Joaquín Sánchez de Toca y Calvo, nado en Madrid o 24 de setembro de 1852 e finado en Pozuelo de Alarcón o 13 de xullo de 1942, foi un avogado e político español, vinculado ao Partido Conservador.[1]
Naceu en Madrid o 24 de setembro de 1852.[2][3]
Era o terceiro fillo de Melchor Sánchez de Toca y Sáenz de Lobera (marqués de Toca), cirurxián e médico da Real Cámara de Isabel II quen, in extremis, atendeu ao xeneral Juan Prim tras o atentado na rúa do Turco en 1870, que lle custou a vida; e de Francisca Calvo Pereira de Castro.
Estudou Dereito na Universidade de Bordeos e logo na Universidade Central de Madrid. En 1870, aos 18 anos, leu a súa tese de doutoramento sobre o matrimonio (Dereito Canónico), que publicou moi pouco despois con prólogo de Aureliano Fernández Guerra. Na década de 1870, casou con María Ballester. Iniciou a súa actividade política durante o reinado de Afonso XII ao ser elixido deputado por vez primeira polo Partido Conservador en 1884. Como deputado conservador, foi sempre elixido polo distrito de Mora de Rubielos (Teruel), polo que serían tamén deputados o seu fillo Joaquín Sánchez de Toca Ballester e o seu sobriño Fernando Sánchez de Toca Muñoz (1888-1974).
Foi nomeado alcalde de Madrid en 1896, baixo a rexencia da raíña viúva, María Cristina de Habsburgo-Lorena e ocupou o cargo até 1897.[4] Senador vitalicio tres anos máis tarde; a súa carreira gobernamental deu comezo cando o 23 de outubro de 1900 Marcelo Azcárraga o nomeou ministro de Agricultura, Industria, Comercio e Obras Públicas, cargo que ocupou até o 6 de marzo de 1901.[5]
Aos poucos meses do acceso ao trono do rei Afonso XIII, formou parte do goberno presidido por Francisco Silvela como ministro de Mariña (6 de decembro de 1902-20 de xullo de 1903).[5] Co conservador Antonio Maura foi ministro de Graza e Xustiza entre o 5 de decembro de 1903 e o 16 de decembro de 1904.[5] Ese mesmo ano ocupou a presidencia do Consello de Estado, así como máis tarde a do Senado.
En 1907 volveu a ocupar o cargo de alcalde de Madrid.[4]
En 1913 pasou a aliñarse na escisión conservadora que seguiu a Eduardo Dato en contra dos partidarios de Maura.
En 1914 foi Presidente do Senado e electo como membro da Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación.
O 20 de xullo de 1919 recibiu o encargo de formar goberno tras non conseguirse constituír un Ministerio de concentración conservadora. O seu mandato durou até que o 12 de decembro[5] tivo que dimitir en medio da crise resultante de non poder lograr rematar coas tensións sociais e facer fronte ao exército. Presidiu a Real Academia de Ciencias Morais e Políticas, da que formaba parte desde 1890. A súa obra escrita abordou un amplo abanico de temas sociais, políticos e xurídicos, así como históricos.
Opúxose á ditadura de Miguel Primo de Rivera por considerar que vulneraba o principio constitucional do réxime, rexido pola Constitución de 1876. Á caída daquel, foi chamado a consultas por Afonso XIII para formar goberno en 1931, algo que refusou. Durante a II República mantívose apartado da vida política. En 1933 concedeu unha entrevista ao Heraldo de Madrid na que criticaba tanto a monarquía afonsina, polos seus erros, como a República.
Faleceu en Pozuelo de Alarcón o 13 de xullo de 1942.[2][3][6]
20 de xullo de 1919 a 7 de decembro de 1919.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Joaquín Sánchez de Toca |