Biografía | |
---|---|
Nacemento | 22 de abril de 1951 (73 anos) Sheffield, Reino Unido |
Actividade | |
Ocupación | guitarrista, pianista, cantante, compositor de cancións |
Período de actividade | 1969 - |
Membro de | |
Xénero artístico | Soft rock, pop rock e blue-eyed soul |
Instrumento | Guitarra, piano, Harmónica, baixo, teclado electrónico, órgano e voz |
Selo discográfico | Vertigo Compass Records (en) Columbia Records Chrysalis Ark 21 Records (en) |
Páxina web | paulcarrack.net |
Paul Melvyn Carrack, nado o 22 de abril de 1951 en Sheffield, Inglaterra, é un teclista, cantante e compositor do Reino Unido. Foi membro de varios grupos musicais tales como Ace, Roxy Music, Squeeze ou Mike & The Mechanics, como tamén tivo carreira en solitario.
O seu camiño musical iníciase no conxunto de rock progresivo Warm Dust, que publicou tres álbums entre 1970 e 1972. Carrack era o pianista, e de vez en cando utilizaba outros instrumentos, pero sen ser solista do grupo. Despois da disolución de Warm Dust, Carrack e o baixista Tex Comer crearon o grupo de pop-rock chamado Ace. Carrack compuxo e cantou "How long", un sinxelo que se converteu en éxito a ambos lados do Atlántico en 1975, sen que ningunha outra gravación do grupo obtivera popularidade. En 1977, Ace disolveuse e Carrack comezou a traballar como músico de apoio para Frankie Miller. Logo incorporouse como membro de Roxy Music, tocando os teclados no álbum de 1979 Manifesto. Carrack tamén participaría nos dous seguintes álbums do grupo, aínda que como músico de sesión, non como membro da banda.
Tras o seu paso por Roxy Music publica o seu primeiro álbum en solitario, Nightbird, que non foi un éxito comercial. En 1981, Glenn Tilbrook recrútao para unirse a Squeeze como substituto do pianista Jools Holland. Esta nova formación alcanzou éxito internacional co álbum East Side Story, onde Carrack é o vocalista na canción "Tempted", o seu maior éxito desa época en Estados Unidos. En 1982, Carrack abandona o grupo, sendo substituído por Don Snow.
Previamente, a finais de 1981, Carrack unírase con Nick Lowe para formar unha banda de acompañamento denominada Noise To Go, cuxo propósito era intervir nos respectivos álbums en solitario de ambos artistas, de modo similar á banda Rockpile nos álbums de Dave Edmunds e do propio Lowe. Noise To Go tamén aparecerá en Blue Nun, LP en solitario de Carlene Carter, esposa de Nick Lowe. A banda completábase con Martin Belmont na guitarra, James Eller no baixo e Bobby Irwin na batería. En 1982, a formación acompañou o LP en solitario de Carrack Suburban Voodoo.
Tras ese álbum, James Eller abandona Noise To Go, Nick Lowe encárgase do baixo eléctrico e a banda rebautízase como Nick Lowe and His Cowboy Outfit, que grava dous álbums entre 1983 e 1985, con Lowe como vocalista. Durante esta época, Carrack tamén traballou como músico de sesión para The Smiths e The Pretenders.
En 1985, Nick Lowe and His Cowboy Outfit foi disolto e Mike Rutherford, de Genesis, púxose en contacto con Carrack para que se unira a Mike & The Mechanics, o novo proxecto de Rutherford. Nos principios, Carrack era un dos dous cantantes alternos xunto a Paul Young; e así canta o éxito de 1985 "Silent Running (On Dangerous Ground)". Entrementres tamén compaxina a súa intervención no grupo con outras actividades musicais. En 1986, Carrack incorpórase ao recente grupo de Roger Waters, The Bleeding Hearts Band, con quen grava nese ano a banda sonora da película When The Wind Blows e ao ano seguinte o álbum en solitario de Waters Radio KAOS, ao que segue unha xira por Europa e os Estados Unidos. Aproveitando o éxito de Mike & The Mechanics, en 1987 edita o seu propio álbum One Good Reason, e o sinxelo "Don't Shed A Tear". Desde aquelas, logra manter tanto a súa carreira en solitario como con Mike & The Mechanics, unha banda que gravou e viaxou irregularmente debido aos compromisos de Rutherford con Genesis. En 1989 a banda consegue o número 2 das listas británicas con "The Living Years" con Carrack como voz. Tamén en 1989, interpreta a dúo con Terri Nunn «Romance», unha canción baseada nun éxito de sintetizador dunha banda alemá. A canción apareceu na banda sonora da película Sing.
A principios da década prodúcense un pequeno relanzo na súa carreira, aínda que continúa traballando con Mike + The Mechanics, sobre todo cos teclados. En 1990, en Berlín, traballa no innovador espectáculo The Wall de Roger Waters, interpretando "Hey You" ante 250.000 persoas. En 1993, únese co baixista Tony Levin, co batería Steve Ferrone, co guitarrista Phil Palmer e co produtor e tecladista Rupert Hine para formar a banda "Spin 1ne 2wo", lanzando un álbum con temas de Jimi Hendrix, The Who, Led Zeppelin, Blind Faith, Steely Dan ou Bob Dylan. Tamén en 1993, Squeeze contrata a Carrack para o seu álbum "Some Fantastic Place" e a xira de promoción. Con Carrack á voz, o disco foi un éxito coa súa canción "Tempted" que apareceu no filme Reality Bites (1994). Carrack acaba abandonando de novo o grupo un ano despois, cando se une con Timothy B. Schmit e Don Felder de The Eagles para un novo e ambicioso proxecto de gravación que finalmente non culmina. En 1996 recopila a súa carreira en solitario no disco Blue Views.
Mantivo a súa carreira activa como artista en solitario e músico de sesión compaxinando o seu traballo en Mike + The Mechanics en 2000, que no 2004, se rebautiza como Mike + The Mechanics & Paul Carrack.