Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 10 de outubro de 1906 Manhattan, Estados Unidos de América |
Morte | 24 de agosto de 1985 (78 anos) San Diego, Estados Unidos de América |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Estados Unidos de América |
Actividade | |
Ocupación | pianista , compositor |
Xénero artístico | Sinfonía |
Lingua | Lingua inglesa |
Instrumento | Piano |
Obra | |
Obras destacables
| |
Premios
| |
Paul Creston (Nova York, Estados Unidos, 10 de outubro de 1906 – San Diego, Estados Unidos, 24 de agosto de 1985) foi un compositor estadounidense de música clásica.
Nado na cidade de Nova York no seo dunha modesta familia de emigrantes sicilianos baixo o nome de Giuseppe Guttoveggio, Creston foi un compositor precoz e fundamentalmente autodidacta debido ás carencias económicas da súa familia. Á idade de oito anos comezou a tomar leccións de piano e violín.
Forzado a abandonar os seus estudos musicais para soster economicamente á súa familia, o mozo Giuseppe alternou o seu traballo en bancos e compañías de seguros con estudos tan variados como inglés, linguas estranxeiras, misticismo, piano e composición. O seu primeiro emprego como músico conseguiuno en 1926 como organista de teatros onde se exhibían películas mudas, ocupación na que se mantivo ata 1929. En 1934 foi contratado como organista na igrexa de San Malaquías, en Nova York, cargo que ostentou durante máis de trinta anos, ata 1967.
En 1940 Creston foi aceptado como profesor de piano e composición da Cummington School of the Arts de Massachusetts. Durante esta década compuxo igualmente varias partituras para a radio e a televisión, polas que obtivo varios premios, incluíndo o dos críticos de Nova York pola súa Primeira Sinfonía.
Autor prolífico, durante a década dos anos cincuenta estreáronse máis de trinta obras novas da súa autoría. A súa fama internacional expandiuse e a súa música, xunto á de George Gershwin e Samuel Barber, foi a máis interpretada dun compositor norteamericano no estranxeiro. Dende 1956 e ata 1960 ostentou o cargo de presidente da Sociedade de Compositores e Directores Americanos.
Cara a finais dos anos sesenta, a música de Creston comezou a caer no pesimismo e a escuridade, e perdeu a súa preponderancia na escena fronte ás obras de compositores máis novos e vangardistas. Creston sentíase amargado polo camiño que estaba tomando a música pero, a pesar diso, continuou compoñendo e en 1982 aínda estreou a súa Sexta Sinfonía para órgano no Kennedy Center de Nova York.
En 1975 Paul Creston retirouse de tódalas súas actividades docentes, residindo nun rancho nas aforas da localidade californiana de San Diego ata o seu falecemento en 1985 vítima dun cancro que se lle diagnosticou un ano antes.
A súa obra tende a ser lixeiramente conservadora e firmemente tonal no seu estilo, e cun forte compoñente rítmico.
O ritmo é a clave do estilo de Paul Creston, a súa técnica depende principalmente dun constante cambio das subdivisións do metro regular e do uso de modelos de ostinato rítmicamente irregulares. Cultivou unha exuberante e robusta linguaxe harmónica inspirada en técnicas impresionistas, usando as secuencias de acordes de dominante expandidos para evitar o establecemento de centros tonales, reducindo ó mínimo a percepción de disonancia. As súas formas son claras, concisas e ben organizadas, mostrando un enxeño notable no desenvolvemento temático, mentres que a súa música a miúdo transmite unha impresión de espontaneidade temeraria, case chulesca.
O seu catálogo inclúe, entre outras obras, seis sinfonías, dous concertos para violín, un para marimba, un para dous pianos, un para acordeón e un para saxofón alto, unha fantasía para trombón e orquestra e unha sonata tamén para saxofón alto escrita para Cecil Leeson. Algúns dos seus traballos atópanse inspirados na obra do poeta Walt Whitman.
Creston foi tamén un notable docente. Entre os seus discípulos encóntranse os compositores John Corigliano e Charles Roland Berry, así como os músicos de jazz Rusty Dedrick e Charlie Queener. Tamén é autor dos libros de teoría da música Principles of Rhythm (1964), Creative Harmony (1970) e Rational Metric Notation (1979).