Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 1763 | ||||
Disolución | 1810 | ||||
Sucedido por | República da Flórida Ocidental (pt) | ||||
Florida Occidental (inglés: West Florida, castelán: Florida Occidental) foi unha rexión na beira norte do golfo de México, que foi sometida a varios cambios nas súas fronteiras e soberanía ao longo da súa historia. A provincia foi fundada polos británicos en 1763 coas terras cedidas por españois e franceses. Como o seu nome suxire, formouse a partir da parte occidental da antiga Florida española (a Florida Oriental constituíuse na parte leste), xunto con terras tomadas da Louisiana francesa. A capital de Florida Occidental foi Pensacola. A colonia incluíu a maior parte do que hoxe é a Florida Panhandle, ademais de partes dos actuais estados de Louisiana, Mississippi e Alabama.
Gran Bretaña fundou as Florida Occidental e Florida Oriental a partir de terras arrebatadas ao Reino de Francia e España despois da Guerra franco-india. Como o novo territorio adquirido era demasiado grande para ser gobernado desde un só centro administrativo, os británicos dividírono en dúas novas colonias separadas polo río Apalachicola. O goberno da Florida Occidental británica estableceuse en Pensacola, incluíndo a colonia a parte da antiga Florida española que estaba ao oeste do Apalachicola, engadíndolle partes da antiga Luisiana francesa. Polo tanto, comprendía todo o territorio situado entre os ríos Mississippi e Apalachicola, cunha fronteira setentrional que mudou varias veces ao longo dos seguintes anos.
Tanto a Florida Occidental como a Oriental permaneceron leais á Coroa Británica durante a Revolución Americana, e serviron como refuxio para os tories que fuxían das Trece Colonias. España invadiu a Florida Occidental e tomou Pensacola en 1781 e, despois da guerra, Gran Bretaña cedeu ambas Floridas aos españois. Porén, a falta dunha definición precisa dos límites da fronteira deu orixe a unha serie de disputas fronteirizas entre a Florida Occidental española e os recentemente independizados Estados Unidos coñecida como a Controversia de Florida Occidental. Desacordos co goberno español levaron aos colonos americanos e británicos situados entre o Mississippi e o Perdido a declarar en 1810 a esa área independente, baixo o nome de República de Florida Occidental. Ao pouco, esta república foi anexionada polos Estados Unidos, que reclamou a rexión como parte da Compra de Luisiana de 1803. En 1819, os Estados Unidos negociaron a compra do que restaba da Florida Occidental e de toda a Florida Oriental no Tratado de Adams–Onís, e en 1822 ambas fusionáronse no Territorio de Florida.
A área coñecida como Florida Occidental foi reclamada orixinalmente por España como parte de La Florida, que incluía moito do que hoxe é o sueste dos Estados Unidos. España fixo moitos intentos de conquistar e colonizar esa área, incluíndo o breve asentamento de 1559 de Tristán de Luna, pero sen lograr un asentamento permanente ata o século XVII, coa chegada das misións ao territorio dos apalaches. En 1698 fundouse Pensacola coa intención de frear a expansión francesa na zona.
A partir de finais do século XVII os franceses fundaron poboacións na rexión como parte da colonización de Luisiana, incluíndo especialmente lugares como Mobile (1702) e Fort Toulouse (1717) no actual estado de Alabama[1]. Despois de anos empregando o río Perdido (a fronteira actual entre Florida e Alabama) como liña fronteiriza, acordouse que esa sería a raia entre a Luisiana francesa e a Florida española[2].
Nas negociacións do tratado que concluiría a Guerra franco-india (no contexto da Guerra dos Sete Anos), Francia cedeu a Inglaterra a parte ao leste do río Mississippi da Luisiana, quedando expresamente excluído Île d'Orléans, que incluía Nova Orleáns. Esta transferencia produciuse a cambio de Cuba, que os británicos capturaran durante a guerra. Como resultado, nas seguintes dúas décadas os ingleses controlaron case toda a costa do golfo de México ao leste do río Mississippi.[1] A maior parte da poboación española abandonou Florida nese momento e o seu goberno colonial trasladouse á Habana (Cuba).
Un tratado separado transferiu o resto da Luisiana francesa a España.
Sendo este novo territorio demasiado grande para gobernar como un só, os británicos o dividiron en dúas novas colonias, Florida Occidental e Florida Oriental, separadas polo río Apalachicola, como se establece na Proclamación Real de 1763. Florida Oriental formouse coa maior parte da antiga Florida Española e mantivo a vella capital española en Saint Augustine. Florida Occidental englobou a terra comprendida entre os ríos Mississippi e Apalachicola, con Pensacola como capital. A fronteira norte foi establecida dun xeito arbitrario no Paralelo 31º N[1].
Moitos angloamericanos e americanos irlando-escoceses trasladáronse a este territorio neste momento. O Gobernador de Florida Occidental en novembro de 1763 foi George Johnstone, sendo o seu vicegobernador Montfort Browne, que foi un importante terratenente da provincia, quen promoveu o seu forte desenvolvemento. Sete Asembleas Xerais convocáronse entre 1766 e 1778[4][5].
En 1764, os británicos moveron a fronteira á latitude 32° 22′ norte, estendéndoa do río Yazoo ao río Chattahoochee, que incluía o Distrito Natchez e o Distrito Tombigbee[6]. A zona anexada incluía aproximadamente a metade inferior dos actuais estados de Mississippi e Alabama. Moitos novos colonos chegaron seguindo a estela das guarnicións británicas, aumentando a poboación. En 1774 o Primeiro Congreso Continental enviou cartas invitando a Florida Occidental a enviar delegados, pero a súa invitación foi declinada debido a que a poboación era abrumadoramente Lealista. Durante a Guerra da Independencia, o Gobernador de Florida Occidental era Peter Chester e o comandante das forzas británicas era John Campbell. A colonia foi atacada en 1778 pola Expedición Willing.
España intervino na Guerra de Independencia do lado de Francia e os Estados Unidos. Bernardo de Gálvez, gobernador da Luisiana española, liderou unha campaña militar ao longo da Costa do Golfo, arrebatando aos británicos en 1779 Baton Rouge e Natchez, Mobile en 1780 e Pensacola en 1781.
No Tratado de París de 1783, que pechou a guerra, os británicos accederon a situar a fronteira entre os Estados Unidos e a Florida Occidental no paralelo 31º Norte entre os ríos Mississippi e Apalachicola. Gran Bretaña tamén devolveu ambas provincias de Florida a España, que continuou a mantelas como colonias separadas. Non obstante, o tratado non especificou con claridade as fronteiras, dando orixe á Controversia de Florida Occidental. España reclamou a fronteira ampliada de 1764, mentres os Estados Unidos sostiñan que os límites eran os marcados polo paralelo 31. As negociacións de 1785–1786 entre John Jay e Diego de Gardoqui finalizaron sen chegar a ningunha conclusión satisfactoria. A polémica foi finalmente resolta en 1795 polo Tratado de San Lorenzo, no que España recoñeceu o paralelo 31 como a fronteira.
No secreto Tratado de San Ildefonso de 1800, España devolveu Luisiana a Francia; porén, as fronteiras tampouco ficaron fixadas neste tratado. Despois de que Francia vendera a Luisiana aos Estados Unidos en 1803, emerxeu unha nova disputa fronteiriza. Os Estados Unidos reclamaban o territorio que ía desde o río Perdido ao río Mississippi, que os americanos pensaban que fora unha parte da vella provincia da Luisiana cando os franceses a cederan no 1763. Os españois insistiron que eles detentaban a administración desa parte da provincia de Florida Occidental e que non pertencía ao territorio devolto a Francia en 1800[7].
Os Estados Unidos e España mantiveron longas negociacións non concluíntes sobre o status da Florida Occidental. Mentres tanto, os colonos americanos estableceron un punto de apoio na zona e resistíronse ao control español. Algúns colonos británicos que quedaran, tamén resistíronse á dominación española, chegando a unha rebelión en 1810 e ao establecemento dos 74 días da República de Florida Occidental.
O 23 de setembro de 1810, despois das reunións que deron comezo en xuño, os rebeldes derrotaron a gornición española de Baton Rouge e despregaron a bandeira da nova república: unha estrela branca solitaria nun campo azul. Esta bandeira foi confeccionada por Melissa Johnson, esposa do Maior Isaac Johnson, comandante dos Dragóns de Florida Occidental. Foi coñecida máis adiante como a "Bandeira Bonnie Blue"[8], e está considerada a inspiradora da bandeira de Texas e mesmo foi chamada tamén a bandeira da Estrela Solitaria, como a texana.
As fronteiras da República de Florida Occidental incluían todo o territorio ao sur do paralelo 31° N, ao leste do río Mississippi e ao norte da canle fluvial formada polo río Iberville, o río Amite, o Lago Maurepas, o Pass Manchac, o Lago Pontchartrain e o estreito dos Rigolets. O río Pearl cun ramal que desembocaba nos Rigolets formaban a fronteira oriental da república[9].
O 27 de outubro de 1810, o Presidente dos Estados Unidos, James Madison, proclamou a anexión da República de Florida Occidental, baseándose nunha feble reclamación de que o territorio formaba parte da Compra de Luisiana (véxase máis abaixo o apartado A reclamación dos EE. UU.)[10]. O goberno de Florida Occidental opúxose á anexión, preferindo negociar os termos do ingreso na Unión. O Presidente Fulwar Skipwith proclamou que estaba listo para "morrer en defensa da bandeira da Estrela Solitaria"[11][12][13]. William Charles Cole Claiborne foi enviado para tomar posesión do territorio, entrando coas súas forzas na capital, Saint Francisville, o 6 de decembro e en Baton Rouge o 10 de decembro. Claiborne, con todo, rexeitou recoñecer a lexitimidade do goberto de Florida Occidental, e Skipwith e o Parlamento remataron por aceptar a proclamación de Madison. A parte do territorio ao oeste do Río Pearl foi incorporado ao novo Territorio de Orleans o 14 de abril de 1812[14].
O 12 de febreiro de 1812, o Congreso foi autorizado de xeito secreto polo Presidente James Madison para tomar posesión da porción de Florida Occidental situada ao oeste do Río River que aínda non se encontraba en poder dos Estados Unidos, autorizándolle a empregar a forza militar e naval que fora necesaria[15]. Os Estados Unidos anexaron o Distrito Mobile de Florida Occidental ao Territorio de Mississippi o 14 de maio de 1812[16][17], aínda que esta decisión non levouse a cabo por unha forza militar ata preto dun ano despois (véxase o artigo sobre o papel do Xeneral Maior James Wilkinson). De acordo a un historiador, "a incorporación de Florida Occidental no distrito de Orleáns representa o xurdimento do imperialismo americano primixenio na recentemente construída Unión. O emprego da forza, non das negociacións, Claiborne e o seu exército, coa proclamación de Madison, obrigando a Skipwith e os seus simpatizantes a aceptar a dominación estranxeira"[18].
Polo tratado secreto do 1 de outubro de 1800 entre Francia e España, coñecido como o Terceiro Tratado de San Ildefonso[19], España devolveu a Francia a provincia de Luisiana, que nese momento aquel país posuía, e nos mesmos termos nos que Francia o posuíu en 1769[20].
É importante salientar que, na transferencia da Luisiana aos Estados Unidos, empregouse un linguaxe idéntico no seu artigo 3º que no do Tratado de San Ildefonso de 1800. A ambigüidade deste terceiro artigo debeuse ao propósito do enviado dos Estados Unidos, James Monroe, aínda que tivo que aceptar unha interpretación que Francia nunca houbera aceptado nin España permitido[21]. Monroe examinou cada cláusula do artigo terceiro e interpretou na primeira cláusula que España consideraba desde 1783 á Florida Occidental como parte de Luisiana. A segunda cláusula só servía para aclarar a primeira. A terceira cláusula referíase aos tratados de 1783 e 1795 e foi deseñada para salvagardar os dereitos dos Estados Unidos. Esta cláusula simplemente daba cumprimento ás outras[22].
De acordo a Monroe, Francia nunca desmembrou Luisiana mentres foi da súa posesión (consideraba que o 3 de novembro de 1762 foi a data do final da posesión francesa, e non 1769, cando Francia formalmente entregou a Luisiana a España). Despois de 1783 España uniu Florida Occidental á Luisiana, mantivo Monroe, de xeito que así completou a provincia tal como Francia a posuíu, coa excepción desas partes controladas polos Estados Unidos. Cunha interpretación estrita do tratado, polo tanto, España podería ser obrigada a ceder aos Estados Unidos ese territorio ao oeste do río Perdido que unha vez pertencera a Francia[22].
Os españois continuaron disputando a anexión de partes ao oeste da súa colonia de Florida Occidental, pero o seu poder na rexión era moi feble para impedilo. Continuaron administrando os restos da colonia (entre os ríos Perdido e Apalachicola) desde a súa capital, Pensacola.
O 22 de febreiro de 1819, España e os Estados Unidos de América asinaron o tratado de Adams-Onís. Neste tratado España cedía ámbalas dúas Floridas aos Estados Unidos a cambio dunha compensación e a renuncia ás súas pretensións sobre Texas[37]. Tras a ratificación de España do 24 de outubro de 1820 e dos Estados Unidos do 19 de febreiro de 1821, o tratado fíxose efectivo, establecéndose así os límites actuais.
O Presidente James Monroe foi autorizado o 3 de marzo de 1821 a tomar posesión da Florida Oriental e da Florida Occidental en nome dos Estados Unidos e a proporcionarlles unha gobernanza inicial[38]. Como resultado disto, o exército dos Estados Unidos tomaron e gobernaron ambas Floridas, con Andrew Jackson servindo como gobernador. Os Estados Unidos organizaron o Territorio de Florida o 30 de marzo de 1822, fusionando a Florida Oriental coa pequena parte da Florida Occidental ao leste do Río Perdido, e establecendo un goberno territorial[39]; foi admitido como un Estado na Unión o 3 de marzo de 1845[40].
Florida Occidental influíu na elección da actual capital de Florida. Ao principio, o Consello Lexislativo do Territorio de Florida decidiu rotar entre as capitais históricas de Pensacola e Saint Augustine. A primeira sesión lexislativa celebrouse en Pensacola o 22 de xullo de 1822; isto supuxo que os delegados de Saint Augustine tiveran que viaxar durante 59 días por mar para poder asistir. Para chegar á segunda sesión celebrada en Saint Augustine, os membros de Pensacola viaxaron durante 28 días por terra. Durante esta sesión, o Consello decidiu que os futuros encontros terían lugar nun punto intermedio para reducir as distancias. Finalmente foi Tallahassee, un asentamento apalache fundado a principios do século XVIII, o lugar elixido polas antigas capitais das Floridas Oriental e Occidental[41].
A parte da antiga Florida Occidental que agora se encontran en Luisiana son coñecidas como as Parroquias de Florida. O Museo Histórico da República de Florida Occidental está situada en Jackson, Louisiana, xestionada pola Asociación Histórica de Florida Occidental (West Florida Historical Association)[42]. En 1991 unha sociedade xenealóxica, os Fillos e Fillas da Provincia e República de Florida Occidental 1763-1810 (The Sons & Daughters of the Province & Republic of West Florida 1763-1810), foi fundada por descendentes de colonos dese período. O seu obxectivo incluía "reunir e conservar os rexistros, documentos e restos relacionados coa historia e xenealoxía da Florida Occidental anterior ao 7 de decembro de 1810"[43]. En 1993, a Lexislatura do Estado de Luisiana rebautizou á Interestatal 12, cuxa lonxitude total transcorre ao longo das Parroquias de Florida, como "Ruta Verde da República de Florida Occidental" (Republic of West Florida Parkway). En 2002, Leila Lee Roberts, unha bisneta de Fulwar Skipwith, doou a copia orixinal da Constitución da República de Florida Occidental e os documentos de apoio aos Arquivos Estatais de Luisiana[44].
Gobernadores baixo o dominio británico:
Gobernadores baixo o dominio español: