Airbus CC-150 Polaris | |
---|---|
![]() | |
Tipo | transporte estratéxico/transporte VIP/repostaxe en voo |
Fabricante | Airbus |
Introducido | 1992 |
Estado | activo |
Principais usuarios | Forzas Armadas do Canadá Real Forza Aérea do Canadá |
Unidades construídas | 5 (todos A310-300 convertidos) |
Airbus CC-150 Polaris é a designación para os Airbus A310-300 que foron convertidos para ser usados como transporte de longa distancia e avión de reabastecemento en voo na Real Forza Aérea Canadense.
A frota de cinco avións Airbus foi mercada orixinalmente por Wardair como avións de pasaxeiros civís. Os cinco foron entregados entre 1987 e 1988 e transferidos a Canadian Airlines cando as dúas aeroliñas se fusionaron en 1989. Posteriormente foron mercados polas forzas armadas canadenses e convertidos para uso militar, entrando en servizo entre decembro de 1992 e agosto de 1993.[1][2] Catro dos cinco aparellos convertéronse no stándar Combi-Freighter cun chan reforzado e unha porta de carga lateral. O quinto foi modificado para operar como transporte VIP para o goberno canadense.
O CC-150 substituíu o Boeing CC-137 (un Boeing 707 convertido) como transporte estratéxico tras a retirada da derradeira unidade con esa configuración en 1995.
En 2008 dous dos cinco CC-150 foron convertidos en avións de reabastecemento en voo para a frota de CF-18 como parte do programa Multi Role Tanker Transport (MRTT). O programa MRTT iniciouse debido a un requirimento da Luftwaffe e proporcionou unha solución rendible para as forzas armadas do Canadá. Os avións convertidos foron designados CC-150T.
A RCAF usa C-130 convertidos, designados CC-130H(T), para reabastecemento aéreo táctico, pero a súa operatividade é limitada cando os CF-18 son despregados no estranxeiro, onde se adapta mellor unha plataforma estratéxica de reabastecemento en voo. Como resultado da conversión MRTT do CC-150 Canadá recuperou a súa propia capacidade estratéxica de reabastecemento, que se perdera cando o derradeiro CC-137 fora retirado en 1997.
O primeiro CC-150T convertido completou as súas probas de aceptación en maio de 2008.[3]