
---|---|
Datos xerais | |
Localización | Franco Condado Francia |
Datos actuais | |
Datos de contacto | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Universidade de Dole foi unha universidade fundada para as dúas Borgoñas (condado e ducado), en 1423 na vila de Dole, a capita
l do condado de Borgoña, polo duque Filipe o Bo. Tras a conquista do Franco Condado en 1678, o rei Lois XIV fixo trasladar a universidade, en 1691, a Besançon, a nova capital, co novo nome de Universidade de Franco Condado.[1]
Xa en 1287, o conde Otón IV, fundara unha pequena estrutura universitaria na vila de Gray, na rexión francesa de Borgoña-Franco Condado.[2]
Pero non foi ata 1423 cando Filipe III de Borgoña fundou unha grande universidade á imaxe doutras existentes en Europa, para cuxa localización escolleu Dole, a capital do Ducado de Borgoña, en lugar de Dijon, que era a capital do ducado, cidade esta última que, malia non chegar a ter universidade propia ata 1722, contaba xa, no entanto, con numerosas escolas de moita sona. Esta elección explícase fundamentalmente pola súa situación xeográfica central con respecto aos dous territorios borgoñóns.
A primeira sede da nova universidade foi a antiga capela de San Xurxo, sita na actual Grande-rue, e posteriormente trasladouse ao convento carmelita, preto do actual xardín Granvelle. En 1437, instituíuse unha facultade de Teoloxía.
A Universidade de Dole converteuse axiña nunha das universidades máis prestixiosas de Europa, particularmente debido á boa reputación da súa ensinanza do dereito canónico e do dereito civil.
Dous anos despois do asedio da cidade de Dole de 1479, o rei Lois XI ordenou o traslado da universidade inicialmente a Besançon e máis tarde a Poligny, ata que Carlos VIII a fixou novamente en Dole en 1484.
No lindeiro entre os séculos XV e XVI, Antoine de Roche fundou o Colexio de San Xerome, na actual rúa Aristide Briand, para o acollemento dos estudantes tanto estranxeiros como procedentes do Franco Condado.
En 1562, Dole contaba con 268 alumnos, dos cales 45 eran do Franco Condado e 223 proviñan doutros países. Á parte dos profesores locais, habíaos tamén flamengos e italianos, o que dá conta da reputación internacional desta univarsidade a finais da Idade Media.
En 1613, os profesores desexaban transformar a súa universidade tomando como referencia os estatutos das de Lovaina e Douai. Para tal efecto, enviaron un emisario ao duque, que residía en Bruxelas, para facer a solicitude, que se concedeu a través de varios editos entre 1616 e 1618. No entanto, esta transformación non era do gusto dos estudantes do Franco Condado, que se opuñan abertamente, e estes abandonan durante un tempo a universidade.[3] O resultado deste episodio é descoñecido, aínda que é probable que tales editos non se chegasen a aplicar nunca.
En 1691, o rei Lois XIV, nova máxima autoridade do Franco Condado ao pasar este a soberanía francesa, trasladou a universidade a Besançon, a nova capital da rexión. A actual Universidade de Franco Condado é, pois, hereditaria da primitiva Universidade de Dole.[4]
A lista non é exhaustiva:[5]