Biografía | |
---|---|
Nacemento | 27 de xaneiro de 1832 Londres, Reino Unido |
Morte | 8 de febreiro de 1895 (63 anos) Londres. Inglaterra. |
País de nacionalidade | Británica. |
Q89547790 | Estudos de numismática oriental. |
Actividade | |
Campo de traballo | Orientalismo, arqueoloxía e numismática |
Ocupación | arqueólogo, historiador da arte, orientalista, exiptólogo, numismático, conservador |
Empregador | Museo Británico |
Familia | |
Cónxuxe | Eliza Christina Forlonge (1861). |
Premios | |
1892: Medalla da Royal Numismatic Society. | |
Descrito pola fonte | Dictionary of National Biography Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Encyclopædia Britannica |
Reginald Stuart Poole, nado en Londres o 27 de xaneiro de 1832 e finado na mesma cidade o 8 de febreiro de 1895, foi un orientalista, arqueólogo e numismático inglés.
A súa vida profesional estivo vinculada ao Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico.[1]
Reginald Stuart Poole naceu en Londres, no seo dunha familia de eminentes orientalistas. Era fillo do reverendo Edward Poole, un destacado bibliófilo, e de Sophia Lane Poole, autora de Englishwoman in Egypt (1844). Os seus pais separáronse na súa infancia e a súa nai levou os fillos a Exipto para vivir co irmán desta, o orientalista Edward William Lane. Durante a residencia de sete anos no Cairo, entre 1842 e 1849, Reginald Stuart comezou a desenvolver a atracción polas antigüidades exipcias.[2][3][4]
Á parte da súa nai e do seu tío, tamén o seu sobriño Stanley Lane-Poole foi un destacable orientalista e numismático, e outro dos seus tíos Richard James Lane, foi un coñecido litógrafo e gravador vitoriano.[3]
Durante a súa estadía en Exipto realizou investigacións en coleccións privadas de antigüidades en Alexandría e no Cairo, e subiu dúas veces o Nilo co propósito de estudar os seus monumentos e, xa antes dos seus 17 anos, plasmou os resultados das súas investigacións nos seus artigos en The Litterary Gazette, publicados despois, en 1851, co título de Horæ Ægyptiacæ[5].[2][6]
O 26 de febreiro de 1852 ingresou no Departamento de Antigüidades do Museo Británico e nunha reorganización posterior quedou adscrito ao Departamento de Moedas e Medallas. En xullo de 1866 foi nomeado conservador adxunto deste departamento e o 29 de outubro de 1870 foi ascendido a conservador titular, posto que ocupou ata o seu retiro.[2][3][6]
Ademais do seu labor administrativo, a maior contribución de Poole a esta institución foi a creación e o desenvolvemento do proxecto British Museum Catalogues of Coins, unha serie editorial concibida co obxectivo era acadar a edición de series de catálogos das coleccións de moedas do Museo Británico, con criterios académicos. O proxecto continuou logo do retiro de Pool e mantense na actualidade. Dentro deste proxecto, o propio Reginald Stuart Poole foi o editor de 35 catálogos das series centradas na moeda grega, na moeda oriental e na moeda da India, e foi o autor de cinco deles.[6][7]
Ademais do seu labor profesional no Museo, foi corresponsable do establecemento do Fondo de Exploración de Exipto en 1882 e da fundación da Sociedade de Medallistas en 1884[8].[2][3][6]
No ámbito docente, foi profesor titular de Arqueoloxía no University College London, onde sucedeu a Charles Newton, e tamén na Royal Academy.[3][6]
En 1876 foi elixido membro correspondente da Académie des Inscriptions et Belles-Lettres, de París, e en 1880 recibiu un doutoramento honorífico (Legum Doctor) pola Universidade de Cambridge[9].[2][6]
Poole foi un firme defensor da obra de Champollion en Inglaterra. En resposta ás críticas que este tivera por parte de George Lewis en 1862, Poole defendeu o método Champollion destacando as súas calidades como método de interpretación dos xeroglíficos.[10]
O 6 de agosto de 1861 casou con Eliza Christina Forlonge, filla do político colonial no Canadá William Forlonge, con quen tivo catro fillos.[2][6]
Reginald Stuart Poole retirouse en 1893 do seu posto no Museo Británico e en 1894 da súa cátedra universitaria, e faleceu en West Kensington, un distrito do Gran Londres, o 8 de febreiro de 1895.[3][6]
Algúns dos traballos máis significativos de Poole son os seus artigos para a novena edición da Encyclopædia Britannica, acerca de temas como Exipto, os xeroglíficos ou a numismática, e tamén as súas contribucións ao Smith's Dictionary of the Bible.[3][6]
A seguir amósanse os traballos monográficos máis salientables publicados por Reginald Stuart Poole ao longo da súa carreira:[12]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Reginald Stuart Poole |