Butthole Surfers | |
---|---|
Orixe | San Antonio, Texas, |
Período | 1981 - presente |
Xénero(s) | noise rock, avant-garde, hardcore punk, rock psicodélico |
Selo(s) discográfico(s) | Alternative Tentacles, Touch and Go, Latino Buggerveil, Rough Trade, Capitol, Surfdog, Hollywood |
Membros | Gibby Haynes Paul Leary King Coffey Jeff Pinkus Teresa Taylor |
Artistas relacionados | The Jackofficers, Honky, P, Gibby Haynes & His Problem, Rubble, Carny, Drain, The Hugh Beaumont Experience, Daddy Longhead, Fearless Iranians from Hell, Shockabilly, The Marching Plague, Melvins, USA/Mexico |
Na rede | |
buttholesurfers.com | |
Butthole Surfers é unha banda estadounidense de rock alternativo fundada polo vocalista Gibby Haynes e os guitarristas Paul Leary e Jonathan Grisham en San Antonio, Texas no ano 1981. O grupo tivo varios cambios na súa composición, pero o seu núcleo, formado por Haynes, Leary e o batería King Coffey, leva xunta dende 1983. Teresa Taylor foi segunda batería entre 1983 e 1985, 1986 e 1989, e no ano 2009. Pola banda pasaron varios baixistas, destacando entre eles Bill Jolly e Jeff Pinkus.[1][2]
Coas súas raíces na escena hardcore punk dos 80, Butthole Surfers rapidamente se fixo coñecida polos seus directos caóticos, o seu humor negro e un son que incorporaba elementos da psicodelia, o noise, o punk rock e, posteriormente, da electrónica.[3]
Aínda que respectados polos seus iguais e cunha devota base de fans, Butthole Surfers tivo moi pouco éxito comercial, ata a publicación en 1996 de Electriclarryland.[4] O álbum contiña o exitoso sinxelo "Pepper", o cal chegou ao número 1 da lista da Billboard Modern Rock Tracks ese ano.
Butthole Surfers formouse na Trinity University en San Antonio, Texas a finais dos anos 70, cando os estudantes Gibson "Gibby" Haynes e Paul Leary Walthall (despois Paul Leary) coñecéronse. Aínda que foi a súa estrañeza xeral e o gusto compartido pola música non convencional o que fixo que se volvesen amigos, ámbolos dous semellanban dirixirse cara carreiras convencionais. Haynes foi o capitán do equipo de baloncesto da Trinity, e foi o "Contable do ano" da universidade, e pouco despois de graduarse conseguiu traballo nunha respectada empresa de contabilidade de Texas, mentres que Leary permaneceu na universidade traballando no seu mestrado en administración de negocios.[5]
En 1981, Haynes e Leary publicaron a revista Strange V.D., que contiña fotos de doenzas médicas pouco comúns, xunto con explicacións ficticias e humorísticas de enfermidades.[6] Tras ser collido cunha desas imaxes no traballo, Haynes deixou a empresa onde traballaba e mudouse ao sur de California. Leary, ao que só lle faltaba un semestre para conseguir o seu título, deixou a universidade e seguiu os pasos de Haynes. Tras un breve período de tempo vendendo roupa feita a man coa imaxe de Lee Harvey Oswald, a parella regresou a San Antonio, e iniciou a banda que posteriormente sería Butthole Surfers.[7]
Haynes e Leary realizaron o seu primeiro concerto en 1981 nun club nocturno de San Antonio, The Bonham Exchange; nese momento aínda non bautizaran o grupo como "Butthole Surfers". En 1982 banda estaba acompañada pola sección rítmica composta polos irmáns Quinn (baixo) e Scott Mathews (batería). A banda non conseguiu seguidores en San Antonio e mercou unha furgoneta para regresar a California ese verán.[6][7]
Nun un breve concerto no club Tool and Die de San Francisco estaba presente o líder de Dead Kennedys e xefe do selo Alternative Tentacles, Jello Biafra, convertendose nun fervente fan do grupo.[8] Biafra invitounos para abrir a Dead Kennedys e T.S.O.L. no Whisky a Go Go nos Ánxeles, e pouco despois fíxolles unha oferta que lanzaría a súa carreira discográfica; se podían conseguir a alguén que lles deixase tempo nun estudio, Alternative Tentacles pagaría ese tempo cando o álbum estivese completo. A banda regresou a San Antonio para gravar nos BOSS Studios (tamén coñecidos como Bob O'Neill's Sound Studios, ou The Boss).[6] Porén, os irmáns Mathews non entraron no estudio con Haynes e Leary; os dous deixaron o grupo tras un altercado físico entre Scott Mathews e Haynes. A posición do baixo foi ocupada por Bill Jolly, que tocaría nos seguintes dous lanzaemntos de Butthole Surfers. Nas gravacións participaron varios baterías, sendo o derradeiro deles King Coffey (Jeffrey Coffey), que continúa sendo o batería da banda no presente.[9]
O EP resultante das gravacións, Butthole Surfers (tamén coñecido como Brown Reason to Live e Pee Pee the Sailor), foi publicado por Alternative Tentacles en xullo de 1983, con cancións con títulos provocativamente absurdos como "The Shah Sleeps in Lee Harvey's Grave" e "Bar-B-Q Pope", cantadas alternativamente por Haynes e Leary (Haynes converteríase no vocalista principal coa chegada do seu primeiro álbum). A portada do EP, como as moitas ilustracións estrañas que acompañaron ao exitosos traballos dos Surfers, foi deseñada pola propia banda.[10] Cheo de humor, Butthole Surfers sentou as bases do que chegaría. O EP influenciou ao futuro líder de Nirvana Kurt Cobain, listándoo entre os seus dez álbums favoritos nos seus Journals.[11] Posteriormente Cobain listou o EP como un dos 50 álbums máis influíntes para o son de Nirvana,[12] e o propio Cobain coñecería á súa futura muller, Courtney Love, nun concerto de Butthole Surfers/L7 en 1991.[13]
Pouco despois do lanzamento de Butthole Surfers, a banda recrutou un segundo batería, Teresa Nervosa (nada Teresa Taylor), que tocara con Coffey en varias bandas marciais de nstitudos das áreas de Fort Worth e Austin.[14] Ela e Coffey tocarían ao unísono ou por separado con kits de pé, sumando un novo elemento ao espectáculo ao vivo dos Surfers, sempre en constante evolución. Aínda que Nervosa e Coffey repetidamente se referían a eles mesmos como irmáns, revelouse que só o facían debido ás súas semellanzas e non porque realmente tivesen algunha relación familiar.[14][15] Coa chegada de Nervosa estableceuse o núcleo da "formación clásica" da banda. Coa excepción de distintos baixistas e dos meses sabáticos que tomou Nervosa entre 1985 e 1986, esta formación permaneceu inalterada ata a marcha final da batería en 1989.[16] No ano 2008 regresou brevemente, sendo anunciada como "Teresa Taylor".[17]
En 1984 a banda regresou aos BOSS Studios e gravou suficiente material para encher dous álbums. O grupo ofreceulle orixinalmente os dous a Alternative Tentacles, sendo o primeiro deles Psychic... Powerless... Another Man's Sac. Porén, antes de lanzarse algún dos dous traballos, Alternative Tentacles tiña que mercarlle as cintas máster a Bob O'Neill, dono dos BOSS Studios. O'Neill negouse a liberalas ata que lle pagasen as sesións, pero Alternative Tentacles non tiña cartos suficientes para pagarlle inmediatamente. Tras meses de espera a banda lanzou en setembro de 1984 o álbum ao vivo Live PCPPEP a través de Alternative Tentacles, debido a que estaban economicamente desesperados. O disco estaba formado principalmente por interpretacións de temas do seu primeiro traballo, o que fixo que moitos críticos e fans bromearan con que editaran dúas veces o mesmo disco. Mentres tanto, Bob O'Neill estaba preparando o lanzamento de Psychic... a través do seu propio selo Ward 9 para recuperar os seus gastos.[18]
Con algúns membros limpando pratos, o grupo non estaba contento co feito de que álbum fose ser lanzado por Ward 9. Terry Tolkin, un amigo da banda e o seu axente de reservas na costa leste, fichou á banda polo selo de Corey Rusk Touch and Go Records de Detroit. Psychic... Powerless... Another Man's Sac publicouse finalmente en decembro de 1984.[19] Sobre a base do seu primeiro EP, a banda fixo da psicodelia a parte máis importante do son deste álbum, aproveitando ao máximo a edición de cintas, usando instrumentación non tradicional, e realizando modulación de son, un elemento que definiría as súas gravacións de estudio.
Xusto antes do lanzamento de Psychic..., e co novo baixista Terence Smart (o primeiro de moitos ata 1986), a banda iniciou a súa primeira xira nacional. Foi nesta xira onde realmente estableceron a súa presenza a nivel estatal, comezando na sede de Touch and Go en Detroit antes de dirixirse á cidade de Nova York, onde impresionaron aos membros de Sonic Youth, ademais do membro de Shockabilly (e futuro baixista de Butthole Surfers) Kramer. Posteriormente cruzaron o país durante varios meses, incluído un concerto en Seattle, onde Kim Thayil, futuro guitarrista de Soundgarden, fíxose fan. En San Francisco, xa ao final da xira, sen ningún sitio no que vivir, a banda decidiu como colectivo mudarse a Winterville, unha pequena vila nas aforas de Athens, Xeorxia, onde admitiron ter tido como pasatempo asexar aos membros de R.E.M. Supostamente planearon deixar unha furgoneta aparcada fronte a casa de Michael Stipe, co texto "Michael Stipe/Despite the Hype/I Still Wanna Suck/Your Big Long Pipe" pintado nun lateral.[20][21] Smart marchou tras namorarse dunha amiga da banda, e Trevor Malcolm, un músico canadense Canadian recomendado por Touch and Go, substituíuno no baixo.[22]
Cando a banda volveu a xirar corrérase a voz sobre os seus bizarros concertos, facendo que as súas audiencias fosen cada vez maiores.[19] Pouco despois da chegada de Malcolm o grupo filmou dous concertos que quedaron para a posteridade no club Traxx de Detroit. Algunhas desas imaxes publicáronse como Blind Eye Sees All, o seu único vídeo oficial ata a data. Nesa época Butthole Surfers mercou a súa primeira gravadora de 8 pistas coa que rexistraron dúas cancións que despois usaron na cara A do EP Cream Corn from the Socket of Davis.
Malcolm marchou a mediados de 1985 descontento pola vida na banda.[23] Un amigo do grupo de Athens, Juan Molina, tocou durante unha breve xira polos Estados Unidos, pero non estaba interesado en ser membro permanente da banda. Sen un baixista permanente e achegándose raidamente a súa primeiro xira europea, contactaron con Kramer, que accedeu a unirse ao grupo.[23] Mentres tanto, o seu segundo álbum, que fora enviado a Alternative Tentacles como Rembrandt Pussy Horse, aínda estaba no limbo. As razóns das accións de Alternative Tentacles non están claras, pero sábese que o selo atrasou unha decisión durante un ano antes de negarse finalmente a publicalo.[24] Mentres agardaba, a banda publicou o EP de catro temas Cream Corn from the Socket of Davis a través de Touch and Go a finais de 1985. Cando Alternative Tentacles finalmente decidiu non publicar o álbum, o grupo regresou ao estudio Kramer's Noise de Nova York para gravar dúas cancións novas para substituír a "Two Part" e "Tornadoes", que orixinalmente eran para Rembrandt... antes de aparecer na cara B do EP Cream Corn...
Tras a xira europea houbo máis axitación na banda cando Nervosa marchou no Nadal de 1985. Ela estaba cansa das candicións de vida asociadas ás xiras constantes e desexaba estar coa súa familia. Kytha Gernatt, que foi bautizada pola prensa como Cabbage Gomez Jr., substituíu a Nervosa. Cabbage tocara anteriormente con Kathleen Lynch (tamén coñecida como Kathleen, ou Ta-Da the Shit Lady) na banda Easturn Stars; Lynch fíxose famosa como a infame bailarina núa de Butthole Surfers dende 1986 ata 1989. Kramer tamén marchou durante ese período e foi substituído por Jeff Pinkus, sendo o baixista da banda ata 1994.[25]
O seu segundo álbum publicouse finalmente como Rembrandt Pussyhorse a través de Touch and Go en abril de 1986. Tras dous anos dende as gravacións orixinais, o traballo presentaba unha mestura e unha selección de cancións distinta á da versión non lanzada por Alternative Tentacles.[24] Sobre todo coñecido pola súa versión minimalista do tema de The Guess Who "American Woman", trátase dun dos álbums máis experimentais da carreira de Butthole Surfers.[14] Despois dunha particularmente descontrolada xira, incluso para os estándars de Butthole Surfers, a banda semi-asentouse en Winterville no verán de 1986. Nervosa regresou ao grupo (Cabbage fora despedida meses antes), e púxose a traballar na creación dun estudio caseiro nunha casa alugada nas aforas de Athens. Ao pouco tempo comezaron a gravar o seu terceiro álbum de xeito pausado.[26] O novo traballo, Locust Abortion Technician, publicouse en marzo de 1987 e trátase dun dos álbums máis pesados de Butthole Surfers, sendo considerado tamén un dos mellores.[27] Aproveitando elementos do punk, do heavy metal, e da psicodelia, o seu son único creou varias cancións rechiantes de ritmos lentos que poderían considerarse precursoras do grunge.[14]
Na época na que apareceu Locust Abortion Technician a banda mercou unha casa en Driftwood, Texas, a uns 50 km de Austin. Era a casa dun rancho construída na ladeira dun outeiro, con 20 000 m2 de terreo ao seu redor. Ao igual que coa casa alugada preto de Athens, o complexo foi convertido nun estudio de gravación. Non viviron xuntos na nova casa durante moito tempo, aínda que Coffey foi o primeiro en mudarse e converteuse no seu fogar. En 1991 todos os membros tiñan xa residencias separadas.[6]
A principios de 1988, Butthole Surfers estaba lista para gravar un novo álbum e quería usar un estudio moderno por primeira vez, elixindo unhas instalacións de última xeración en Texas. As sesións de gravación duraron tan só unha semana, xa que a banda levaba anos interpretando a meirande parte do material gravado.[28] O grupo optou por seguir o modelo usado neste álbum nos seus proxectos futuros. Como diferenza, as cancións das súas primeiras gravacións pasaran por un proceso de máis desenvolvemento e experimentación no estudio. Pinkus posteriormente comentou que as sesións mellor organizadas apagaron un pouco a creatividade expontanea que impulsara os seus primeiros lanzamentos.[29]
Hairway to Steven publicouse en abril de 1988 e marcou o paso intermedio entre as raíces experimentais da banda e as gravacións máis accesibles posteriores. Aínda que a metade do material ten un son tan extremo como o dos seus inicios, outras cancións son máis convencionais. Este foi o primeiro álbum de Butthole Surfers no que se usou extensivamente a guitarra acústica. As cancións de Hairway to Steven non tiñan nome cando se publicou por vez primeira, e no seu lugar cada tema estaba representado cunha caricatura absurda, moitas delas incluso escatolóxicas.[14][29] Durante o seguinte ano a banda estivo de xira para promocionar o disco, facendo tamén unha exitosa xira por Europa (en parte axudados pola influencia do seu novo distribuidor británico, Blast First). Ao igual que as súas gravacións no estudio, as súas actuacións ao vivo comezaron a perder gran parte do seu caos anterior.[30]
Durante o inverno de 1988 Butthole Surfers usou un DAT portátil para gravar algúns concertos. As mellores desas gravacións lanzáronse como Double Live, un dobre álbum de edición limitada publicado en vinilo e casete en 1989, e en CD o ano seguinte. Este foi o seu primeiro lanzamento a través do seu propio selo, Latino Buggerveil. Aínda que o álbum está descatalogado, as súas cancións están dispoñibles de xeito gratuíto como MP3s descargables na páxina oficial da banda.[31] O traballo foi publicado en resposta ao aumento de vendas de gravacións ilegais dos seus concertos e contiña cancións de todos os seus anteriores discos.[31]
Double Live foi o derradeiro traballo de Butthole Surfers en contar con Nervosa, que deixou abanda a principios de 1989. Pouco despois de marchar diagnosticáronlle un aneurisma, e viuse obrigada a someterse a unha cirurxía cerebral. Ademais, comezou a sufrir convulsións inducidas por luz estroboscópica.[6] En 1991, Nervosa (que volveu a chamarse Teresa Taylor tras a súa retirada) tivo un pequeno papel no filme de Richard Linklater Slacker. En 1995 traballou na Escola de Texas para Cegos e Discapacitados Visuais.[32]
Butthole Surfers nun buscou substituír a Nervosa cando marchou e optou continuar como cuarteto. Tras un EP final con Touch and Go, o Widowermaker de 1989, a banda deixou o selo e fichou por Rough Trade Records por supostamente un só álbum.[33] Antes da estrea do novo traballo, Rough Trade falou coa banda pala lanzar primeiro o EP de 1990 The Hurdy Gurdy Man, que era como unha mostra previa do seguinte lanzamento. Ese mesmo ano Rough Trade lanzou Digital Dump de The Jackofficers, o proxecto paralelo de house psicodélico de Haynes e Pinkus.[34]
piouhgd foi o quinto álbum de estudio de Butthole Surfers, e o primeiro con Rough Trade. Editado en abril de 1991, contaba con instrumentación electrónica, pero foi visto en gran medida como unha decepción en comparación con anteriores traballos. Tanto Haynes como Leary expresaron dende entón o seu descontento co álbum.[14] A banda foi convidada a formar parte da xira inaugural do Lollapalooza ese verán.[35] Nese tempo Haynes colaborou con Ministry, cantando no seu sinxelo de 1991 "Jesus Built My Hotrod", que posteriormente foi incluído no álbum Psalm 69: The Way to Succeed and the Way to Suck Eggs.
Rough Trade quebrou en 1991, non sen antes publicar o álbum do proxecto en solitario de Leary, The History of Dogs. No ano seguinte Butthole Surfers conmocionou a moitos seguidores e críticos ao fichar polo gran selo Capitol Records.[14][36] En 2017 Paul Leary dixo: "Medrei escoitando a The Beatles e Grand Funk Railroad e Dean Martin, e a idea de estar na mesma discográfica que eles era fodidamente rara, realmente rara. Moita xente deunos problemas por facer iso, pero que carallo: non ía rexeitalo".[37]
Capitol reeditou inmediatamente piouhgd e emparellou á banda co seu primeiro produtor de renome, John Paul Jones, coñecido por ser o baixista de Led Zeppelin.[14] O froito desta asociación, Independent Worm Saloon de 1993, presentaba un enfoque rock máis sinxelo por insistencia de Jones.[38] Butthole Surfers conseguiron así o seu priemeiro pequeno éxito na radio, "Who Was in My Room Last Night?". O tema acadou o número 24 da lista de sinxelos da Billboard Modern Rock Tracks, mentres que o álbum chegou ao número 124 da lista Billboard 200. Dúas das novas cancións apareceron en episodios da serie da MTV Beavis and Butt-head.[39] O guitarrista e grande influencia para a banda Helios Creed tocou a guitarra en dúas das cancións do disco, "The Annoying Song" e "Clean It Up".
Cando Pinkus marchou en 1994[40] o resto dos membros recrutaron a unha serie de músicos de recheo e continuaron xirando esporadicamente, incluso cando os tres tiñan proxectos paralelos. Haynes estaba traballando con Johnny Depp, Bill Carter, Sal Jenco, Flea, e outros nun novo grupo, P. En 1993 Haynes tocou con esta banda en The Viper Room dos Ánxeles, a mesma noite na que o actor River Phoenix morreu dunha sobredose.[6] Mentres tanto, Leary estaba forxando unha reputación como un habilidoso produtor musical, e Coffey creou o seu propio selo discográfico, Trance Syndicate.[40] Segundo Leary e expertos da industria, Haynes dependía cada vez máis das drogas duras nesa época, aínda que el minimizou as súas preocupacións.[6]
En 1995 a banda colaborou cunha versión da sintonía da serie Underdog no álbum tributo Saturday Morning: Cartoons' Greatest Hits, producido por Ralph Sall para MCA. Nese mesmo ano o proxecto paralelo de Haynes, P, publicou un álbum epónimo a través de Capitol, mentres que o selo de Coffey. Trance Syndicate. editou o primeiro recompilatorio de Butthole Surfers. Co título The Hole Truth... and Nothing Butt, estaba formado principalmente de temas ao vivo gravados en distintos locais entre 1985 e 1991.[41] No mes de decembro Butthole Surfers iniciou a que sería unha longa batalla legal con Touch and Go. Ao principio buscaban incrementar os seus beneficios polos álbums publicados polo selo, debido a que a discográfica elixira unha extratexia de non promoción. O caso converteuse rapidamente nunha batalla por todos os dereitos de propiedade que durou máis de tres anos.
En 1996 Capitol publicou o sexto álbum de estudio de Butthole Surfers, Electriclarryland, que chegou ao número 31 da Billboard 200;[42] o sinxelo "Pepper" acadou o número 1 da lista Billboard Modern Rock Tracks. As súas cancións comezaron a aparecer nas bandas sonoras de grandes producións de Hollywood, como o filme de Baz Luhrmann Romeo + Juliet ou o de John Carpenter Escape from L.A. A pesar de mellorar as vendas co seu segund álbum con Capitol, a relación entre o grupo e o selo era cada vez máis conflitiva. En 1998 cancelouse o proxecto After the Astronaut, e Butthole Surfers separouse con acritude do seu representante, Tom Bunch. En 1999 a banda gañou Butthole Surfers a súa demanda xudicial contra Touch and Go. A pesar do resultado, moitos compañeiros de Butthole Surfers na comunidade da música alternativa, como o vocalista de Fugazi e Minor Threat Ian MacKaye, criticáronos por ter realizado a demanda. Haynes e outros dixeron que eles non terían iniciado o procedemento se sentisen que os acordos con Rusk eran honorables. Rusk proporcionou á banda estados contables indescifrables. Rusk continuou insistindo que as súas accións foran honestas, incluso despois de que un tribunal de apelacións dixese o contrario.[2] Co caso resolto a banda reeditou Psychic... Powerless... Another Man's Sac, Rembrandt Pussyhorse (co EP Cream Corn...), Locust Abortion Technician, e Hairway to Steven a través do seu selo Latino Buggerveil.[2]
No ano 2000 a banda contratou a Nathan Calhoun como baixista. Tras resolver os seus problemas con Capitol, Butthole Surfers regravou case todas as cancións de After the Astronaut para Weird Revolution, lanzado a través de Hollywood Records/Surfdog Records. O álbum apareceu en agosto de 2001 e chegou ao número 130 da lista Billboard 200. Tratábase do seu disco máis electrónico ata a data,[43] e o sinxelo "The Shame of Life" acadaría o número 24 da lista Billboard Modern Rock Tracks.
Dende entón o grupo publicou dous recompilatorios a través de Latino Buggerveil: Humpty Dumpty LSD (2002) recompila descartes de estudio, mentres que Butthole Surfers/Live PCPPEP (2003), combina os seus dous primeiros EPs con Alternative Tentacles. En 2004 Haynes formou Gibby Haynes and His Problem, que publicou un álbum epónicmo a través de Surfdog Records ese mesmo ano. Mentres promocionaba o seu proxecto paralelo, Haynes indicou que era probable un novo álbum de Butthole Surfers, e remarcou que sería "ruídoso".[44] Porén, non se anunciou ningunha data de lanzamento.
A banda reuniuse con Jeff Pinkus e Teresa Nervosa para unha xira pola costa leste e Europa en verán de 2008 con The Paul Green School of Rock All Stars. Era a primeira vez que esa formación tocaba xunta dende 1989. O grupo tocou no festival All Tomorrow's Parties comisionado polos Melvins e Mike Patton de Faith No More. A aparición da banda en All Tomorrow's Parties levou a unha disputa co fundador e organizador de ATP Barry Hogan, whque lle dixo a un xornalista de The Village Voice que Butthole Surfers (xunto con Killing Joke e The Black Lips) non volverían a tocar no festival.[45] A formación "clásica" continuaou de xira en 2009, con concertos nos Estados Unidos e o Canadá.[46]
En Austin, Texas, durante o derradeiro concerto programado da xira o día 31 de outubro de 2009, Haynes dixo: "Tocamos o noso primeiro concerto como Butthole Surfers en Austin. E este pode ser o noso derradeiro". Haynes non aclarou esa afirmación, pero tanto Paul Leary como King Coffey afirmaron que a banda volvería a xirar se editaban un novo álbum. Porén, Butthole Surfers realizou dous concertos no Scoot Inn de Austin durante o Halloween de 2010.
A formación composta por Haynes, Leary, Pinkus, e Coffey realizou unha xira de 12 concertos principalmente polo oeste dos Estados Unidos, cunha actuación tamén no Canadá, entre agosto e setembro de 2011.
En 2016, coa banda en hiato, Leary afirmou: "Non quero tocar ao vivo nunca máis. Non é divertido. Non me gusta saír de xira. Esa hora no escenario é moi divertida, pero as outras 23 horas apestan".[47]
Nunha entrevista con The Quietus en marzo de 2017, Leary falou sobre a posibilidade de facer un novo álbum: "Todos estivemos ocupados coas noas cousas por separado, e produxen moito nos últimos anos, e estou nese momento no que penso que xa o fixen o suficiente tempo, polo que é hora de facer un novo álbum de Butthole Surfers. Especialmente agora que Trump é presidente. Se algunha vez houbo un momento para un álbum de Butthole Surfers, é agora. Sinxelamente non hai nada máis raro que iso".[37]
En marzo de 2019 publicouse un libro coa historia visual do grupo, Butthole Surfers: What Does Regret Mean?, realizado por Aaron Tanner.[48]
A banda non se fundou co nome de Butthole Surfers aínda que tiña unha canción con ese título, posiblemente unha primeira versión de "Butthole Surfer" de 1984. Isto cambiou no seu primeiro concerto de pago, cando un locutor esqueceu como se chamaba o grupo e usou o título da canción como nome da banda. Dende entón decidiron manter este nome.[7] Antes disto, Butthole Surfers actuaba cun nome distinto en cada concerto. Entre eles usaron The Dick Clark Five, Nine cm Worm Makes Own Food, The Vodka Family Winstons, Ashtray Babyheads, Ed Asner Is Gay, Fred Astaire's Asshole, The Right to Eat Fred Astaire's Asshole, Zipgun, The Inalienable Right to Eat Fred Astaire's Asshole, e moitos outros.[6][49] Nunha entrevista en 1996 na Rolling Stone, cando se lle preguntou se volvería atrás e escollería outro nome para a banda, Haynes respondeu: "chamaría á banda: I'm Going to Shit in Your Mother's Vagina".[50]
O nome ten sido unha enorme fonte de problemas para o grupo. Moitos clubs, xornais, radios e televisións néganse a facer referencia ao su nome completo, e no seu lugar optan por usar "B.H. Surfers" u outras abreviacións.[7]
Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Psychic... Powerless... Another Man's Sac | 1984 | Touch and Go, Fundamental |
Rembrandt Pussyhorse | 1986 | Touch and Go, Red Rhino Europe |
Locust Abortion Technician | 1987 | Touch and Go |
Hairway to Steven | 1988 | Touch and Go |
piouhgd | 1991 | Rough Trade Records |
Independent Worm Saloon | 1993 | Capitol Records |
Electriclarryland | 1996 | Capitol Records |
Weird Revolution | 2001 | Surfdog, Hollywood |
Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
The Hole Truth...and Nothing Butt | 1995 | Trance Syndicate |
Humpty Dumpty LSD | 2002 | Latino Buggerveil |
Butthole Surfers/Live PCPPEP | 2003 | Latino Buggerveil |