Ao longo da súa vida chegou a usar os seguintes pseudónimos: Al Farish ibn Iaquim Al Galizi, Álvaro Labrada, Ariel García, Benito Moirón, Carlos Sobrado, Cristóbal Xordán, M. Mª Seoane, Manuel da Fonte, Mark Tapley, Patricio Mindonio, Patricio Mor, X. Berenguer, Xusto Cabarcos e Filón o Mozo.[6]
O seu pai era Joaquín Cunqueiro Montenegro, nado en Cambados, de profesión boticario, e a nai Josefa (Pepita) Mora Moirón, filla dun militar de Cachán (Riotorto).[7] O matrimonio tivo cinco fillos, dous deles morreron precozmente. Vivían na rúa Méndez Núñez, nº 1 de Mondoñedo, e a botica estaba instalada nos mesmos baixos do pazo episcopal mindoniense.[8] Os pais souberon transmitirlle ao seu fillo un rico legado de coñecementos sobre botánica, zooloxía, farmacoloxía e natureza. Ademais a nai era recordada pola súa capacidade para a invención de contos para engaiolar os fillos.[9]
Xa de pícaro lle gustaba ler, en especial lecturas populares da época, como noveliñas sobre Buffalo Bill e de FitzRoy, e el mesmo conta como escribiu a súa primeira novela ao xeito das do oeste na que os brancos falaban o castelán e os indios o galego (os indios vencían os brancos). Xa un pouco máis grandiño dedicaba tempo para ler poesía que lle aconsellaba o seu amigo José Ramón Santeiro.
Durante a Segunda República falou en Ribadeo nun mitin da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) e afiliouse ao Partido Galeguista. En 1932 coñeceu a Federico García Lorca e librou do servizo militar por estreito de peito.[8] A sublevación dos militares en 1936 sorprendeu a Cunqueiro en Mondoñedo, e por influencia da súa familia, moi conservadora, non foi obxecto de represalias, pero mudouse a vivir a Ortigueira, onde o crego de Abadin, Daniel Pernas Nieto, amigo de seu pai, era capelán do Hospital-Asilo daquela vila. Pernas conseguíulle unha praza de profesor na Academia de bacharelato Santa Marta, que estaba dirixida polo crego vilalbés Jesús Márquez Cortiñas. Na capital do Ortegal,[13] á que chega en outubro de 1936, faríase amigo de Feliciano Crespo Bello, xefe comarcal da Falanxe, que o protexería, e nomearía xefe comarcal de Prensa e Propaganda. En Ortigueira sería redactor dun semanario falanxista local de nova creación, Era Azul.[9] pois se afiliaría á Falange Española. Os artigos en Era Azul chamaron a atención de Jesús Suevos, xefe territorial da Falanxe en Galicia e director de El Pueblo Gallego, que lle pediu en maio de 1937 que entrase na redacción do xornal, no que xa colaborara antes da guerra. Aceptou e marchou para Vigo. Durante esa estadía en Vigo tamén ensinou, durante un curto período de tempo, lingua portuguesa no instituto da cidade.
En novembro de 1938 fixou a residencia en Donostia e cando a ocupación de Madrid polo exército franquista, Cunqueiro estableceuse alí o 29 de marzo. Un desagradábel incidente co embaixador francés truncou a súa carreira de xornalista. O escritor incumpriu o seu compromiso de escribir uns artigos sobre o Camiño de Santiago, logo de percibir por iso unha cantidade.[9] A retirada do carné profesional en 1944, imposta como sanción, limitou o que viña sendo desde algúns anos o seu medio de vida.[14] Volveu a Mondoñedo en 1947 e produciuse un afastamento do pensamento franquista. Nesta década estivo no cárcere[15]. A partir de 1960 exerceu como cronista oficial de Mondoñedo e no ano seguinte estableceuse en Vigo, traballando para Faro de Vigo. O 23 de abril de 1961 a Real Academia Galega elixiuno como académico de número[16] por 23 votos a favor, 6 abstencións e 1 en contra, proposto por Ricardo Carballo Calero, Domingo García-Sabell Rivas, Aquilino Iglesia Alvariño e Ramón Otero Pedrayo. Dous anos despois leu o seu discurso de ingreso, Algunhas imaxinaciós sober tesouros[17], respondido por Francisco Fernández del Riego.
O primeiro Cunqueiro foi fundamentalmente poeta e despois da guerra civil española dedicouse sobre todo á narrativa e ao xornalismo. Foi un escritor polifacético e a súa extensa obra literaria abrangue os eidos xornalístico, poético, narrativo e teatral, sen esquecer os seus traballos de tradución. Segundo o Diccionario da literatura galega:[18]
"Tal capacidade integradora alcanza o esmero dunha lingua culta e vangardista que, sen embargo, parece enfornada no rexistro oral, no contar "coma quen come pan", deste gran fabulador de "felicísima memoria deformante", que revolucionou o noso panorama e é hoxe considerado como a súa figura máis importante neste século."
"A súa obra caracterízase pola superación do concepto tradicional dos xéneros. Nela harmonízanse a fantasía -da recreación de figuras e mitos- co pragmatismo, as esencias do mundo popular galego co eco intertextual. A lingua empregada, culta e vangardista, enfócase dende o punto de vista da oralidade, feito este que revolucionou o panorama literario galego. Xunto á súa actividade estritamente literaria e ao xornalismo asinou outros traballos, como conferencias, libros de viaxes e mesmo obras gastronómicas".
Cunqueiro mantivo unha actitude crítica e escéptica co pasado celta de Galicia, cualificando o celtismo galego coma un mito.[20][21] Foi o autor da famosa cita Mil primaveras máis para a lingua galega, que figura na súa sepultura "Eiqui xaz alguén, que coa súa obra, fixo que Galicia durase mil primaveras máis", xunto con outra que reza "Loubado seña Deus que me permitiu facerme home neste grande Reino que chamamos Galicia".
Na súa primeira estadía compostelá foi redactor e colaborador de diversos xornais e revistas coma El Pueblo Gallego. De volta en Mondoñedo, participou no movemento editorial dos anos trinta promovendo a aparición de varias publicacións (inseridas no ambiente vangardista da época) como Papel de color, Editorial Un, e Galiza, da que editou o primeiro número o 25 de xullo de 1930.[11]
Anos máis tarde colaborou e dirixiu en Ortigueira a publicación local falanxista Era Azul. En 1937 entrou na redacción de El Pueblo Gallego como encargado da parte literaria e colaborador de asuntos actuais. En novembro de 1938 fixou a residencia en Donostia e entrou na redacción de La Voz de España. Tamén foi subdirector de Vértice, publicación da Delegación Nacional de Prensa e Propaganda, revista na que publica La historia del caballero Rafael (1939), a súa primeira narración en castelán. Xa en Madrid o 29 de marzo e incorporouse á redacción do ABC.
Desde 1961 traballou no Faro de Vigo como colaborador fixo. Desde novembro de 1964 exerceu como director de Faro de Vigo e Faro Deportivo, dirección que abandonou voluntariamente en 1970.[22] Deixou innumerábeis artigos en xornais como Vallibria, La Voz de Galicia, El Progreso e Faro de Vigo e revistas como El Escorial ou Fantasía.[23]
Cunqueiro sempre se definiu como poeta,[4] con todo, a obra poética foi descoñecida ou considerada menor ata a publicación conxunta en Obra en galego completa, I (1980), que posibilitou o acceso a uns libros non reeditados ou esquecidos perante a importancia da súa prosa. Apenas lida, a súa poesía viña sendo identificada co neotrobadorismo, nunha lectura simplista e fragmentaria.
Mar ao norde (1932) é a súa primeira obra cun sincretismo vangardista con algo de cubismo ou creacionismo. Son poemas breves nos que se opoñen o mar e a terra, e a illa é o centro na última parte. Segundo Xosé Ramón Pena:[24]
"Mais estoutro mar de Cunqueiro resulta, polo contrario, un mar situado "Máis alá", un mar abstracto, despoboado de calquera referencia que permita establecer os fíos entre a experiencia e a propia experiencia metaforizada: Mentres en Manuel Antonio o mar é suxeito da poesía (activo) ou subxectiva de quen poetiza, no de Mondoñedo, o mar é simplemente obxecto (pasivo) onde poetizar."
Poemas do si e non (1933) está na liña do surrealismo e semella un especial conto erótico, unha historia de amor (desamor, elexía do amor) que ten lugar nunha verdadeira irrealidade espazo-temporal (engade Xosé Ramón Pena). Cantiga nova que se chama Riveira (1933) achégase á tradición, converténdose no máis importante libro de poemas do neotrobadorismo galego e recuperando a forma das cantigas medievais inzada de imaxes novas. As orixes do libro están na lectura das cantigas de amigo e nas cantigas de amor de José Joaquim Nunes. Dona do corpo delgado (1950) contén poemas confidenciais, nostálxicos, herméticos e tamén neotrobadorescos. Herba aquí e acolá (1980) recolle poemas das últimas décadas. Está dividido en dúas partes: "As historias" e "Vellas sombras e novos cantos". Está considerado como un verdadeiro testamento literario do autor.[4]
O primeiro Cunqueiro foi fundamentalmente poeta, de xeito vangardista, neotrobadoresco e culturalista.
Amancio Prada puxo música a varios poemas de Álvaro Cunqueiro en A dama e o cabaleiro (1987).[26]
A condición de "novelas" das tres primeiras foi posta en dúbida debido ao seu carácter fragmentario e á particular estrutura baseada fundamentalmente na suma de relatos. E a cualificación de "retratos" ou de "semblanzas" das segundas minguou por veces o seu carácter narrativo encadrándoas na descrición costumista. Os relatos curtos achegan o lector á realidade especificamente galega, a dun mundo a piques de desaparecer, e son máis realistas. As novelas mesturan moitos elementos: o mundo galego, a tradición clásica greco-latina, a tradición oriental, a materia da Bretaña, a cultura en xeral.[9]
Cunqueiro fixo convivir mitos tirados de tradicións diferentes. Ademais, as súas narracións están protagonizadas por persoas cos seus soños, as súas teimas, os seus sentimentos e, por enriba de todo, a súa imaxinación.
Na súa Historia da Literatura Galega IV Xosé Ramón Pena estuda amplamente as diferentes visións dos críticos literarios sobre a obra do escritor de Mondoñedo: a literatura de evasión, a reinvención dos mitos, o posible realismo máxico...[27]
De 1932 é a breve Rúa 26 (Diálogo limiar), na que dous homes, en posición perfectamente verosímil, ollan cun anteollo de longa vista dentro dun vaso de auga. Segue Xan o bó conspirador (1933), que ofrece a confrontación, no fondo dun espello, entre o home tradicionalista, cálido e fino, e o espírito revolucionario dun home, calculador e materialista, que non ten historias que contar.[28] En Función de Romeo e Xulieta, famosos namorados (1956), que aparece entre as historias que lle acontecen ao Sochantre de Pontivy, alúdese á obra de Shakespeare e intégrase o texto na novela As Crónicas do Sochantre. A anécdota fabulada e relatada nas crónicas desenvólvese por medio dunha representación teatral all’improviso de acordo coas normas de representación da Commedia dell’ Arte.[29] Ofrécese unha visión absurda que se adianta aos principais representantes do absurdo europeo como E. Ionescu.[30]
A máis salientábel é O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1958), na que Cunqueiro presenta unha versión persoal do mito de William Shakespeare. A novidade que Cunqueiro achega é o feito de considerar a Hamlet fillo do usurpador, co que as súas relacións coa nai se converten en edípicas e tócase o tema da culpa.
En 1960 acada o Premio Valle-Inclán de teatro no marco do Certame Literario do Miño coa obra A noite vai coma un río. A peza, publicada en 1965, está protagonizada polo personaxe de dona Inés de Valverde e segundo Laura Tato Fontaíña:[31]
Álvaro Cunqueiro abandona os mitos para realizar «unha pequena obra mestra» na que predomina o elemento lírico. A obra mantén a unidade coa presenza de dona Inés e da súa ama Modesta, por cuxa torre van pasando os fuxitivos dunha guerra. Estes personaxes secundarios son quen alimentan o soño de dona Inés para provocar, de súpeto, a súa decepción, pois ela decátase de que nunca atopará o seu verdadeiro amor e quedará condenada á soidade.
Palabras de víspera (1974) está protagonizada polo rei Afonso VI de León antes da Xura de Santa Gadea, coa súa irmá Urraca polo medio. Autor dalgunhas pezas máis, aínda que no seu tempo o seu teatro non foi ben comprendido, si ten mérito pola actualización de mitos e a súa vocación intemporal e universal.
Ademais da súa actividade como xornalista e como literato, hai que destacar a súa dedicación ao mundo da cultura, con múltiples conferencias, relatorios etc. Foi tamén un destacado gastrónomo con fama en toda Galicia de bo coñecedor de comidas e bebidas. O seu libro A cociña galega (1973) foi un fito na normalización do galego ao entrar en centos de fogares que non lían nada en galego. Cunqueiro foi un adiantado na consideración positiva dos escritos gastronómicos e leva o seu nome un premio de xornalismo gastronómico que, organizado polo Concello de Lalín —en colaboración coa Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña—, celebrou en 2019 a edición XXV.[32]
O seu coñecemento de Galicia permitiulle elaborar unha morea de artigos e guías turísticas das cidades e rías galegas, en castelán a maioría, dando a coñecer os puntos de interese para os viaxeiros españois en Galicia.
Casou en 1940 con Elvira González-Seco Seoane, filla de César González-Seco Romero e da mestra Josefa Seoane. Álvaro e Elvira terían dous fillos: César (1941, notario) e Álvaro (1944).[1] Elvira finaría anos despois de Álvaro, en 1995.
Álvaro Cunqueiro morreu ás catro da madrugada do 28 de febreiro de 1981 no Hospital Xeral de Vigo, despois dunha longa enfermidade.
Herba aquí ou acolá (1980). Galaxia.[25] En 1991 publicouse unha edición aumentada. Edición bilingüe galego-castelán no 1988, en Visor.[38] Tamén foi traducida ao catalán.[39]
Poesía 1932-1933 (Mar ao norde/Cantiga nova que se chama Riveira/Poemas do si e non) (2004). Galaxia. 140 páxs. ISBN 978-84-8288-665-7.
Poesía 1933-1981 (Dona do corpo delgado/Herba aquí e acolá/Outros poemas) (2011). Galaxia. 308 páxs. ISBN 978-84-9865-381-6.
Obra en galego completa I: poesía e teatro (1980). Galaxia. ISBN 84-7154-358-3.
Xente de aquí e de acolá (1971). Galaxia. Traducida ao castelán como La otra gente,[58] ao francés como Gens d'ici et de là no 1988[59] e como Galiciens, corbeaux et parapluies no 1992,[60] publicada en Actes Sud, ao inglés como People from Here and Beyond en 1989 por Sheila Ingrisano [61] e como Folks from here and there no 2011, por Kathleen March,[62] ao asturiano como Xente d'equí y d'acullá,[63] ao éuscaro como Han-hemengo jendea e ao polaco como Moje plemię en 2009, por varios tradutores ao cargo de Jadwiga Konieczna-Twardzikowa.[64]
Rúa 26 (Diálogo limiar) (1932). Revista Yunque. Publicada tamén por Laiovento en 1995 e por Galaxia en Don Hamlet e outras pezas (2007), ISBN 978-84-8288-125-6.
A noite vai coma un río (1965). Grial, nº 10. Reeditado por Galaxia en 1974 (Don Hamlet e tres pezas máis) e 2007 (traxedia breve: un prólogo e dúas xornadas).
Palabras de víspera (1974). Galaxia. Incluído en Don Hamlet e tres pezas máis.
Xan, o bo conspirador (1978). Grial, nº 60. Escrita en 1933.[72] Publicada por Galaxia en Don Hamlet e outras pezas (2007), ISBN 978-84-8288-125-6.
Don Hamlet e outras pezas. Teatro galego completo. 1932-1968 (2013). Galaxia. ISBN 978-84-8288-125-6.
Obra en galego completa I: poesía e teatro (1980). Galaxia. ISBN 84-7154-358-3.
Laude da camelia (1981). Comisión de cultura da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra,
Ollar Galicia (1981). Destino. Fotografías de Raimon Camprubí. 207 páxs. ISBN 978-8423311729.
Álvaro Cunqueiro: escritos recuperados (1991). Universidade de Santiago de Compostela. Edición preparada polo Departamento de Filoloxía Galega da USC. ISBN 9788471917355.
Encuentros, caminos y noticias en el reino de la tierra (1992). Compostela. ISBN 84-85553-67-5.
Papeles que fueron vidas (1994). Tusquets. 281 páxs. ISBN 8472234398.
Por el camino de las peregrinaciones y otros textos jacobeos (2004). Alba. 171 páxs. ISBN 8484282074. Foto Magar.
Viajes y yantares por Galicia. Obra periodística olvidada en "Vida Gallega" (1954–1963) (2005). 194 páxs. Alvarellos. ISBN 84-85311-20-5.[85]
El laberinto habitado: los artículos de Álvaro Cunqueiro en "Destino" (1961–1976) (2007). Nigra. 616 páxs. Edición de María Liñeira.[86]ISBN 978-8495364609.
Viaje a Lugo: páginas sobre la ciudad (2011). Alvarellos. 197 páxs. ISBN 9788489323650.
Prólogos, epílogos y otros escritos dispersos (2011). Follas Novas. ISBN 978-84-695-0165-8.
De santos y milagros (2012). Fundación Banco Santander. 444 páxs. Edición de Xosé Antonio López Silva. ISBN 978-84-92543-32-8.
San Gonzalo (1945) baixo o pseudónimo de Álvaro Labrada. Editora Nacional, Madrid. En 1968 figura en Flores del año mil y pico de ave, onde figura xa como autor Álvaro Cunqueiro. Despois da morte do mindoniense unha tradución para o galego de San Gonzalo foi publicada pola editorial Ir Indo no ano 2000. No ámbito galego, o principal interese espertado pola obra débese ao plaxio dalgúns fragmentos d´A romaría de Xelmírez de Otero Pedrayo.[88]
Flores del año mil y pico de ave (1968). Reeditado en 1990 por Seix Barral. 242 páxs. ISBN 8432230774. Reeditado por Galaxia, Col. Mar Maior (2014). 280 páxs. ISBN 978-84-9865-538-4.
Un hombre que se parecía a Orestes (1969). Destino, Col. Áncora & Delfín.[90]Premio Nadal 1968. Reeditado por Destino en 2004 e por Austral en 2011 (ISBN 9788423345380).
Obras literarias en castellano. Tomo 1: Merlín y familia; Las crónicas del sochantre; Las mocedades de Ulises; Cuando el viejo Simbad vuelva a las islas; Flores del año mil y pico de ave (2004). Fundación José Antonio de Castro. 845 páxs. ISBN 84-96452-15-8.[93]
Obras literarias en castellano. Tomo 2: Un hombre que se parecía a Orestes - Vida y fugas de Fanto Fantini della Gherardesca - El año del cometa con la batalla de los cuatro reyes - La otra gente - Tertulia de boticas prodigiosas y escuela de curanderos - Las historias gallegas - Elegías y canciones - Un poema y cuatro prosas - Crónica de la derrota de las naciones (Fragmentos) - Rogelia en Finisterre (2006). Fundación José Antonio de Castro. ISBN 84-96452-16-6.[94]
Teatro venatorio y coquinario gallego (1958). José María Castroviejo: Arte de la caza. Álvaro Cunqueiro; Arte de cocina: Álvaro Cunqueiro. Ed. Monterrey. Reeditado en 2005 por Ézaro. ISBN 9788493388850.
Viaje por los montes y chimeneas de Galicia: caza y cocina gallegas (1962). Con José María Castroviejo. Espasa Calpe. Col. Austral. ISBN 978-8423913183 (1997).
Premio Gil Vicente en 1934 por Cantiga nova que se chama riveira.[96]
Premio da Crítica española en 1959 por Las crónicas del sochantre, que en realidade foi unha tradución d´As crónicas do sochantre, que escribira primeiro.
En 1962 Manuel Halcón concedeulle o Premio Juan Palomo de xornalismo.[97]
Premio Conde de Godó en 1966 polo seu traballo como xornalista.[98]
Premio Nadal en 1968 por Un hombre que se parecía a Orestes.[99]
Premio Frol da Auga en 1979 por Herba de aquí e acolá.[100]
Premio da Crítica española e 1979 por Os outros feirantes.[101]
González-Millán, X. (1988). Proceso textual y desintegración narrativa en la novelística de Álvaro Cunqueiro(tese)|format= require |url= (Axuda)(en castelán).
—————— (1991a). Álvaro Cunqueiro, os artificios da fabulación. Editorial Galaxia.
—————— (1991b). Álvaro Cunqueiro e "Merlín e familia". Editorial Galaxia.
—————— (1996). Fantasía e desintegración na narrativa de Álvaro Cunqueiro. Fundación Alfredo Brañas. ISBN84-88051-63-8.
López-Casanova, A. (1994). Álvaro Cunqueiro e a vangarda poética. Fundación Alfredo Brañas.