(2012) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 22 de novembro de 1936 (87 anos) Vigo, España |
Eurodeputado | |
Representa: Bloque Nacionalista Galego 20 de xullo de 1999 – 19 de xullo de 2004 Lexislatura: V lexislatura do Parlamento Europeo Circunscrición electoral: España Electo en: eleccións ao Parlamento Europeo de 1999 | |
Deputado do Parlamento de Galicia | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Lugar de traballo | Estrasburgo Bruxelas |
Ocupación | político , economista |
Partido político | Bloque Nacionalista Galego |
Lingua | Lingua castelá e lingua galega |
Familia | |
Cónxuxe | Paz López Facal |
Fillos | Alba Nogueira |
Pai | Camilo Nogueira |
Premios
| |
Camilo Nogueira Román, nado o 22 de novembro de 1936 na parroquia e -daquela- concello de Lavadores (hoxe integrado no de Vigo) é un enxeñeiro e economista galego, máis coñecido pola súa faceta política, historicamente vinculada a partidos nacionalistas galegos de esquerda e desde 1994 ao Bloque Nacionalista Galego (BNG).
Naceu en Lavadores, cando aínda era concello de seu, antes de ser integrado no de Vigo, logo da guerra civil. Fillo do escultor Camilo Nogueira Martínez (dirixente local do Partido Galeguista) e da modista Teresa Román, pasou a súa infancia nos barrios do Calvario e Riomao. Foi xogador de baloncesto co Estudiantes de Vigo en segunda e primeira división.
Estudou no IES Santa Irene e na Escola de Enxeñaría Industrial (entón coñecida como Escola de Peritos Industriais) de Vigo e pasou polas escolas de Enxeñería Industrial de Bilbao e de Madrid. Tamén cursou a licenciatura de Ciencias Económicas na Universidade de Compostela (1969-1975)[1].
En 1964 entrou a traballar na fábrica viguesa de Citroën como enxeñeiro. Presidiu durante tres anos a Asociación Cultural de Vigo. A súa participación nas grandes folgas obreiras de 1972, desembocou na súa detención e tortura e o seu despedimento de Citroën[2]. En 1973 estableceuse en Santiago de Compostela para traballar en SODIGA.
En 2010 recibiu, xunto con Fermín Bouza Álvarez, o galardón Pedrón de Ouro por parte da fundación homónima como recoñecemento á súa promoción da cultura nacional galega[3].
A súa filla Alba foi tamén militante activa do BNG[4][5] e o seu xenro é o exportavoz Nacional do mesmo partido Xavier Vence[6].
Na súa etapa como estudante en Madrid foi onde fixo os primeiros contactos políticos, nas conferencias de Tierno Galván, Aranguren e Ruiz Giménez., en "Cuadernos para el Diálogo" e nas loitas contra o SEU. Aló coñecería xente coa que formaría un grupo político-cultural que, dalgún xeito, continuaba o de Brais Pinto. Nese grupo estaban Xan e Xaquín López Facal, Alfonso e Darío Álvarez Gándara, Xosé Antón Arjona ou Patiño. Naqueles tempos nos que non existían partidos a actividade á marxe da oficial estaba restrinxida ás asociacións culturais[1].
Xa de volta en Galiza formou parte de Galicia Socialista, grupo que daría orixe ao sindicalismo nacionalista galego e que acabaría fusionándose coa Unión do Povo Galego (UPG) en 1971, Camilo Nogueira quedou como militante de base desa formación.
Logo contribuiría a fundar a Asemblea Nacional Popular Galega (ANPG) e o Bloque Nacional Popular Galego, presentouse como candidato ao senado por Pontevedra en 1977 pero pouco antes das eleccións abandonou a UPG e despois a ANPG. Tamén estivo implicado na creación do Partido Obreiro Galego (POG) a fins de 1977, que evolucionou cara Esquerda Galega (EG), un partido nacionalista de esquerdas que chegou a acadar un deputado nas Autonómicas de 1981. Nesta época, Nogueira participou na redacción do anteproxecto do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981.
Esquerda Galega fusionouse co Partido Socialista Galego (PSG) para dar lugar ao Partido Socialista Galego - Esquerda Galega (PSG-EG), do cal Camilo Nogueira pasaba ser o principal líder e sairía elixido deputado no Parlamento galego nas lexislaturas 1981-85, 1985-89 e 1989-93. Nas eleccións municipais de 1987 foi tamén candidato do PSG-EG á alcaldía de Vigo.
En 1993 o PSG-EG formou con outras formacións nacionalistas galegas unha nova Unidade Galega (UG), para pouco despois concorrer con Esquerda Unida (EU) ás eleccións ás Cortes Españolas e ás eleccións ao Parlamento de Galicia de 1993. Perante o fracaso desta coalición, parte da militancia de UG pasaría confluír con EU para formar Esquerda Unida - Esquerda Galega. Pola contra, Nogueira permaneceu na UG que ao cabo habería de se integrar no BNG a partir de 1994.
Xa como candidato do BNG foi elixido deputado nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 1997, posto que ocuparía até a súa elección como deputado no Parlamento europeo (1999-2004)[7], onde realizaba as súas intervencións en galego reintegrado ou galego-portugués como membro do Grupo dos Verdes - Alianza Libre Europea. Foi unha das razóns para que en abril de 2005 fose nomeado membro de honra da Associaçom Galega da Língua (AGAL)[8].
O 19 de setembro 2003 UG disolveríase como partido dentro do BNG para pasar a ser unha corrente de opinión integrada na propia formación[9]. En novembro dese mesmo ano Camilo Nogueira encabezaría na XI Asemblea Nacional do BNG unha alternativa á candidatura de Anxo Quintana para ser Portavoz Nacional.
Foi membro da Executiva Nacional do BNG como responsable de Relacións Internacionais[10] desde 2002 e do Consello Nacional[11].
Nas Eleccións ao parlamento europeo de 2004 concorreu como terceiro na coalición Galeusca - Pobos de Europa, por tras dos candidatos de Convergència i Unió e Partido Nacionalista Vasco, xa que a redución do número de eurodeputados correspondentes ao España incidira negativamente nas probabilidades de acadar representación. De entrada, adxudicóuselle a acta a Nogueira, mais despois de que o Partido Popular (PP) recorrera, a Xunta Electoral Central deu por válidos algúns votos non considerados inicialmente, polo que, por unha marxe de 167 votos, concedeu o escano ao PP (facía o número 24). Posteriormente, o Tribunal Constitucional de España confirmou o fallo da Xunta Electoral Central[12].
En marzo de 2012 rexeitou volver ocupar un posto na Executiva que lle correspondía logo das baixas rexistradas tras a XIII Asemblea Nacional celebrada no Recinto feiral de Amio[13].
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Camilo Nogueira Román |