Biografía | |
---|---|
Nacemento | 29 de maio de 1910 Londres, Reino Unido |
Morte | 13 de xuño de 1975 (65 anos) Chipping Norton Oxfordshire Inglaterra |
23º Presidente da Real Sociedade Numismática | |
1966 – 1970 ← Philip Grierson – Colin M. Kraay → | |
18º Presidente da Sociedade Numismática Británica | |
1959 – 1963 ← Horace Herbert King (en) – Charles Wilson Peck → | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Británica |
Q89547790 | Catalogación de moeda británica no Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico. |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática |
Ocupación | arqueólogo, numismático |
Membro de | |
Familia | |
Cónxuxe | Winifred Gell (1938) |
Fillos | Nicholas Justin Allen |
Premios | |
- 1953: Medalla Sanford Saltus, da BNS. - 1966: Medalla da RNS. - 1971: Membro honorario da British Numismatic Society. | |
Derek Fortrose Allen, nado en Epson, no condado de Surrey, o 29 de maio de 1910 e finado en Chipping Norton, Oxfordshire, o 13 de xuño de 1975, foi un conservador de museo e numismático inglés, vinculado ao Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico e directivo da Academia Británica desde 1969 ata o seu falecemento.[1][2]
Derek Allen era fillo do xurista Ernest Allen e de Elsie Mackenzie, que lle transmitiu a Derek a súa paixón pola música.[2] Logo do ensino primario en Sutton, cursou a educación secundaria no Wellington College de Berkshire. A delicada situación económica da familia na década de 1930 impediu que puidese realizar estudos superiores, aínda que afondou na súa formación musical co propósito de chegar a se converter en profesional, o que o levou a residir en Oxford.[3]
En Oxford tomou contacto coa historiografía e a arqueoloxía influído por varios dos seus profesores, e empezou a acudir a algunhas escavacións. Un deses profesores, Michael Parker, propúxoo para ocupar un posto vacante no Museo Británico.[4]
E así foi que en 1935 accedeu como conservador axudante ao Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico, ás ordes de John Allan e en substitución de G. C. Brooke, que falecera repentinamente.[5] A súa primeira publicación en materia numismática produciuse xa no ano seguinte, cun artigo para o Congreso Internacional de Numismática de 1936, celebrado en Londres, aínda que as súas contribucións máis significativas non empezaron a producirse ata a década de 1940.[6]
En 1938 casou con Winifred Gell, con quen tivo tres fillos, e estableceu a súa residencia no distrito londiniense de Bloomsbury.[7]
Aínda que nos primeiros momentos carecía de experiencia, axiña se lle encomedou encargarse da clasificación das 4.000 moedas dos reis Eduardo I e Eduardo II procedentes do tesouro de Boyton, e seguidamente do legado de Clarke-Thornhill, consistente en 12.000 pezas. A partir de aí, Allen non tardou en ser recoñecido como unha das principais autoridades mundiais na moeda antiga das illas británicas e na moeda celta de todo o continente. O seu proxecto de catalogar as emisións monetarias de Henrique II foi interrompido pola segunda guerra mundial, aínda que logrou concluílo en 1947.[8][9]
Derek Allen ingresou na British Numismatic Society (BNS) en 1935 e foi o secretario da entidade desde 1938 a 1941. Así mesmo, foi o editor dos volumes XXII e XXIII do seu órgano de expresión, o British Numismatic Journal. A súa estreita vinculación coa BNS levouno a ser elixido presidente entre 1959-1963.[5][9]
Tamén formou parte da Royal Numismatic Society, que presidiu entre 1966 e 1970.[10][11] Así mesmo, foi elixido membro da Academia Británica en 1963 e nela exerceu os postos de secretario e de tesoureiro.[9]
Allen xubilouse en 1968 e pasou os derradeiros anos da súa vida en Chilson, en Oxfordshire.[12]
En 1976, un ano despois do seu pasamento, a súa viúva estabeleceu coa Academia Británica un premio na súa memoria, o premio Derek Allen, co que se recoñecen anualmente traballos de investigación sobre as tres paixóns de Allen: a musicoloxía, anumismática e os estudos celtas.[13]
A maior parte da obra científica de Derek Allen foi publicada no British Numismatic Journal, o órgano de expresión da British Numismatic Society. Porén, Allen publicou tamén nalgunhas das máis prestixiosas revistas numismáticas europeas do momento e foi autor de diversas monografías (unha importante parte das súas publicacións son póstumas).[16][17][18]
Predecesor: Philip Grierson |
Presidente da Royal Numismatic Society 1966 - 1970 |
Sucesor: Colin M. Kraay |