Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1903 Ceuta, España |
Morte | 1980 (76/77 anos) Madrid, España |
Actividade | |
Ocupación | compositor, pianista |
Instrumento | Piano |
Juan Quintero Muñoz, nado en Ceuta o 19 de xuño de 1903 e finado en Madrid o 26 de xaneiro de 1980, foi un compositor e pianista español.
O seu nacmento en Ceuta foi accidental, xa que os seus pais encontrábanse alí por motivos laborais, sendo a súa residencia habitual a localidade gaditana de San Roque. Aos seis anos comezou a recibir leccións de solfexo e piano cunha profesora particular. Aos nove anos a súa familia trasladouse a Madrid, onde Juan Quintero continuou a súa formación musical.
Ingresou como neno de coro na Capela Gregoriana que dirixía en Madrid o mestre Pardo. Aos once anos compuxo un cuplé titulado El monoplano, que foi editado e estreado no cabaré Ideal-Rosales, e polo que recibiu 10,30 pesetas por dereitos de autoría. En 1915 ingresou no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. Estudou harmonía con Abelardo Bretón e composición con Amadeo Vives. Estudou piano con Joaquín Larregla e violín con Julio Francés. Finalizou a súa carreira en 1925, obtendo o premio extraordinario de piano.
Desde 1925 até a Guerra civil española Juan Quintero dedicouse preferentemente á interpretación como pianista, ben de música clásica, ben de música lixeira. Tamén realizaba suplencias nas orquestras de varios teatros madrileños como violinista. Acompañou ao violinista ruso Miltems e ao violoncelista húngaro Faldhesy, e formou parte do grupo de cámara Doble Quinteto Español. Tamén acompañou ao tenor arxentino Spaventa, e a Celia Gámez nunha das súas primeiras visitas a España.
A principios dos anos 1930 compuxo, xunto ao violinista Jesús Fernández Lorenzo, unha das súas obras máis coñecidas, o pasodobre toureiro En er mundo, creado para un saxofonista cubano, oriúndo de Manzanillo, de apelido Calzado pero mundialmente coñecido como Aquilino, que triunfaba daquela en Madrid. En 1932 compuxo Morucha, outra das súas cancións máis populares. Durante esta etapa compuxo outras cancións, tangos e pasodobres como Desencanto, Ojitos de luto, A mi madre, Talento, Frenazo, Abisinia, etc.
Ao estalar a guerra civil española traballou como pianista acompañante e violinista na orquestra do cine Capitol e no teatro Alcalá de Madrid. Aínda que non foi enviado á fronte, foi mobilizado e desempeñou funcións administrativas para o exército republicano nun cuartel de Madrid. En 1938 casou con Paquita Martos.
O 14 de marzo de 1941 estreouse no teatro Eslava unha obra súa, Yola (zarzuela cómica moderna en dos actos), composta xunto con José María Irueste Germán con libreto do cineasta José Luis Sáenz de Heredia e Federico Vázquez Ochando. Esta obra foi composta para o lucimento de Celia Gámez, e o éxito foi tal que Juan Quintero tamén foi chamado para compoñer outra das comedias musicais de Celia Gámez, Si Fausto fuera Faustina, con libreto de José Luis Sáenz de Heredia. En 1946 compuxo dúas comedias musicais, Ayer estrené vergüenza e Matrimonio a plazos.
Segundo o crítico do xornal Las Provincias de Valencia, con motivo da estrea de Ayer estrené vergüenza, tratábase dun espectáculo presentado con:
efectos vistosos, decorado rechamante, variedades, traxes sucintos, vicetiples gratamente desvestidas, moita variedade de cadros, brevidade dos mesmos (e esta é a nota esencial para que o público estea sen fatiga e coa atención sempre desperta), notas de humor, romanzas con sentimentalismo edulcorado, bailes con bandoneón ou como se chame iso, e con ritmos sincopados, segundo a receita americana, e un constante ir e vir de personaxes, de traxes variadísimos, de desfiles de mozas amenas e moi serias, con tiples-vedettes e tiples cantoras; por haber vedettes até na orquestra e vemos, non ao violín concertino, nin ao violoncello, senón ao jazz en tablado á parte para darlle aos seus adminículos competencia cos demais nobres instrumentos.
A pesar do grande éxito obtido por estas comedias musicais, Juan Quintero deixou a composición para o teatro e dedicouse preferentemente á composición para o cinema. O seu inicio no cinema foi bastante casual. Juan Quintero vivía no mesmo edificio que a actriz Guadalupe Muñoz Sampedro. Na casa desta actriz coincidiu co actor Juan de Orduña, que logo sería un dos máis importantes directores do cinema da posguerra. Juan de Orduña escoitou ao mestre Quintero interpretar a súa Suite granadina, e propúxolle realizar un documental sobre Granada baseándose na música. Quintero orquestrou a obra e o documental estruturouse a partir da partitura.
A súa primeira partitura cinematográfica foi para unha curtametraxe de Carlos Arévalo titulada Ya viene el cortejo, baseada nun poema de Rubén Darío. Juan de Orduña era quen recitaba o poema e quen lle propuxo o traballo a Quintero. En 1940 participou, xunto ao mestre Ruiz de Azagra, na música da película La gitanilla, dirixida por Fernando Delgado. Meses máis tarde compuxo, xa en solitario, a música de La florista de la reina, dirixida por Eusebio Fernández Ardavín.
Juan de Orduña foi canda o seu amigo Quintero para a realización da súa primeira película, Porque te vi llorar (1941), e a partir de aí comezou unha longa e frutífera colaboración.
Juan Quintero puxo música desde 1940 até que abandonou a composición para o cinema, a mediados dos anos 1960, a máis dun cento de filmes, traballando cos directores máis representativos do momento: Eusebio Fernández Ardavín, José Luis Sáenz de Heredia, Rafael Gil, Ladislao Vajda, Juan de Orduña e outros.
Filmes clásicos españois aos que puxo música son: filmes históricos como Locura de amor, Agustina de Aragón, Alba de América, Pequeñeces; comedias como Ella, él y sus millones, Deliciosamente tontos, Eloísa está debajo de un almendro; filmes folclóricos como Currito de la Cruz, La hermana San Sulpicio.[1]
Como era normal entre os compositores españois para o cinema, Juan Quintero non só compoñía a música, senón que tiña que encargarse da orquestración, a dirección, a contratación dos músicos e a gravación da música.
No ano 1952, tras varios anos como conselleiro da Sociedade Xeral de Autores e Editores, foi nomeado xefe da Sección de Cinema tras a morte de José Forns.[2] A finais dos anos 1950 foi deixando de compoñer para o cinema e dedicouse a traballos administrativos, en parte debido á súa crecente xordeira.
Morreu en Madrid o 26 de xaneiro de 1980 á idade de 76 anos.
Ano | Categoría | Filmes | Resultado |
---|---|---|---|
1946 | Mellor música | La pródiga Un drama nuevo |
Gañador |