Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Alfredo Landa Areta 3 de marzo de 1933 Pamplona, España |
Morte | 9 de maio de 2013 (80 anos) Madrid, España |
Causa da morte | alzhéimer |
Actividade | |
Ocupación | actor, actor de cinema |
Período de actividade | 1957 - 2007 |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
|
Alfredo Landa Areta, nado en Pamplona o 3 de marzo de 1933 e finado en Madrid o 9 de maio de 2013,[1] foi un actor navarro.
Fillo dun capitán da Garda Civil, trasladouse ós doce anos a Donostia onde estudou dereito. Foi precisamente na universidade onde tivo a súa primeira experiencia no teatro, ao representar máis de corenta obras na Fundación do Teatro Español Universitario.
Sen rematar a carreira, decide dedicarse á interpretación e trasládase en 1958 a Madrid. A súa primeira relación co cine prodúcese como actor de dobraxe, aínda que en 1962 debuta profesionalmente en cine como actor da man de José María Forqué, no filme Atraco a las 3.
En corenta anos de profesión fixo máis de cento vinte películas. A súa traxectoria pode dividirse en tres etapas fundamentais. Na primeira alterna papeis cómicos con traballos teatrais, e abrangue unha produción de máis de corenta películas, entre as que cabe salientar El verdugo de Luis García Berlanga, Nobleza baturra de Juan de Orduña ou Ninette y un señor de Murcia de Fernando Fernán Gómez.
A segunda etapa comprende trinta e cinco películas do que se deu en chamar landismo. Estas inícianse con No desearás al vecino del quinto de Ramón "Tito" Fernández e nelas Alfredo Landa chegou a simbolizar un determinado tipo de español, reprimido, machista, fanfarrón no terreo sexual e reprimido. Estas películas foron dirixidas na súa maior parte por directores como Mariano Ozores, Pedro Lazaga, Ramón Fernández ou Luis M. Delgado.
A terceira etapa iníciase en 1976 con El puente de Juan Antonio Bardem, na que colaborará cos principais directores españois: Luis García Berlanga (La vaquilla), Mario Camus (Los santos inocentes), Basilio Martín Patino (Los paraísos perdidos), José Luis Garci (Las verdes praderas, El crack), José Luis Borau (Tata mía), José Luis Cuerda (El bosque animado), Antonio Mercero (La próxima estación) ou Manuel Gutiérrez Aragón (El rey del río)
En televisión, participou en varios Estudio 1, ademais de series como Tiempo y hora ou Confidencias nos anos 60. Logo estaría un tempo afastado da pequena pantalla, e é nos anos 90 cando protagoniza as series Por fin solos (adaptación televisiva da longametraxe que xa rodara xunto a María José Alfonso), En plena forma e, a máis destacable, Lleno, por favor, dirixida por Vicente Escrivá. A súa última intervención neste medio foi unha colaboración en varios episodios de Los Serrano, en 2003.