Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 27 de outubro de 1922 Buenos Aires, Arxentina | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 14 de novembro de 2001 (79 anos) Buenos Aires, Arxentina | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Lugar de sepultura | Cemiterio Jardín de Paz de Pilar | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista, adestrador de fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Centrocampista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Juan Carlos Lorenzo Pereira, coñecido como o Toto Lorenzo, nado en Bos Aires o 27 de outubro de 1922 e finado na mesma cidade o 14 de novembro de 2001, foi un xogador e adestrador de fútbol arxentino, de orixe galega.
Destacou principalmente como adestrador, forxando unha prestixiosa carreira, durante a cal gañou un notable número de títulos nacionais e internacionais en diferentes clubs, especialmente na Arxentina. Está considerado un dos mellores adestradores da historia do fútbol arxentino e un adestrador adiantado á súa época.[1][2]
Como futbolista xurdiu da canteira do Chacarita, formando parte do equipo que acadou o ascenso á Primeira división arxentina en 1941. Xogou tamén en Boca Juniors, logrando 3 títulos: unha copa nacional e dúas copas do Río da Prata. Destacou durante a súa estancia no RCD Mallorca, onde foi futbolista e adestrador ao mesmo tempo e co que logrou o ascenso desde a Terceira División á Primeira División en só dous anos.
Xa plenamente na súa carreira como adestrador, consagrouse conseguindo dous campionatos de liga con San Lorenzo en 1972, un deles de xeito invicto. Como adestrador do Atlético de Madrid, realizou unha grande actuación e conseguiu rematar como subcampión da Copa de Europa de 1974.
Os seus maiores logros conseguiunos dirixindo o Boca Juniors, club ao que levou a gañar un total de cinco títulos. A nivel nacional, consagrou ao equipo "xeneize" cun dobre campionato de Primeira División en 1976. Ademais gañou as dúas primeiras Copa Libertadores do club, en 1977 e 1978, así como a desaparecida Copa Intercontinental de 1977, tamén a primeira da historia do equipo.[3] Foi seleccionador arxentino en dúas Copas do Mundo: Chile 1962 e Inglaterra 1966.
Naceu na rúa Suipacha de Bos Aires en 1922, sendo o único fillo de dous emigrantes galegos que se coñeceran e casaran na Arxentina: José Lorenzo Pérez, un zapateiro ourensán, e Rosa Pereira Mallo, unha compostelá que traballaba pasando o ferro.[4] Foi súa nai quen lle deu o alcume de "Toto".[2]
Comezou a súa carreira como futbolista en Nueva Chicago, pasando logo ás categorías inferiores de Chacarita Juniors, aínda que estivo varios meses tamén no terceiro equipo de River Plate. Debutou na Primeira División Arxentina co Chacarita o 24 de novembro de 1940, ano no que o equipo acabou descendendo á Primeira B. Con todo, o equipo volveu lograr o ascenso na tempada seguinte e Lorenzo xogou nel ata 1944, cando foi transferido a Boca Juniors.[5]
Co club "xeneize" logrou dous subcampionatos, en 1945 e 1946. Pasou logo brevemente por Quilmes, antes de dar o salto a Europa, onde fichou pola Sampdoria italiana. Permaneceu no club xenovés até 1952, momento no que marchou a Francia incorporándose ao AS Lorraine.
En 1954 asistiu, por recomendación do seu adestrador Jacques Favre, a un curso de adestradores que realizaba a liga inglesa en Lilleshall. Pouco antes, nun partido amigable fronte ao Real Madrid no que debutou Alfredo Di Stéfano, viuno xogar o técnico arxentino Helenio Herrera, quen o levou en 1954 para o Atlético de Madrid.[2][6] Disputou 12 partidos na súa primeira tempada e anotou 4 goles. Militou no equipo madrileño unha tempada e media máis, aínda que sen gozar apenas de minutos, e en 1957 foi traspasado ao Rayo Vallecano, co que disputou a parte final da liga de Segunda División.
En agosto dese mesmo ano obtivo o título de adestrador nacional, na mesma promoción que Kubala e Di Stéfano entre outros.[7] Na tempada 1957/58 disputou 32 partidos co Rayo, anotando 7 goles, e acto seguido fichou como xogador-adestrador polo RCD Mallorca, de Terceira División, por recomendación de Di Stéfano.[2]
Como xogador-adestrador do Mallorca logrou gañar 25 de 30 partidos na tempada 1958/59, logrando o ascenso á Segunda División.[8] Na seguinte tempada, exercendo de novo como futbolista e técnico ao mesmo tempo, o equipo acabou campión e conseguiu o primeiro ascenso da súa historia á máxima categoría. Continuou xa só como adestrador na primeira tempada do equipo na Primeira División, pero tras 13 xornadas foi cesado nunha polémica decisión que provocou a dimisión de parte da directiva do club.[9][10]
En 1961 foi contratado por San Lorenzo de Almagro. Cun estilo que foi considerado innovador levou o club porteño ao subcampionato, o que lle abriu as portas da selección arxentina,[2] á que dirixiu no Mundial de 1962.
Logo da experiencia no equipo nacional o Toto regresou a Europa para dirixir á Lazio. O club romano atravesaba un dos peores momentos da súa historia, despois de descender por primeira vez á Serie B un ano antes. Lorenzo conseguiu levar a Lazio ao segundo lugar da táboa, conseguindo o ascenso esa mesma tempada, nun equipo no que destacaron Orlando Rozzoni, Idilio Cei e Diego Zanetti. Na súa segunda tempada en Roma, acadou o oitavo posto da Serie A.
Na tempada 1964/65 fichou polo outro gran equipo da capital italiana, a Roma, coa que conquistou ao pouco de chegar a primeira Copa de Italia para o club, tras derrotar ao Torino na final.
Volveu logo a San Lorenzo e na etapa previa á Copa Mundial de 1966 os dirixentes da Asociación do Fútbol Arxentino volvérono chamar para que dirixise a albiceleste no torneo intercontinental, onde logrou o quinto lugar final. En 1967 tivo un breve paso por River Plate, onde coincidiu con algúns xogadores da selección como Hugo Gatti e Jorge Solari, pero non conseguiu bos resultados.[2]
A principios de 1968 volveu ao Mallorca, para substituír na parte final da tempada a Vicente Dauder. Con todo, non chegou a rematar a campaña, pois abandonou o club despois de só seis xornadas por problemas co seu contrato.[11]
En 1968 volveu á Lazio, que se atopaba de novo na Serie B, e acadou un novo ascenso co club romano, rematando campión da segunda categoría. Continuou dous anos máis en Roma, onde tivo ás súas ordes ao histórico Giorgio Chinaglia e onde cruzou unhas acusacións co seu antigo mentor Helenio Herrera que lle valeron unha multa a ambos.[12][13] Na tempada 1970/71 o equipo acabou descendendo.
En 1972 volveu por terceira vez a San Lorenzo. A superioridade do equipo ese ano foi tal que acadou o título do Metropolitano catro xornadas antes de finalizar o torneo. No Torneo Nacional do mesmo ano, a superioridade foi aínda maior, logrando o título sen perder ningún partido e derrotando na final a River Plate cun gol de Luciano Figueroa na prórroga.[2]
En xullo de 1973 deixou o equipo porteño e aceptou o cargo de adestrador do Atlético de Madrid, que viña de gañar a liga o ano anterior.[14] Aínda que non puido revalidar o título ligueiro que foi para o Barcelona, realizou unha gran Copa de Europa, eliminando a Galatasaray, Dinamo de Bucarest, Estrela Vermella e Celtic, e plantándose na final, a primeira na historia do club. Na final, disputada no Estadio de Heysel contra o Bayern de Múnic de Udo Lattek, o partido chegou sen goles ata a prórroga, na que o Atlético se adiantou cun gol de Luis Aragonés, pero foi empatado no derradeiro minuto por outro de Georg Schwarzenbeck. Xogouse un partido de desempate dous días despois, e o equipo alemán conquistou o título con dous goles de Uli Hoeneß e outros dous de Gerd Müller. Renovou contrato por un ano máis pero en novembro foi substituído por Luis Aragonés debido aos malos resultados.[15]
En 1975 regresou a Arxentina para dirixir o recentemente ascendido Unión de Santa Fe. O equipo reforzouse con grandes fichaxes como as de Hugo Gatti, Rubén Suñé Ernesto Mastrángelo ou Victorio Cocco, e converteuse na revelación do campionato Metropolitano, acadando o cuarto lugar da táboa.
Ao ano seguinte fichou por Boca Juniors, onde comezou a súa etapa máis triunfante en canto a títulos. Decidiu levar consigo para Boca a tres xogadores do Unión: Gatti, Suñé e Mastrángelo. Na súa primeira tempada gañou os dous títulos do país (Torneo Metropolitano e Torneo Nacional) e ao ano seguinte conquistou a primeira Copa Libertadores de América para o club, tras derrotar ao Cruzeiro na quenda de penaltis do partido de desempate. En agosto de 1978 conquistou a Copa Intercontinental batendo na final ao campión de Europa, o Borussia Mönchengladbach alemán, e en novembro gañou a súa segunda Copa Libertadores consecutiva, tras non perder ningún partido na competición e gañar finalmente ao Deportivo Cali colombiano. Acadou aínda unha terceira final en 1979, pero caeu derrotado fronte ao Club Olimpia de Asunción.
En 1980 pasou a dirixir o Racing Club, e ao ano seguinte o Argentinos Juniors e outra vez San Lorenzo, co que viviu un dos seus peores momentos como adestrador, ao descender á Primeira B.[2] Pasou logo polo Atlante mexicano, o Vélez Sarsfield e o Atlanta, conseguindo con este último o ascenso en 1983 á primeira división.[2]
En 1984 regresou á Lazio para substituír a Paolo Carosi. Alí tivo ás súas ordes a Laudrup, Batista e Giordano entre outros. Con todo, non chegou a rematar a tempada, deixando o equipo tras 18 xornadas. En 1985 volveu durante varios partidos ao banco de San Lorenzo e en 1987 ao de Boca Juniors, para substituír o cesado Roberto Marcos Saporiti, pero os resultados seguiron sen chegar e tamén foi relevado despois de 14 xornadas e substituído por José Pastoriza.[16] Tras isto puxo punto e final á súa carreira como técnico despois de case tres décadas.
Juan Carlos Lorenzo dirixiu á selección arxentina de fútbol nas fases finais dos Mundiais de fútbol de 1962 e 1966 con diferente sorte. En Chile foi eliminado rapidamente na primeira rolda. En Inglaterra o equipo conseguiu pasar invicto a primeira fase e foi eliminado polo equipo local, que máis tarde sería campión, nun partido con polémica arbitraxe.[17]
Morreu en Bos Aires o 14 de novembro de 2001, aos 79 anos de idade, por unha infección pulmonar e diabetes.[18] O seu corpo foi incinerado e as súas cinzas espalladas detrás dunha portería de La Bombonera, estadio de Boca Juniors.[19]