Biografía | |
---|---|
Nacemento | 30 de xaneiro de 1934 Zamora, España |
Morte | 22 de xullo de 1999 (65 anos) Madrid, España |
Educación | Universidade de Salamanca |
Actividade | |
Ocupación | poeta, profesor universitario |
Membro de | |
Xénero artístico | Poesía |
Movemento | Xeración de 1950 de Literatura española |
Premios | |
Claudio Rodríguez García, coñedido como Claudio Rodríguez, nado en Zamora o 30 de xaneiro de 1934 e finado en Madrid o 22 de xullo de 1999, foi un poeta español. Enmarcado na Xeración do 50, recibiu ao longo da súa vida os máis importantes galardóns de poesía en España. Claudio Rodríguez foi valorado pola crítica como un dos máis brillantes da lírica española na segunda metade do século .
Alcumado "Cayín", foi fillo de María García Moralejo e de Claudio Rodríguez Diego, de orixe humilde aínda que lector de poesía e autor dalgúns versos. En 1939 nace o seu irmán Javier e en 1945, as xemelgas Marisa e Maricarmen. Desde o cinco anos pasou longas tempadas na casa da súa avoa materna en contacto coa natureza e os labores do campo. Estuda o bacharelato no Instituto Claudio Moyano. É bo estudante e compañeiro, e xoga asiduamente ao fútbol. O 23 de marzo de 1947 morreu o seu pai e a súa vida deu un xiro decisivo ao quedar a familia na ruína. Claudio ha de dedicarse á administración das terras no campo e tratar con xornaleiros. Acentúase a súa "teima andariega" e refúxiase na lectura. Faise axudante dun profesor de latín e francés e estuda con el a métrica latina, francesa e castelá. Le a Rimbaud na súa lingua orixinal e mantense en contacto co seu profesor de literatura Ramón Luelmo.
Formouse moito na biblioteca paterna: clásicos españois, en particular os místicos, e poetas franceses do século : Charles Baudelaire, Verlaine e Rimbaud. Úneo aos místicos a actitude contemplativa, mentres con Rimbaud a pronta madurez poética. Cara a 1948 escribe os seus primeiros poemas, que el chama "exercicios para piano". Publica Nana de la Virgen María noCorreo de Zamora, en 1949. En 1951, trasládase a Madrid para estudar Filoloxía Románica cunha bolsa. Aos 18 anos gaña o premio Adonais por Don de la ebriedad, libro que impresiona a Vicente Aleixandre co que manterá unha amizade profunda, case filial, e a quen dedicará o seu libro Conjuros. A súa familia faino estudar Dereito en Salamanca, pero retírase e opta polas letras. En 1953 coñece a Clara Miranda (nada en Zarauz, e falecida en Madrid, o 5 de marzo de 2022), quen será a súa compañeira.[1] Faise amigo de Leopoldo Panero e Luís Rosales.
A comezos do curso 1955-56, prepárase un Congreso Universitario de Escritores Novos, aprazado a febreiro do ano sucesivo pola morte de Ortega. Rodríguez participa no Boletín e vive de pensión en pensión, ata que se instala no Colexio Maior José Antonio. Nos primeiros meses de 1956, afíliase ao Partido Comunista, pero sae inmediatamente (dura vinte minutos a súa permanencia) por unha discusión co irmán de Jorge Semprún. Antes, un grupo de descoñecidos déralle unha malleira, por estar na organización do Congreso, patrocinado polo PCE. De todos os xeitos, fóra xa do congreso, participa nos enfrontamentos coa policía entre o 1 e o 9 de febreiro, polo que é detido e posteriormente vixiado. (O congreso nunca se realizará, pois nos tumultos morreu un estudante falanxista).
Licenciado en Filoloxía Románica en 1957 cunha tese sobre El elemento mágico en las canciones infantiles de corro castellanas, baixo a dirección de Rafael de Balbín. Ese verán fixo o servizo militar.
En 1958, publica Conjuros e, coa axuda de Dámaso Alonso e Vicente Aleixandre, viaxou a Inglaterra, onde traballou como lector de español en Nottingham (1958-1960). O 23 de xullo de 1959 casou con Clara Miranda. Trasládase logo a Cambridge (1960-1964), co mesmo cargo. Descobre aos románticos ingleses sobre todo William Wordsworth e Dylan Thomas, que influirán na súa poética. En 1963 é incluído na antoloxía Poesía última de Francisco Ribes, onde tamén aparecen poemas de Eladio Cabañero, Ángel González, José Ángel Valente e Carlos Sahagún, autores que conforman o grupo poético madrileño que se deu a coñecer na década de 1950-1960, ao que os críticos bautizaron co nome de xeración dos 50. En Inglaterra escribiu Alianza y condena, Premio da Crítica 1965, e fixo amizade con Francisco Brines, lector en Oxford. En 1968 foi incluído na Antología de la nueva poesía española.[2]
De regreso a Madrid, dedícase ao ensino universitario. O 31 de xullo de 1974 morre asasinada en Madrid a súa irmá María del Carmen.[3] Un ano máis tarde, morre a súa nai.[4]
Os anos setenta significan a consagración definitiva do poeta. Os sucesivos, o recoñecemento oficial. En 1976, publica o seu cuarto poemario El vuelo de la celebración. En 1980, a Modern Language Association of America dedícalle unha sesión en Houston. En 1983, Premio Nacional de Poesía por Desde mis poemas, recompilación dos seus catro primeiros libros; en 1986 é Premio das letras de Castela e León. O 17 de decembro de 1987 é elixido membro de número da Real Academia Española, na cadeira deixada vacante por Gerardo Diego. En marzo de 1992 le o seu discurso de ingreso á RAE, titulado: "Poesía como Participación: Hacia Miguel Hernández". En 1993 publica Casi una leyenda, o que será o seu último libro de poemas. O 28 de marzo de 1993 recibe o Premio Príncipe de Asturias das Letras e cinco días despois o II Premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana da Universidade de Salamanca.
Faleceu en Madrid aos 65 anos de idade como consecuencia do un cancro de colon que padecía e que acabara en metástase.[5][6]
A Galicitas posúe citas sobre: Claudio Rodríguez |