Nome | Unión Sporting Club | |
---|---|---|
Alcume(s) | Corinthians | |
Fundación | 1922 | |
Desaparición | 1937 | |
Estadio | Campo da Florida, Vigo, Galicia | |
|
O Unión Sporting Club foi un equipo de fútbol que tiña a súa sede social no actual barrio vigués de Lavadores, concello independente ata o ano 1941 cando foi absorbido polo municipio de Vigo.
Naceu no ano 1922 da fusión do equipo vigués Comercial Foot-ball Club, que viña de ser subcampión da segunda categoría do campionato galego[1], e do Victoria Sporting Club. Chegou a xogar na Segunda División, pouco antes de desaparecer no ano 1937 a raíz da Guerra Civil. Comezou empregando como terreo de xogo o campo de Barreiro, pasando posteriormente a utilizar o campo da Florida.
As cores da súa vestimenta eran o branco na camisa e o negro no pantalón, polo que se lle coñeceu como o Corinthians.[2]
Debutou na Serie A do Campionato de Galicia na tempada 1922/23. Nas dúas campañas seguintes remata de pechacancelas, tendo que xogarse a permanencia en ambas as dúas ocasións fronte ao Alfonso XIII de Pontevedra (campión da Serie B), perdendo nas dúas ocasións[3][4], aínda que finalmente mantén a categoría pola renuncia ao ascenso do equipo pontevedrés, que o rexeita por non dispor dun campo propio, condición esixida polo regulamento para poder competir na Serie A[5]. Durante as seguintes tempadas remata entre a terceira e a sexta posición, ata que finalmente descende no ano 1930, xogando na Serie B durante dúas tempadas, ao fin das cales consegue proclamarse subcampión da categoría[6] e ascender á primeira división galega tras clasificarse terceiro na promoción[7].
Na tempada 1932/33, ano do seu retorno á máxima categoría do fútbol galego, completa unha gran participación quedando por detrás do Deportivo da Coruña, Racing de Ferrol e Celta de Vigo. Tanto Celta como Deportivo contan cunha praza na Segunda División estatal, polo que o terceiro e mais o cuarto clasificados da Serie A galega participan na Terceira División, por aquel entón un breve torneo no que se decidía quen ascendía a Segunda División. Nesta competición remata en segundo lugar no seu grupo, pero perde na fase final disputada mediante eliminatorias contra o Club Valladolid Deportivo. Ao ano seguinte volve rematar cuarto na Serie A e xoga a Terceira División na cal remata campión do seu grupo, pero non dá acadado o ascenso outra vez máis ao ser eliminado polo CD Logroño na fase final.
No verán de 1934 a RFEF elimina a Terceira División, instaurando no seu lugar un sistema de campionatos interrexionais. O Unión Sporting Club, ao ser cuarto na edición anterior do campionato galego, queda excluído do novo Campionato Mancomunado Galaico-Ástur, tendo que competir na Serie A do Campionato de Galicia xunto a clubs de menor potencial, finalizando campión e materializando o ascenso ao campionato superior.
A tempada 1935/36 é a penúltima da súa historia pero tamén a de maior éxito, conseguindo ser subcampión do Campionato Mancomunado por detrás do Oviedo[8]. Este gran logro ábrelle as portas para xogar na Segunda División desa mesma tempada. O papel do Unión Sporting non é moi bo, remata na última posición logrando tan só tres vitorias e un empate. Nese equipo figuraban xogadores como Talladas, Vaso, Pierla, Luís, Leonardo, Manolito, Venancio, Chicha, Cano, Herodes, Morla ou Cons.
Tralo golpe de estado que desembocou na Guerra Civil, o Unión Sporting Club pese a permanecer activo durante a tempada 36/37 non pode completala, retirándose antes de finalizala e cesando a súa actividade deportiva a mediados de 1937.
Trala contenda bélica, o Unión Sporting non retomou a súa actividade a causa da ideoloxía política de gran parte da súa directiva, co cal a maioría dos seus xogadores e mais algúns directivos de ideoloxía afín ao novo réxime ingresan no Fútbol Club Vigués, club que viña competindo na Serie B galega e que antes da guerra conseguira coroarse campión da división. O F.C. Vigués converteuse no filial do Celta de Vigo no ano 1939 formando un moi bo equipo cos veteranos do Celta e os ex xogadores do Unión, presentándose na Serie A galega a tempada 1939/40 conseguindo o segundo posto, por detrás do Deportivo da Coruña e por diante de clubs como o Eiriña CF e do propio Celta.
No verán de 1943, o Club Vigués é convidado pola RFEF a participar na nova terceira división, que adquire formato regular co ánimo de convertela no máximo expoñente do estado para os clubs modestos. Tras aceptar a proposta cambia o seu nome pasando a ser coñecido como Club Berbés e adoptando coma cores a camisa azulgrana e o pantalón negro. Conservará esta denominación ata o ano 1950 que cambiará por Celta de Vigo B (non confundir co actual Celta de Vigo B, sucesor do Club Turista).
|
|