Coroa británica (moeda)

Para outras moedas coa denominación de "coroa", véxase a páxina de homónimos Coroa (moeda).
Coroa británica (moeda) †
Crown en Inglés
Anverso
Reverso
Ámbito:Inglaterra Inglaterra (ata 1707).
Reino Unido Reino Unido (desde 1707).
Fracción:Media coroa.
Moedas:Coroa.
Emisor:

A coroa británica (en inglés: british crown), inicialmente coñecida como coroa inglesa (english crown) ou coroa da dobre rosa (crown of the double-rose), foi unha moeda introducida en Inglaterra en 1526 pola reforma monetaria de Henrique VIII (1509-1547), cun valor de 5 xilins ou, o que é o mesmo, a cuarta parte dunha libra esterlina. As derradeiras coroas cuñáronse en 1965.[1][2][3]

Coroa inglesa

[editar | editar a fonte]
Coroa inglesa de ouro (crown of the double rose), cuñada ca. 1526-1529 a nome de Henrique VIII de Inglaterra e Catarina de Aragón. 26 mm. 3,69 g.[4]
Coroa inglesa de prata, do primeiro ano de emisión (1551), cuñada a nome de Eduardo VI. 41 mm. 30,78 g.[5]

As primeiras coroas foron cuñadas en ouro de 22 quilates a nome de Henrique VIII.[4] As máis tradicionais coroas de prata comezaron a emitirse en 1551, durante o curto reinado de Eduardo VI de Inglaterra (1547-1553), e conviviron na circulación coas coroas de ouro ata 1662.[3][5] Baixo o reinado de María I (1553-1558) non se cuñou este valor, aínda que a súa sucesora, Isabel I (1558-1603), retomou a súa produción en ambos os metais. Ata a época da Commonwealth de Inglaterra seguiu a ser habitual a cuñaxe de coroas tanto de ouro como de prata, polo que ambas as versións se poden atopar en tempos de Xacobe I (1603-1625) e de Carlos I (1625-1649).[1][2]

Coroa inglesa da raíña Ana, con VIGO baixo o busto, cuñada en 1703 coa prata capturada na Batalla de Rande

A existencia da coroa de prata encádrase nunha denominación común de varias moedas de prata de diversas nacións europeas aparecidas no século XVI, como o escudo francés ou o real de oito español, coa característica común de teren un diámetro aproximado de 38 milímetros e un peso de arredor dunha onza, o que favorecía o seu intercambio e o seu uso no comercio internacional. As coroas de prata inglesas foron cuñadas en todos os reinados a partir do de Isabel I.[1]

A composición da aliaxe das coroas de prata era a estándar da prata esterlina, cun 92,5 % de prata e un 7,5 % de cobre, establecida no século XII por Henrique II (1154-1189). Esta aliaxe, malia ser máis pobre que a prata pura, achegáballe máis dureza ás moedas, o que dificultaba en gran mediada o recorte ou a cisallaxe dos bordos, o que se tornou aínda máis complicado coa introdución dos cantos estriados.

Coa creación do Reino de Gran Bretaña (1707-1801), a coroa inglesa foi substituída pola coroa británica.[1][2]

En 2014 acadouse un prezo récord mundial por unha moeda dunha coroa inglesa. Trátase dun exemplar único emitido como proba polo gravador Thomas Simon en 1663 e coñecida como Reddite Crown,[6] que lle foi presentada a Carlos II como proposta para as súas emisións monetarias, aínda que finalmente non foi aceptada, en favor do deseño dos irmáns Roettiers. O prezo acadou as 396.000 libras nunha poxa numismática da compañía Spink & Son que tivo lugar en Londres o 27 de marzo de 2014.[7]

Coroa británica

[editar | editar a fonte]
Deseño de Pistrucci no reverso dunha coroa británica da raíña Vitoria

A coroa británica, nada por mor da unión de Inglaterra e Escocia nun único reino en 1707, é, pois, sucesora da coroa inglesa e tamén do dólar escocés. O seu valor seguiu a ser equivalente a cinco xilins.[1][2]

Os cuños para as moedas dos dous primeiros soberanos de Gran Bretaña, Ana (1707-1714) e Xurxo I (1714-1727) foron obra de John Croker, un gravador proveniente de Dresden, no ducado de Saxonia.[8]

A partir de 1818 tomouse como deseño habitual dos reversos unha imaxe de San Xurxo e o Dragón creada polo italiano Benedetto Pistrucci (1784-1855), gravador da Royal Mint.[3][9] Levan estes motivo todas as coroas cuñadas durante os reinados de Xurxo III (1760-1801) e de Xurxo IV (1820-1830) cuñadas ata 1822, así como as de Vitoria (1837-1901) producidas entre 1887 e 1900, as de Eduardo VII (en 1902) e as de Xurxo VI (1936-1952) cuñadas en 1951.[10][11][12][13][14] Esta imaxe tamén se usou para os reversos dos soberanos a partir de 1817.[15]

A coroa británica tiña un tamaño habitual para as moedas de prata do século XIX, pero no século XX as súas dimensións supuñan xa un impedimento para a súa circulación. No entanto, mantívose a tradición de cuñalas no primeiro ano de coroación dun novo monarca, o que ocorreu desde Xurxo IV ata Isabel II (1953), coa única excepción de Xurxo V (1910-1936).[1]

Por mor do seu excesivo tamaño para a circulación moitas das coroas emitidas no século XX tiveron un carácter fundamentalmente conmemorativo.[3] En 1935 conmemorouse o 25 aniversario de reinado de Xurxo V;[16] a emisión de 1951 dedicouse á exposición nacional Festival of Britain e só se emitiu para os coleccionistas;[14] a de 1953 celebraba a coroación de Isabel II,[17] en tanto que a de 1960 conmemoraba a Exposición Británica de Nova York.[18] A emisión de 1965 levaba a imaxe de Winston Churchill, a primeira vez que unha moeda británica amosaba o busto dalquén alleo á familia real.[1][19]

A coroa como moeda de prata con valor de cinco xilins (e cada un deles composto de 12 peniques) mantivo a súa vixencia ata a decimalización do sistema monetario británico en 1971, aínda que a de 1965 foi a derradeira en emitirse.[1]

A coroa no sistema decimal

[editar | editar a fonte]

No momento da decimalización, en febreiro de 1971, seguiu a utilizarse a deneminación de coroa para unha moeda de idéntico formato co valor reconvertido a 25 peniques (peniques do sistema decimal), e ás pezas cuñadas a partir de 1818 recoñecéuselles o curso legal por esa cantidade. A partir de aí, seguiron a cuñarse co novo valor de 25 peniques (aínda que non apareza expreso), dotadas de curso legal aínda que con carácter exclusivamente conmemorativo.[20][21][22]

En 1990, o valor nominal das coroas cuñadas a partir desa data subiuse a cinco libras, para harmonizar a relación entre o seu tamaño, o seu valor nominal, os custos de produción e os beneficios da Royal Mint pola súa comercialización.[1][21]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Chard, L. (2018). "The Story of the British Crown". Chards.co.uk
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Clayton, T. "Five Shillings, Quarter Guinea and Five and Six". Coins of England and Great Britain.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 "Crown Arquivado 03 de novembro de 2019 en Wayback Machine.". The Royal Mint Museum.
  4. 4,0 4,1 "1 Crown - Henry VIII Crown of the double-rose". Numista.
  5. 5,0 5,1 "1 Crown - Edward VI 3rd period; Fine Silver issue". Numista.
  6. Reynolds, G. (2018). "The Most Famous Coins or Patterns in the History of Britain: The Petition Crown & Reddite Crown". En Coin Week. 3 de xaneiro.
  7. "Spink Sets New World Record for a Silver English Coin". www.spink.com
  8. Wroth, W. W. (1885-1900). "Croker, John (1670-1741)". En Dictionary of National Biography. Vol. 13
  9. "Crown 1822, Coin from United Kingdom - detailed information". Online Coin Club.
  10. "1 Crown - George IV 1st portrait". Numista.
  11. "1 Crown - Victoria 2nd portrait". Numista.
  12. "1 Crown - Victoria 3rd portrait". Numista.
  13. "1 Crown - Edward VII". Numista.
  14. 14,0 14,1 "5 Shillings - George VI Festival of Britain". Numista.
  15. "1 Sovereign - George III". Numista.
  16. "1 Crown - George V Silver Jubilee". Numista.
  17. 17,0 17,1 "5 Shillings - Elizabeth II Coronation". Numista.
  18. 18,0 18,1 "5 Shillings - Elizabeth II British Exhibition". Numista.
  19. "1 Crown - Elizabeth II Churchil l". Numista.
  20. "How can I dispose of commemorative crowns? And why do some have a higher face value than others? Arquivado 13 de abril de 2020 en Wayback Machine.". The Royal Mint.
  21. 21,0 21,1 "Five Poun Coin". The Royal Mint.
  22. Clayton, T. "Decimal Crown-sized Coins (25 pence and Five Pounds)". Coins of England and Great Britain.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]