Wolfgang Amadeus Mozart en Italia

Mapa que mostra as principais cidades visitadas durante a primeira viaxe por Italia, entre decembro de 1769 e marzo de 1771. A liña negra mostra a ruta principal externa dende Salzburgo a Nápoles. A liña verde marca os desvíos tomados durante a viaxe de volta.[a]

Entre 1769 e 1773, o mozo Wolfgang Amadeus Mozart e seu pai, Leopold, fixeron tres viaxes a Italia. A primeira delas, que tivo unha duración de 15 meses, foi financiado mediante actuacións para a nobreza e concertos públicos, e percorreron as cidades italianas máis importantes. Nas súas viaxes posteriores chegaron a Milán, para que Wolfgang completara as óperas que lle encargaran alí durante a súa primeira visita.

Leopold estivera empregado dende 1747 como músico na corte arcebispal de Salzburgo, converténdose en segundo mestre de capela en 1763, aínda que tamén tería adicado moito tempo á educación musical de Wolfgang e a súa irmá Nannerl. Emprenderon unha «gran viaxe» entre 1764 e 1766, e pasou parte de 1767 e a maior parte de 1768 con eles na capital imperial, Viena. A actuación dos nenos cativou o público, sobre todo nas primeiras viaxes, e causaron unha impresión considerable na sociedade europea. Contra 1769 Nannerl alcanzara a maioría de idade, mais Leopold estaba ansioso por continuar a educación de Wolfgang (que tiña 13 anos) en Italia, un destino de suma importancia para calquera compositor novo do século XVIII.

Dende a perspectiva do desenvolvemento musical de Wolfgang, as tres viaxes tiveron un éxito considerable. Durante a primeira viaxe, as actuacións de Wolfgang foron ben recibidas e o seu talento chegou a recoñecerse con honores, incluíndo unha Cabalería Papal e a súa afiliación nas principais sociedades filharmónicas. A pesar da súa xuventude, recibiu encargos para escribir tres óperas para o famoso Teatro Regio Ducal de Milán, cada unha das cales recibiu aclamacións por parte da crítica e o público. Ademais, coñeceu a moitos dos principais músicos de Italia, incluíndo o famoso teórico Giovanni Battista Martini, co que estudou en Boloña. Leopold tamén esperaba que Wolfgang, e posiblemente el mesmo, obtivera un prestixioso nomeamento nunha das cortes italianas dos Habsburgo. Este obxectivo fíxose aínda máis prioritario cando as posibilidades de promoción de Leopold en Salzburgo diminuíron; pero os seus persistentes esforzos por asegurarse un posto desgustaron á corte imperial, que excluíu calquera posibilidade de éxito. As viaxes, polo tanto, finalizaron cun regreso non moi triunfante, así como con certa decepción e frustración.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]
Leopold Mozart quería que o seu fillo Wolfgang aprendera a tradición da ópera italiana en Italia.

En novembro de 1766 a familia Mozart regresara a Salzburgo despois dos tres anos e medio que pasaron realizando a súa gran viaxe polas principais cidades do norte de Europa, que comezara cando Wolfgang tiña sete anos e Nannerl doce. Leopold conseguira en gran parte o que pretendía con esa viaxe: mostrar a todo o mundo o talento precoz dos nenos e mellorar a súa educación musical. A súa estadía en Viena, que comezou en 1767, foi menos feliz: un gromo de varíola, que provocou a morte da arquiduquesa María Xosefa de Austria, impediu aos nenos actuar na corte imperial e forzou a familia a buscar refuxio en Bohemia, onde, con todo, Wolfgang contraeu a enfermidade.[2] Regresaron a Viena en xaneiro de 1768, mais os nenos xa non eran o bastante novos como para causar sensación nos seus concertos públicos.[3]

Leopold ofendeu o eminente compositor da corte, Christoph Willibald Gluck, porque estaba demasiado ansioso por asegurar a representación da primeira ópera de Wolfgang, La finta semplice.[4] En setembro de 1768 Leopold queixouse ao emperador Xosé II de que o empresario teatral da corte Giuseppe Affligio conspirara para obstaculizar a nova ópera e este feito puido danar aínda máis o nome dos Mozart na corte.[5] A ópera foi estreada en Salzburgo o ano seguinte,[6] mais non foi representada en Viena e Leopold gañouse a reputación de ser impertinente e «prepotente».[7]

Despois do regreso a Salzburgo en xaneiro de 1769, Leopold pensou que a educación de Nannerl, que xa tiña 18 anos, podía darse practicamente por finalizada e centrou aínda máis os seus esforzos en Wolfgang.[8] Decidiu levar o rapaz a Italia, que na época previa á súa unificación estaba dividida en varios estados como o Ducado de Milán, a República de Venecia e os Estados Pontificios, co Reino de Nápoles no sur.[9] Quería ter incluído a viaxe a Italia ao final da gran viaxe realizada previamente, mais abandonou a idea polo medo a que unha ausencia máis prolongada podía non ser ben recibida en Salzburgo.[10] Durante máis de dous séculos Italia fora a fonte de innovacións no estilo musical, a casa da música sacra e, por riba de todo, o berce da ópera.[11] En opinión de Leopold, Wolfgang tiña que absorber directamente a música de Venecia, Nápoles e Roma, e prepararse para os futuros encargos dos teatros de ópera europeos, descritos polo biógrafo Stanley Sadie como «o principal interese dos compositores de finais do século XVIII».[11] Leopold quixo que Wolfgang somerxérase na lingua italiana, experimentara a música sacra da máis alta calidade e ampliara a súa rede de influentes contactos.[8] Tamén existía a posibilidade, tanto para Wolfgang como para Leopold, de asegurarse un posto nas cortes dos Habsburgo no norte de Italia.[11] Con estas prioridades en mente, Leopold decidiu que Nannerl e a súa nai, Anna Maria, debían quedar na casa, unha decisión que es molestou, pero que estaba tomada tendo en conta o beneficio económico e práctico.[12]

Nos meses previos ao inicio da viaxe, Wolfgang compuxo prolificamente e gañouse o favor do arcebispo Siegmund Christoph von Schrattenbach quen, como patrón de Leopold, tivo que consentir a viaxe. En outubro concedéronlles o permiso de viaxar e outorgáronlles unha dotación de 600 floríns.[b] Wolfgang recibiu o título honorario de concertino, coa insinuación de que ao seu regreso este posto merecería un salario.[8]

Primeira viaxe (decembro de 1769 – marzo de 1771)

[editar | editar a fonte]

Viaxe a Milán

[editar | editar a fonte]
Retrato de Wolfgang Amadeus Mozart en Verona en 1770, cando tiña 14 anos de idade.

O 13 de decembro de 1769, Leopold e Wolfgang partiron de Salzburgo, provistos de recomendacións e cartas que Leopold esperaba que facilitaran o seu camiño. Entre as máis importantes encontrábase unha presentación ao conde Karl Joseph Firmian de Milán, descrito como o «rei de Milán», un mecenas influente e culto. O seu apoio sería vital para o éxito total do proxecto italiano.[14]

Pai e fillo pasaron por Innsbruck e logo dirixíronse directamente cara ao sur polo paso do Brennero, en Italia. Seguiron por Bolzano e Rovereto ata Verona e Mantua, antes de xirar ao oeste cara a Milán. As previsións financeiras de Leopold para esta viaxe eran en xeral as mesmas que tiña coa gran viaxe da familia e os gastos de aloxamento debían ser sufragados cos beneficios dos concertos. Esta viaxe invernal de máis de 560 quilómetros a Milán tivo unha duración de seis semanas, que foron difíciles e desagradables, e con longas paradas forzadas pola climatoloxía.[14] Leopold queixouse nas súas cartas a casa das frías habitacións das pousadas: «conxelado como un can, todo o que toco é xeo».[14] Os ingresos dos primeiros concertos foron modestos; segundo Leopold, os gastos eran aproximadamente de 50 floríns por semana.[15] Despois dalgúns alardes imprudentes sobre as ganancias obtidas durante a gran viaxe, Leopold era agora máis cauteloso no respectivo á revelación de detalles financeiros. Tendeu a acentuar os seus gastos e reducir ao mínimo os seus ingresos,[16] escribindo por exemplo: «En xeral non gañaremos moito en Italia [...] xeralmente hai que aceptar a admiración e as ovacións como pago».[17]

Mosteiro de San Marco, no que estiveron aloxados Leopold e Wolfgang Amadeus Mozart durante a súa primeira visita a Milán.

A pausa máis longa foron dúas semanas de estancia en Verona, onde a prensa realizou reportaxes eloxiando o concerto de Wolfgang o 5 de xaneiro de 1770.[18] Pai e fillo asistiron a unha representación da ópera Ruggiero de Pietro Alessandro Guglielmi, que Wolfgang describiu con desdén nunha carta a Nannerl.[18] Este intermedio foi seguido dunha parada máis curta en Mantua, onde Wolfgang deu un concerto na Accademia Filarmonica, cun programa deseñado para probar as súas capacidades interpretativas, a lectura a primeira vista e a improvisación. Segundo unha recensión de prensa, a audiencia se ficou «coa boca aberta» por este «milagre da música, un deses fenómenos anormais que a natureza nos brinda».[19] En Mantua sufriron un desaire do príncipe Michael de Thurn und Taxis, xa que un criado informounos de que non tiña ningún desexo de reunirse con eles. O historiador Robert Gutman conxectura que o príncipe, consciente do asunto con Affligio en Viena, non quixo ter relacións con músicos que non coñecían cal era a súa posición.[20] Por contra, o conde Arco, cuxa familia era membro da corte de Salzburgo, recibiunos calorosamente.[19][c]

Wolfgang escribiu un conxunto de arias que empregaban os textos de Pietro Metastasio.[15]

Chegaron a Milán o 23 de xaneiro e encontraron un cómodo aloxamento no mosteiro de San Marco, preto do palacio do conde Firmian.[22] Mentres esperaban para ver ao conde, asistiron á ópera de Niccolò Piccinni Cesare in Egitto.[23] Firmian finalmente deulles a benvida cunha xenerosa hospitalidade e amizade, mostrándolle a Wolfgang unha edición completa das obras de Pietro Metastasio, o principal escritor e libretista dramático de Italia na época.[15] Firmian tamén acudiu a unha gran cantidade de concertos aos que asistiron moitas persoas notables da cidade, incluíndo o arquiduque Fernando de Austria-Este, un posible futuro patrón para o novo compositor. Para o último de ditos concertos, Wolfgang escribiu un conxunto de arias que empregaban os textos de Metastasio.[15] Estas foron tan ben recibidas que Firmian encargou a Wolfgang que escribira a ópera de abertura para a seguinte tempada do carnaval de inverno en Milán, cumprindo as esperanzas de Leopold.[24][25] Wolfgang recibiría uns honorarios de aproximadamente 500 floríns e aloxamento gratuíto durante o período que durara a composición e os ensaios da obra.[15] Mozart marchou de Milán o 15 de marzo, tomando rumbo ao sur, cara a Florencia e Roma, comprometéndose a volver en outono e levándose con eles as cartas de recomendación de Firmian.

Ata ese momento da viaxe, parece que Wolfgang non compuxo demasiado. O concerto coa Accademia Filarmonica en Mantua incluíra moitas improvisacións pero pouca música propia de Mozart; as únicas composicións certas desa fase da viaxe son as arias compostas para o concerto final de Firmian, polas que obtivo o seu encargo para a ópera do carnaval invernal. Estas foron Se tutti i mali miei, KV 83/73p,[d] Misero me, KV 77/73e e Ah più tremar..., KV 71.[24] A Sinfonía nº 10 en sol maior, KV 74, ao parecer completada en Roma en abril, pode que fora iniciada en Milán.[28]

De Milán a Nápoles

[editar | editar a fonte]
Giovanni Battista Martini impartiu clases de contrapunto a Wolfgang en Boloña.

A primeira parada na súa viaxe cara ao sur foi en Lodi, onde Wolfgang terminou de compoñer o seu primeiro cuarteto de corda, KV 80/73f.[29] Despois duns días en Parma, os Mozart trasladáronse a Boloña, segundo afirmou Leopold «o centro dos mestres, os artistas e os estudosos».[29] A súa carta de Firmian presentábaos ao conde Pallavicini-Centurioni, un destacado mecenas artístico, quen inmediatamente programou un concerto para a nobreza local no seu palacio. Entre os invitados encontrábase Giovanni Battista Martini, o máis destacado teórico musical do seu tempo e o máis recoñecido experto de Europa no contrapunto barroco.[29] Martini recibiu o compositor mozo e probouno cunhas fugas como exercicio. Sempre cun ollo posto nos proxectos de futuro nas cortes europeas, Leopold estaba ansioso por obter un compromiso do mestre; mais o tempo foi curto, tanto que acordaron volver a Boloña no verán para continuar as clases.[30] Marcharon de Boloña o 29 de marzo, portando canda si as cartas de Pallavicini que debían facilitar o camiño para ter unha audiencia co papa Clemente XIV en Roma.[31]

Chegaron a Florencia ao día seguinte, onde a recomendación de Pallavicini facilitoulles un encontro no palacio Pitti co gran duque e futuro emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico Leopoldo de Habsburgo-Lorena. Lembrouse do seu encontro cos Mozart en 1768 en Viena e mesmo preguntoulles por Nannerl.[32][e] En Florencia reuníronse co violinista Pietro Nardini, a quen xa coñeceran nos comezos da súa gran viaxe por Europa;[33] Nardini e Wolfgang actuaron xuntos nun longo concerto no palacio de verán do gran duque.[32] Wolfgang tamén coñeceu a Thomas Linley, un prodixioso violinista inglés que era pupilo de Nardini. Os dous estableceron unha grande amizade, compoñendo música e tocando xuntos «non como nenos senón como homes», como Leopold salientou.[32] Gutman relata que «un melancólico Thomas seguiu o coche dos Mozart cando marcharon cara a Roma o 6 de abril». Os rapaces nunca volveron a verse; Linley, despois dunha breve carreira como compositor e violinista, faleceu nun accidente naval en 1778, cando tiña 22 anos.[34]

Wolfgang tocando o clavicordio e Thomas Linley (da mesma idade) o violín, durante a súa estadía en Florencia en 1770.

Chegaron a Roma despois dunha difícil viaxe de 5 días con vento e choiva, téndose aloxado nunha incómoda pousada que Leopold describiu como noxenta, mugrienta e falta de comida.[34] As recomendacións de Pallavicini pronto produciron efecto: tivo lugar un encontro cun parente do Conde, o cardeal Pallavicini, príncipe San Angelo de Nápoles, e con Carlos III de Inglaterra e Escocia, coñecido como «xentil príncipe Carlos», pretendente á coroa británica.[34] Alí fixeron moito turismo e realizaron actuacións ante a nobreza. Os Mozart visitaron a Capela Sistina, onde Wolfgang escoitou e despois escribiu de memoria o famoso Miserere de Gregorio Allegri, unha complexa obra coral de nove partes. As novas deste extraordinario acontecemento chegaron mesmo ao Papa.[35] En medio destas actividades, Wolfgang estaba ocupado compoñendo. Escribiu a contradanza KV 123/73g e a aria Se ardire, e speranza (KV 82/73o),[34] e finalizou a Sinfonía nº 10 en sol maior que iniciara previamente. É posible que tamén compuxera outras sinfonías nesa época, mais este feito non puido ser confirmado.[36]

Logo de catro atarefadas semanas, Leopold e Wolfgang marcharon cara a Nápoles. Os bandoleiros acosaban con frecuencia aos viaxeiros pola ruta a través das Lagoas Pontinas, polo que Leopold contratou un convoi de catro coches de cabalos.[37] Chegaron ao seu destino o 14 de maio portando as súas cartas de recomendación e pronto foron chamados polo primeiro ministro, o Marqués Tanucci, e por William Hamilton, o embaixador británico, ao que coñeceran en Londres.[38] Deron un concerto o 28 de maio, polo que gañaron aproximadamente 750 floríns (Leopold non revelaría a cantidade exacta)[39] e asistiron á primeira representación da ópera de Niccolo Jommelli Armida abbandonata no Teatro San Carlo. Wolfgang mostrouse impresionado tanto pola música como pola representación, aínda que pensara que era «demasiado pasado de moda e serio para o teatro».[38] Wolfgang declinou unha invitación para compoñer unha ópera para a seguinte tempada no San Carlo polo seu compromiso previo en Milán.[38] Dado que no había ningún encargo previsto da corte real, Leopold decidiu finalmente abandonar Nápoles, despois de visitar o monte Vesuvio, Herculano, Pompeia e os baños romanos de Baia. Partiron para Roma o 25 de xuño nunha dilixencia.[38]

Volta desde Nápoles

[editar | editar a fonte]
Mozart en 1777 portando a insignia da Orde da Espuela de Ouro, recibida de mas do papa Clemente XIV en 1770.

Pai e fillo realizaron unha rápida viaxe de 27 horas de regreso a Roma, durante a cal Leopold mancouse nunha perna, polo que tivo problemas durante varios meses.[40] Wolfgang tiña garantida unha audiencia ante o Papa, na que nomeouno cabaleiro da Orde da Espuela de Ouro.[41][f] Dende Roma tomaron camiño cara ao famoso Santuario da Santa Casa de Loreto e partiron cara a Rimini por mar baixo protección militar, xa que o traxecto era susceptible de ataques por parte de piratas.[43] Dende Rimini trasladáronse por terra ata chegar de novo a Boloña o 20 de xullo.[44]

A prioridade de Leopold era descansar a súa perna. Wolfgang pasou o tempo compoñendo un minueto curto, KV 122/73t,[45] e un Miserere en la menor, KV 85/73s.[46] Mentres, chegou o libreto da ópera encargada en Milán; Leopold esperaba que fora La Nitetti de Metastasio, pero foi Mitridate, re di Ponto, de Vittorio Cigna-Santi.[47] O 10 de agosto, os dous Mozart trasladáronse ao palacio do Conde de Pallavicini que usaba como residencia estival, e permaneceron alí durante sete semanas mentres a perna de Leopold melloraba gradualmente e Wolfgang traballaba nos recitativos de Mitridate.[48] A comezos de outubro, con Leopold máis ou menos recuperado, volveron á cidade e Wolfgang, segundo crese, comezou o seu período como estudante do padre Martini.[g] O 9 de outubro realizou o exame para ser membro da Accademia Filarmonica di Bologna, ofrecendo como proba de acceso unha antífona chamada Quaerite primum regnum, KV 86/73v.[49][48] Segundo Gutman, en circunstancias normais o intento "zozobrante" de Mozart ao empregar esta forma polifónica pouco habitual non tivera recibido unha seria consideración, mais Martini tiña na súa man poder realizar correccións e probablemente tamén pagou o prezo de admisión do seu pupilo.[48] Wolfgang foi admitido como membro da Accademia e os Mozart marcharon cara a Milán pouco despois.[48]

Nova visita a Milán (outubro de 1770 - febreiro de 1771)

[editar | editar a fonte]
A antífona Quaerite primum regnum, KV 86/73v coa que Wolfgang presentouse ao acceso como membro da Accademia Filarmonica di Bologna.

A viaxe de Boloña a Milán viuse atrasado por treboadas e inundacións, mais Leopold e o seu fillo chegaron o 8 de outubro, 10 semanas antes da primeira representación de Mitridate. A Wolfgang dolíanlle os dedos de escribir recitativos[50] e en ningún caso podería comezar a compoñer arias ata que os cantantes estiveran presentes, xa que a colaboración cos principais intérpretes era costume dos compositores da época.[h] Cando os cantantes reuníronse, xurdiron os problemas. Quirino Gasparini, compositor dunha primeira versión de Mitridate, tentou persuadir a prima donna Antonia Bernasconi para empregar os seus arranxos nas arias que ela debía interpretar, mais os seus esforzos foron infrutuosos. Leopold escribiu «Grazas a Deus, encamiñamos ao inimigo».[52] Con todo, o tenor principal, Guglielmo d'Ettore, pediu repetidas veces que as súas arias foran escritas de novo e cantou un dos arranxos de Gasparini no terceiro acto, unha inserción que permanece na partitura final da ópera.[53][54]

Os ensaios comezaron o 6 de decembro. Quedou patente o dominio de Mozart na dicción do italiano cando practicaron os recitativos e a súa profesionalidade durante un ensaio da partitura.[53] Leopold escribiu a casa: «Unha parte horrible desta empresa, bendito sexa Deus, seguramente terminou e, Deus sexa encomiado, unha vez máis con honra!»[55] O 26 de decembro, no Teatro Regio Ducal (o gran teatro de ópera de Milán naquela época), Wolfgang dirixiu a primeira representación pública da súa Mitridate dende o teclado, vestido para a ocasión cun abrigo escarlata raiado con satén azul e reberetado con ouro.[55] O acontecemento foi un triunfo: na conclusión a audiencia berrou «Evviva il maestro!» e esixiron bises.[52] Realizáronse 22 representacións da ópera[56] e a Gazetta di Milano eloxiou o traballo nobremente: «O mozo maestro di capella, quen non ten aínda quince anos, estuda as belezas da natureza e as representa adornadas polos arranxos musicais máis raros».[57] As arias cantadas por Bernasconi «expresaron vistosamente as paixóns e conmoveron o corazón».[56] As reaccións posteriores mostráronse menos efusivas; non hai ningún documento que acredite que se realizaran máis representacións de Mitridate antes do seu renacemento en Salzburgo en 1971.[52]

Logo de ter cumprido a súa principal obriga para esta viaxe, Wolfgang deu un concerto no palacio de Firmian o 4 de xaneiro de 1771. Uns días máis tarde, chegaron novas de que nomearan a Wolfgang membro da Accademia Filarmonica de Verona. O 14 de xaneiro marcharon a Turín para unha estadía de dúas semanas, onde coñeceron a moitos dos principais músicos italianos: o distinguido violinista Gaetano Pugnani, o seu prodixioso pupilo de 15 anos Giovanni Battista Viotti e o compositor Giovanni Paisiello, de cuxa ópera Annibale in Torino declarou Leopold que era magnífica. Volveron a Milán para un almorzo de despedida con Firmian antes da súa saída para Salzburgo o 4 de febreiro.[57]

Volta a casa

[editar | editar a fonte]
Domicilio da familia Mozart, na rúa Getreidegasse nº 9, Salzburgo.

No seu regreso a Salzburgo, Leopold e Wolfgang permaneceron un tempo en Venecia, facendo previamente unha pausa no seu camiño en Brescia para ver unha opera buffa.[58] En Venecia, Leopold empregou as súas cartas de recomendación para reunirse coa nobreza e negociar un contrato para que Wolfgang escribira unha ópera para o Teatro San Benedetto.[59] Wolfgang realizou varios concertos e quizais actuou no afamado ospidali[i] de Venecia: algunhas destas casas de expósitos chegaron a ser respectadas academias de música.[60] Os Mozart foron recibidos xenerosamente, mais Leopold non se mostrou satisfeito. «O pai parece un pouco molesto», escribiu un remitente nunha carta ao compositor vienés Johann Adolph Hasse e engadiu: «probablemente esperaban que outros os buscaran, en lugar de ser eles os que tiñan que ir detrás de outros».[60] Hasse respondeu: «O pai, dende o meu punto de vista, está sempre descontento con todo».[59]

Abandonaron Venecia o 12 de marzo e viaxaron cara a Padua, onde durante un día de turismo Wolfgang recibiu o encargo de don Giuseppe Ximenes, príncipe de Aragón, para que compuxera un oratorio para a cidade. A historia de La Betulia Liberata ("A liberación de Betulia") é escura, xa que non se puido representar en Padua nin durante o resto da vida de Wolfgang.[61][62] En Verona, uns días despois, recibiu máis encargos. Wolfgang tiña que compoñer unha serenata ou ópera menor, que debía ser representada en Milán en outono durante a voda do arquiduque Fernando coa princesa Beatriz de Módena. Ao mesmo tempo o novo compositor recibiu outro encargo para o carnaval de Milán, para a temporada 177273, incrementando os seus honorarios. Este feito creou un conflito de datas que impediu que Wolfgang puidera seguir co encargo de San Benedetto. A partir de entón, padre e fillo apresuráronse cara ao norte, chegando a Salzburgo o 28 de marzo de 1771.[63]

Na súa revisión desta primeira viaxe italiana, a investigación do musicólogo Maynard Solomon sobre a escasa información financeira proporcionada por Leopold indica que puideron ter un beneficio moi substancial, quizais duns 2.900 floríns.[64][j] A parella tamén contara cun amplo recoñecemento, movéndose entre a máis alta nobreza italiana. Á parte da honra recibida de mans do Papa, Wolfgang fora admitido nas academias de Boloña e Verona, e estudara con Giovanni Martini.[65] Solomon denomínao «o mellor momento [de Leopold] e [...] quizais o máis feliz».[65]

Segunda viaxe (agosto - decembro de 1771)

[editar | editar a fonte]
A carta despectiva da emperatriz viúva María Tareixa terminou coas esperanzas de Leopold de obter un nomeamento en algunha das cortes dos Habsburgo.

En 1771 Leopold e Wolfgang viaxaron unha vez máis a Milán, cidade á que chegaron o 21 de agosto. Wolfgang debía compoñer a serenata para a voda entre o arquiduque Fernando e a princesa Beatriz. Compartiron o seu aloxamento con violinistas, un mestre de canto e un oboísta: un grupo que era, como Wolfgang o cualificou xocosamente na súa correspondencia con Nannerl, «encantador para a composición, dáme moitas ideas!»[66][67] Traballando a gran velocidade, Wolfgang finalizou Ascanio in Alba xusto a tempo para o primeiro ensaio o 23 de setembro.[66]

Esperábase que a serenata fora unha das obras menores na celebración da voda, por detrás da ópera Ruggiero de Johann Adolph Hasse.[68] Con todo, Hasse (que tiña 72 anos) estaba afastado das modas teatrais e, aínda que a emperatriz viúva María Tareixa eloxiou a súa ópera, a recepción foi morna, especialmente comparándoa co éxito triunfal de Ascanio.[69] Leopold expresou o pracer deste cambio de acontecementos: «O arquiduque recentemente ordenou dúas copias», escribiu a casa. «Todos os nobres e outras persoas diríxense a nos pola rúa para felicitar a Wolfgang. En resumo! Sinto que a serenata de Wolfgang teña esmagado tanto a ópera de Hasse que non podo describilo».[k] Hasse tomouse con elegancia o seu eclipse e, segundo se cre, comentou que o rapaz faría que todos os outros foran esquecidos.[70]

Mozart era libre de deixar Milán a principios de novembro, mais quedaron outro mes porque Leopold esperaba que o éxito obtido con Ascanio traducírase nun nomeamento para Wolfgang dun patrón real. Ao parecer solicitáronllo ao arquiduque Fernando o 30 de novembro e a súa petición foi pasada á corte imperial en Viena.[71] É posible que a insistencia de Leopold con La finta semplice aínda molestara en Viena ou que as súas palabras xactándose do fracaso de Hasse tiveran chegado á emperatriz.[70] En calquera caso, a resposta de María Tareixa ao arquiduque foi inequívoca, describindo os Mozart como «xente inútil» cuxo nomeamento degradaría o servizo real e engadía «tal xente dá a volta ao mundo como mendigos».[71] Leopold nunca soubo do contido desta carta; á vez que esta chegou a Milán os Mozart marcharan, decepcionados mais aínda esperanzados. «O asunto non está terminado; podo dicir aínda moito», escribiu Leopold cando el e Wolfgang realizaban o seu camiño de volta a casa.[70] Regresaron a Salzburgo o 15 de decembro.

A pesar da axitada axenda durante esta curta visita a Milán, Wolfgang aínda encontrou o tempo necesario para compoñer a súa Sinfonía nº 13 en fa maior, KV 112.[72] Ideou unha futura sinfonía da abertura de Ascanio, engadindo un final aos dous movementos existentes.[73] Outra sinfonía, KV 96/111b, en dó maior, ás veces é asignada a esta visita a Milán, pero hai dúbidas sobre cando foi composta en realidade ou se de verdade a fixo alí.[74]

Conmoción en Salzburgo

[editar | editar a fonte]
Hieronymus von Colloredo, novo arcebispo de Salzburgo, truncou as esperanzas de promoción de Leopold.

Ao día seguinte do regreso de Leopold e Wolfgang a Salzburgo, a corte sufriu unha grande axitación pola morte do arcebispo Schrattenbach.[75] Esta situación puxo en apuros a Leopold, que non resolvera os seus asuntos coa corte. Non cobrara parte do seu salario durante a segunda viaxe a Italia e Leopold esperaba solicitar o seu pago e continuar o asunto de conseguir un salario para Wolfgang como concertino, que Schrattenbach indicara que debería ser pagado a Wolfgang logo de volver da primeira viaxe a Italia.[76]

O posto de mestre de capela de Salzburgo, que anteriormente Leopold esperara asegurar, estaba agora no aire. O mestre actual, Giuseppe Lolli, tiña 70 anos e estaba preparado para o seu retiro; Leopold fora o segundo mestre de capela por detrás de Lolli e en circunstancias normais teríanlle concedido dito posto.[77] Non obstante, o nomeamento agora sería realizado polo novo arcebispo, cuxas políticas e actitudes eran descoñecidas. O 14 de marzo de 1772, tras varias maquinacións políticas, o conde Hieronymus von Colloredo foi elixido arcebispo como un candidato de compromiso aceptable para a corte imperial en Viena.[77]

Aínda que impopular entre os salzburgueses, parecía ao principio que este nomeamento sería vantaxoso para os Mozart: Leopold cobrou o salario impagado[78] e arredor do 31 de agosto Colloredo aprobou o pago do salario como concertino de Wolfgang.[77] Con todo, o novo arcebispo comezou a buscar a alguén fóra da corte de Salzburgo para ser o seu novo mestre de capela. Finalmente, escolleu o italiano Domenico Fischietti, que era varios anos máis novo que Leopold.[77] As posibilidades de promoción de Leopold desvanecéranse irrevogablemente e mudou as súas esperanzas en tratar de dar a Wolfgang unha vellez cómoda, polo que xurdiu a urxencia de realizar unha terceira viaxe a Italia, que comezou en outubro de 1772.[77]

Terceira viaxe (outubro de 1772 - marzo de 1773)

[editar | editar a fonte]
O gran duque Leopoldo da Toscana era a última esperanza de Leopold para que Wolfgang obtivera un nomeamento na corte, mais non o conseguiu.

Os Mozart regresaron a Milán para que Wolfgang completara a segunda ópera para o carnaval, encargada ao final da primeira viaxe despois do éxito de Mitridate, re di Ponto. o texto foi Lucio Silla, un orixinal de Giovanni de Gamerra revisado por Pietro Metastasio.[79] Wolfgang encontrou rapidamente a familiar rutina de composición enfrontándose con problemas como a tardía chegada dos cantantes e a retirada do tenor principal debido a unha enfermidade.[80] Leopold informou de que o 18 de decembro chegara o novo tenor, que Wolfgang compuña as súas arias a unha velocidade case suicida e que os ensaios estaban cheos de trocos.[81] O 26 de decembro realizouse a primeira representación, que foi caótica: comezou con dúas horas de atraso debido á demora na chegada do arquiduque Fernando, houbo pelexas entre os intérpretes principais e o tempo de execución da obra estendeuse pola inserción de ballets (unha práctica común da época), polo que a actuación concluíu próxima ás dúas da madrugada.[81][l] A pesar disto, as seguintes representacións foron ben recibidas. Leopold escribiu o 9 de xaneiro de 1773 que o teatro estaba aínda cheo e que a estrea da segunda tempada coa ópera de Giovanni Paisiello Sismano nel Mogul fora posposto para permitir que a obra de Wolfgang alcanzara as 26 representacións.[81][82] Todo o éxito obtido con esta nova obra foi fugaz, pero durante os seguintes anos o libreto foi reescrito por varios compositores, incluíndo o mentor de Wolfgang en Londres Johann Christian Bach.[83][84]

Leopold, descoñecendo a opinión da emperatriz, continuou a procura dun nomeamento para Wolfgang centrando a súa atención no gran duque Leopoldo da Toscana, o terceiro fillo da emperatriz.[81] A solicitude foi fortemente apoiada polo conde Firmian e Leopold, nunha carta cifrada a casa,[m] dixo que estaba bastante esperanzado.[81] Mentres os Mozart esperaban unha resposta, Wolfgang compuxo unha serie de cuartetos para cordas (do KV 155/134a ao KV 160/159a) e o famoso motete Exsultate, jubilate, KV 165.[86] Leopold recorreu ao engano para explicar a prórroga da súa visita a Milán, afirmando que sufría reumatismo severo que lle impedía viaxar. As cartas cifradas á súa dona Anna Maria asegurábanlle que ambos estaban ben, pero fixeron que ela divulgara a historia da súa indisposición.[81][87] Esperou a maior parte de xaneiro e todo febreiro para a resposta do gran duque. A negativa chegou o 27 de febreiro.[81] Descoñécese se o gran duque estaba baixo a influencia da opinión que a súa nai tiña da familia Mozart,[81] mais o seu rexeitamento acabou finalmente coas esperanzas de Leopold de obter un nomeamento en Italia para o seu fillo. Os Mozart xa non tiñan ningunha opción, polo que volveron a Salzburgo, partindo de Milán o 4 de marzo e chegando a casa nove días máis tarde. Nin o pai nin o fillo visitaron Italia nunca máis.[88][89]

Valoración

[editar | editar a fonte]

Maynard Solomon resume as viaxes por Italia como un gran triunfo, mais suxire que dende o punto de vista de Leopold tamén supuxeron un gran fracaso.[90] Os Mozart tiveron certamente un beneficio financeiro[91] e Wolfgang desenvolveuse artisticamente, converténdose nun recoñecido compositor.[n] Aínda que a recepción dos Mozart non foi uniformemente cordial (foran tratados con frialdade pola corte de Nápoles e o príncipe de Thurn und Taxis os desairara), en xeral os italianos responderon con entusiasmo. Wolfgang fora recibido e ordenado cabaleiro polo Papa, fixérano membro das principais sociedades filharmónicas e estudara co estudoso musical máis importante de Italia, Giovanni Battista Martini. Mais por riba de todo, fora aceptado como profesional da ópera italiana nun teatro de ópera, completando tres encargos cun excelente resultado de crítica e público. Realizou outras composicións froito da súa experiencia en Italia, incluíndo un oratorio, varias sinfonías, cuartetos para cordas e numerosas obras menores.[o]

O fracaso veu pola incapacidade de Leopold, a pesar da súa insistencia, de poder asegurar un prestixioso nomeamento tanto para el como para o seu fillo.[90] Leopold non era consciente da mala imaxe que tiñan deles en xeral; con todo, percibía que había unha barreira intanxible para as súas ambicións en Italia e finalmente recoñeceu que non podía vencer a esas forzas que estaban na súa contra.[90] En calquera caso, os triunfos de Wolfgang en Italia foron efémeros; a pesar do éxito de crítica e público das súas óperas de Milán, non lle encargaron ningunha obra máis nin houbo máis encargos en ningún dos lugares que visitou.[90] Cando se desvaneceron todas as esperanzas da chegada dun nomeamento nas cortes italianas, Leopold procurou asegurar o futuro da familia por outros medios: «Non debemos desanimarnos, xa que Deus nos axudará. Xa resolvín algúns proxectos».[90]

Wolfgang estaba cualificado pola súa habilidade co teclado e o violín, e a súa experiencia como compositor para un posto como o de mestre de capela; mais aos 17 anos de idade era demasiado novo para dito posto.[93] Polo tanto, permaneceu no seu posto na corte de Salzburgo con Colloredo, cun descontento crecente, ata a súa disputa co asistente do Arcebispo durante a súa estadía en Viena en 1781.[94] Leopold, que seguía no seu posto como segundo mestre de capela, permaneceu na corte ata a súa morte en 1787.[95]

  1. As rutas son resumos das descricións detalladas de Sadie.[1]
  2. O florín ou florín austrohúngaro era a moeda de curso legal do Imperio Austrohúngaro. Un florín era aproximadamente a décima parte dunha libra esterlina. A xenerosidade da dotación é evidente en comparación co salario anual de Leopold de 354 floríns.[13]
  3. Ironicamente sería outro conde Arco, da mesma familia pero afincado en Salzburgo, quen dez anos máis tarde administraría a famosa «patada no cu» que finalizou o nomeamento de Wolfgang como músico na corte de Salzburgo.[21]
  4. "KV" fai referencia ao Catálogo Köchel da obra de Mozart, completado en 1862 por Ludwig von Köchel e revisado posteriormente varias veces.[26][27]
  5. Todas as provincias do norte de Italia eran territorios do Sacro Imperio Romano Xermánico e estaban controladas por príncipes da casa de Habsburgo en contacto coa corte imperial en Viena.
  6. O grao de cabalería de Wolfgang na Orde foi aparentemente máis alto que o dos distinguidos compositores Christoph Willibald Gluck e Carl Ditters von Dittersdorf[42]
  7. Gutman (p. 283) e Sadie (p. 211) din que non existen referencias sobre estas clases na correspondencia de Leopold.
  8. «O primeiro obstáculo a sortear era a compracencia dos cantantes».[51]
  9. Os ospidali eran escolas que albergaban no seu interior a nenos expósitos (pobres, orfos ou ilexítimos) e que sustentábanse con doazóns públicas ou testamentarias.
  10. Este suposto beneficio é aproximadamente oito veces a cantidade do salario anual de Leopold, de 354 floríns.
  11. Halliwell (p. 166). Outras fontes relatan esta expresión de xeito diferente, mais o sentimento é o mesmo.
  12. Osborne (p. 82) indica que a obra tiña unha duración estimada de catro horas sen contar os ballets e que polo tanto os tempi deberían ter sido moi tranquilos, aínda que sen dúbida pedíranse moitos bises de algunhas arias.
  13. As cartas de Leopold a casa eran en parte para información pública e fixéronse circular por todo Salzburgo. Tamén estaban suxeitas á censura.[85] As mensaxes privadas para Anna Maria estaban cifradas.
  14. «O desenvolvemento artístico universal de Wolfgang tería sido inimaxinable sen estas viaxes».[92]
  15. Véxase Sadie, pp. 202-07, pp. 250-56 e pp. 292-95 para máis detalle das obras compostas en Italia. Algunhas delas deberon ser finalizadas ou desenvolvidas en Salzburgo entre unhas viaxes e outras ou despois da volta definitiva a casa.
Referencias
  1. Sadie 2006, pp. 179-233.
  2. Sadie 2006, pp. 132-34.
  3. Blom 1935, p. 38.
  4. Sadie 2006, pp. 135-39.
  5. Gutman 1999, pp. 238-39.
  6. Osborne 1992, p. 38.
  7. Sadie 2006, pp. 140-41.
  8. 8,0 8,1 8,2 Halliwell 1998, pp. 142-43.
  9. Roberts 1980, p. 486.
  10. Sadie 2006, pp. 99-100.
  11. 11,0 11,1 11,2 Sadie 2006, p. 176.
  12. Sadie 2006, p. 177.
  13. Sadie 2006, p. 35.
  14. 14,0 14,1 14,2 Halliwell 1998, p. 145.
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 Halliwell 1998, p. 146.
  16. Solomon 1996, p. 58.
  17. Solomon 1996, pp. 86-87.
  18. 18,0 18,1 Sadie 2006, pp. 181-84.
  19. 19,0 19,1 Sadie 2006, pp. 185-86.
  20. Gutman 1999, pp. 260–61.
  21. Gutman 1999, pp. 548-49.
  22. Halliwell 1998, pp. 146-48.
  23. Zaslaw 1991, p. 163.
  24. 24,0 24,1 Sadie 2006, p. 190.
  25. Gutman 1999, p. 263.
  26. Sadie 2006, pp. 613-21.
  27. Zaslaw 1991, pp. 558-61.
  28. Zaslaw 1991, p. 178.
  29. 29,0 29,1 29,2 Sadie 2006, pp. 190-91.
  30. Gutman 1999, pp. 266-67.
  31. Halliwell 1998, p. 148.
  32. 32,0 32,1 32,2 Gutman 1999, pp. 268-69.
  33. Sadie 2006, p. 39.
  34. 34,0 34,1 34,2 34,3 Sadie 2006, pp. 193-96.
  35. Gutman 1999, pp. 270-71.
  36. Zaslaw 1991, pp. 169-71.
  37. Gutman 1999, pp. 274-75.
  38. 38,0 38,1 38,2 38,3 Sadie 2006, pp. 196-99.
  39. Halliwell 1998, p. 150.
  40. Halliwell 1998, p. 151.
  41. Gutman 1999, pp. 280-81.
  42. Grove, Vol 12 p. 684.
  43. Sadie 2006, pp. 200-01.
  44. Gutman 1999, p. 281.
  45. Sadie 2006, p. 206.
  46. Sadie 2006, p. 211.
  47. Sadie 2006, p. 201.
  48. 48,0 48,1 48,2 48,3 Gutman 1999, pp. 282-84.
  49. Sadie 2006, pp. 210–11.
  50. Sadie 2006, p. 212.
  51. Halliwell 1998, pp. 15-54.
  52. 52,0 52,1 52,2 Osborne 1992, p. 55.
  53. 53,0 53,1 Gutman 1999, p. 285.
  54. Sadie 2006, pp. 219-20.
  55. 55,0 55,1 Halliwell 1998, p. 154.
  56. 56,0 56,1 Sadie 2006, pp. 222–23.
  57. 57,0 57,1 Sadie 2006, pp. 228-29.
  58. Sadie 2006, p. 230.
  59. 59,0 59,1 Sadie 2006, pp. 230-31.
  60. 60,0 60,1 Gutman 1999, pp. 288-89.
  61. Sadie 2006, p. 232.
  62. Sadie 2006, pp. 246-50.
  63. Sadie 2006, pp. 232-33.
  64. Solomon 1996, pp. 86–88.
  65. 65,0 65,1 Solomon 1996, pp. 86–87.
  66. 66,0 66,1 Sadie 2006, p. 239.
  67. Gutman 1999, p. 295.
  68. Halliwell 1998, p. 164.
  69. Sadie 2006, pp. 239-41.
  70. 70,0 70,1 70,2 Gutman 1999, pp. 298-99.
  71. 71,0 71,1 Sadie 2006, pp. 244-45.
  72. Zaslaw 1991, pp. 190-91.
  73. Zaslaw 1991, pp. 188-189.
  74. Zaslaw 1991, pp. 186-88.
  75. Sadie 2006, p. 257.
  76. Halliwell 1998, p. 166.
  77. 77,0 77,1 77,2 77,3 77,4 Halliwell 1998, pp. 177-79.
  78. Halliwell, p. 174
  79. Osborne 1992, p. 81.
  80. Sadie 2006, pp. 278-80.
  81. 81,0 81,1 81,2 81,3 81,4 81,5 81,6 81,7 Halliwell 1998, pp. 180-86.
  82. Osborne 1992, p. 82.
  83. Sadie 2006, p. 284.
  84. Rushton 2006, p. 31.
  85. Gutman 1999, p. 11.
  86. Sadie 2006, pp. 292-95.
  87. Gutman 1999, p. 308.
  88. Gutman 1999, p. 309.
  89. Blom 1935, p. 62.
  90. 90,0 90,1 90,2 90,3 90,4 Solomon 1996, pp. 93-94.
  91. Solomon 1996, p. 87.
  92. Grove, Vol. 12 p. 676
  93. Rushton 2006, p. 30.
  94. Blom 1935, pp. 101-704.
  95. Sadie 2006, p. 258.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]