Biografía | |
---|---|
Nacemento | 28 de abril de 1806 Nenagh - Aonach Urmhumhan, Irlanda |
Morte | 1890 (83/84 anos) Dublín, Irlanda |
Educación | Trinity College Dublín |
Actividade | |
Campo de traballo | Medicina, numismática, arqueoloxía. |
Ocupación | anticuario, numismático, médico |
Familia | |
Fillos | Walter George Smith, Vincent Arthur Smith |
Premios | |
(1878): Medalla Cunningham (RIA). (1884): Medalla da RNS. | |
Descrito pola fonte | Dictionary of National Biography |
Lista
|
Aquilla Smith, nado o 28 de abril de 1806 en Nenagh, condado de Tipperary, e finado o 23 de marzo de 1890 en Dublín, foi un médico, numismático e arqueólogo irlandés.
Como numismático, foi unha autoridade en moeda irlandesa.[1][2][3]
Smith naceu en Nenagh, Co. Tipperary, en 1806 fillo máis novo de Aquilla e de Catherine Doolan.[4][5]
En 1831 casou coa súa curmá Esther Faucett, con quen tivo trece fillos, un deles o destacado historiador e indoloxista Vincent Arthur Smith (1843-1920).
Logo dalgúns anos de educación en institucións privadas, en 1823 ingresou no Trinity College, da Universidade de Dublín, na capital irlandesa, e en 1825 pasou a ser alumno do Real Colexio de Cirurxiáns de Irlanda (Royal College of Surgeons), aínda que unha doenza o obrigou a deter os seus estudos e, finalmente, en 1827 optou por abandonar a cirurxía en favor da medicina.[5] Así foi que en 1833 acadou a súa graduación en Medicina e en 1839 recibiu o doutoramentio con honras pola Universidade de Dublín, e ese mesmo ano foi elixido membro do King and Queen's College of Physicians.[4][6]
Smith foi posteriormente profesor de Materia Medica no mesmo King and Queen's College e de Farmacia na na School of Physic entre 1864 e 1881, e exerceu como médico no hospital Sir Patrick Dun.[4][7]
Aquilla Smith Foi o representante do Colexio Irlandés de Médicos (Irish College of Physicians) no Consello Médico Xeral de Irlanda de 1851 a 1890. Ademais, foi o editor da publicación periódica Dublin Pharmacopaeia (1850).[4][7]
Smith amosou desde ben cedo o seu interese pola numismática, alentado polo seu amigo Richard Sainthill[8] –arredor de 500 ilustracións da obra deste último titulada An Olla podrida (1853) eran obra de Smith, e o seu segundo volume está dedicado a el–.[9][10]
Os traballos de mellora das infraestruturas en Irlanda na primeira metade do século XIX deixou ao descuberto unha importante cantidade de achados arqueolóxicos e Aquilla Smith, xunto con numismáticos como John Lindsay (1789-1870) e filólogos como J. H. Todd (1805-1869), trataron de facer un estudo crítico dese material. Paralelamente ao estudo, Smith foi xuntando unha das mellores coleccións de moedas e fichas comerciais irlandesas, que posteriormente foron adquiridas pola Real Academia de Irlanda, en 1872.[11]
Aquilla Smith foi elixido membro da Real Academia de Irlanda en 1835 e entrou a formar parte do seu consello directivo en 1838.[12] Ademais, foi tamén membro da Royal Numismatic Society, de Londres, durante máis de tres décadas.[10]
Na memoria de Aquilla Smith, o Trinity College de Dublín instituíu en 1932 o Premio Aquilla Smith, dotado duns fondos legados por un dos seus fillos, Walter G.Smith. Con el, prémiase anualmente o estudante con mellores resultados académicos en Patoloxía e Microbioloxía, no terceiro ano dos estudos de Medicina.[15]
Smith concentrou os seus artigos científicos nunhas poucas revistas; os relativos á medicina en Journal of Medical Science, de Dublín, e os relacionados coa numismática e a arqueoloxía fundamentalmente en Numismatic Chronicle, en Transactions Proceedings of the Royal Irish Academy, en Proceedings of the Royal Irish Academy, en Journal of Historical and Archaeological Association e en Journal of Medical Science. As súas ilustracións foron publicadas na súa maioría en Transactions of the Kilkenny Archaeological Society. Esta é unha escolma do máis significativo da súa obra:[16][17]