Dólar presidencial[1][2] | |
---|---|
A/: busto do presidente dos EEUU homenaxeado. Sobre el, o seu nome. Por baixo, o seu ordinal e as datas da súa presidencia (desde 2009, precedido pola lenda IN GOD WE TRUST). | R/: Estatua da Liberdade, co valor facial á esquerda. Lenda: UNITED STATES OF AMERICA |
|
O dólar presidencial (en inglés: presidential dollar coin) é unha serie de moedas estadounidenses co valor facial dun dólar, emitida a partir de 2007, caracterizada por reproducir nos seus anversos os retratos dos presidentes dos Estados Unidos falecidos e no reverso a Estatua da Liberdade.
A serie do dólar presidencial foi autorizada pola Lei pública 109-145, aprobada o 22 de decembro de 2005.[3]
Entre 2007 e 2011, os dólares presidenciais cuñáronse para a súa posta en circulación en grandes cantidades, o que deu lugar á acumulación dunha importante reserva destas moedas á espera de seren utilizadas. No entanto, as emisións de dólares presidenciais de 2012 a 2016 foron destinadas unicamente ao coleccionismo numismático, polo que as súas tiraxes son máis reducidas.[1][2]
O 4 de decembro de 2020 emitiuse unha nova moeda da serie do dólar presidencial, na honra de George H. W. Bush, que morreu logo do pechamento inicial do programa en 2016.[4][5]
O proxecto de lei para a creación da serie do dólar presidencial foi presentado no Senado dos EEUU polo senador John E. Sununu o 17 de maio de 2005, contando xa co apoio de 70 senadores.[6]
O 29 de xullo de 2005 foi aprobada sen emendas pola Comisión de Banca, Vivenda e Asuntos Urbanos do Senado, e esta mesma cámara aprobouna por consentimento unánime o 18 de novembro, unicamente cunha emenda de carácter técnico.[7]
Pola súa banda, a Cámara de Representantes deulle a súa aprobación o 13 de decembro.[8]
Finalmente, logo da súa aprobación por ambas as cámaras, o proxecto de lei envióuselle ao presidente George W. Bush o 15 de decembro e este asinouno con data de 22 de decembro de 2005, converténdose así en lei.[9]
A lei pola que se crea esta nova moeda dun dólar ten o seu fundamento no fracaso suposto pola introdución do dólar Sacagawea, que se pretendía que tivese unha ampla circulación nos Estados Unidos. A nova lei atendía a demanda que diversos sectores sociais amosaban dunha moeda dun dólar que resultase útil, e esperaba que o atractivo do cambio de deseño aumentase a súa aceptación pública, tendo en conta, ademais, que a recepción por parte da poboación da serie de moedas dun cuarto de dólar conmemorativa dos 50 estados estaba a ser satisfactoria. No caso de que o éxito esperado entre a poboación non se producise finalmente, esperábase que os coleccionistas estivesen tan interesados nesta serie de dólares como o estaban a amosar coa dos cuartos de dólar dos 50 estados, que xerou 6.300 millóns de dólares en señoriaxe —é dicir, na diferenza entre o valor nominal das moedas e o custo da súa produción—, entre xaneiro de 1999 e decembro de 2008.[10]
Mais, de xeito diferente ao que sucedía cos cuartos dos 50 estados, que substituíu o modelo anterior, a lei obrigou a Casa da Moeda dos Estados Unidos a que continuase coa produción do dólar Sacagawea en paralelo á do dólar presidencial, coa condición de que polo menos un terzo dos dólares cuñados correspondese a dólares Sacagawea, e ademais esta serie debería continuar en produción logo de finalizado o programa do dólar presidencial.[11]
No entanto, os representantes da Reserva Federal indicáronlle ao Congreso que "se o programa do dólar presidencial non é quen de estimular unha demanda substancial de moedas dun dólar, o requisito de que a casa da moeda siga a producir dólares Sacagawea suporía un custo para os contribuíntes sen ningún beneficio". Nese caso, a Reserva Federal "recomendaría encarecidamente que o Congreso volvese avaliar o requisito establecido dun terzo".[12] O devandito requisito dun terzo modificouse posteriormente a un quinto de dólares Sacagawea, mediante a Lei de moedas dun dólar "Nativos americanos" —continuación da serie Sacagawea—, aprobada o 20 de setembro de 2007.[13]
Algunhas versións previas desa lei, anteriores á súa versión aprobada, pedían a retirada da circulación das moedas dun dólar emitidas con anterioridade ao dólar Sacagawea, sinaladamente do dólar Susan B. Anthony, mais o texto finalmente aprobado limítase a ordenar ao secretario do Tesouro que estudase o asunto e informase o Congreso. A lei esixe aos organismos do Goberno federal —incluído o Servizo Postal—, ás empresas que operen neses organismos e aos servizos de transporte financiados polo Goberno federal a que acepten e dispensen moedas dun dólar antes de xaneiro de 2008, e a que exhiban carteis indicadores de que o fan.[2]
O programa do dólar presidencial comezou a executarse o 1 de xaneiro de 2007, en paralelo ao das moedas dun cuarto de dólar dedicadas aos 50 estados dos EEUU, coa previsión de que finalizase no momento en que fosen honrados todos os presidentes defuntos do país. Prevíase a emisión de catro dólares anuais con cadanseu anverso dedicado a un presidente, na orde cronolóxica do seu período de mandato. A condición para formar parte deste programa era a de que o falecemento se producira polo menos dous anos antes do momento da cuñaxe.[14]
O reverso das moedas desta serie é común a todas elas e caracterízase pola reprodución da Estatua da Liberdade e a indicación do valor facial "$1", xunto coa denominación do país, UNITED STATES OF AMERICA.[1][2]
Ao longo do canto das moedas figura a indicación do ano de cuñaxe, a marca de ceca, trece estrelas e a lenda E PLURIBUS UNUM, nunha disposición como esta: ★★★★★★★★★★ 2009 D ★★★ E PLURIBUS UNUM. Antes de 2009, tamén se reproducía neste canto a lenda IN GOD WE TRUST, mais unha emenda aprobada en decembro de 2007 obrigou a trasladar ese lema ao anverso da moeda, onde se colocou debaixo do busto.[15] A palabra "Liberty", tan característica da moeda dos Estados Unidos, non está presente nesta serie de moedas, xa que se considerou que a inclusión da Estatua da Liberdade como motivo principal dos reversos era suficiente para transmitir esa mensaxe de liberdade.[1][2]
No relativo á súa composición metálica, nesta serie seguíronse os mesmos parámetros que na serie do dólar Sacagawea, dedicada á cultura nativa americana.[2]
A primeira moeda do dólar presidencial posta ao dispor da poboación foi a dedicada ao presidente George Washington, o día 15 de febreiro de 2007, na honra do "día dos presidentes", que se celebra nos Estados Unidos o 19 de febreiro de cada ano.[16]
En 2011 acumulábanse 1.400 millóns de moedas dun dólar aínda non postas en circulación,[17] unha cantidade que, dispostas en horizontal, poderían cubrir a distancia entre Os Ánxeles e Chicago. En 2016, esa cantidade tería chegado aos 2.000 millóns se a produción se mantivese sen cambios.[18]
A representante por California Jackie Speier emitiu unha circular titulada Dear Colleague ("Estimado colega"), na que recomendaba que os Estados Unidos non cuñasen ningunha moeda dun dólar, e tiña a intención de presentar un proxecto de lei que esixise a interrupción inmediata de todas as moedas deste valor.[19]
A Oficina de Contabilidade do Goberno dos EEUU, pola súa banda, declarou que a supresión do billete dun dólar en favor da moeda equivalente aforraría ao Goberno uns 5.500 millóns de dólares en tres décadas.[20]
O 13 de decembro de 2011, o daquela vicepresidente Joe Biden e o secretario do Tesouro, Timothy Geithner, anunciaron que se suspendería a cuñaxe das moedas dun dólar presidencial destinadas á súa posta en circulación,[17] de xeito que as que faltaban para concluír o programa, comezando pola dedicada a Chester A. Arthur, se emitirían en cantidades moi reducidas, co fin de atender as necesidades dos coleccionistas numismáticos.[21]
A lei especifica que para que un presidente dos Estados Unidos sexa honrado dentro desta serie debe estar falecido polo menos dous antes da emisión da moeda correspondente.[22][23] Xa que logo, os expresidentes, George H. W. Bush, Jimmy Carter, Bill Clinton, George W. Bush e Barack Obama non puideron formar parte desta serie cando esta finalizou en 2016, logo de honrar a Ronald Reagan, o derradeiro presidente que cumpría as condicións, consonte a lei.
Dado que o programa estaba concluído, a produción de moedas na honra de novos presidentes falecidos requiriría a aprobación dunha nova lei polo Congreso.[24] Así as cousas, o 12 de febreiro de 2019, o senador John Cornyn presentou un proxecto de lei coa intención de autorizar un novo dólar da serie presidencial na honra de George H. W. Bush, que foi convertido en lei coa sinatura do presidente Donald Trump o 28 de xaneiro de 2020.[25]
O 8 de marzo de 2007, a US Mint anunciou que o 15 de febreiro dese ano entrou na circulación un número indeterminado de moedas dun dólar presidencial co busto de George Washington carente das regulamentarias inscricións nos seus cantos —a data, a marca de ceca e os lemas IN GOD WE TRUST e E PLURIBUS UNUM—. Ron Guth, do Professional Coin Grading Service, calcula que se cuñaron aproximadamente 50.000 moedas con este erro. O primeiro exemplar que se coñece no mercado do coleccionismo acadou o prezo de 600 dólares en eBay, aínda que a finais de marzo de 2007 se produciron sucesivas vendas doutros exemplares entre os 40 e os 60 dólares.[26][27] Debido a que un dos lemas que faltan é IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos"), algunhas publicacións refírense a eles como "dólares sen Deus" (Godless dollars).[28][29] No mercado do coleccionismo detectáronse tamén falsificacións destes dólares "sen Deus", producidos mediante a limadura dos seus cantos.[30][31]
Tamén se descubriron exemplares de dólares presidenciais dedicados a John Adams cos cantos lisos. Estes son máis escasos que os anteriores e, xa que logo, resultan menos accesibles no mercado. Nesta mesma emisión, coñécese tamén algún espécime co canto duplicado, por ter pasado dúas veces pola prensa encargada do gravado do canto.[32] A maioría destes casos corresponde a dólares procedentes da Ceca de Filadelfia, e o erro apréciase en dúas variantes: unha con ambas as inscricións na mesma dirección e outra coas inscricións en direccións opostas.[33][34]
A principios de marzo de 2007, unha parella de Colorado achou unha moeda dun dólar presidencial da que só estaba cuñado o canto, polo que tanto o seu anverso como o seu reverso estaban completamente lisos.[35][36]
Polo demais, os dólares presidenciais aparecen indistintamente coas letras do canto orientadas cara ao anverso ou cara ao reverso; isto non se trata dun erro numismático senón do resultado do propio proceso de cuñaxe, que non ten en conta este factor ao situar os discos na prensa, polo que se estima que aproximadamente existe un 50 % dos exemplares con cada unha das orientacións.[37]
Amósanse na seguinte táboa as imaxes dos dólares da serie presidencial, así como algúns datos relevantes de cada ano de emisión:[1][2]
Presidente e período | Anverso | Data | Tiraxes | |||
---|---|---|---|---|---|---|
Imaxe | Gravado / deseño | Denver | Filadelfia | Total | ||
George Washington | J. Menna | 2007 | 163.680.000 | 176.680.000 | 340.360.000 | |
John Adams
1797-1801 |
C. L. Vickers / J. Iskowitz | 2007 | 112.140.000 | 112.420.000 | 224.560.000 | |
Thomas Jefferson
1801-1809 |
J. Menna | 2007 | 102.810.000 | 100.800.000 | 203.610.000 | |
James Madison
1809-1817 |
D. Everhart / J. Iskowitz | 2007 | 87.780.000 | 84.560.000 | 172.340.000 | |
James Monroe
1817-1825 |
J. Menna | 2008 | 60.230.000 | 64.260.000 | 124.490.000 | |
John Quincy Adams
1825-1829 |
D. Everhart | 2008 | 57.720.000 | 57.540.000 | 115.260.000 | |
Andrew Jackson
1829-1837 |
J. Licartez / J. Iskowitz | 2008 | 61.070.000 | 61.180.000 | 122.250.000 | |
Martin Van Buren
1837-1841 |
P. Hemphill / J. Iskowitz | 2008 | 50.960.000 | 51.520.000 | 102.480.000 | |
William Henry Harrison
1841 |
J. Menna | 2009 | 55.160.000 | 43.260.000 | 98.420.000 | |
John Tyler
1841-1845 |
P. Hemphill | 2009 | 43.540.000 | 43.540.000 | 87.080.000 | |
James K. Polk
1845-1849 |
C. L. Vickers / S. Gamble | 2009 | 41.720.000 | 46.620.000 | 88.340.000 | |
Zachary Taylor
1849-1850 |
D. Everhart | 2009 | 36.680.000 | 41.580.000 | 78.260.000 | |
Millard Fillmore
1850-1853 |
D. Everhart | 2010 | 36.960.000 | 37.520.000 | 74.480.000 | |
Franklin Pierce
1853-1857 |
C. L. Vickers / S. Gamble | 2010 | 38.360.000 | 38.220.000 | 76.580.000 | |
James Buchanan
1857-1861 |
P. Hemphill | 2010 | 36.540.000 | 36.820.000 | 73.360.000 | |
Abraham Lincoln
1861-1865 |
D. Everhart | 2010 | 48.020.000 | 49.000.000 | 97.020.000 | |
Andrew Johnson
1865-1869 |
D. Everhart | 2011 | 37.100.000 | 35.560.000 | 72.660.000 | |
Ulysses S. Grant
1869-1877 |
D. Everhart | 2011 | 37.940.000 | 38.080.000 | 76.020.000 | |
Rutherford B. Hayes
1877-1881 |
D. Everhart | 2011 | 36.820.000 | 37.660.000 | 74.480.000 | |
James A. Garfield
1881 |
P. Hemphill | 2011 | 37.100.000 | 37.100.000 | 74.200.000 | |
Chester A. Arthur
1881-1885 |
D. Everhart | 2012 | 4.060.000 | 6.020.000 | 10.080.000 | |
Grover Cleveland
1885-1889 |
D. Everhart | 2012 | 4.060.000 | 5.460.000 | 9.520.000 | |
Benjamin Harrison
1889-1893 |
P. Hemphill | 2012 | 4.200.000 | 5.640,001 | 9.840,001 | |
Grover Cleveland
1893-1897 |
D. Everhart | 2012 | 3.920.000 | 10.680,001 | 14.600,001 | |
William McKinley
1897-1901 |
P. Hemphill | 2013 | 3.365,100 | 4.760.000 | 8.125,100 | |
Theodore Roosevelt
1901-1909 |
J. Menna | 2013 | 3.920.000 | 5.310,700 | 9.230,700 | |
William Howard Taft
1909-1913 |
M. Gaudioso / B. Fox | J2013 | 3.360.000 | 4.760.000 | 8.120.000 | |
Woodrow Wilson
1913-1921 |
D. Everhart | 2013 | 3.360.000 | 4.620.000 | 7.980.000 | |
Warren G. Harding
1921-1923 |
M. Gaudioso | 2014 | 3.780.000 | 6.160.000 | 9.940.000 | |
Calvin Coolidge
1923-1929 |
P. Hemphill | 2014 | 3.780.000 | 4.480.000 | 8.260.000 | |
Herbert Hoover
1929-1933 |
P. Hemphill | 2014 | 3.780.000 | 4.480.000 | 8.260.000 | |
Franklin D. Roosevelt
1933-1945 |
J. Menna | 2014 | 3.920.000 | 4.760.000 | 8.680.000 | |
Harry S. Truman
1945-1953 |
D. Everhart | 2015 | 3,500.000 | 4,900.000 | 8,400.000 | |
Dwight D. Eisenhower
1953-1961 |
J. Menna | 2015 | 3.645,998 | 4.900.000 | 8.545,998 | |
John F. Kennedy
1961-1963 |
D. Everhart | 2015 | 5.180.000 | 6.160.000 | 11.340.000 | |
Lyndon B. Johnson
1963-1969 |
M. Gaudioso | 2015 | 4.200.000 | 7.840.000 | 12.040.000 | |
Richard Nixon
1969-1974 |
D. Everhart | 2016 | 4.340.000 | 5.460.000 | 10.000.000 | |
Gerald Ford
1974-1977 |
P. Hemphill | 2016 | 5.040.000 | 5.460.000 | 10.500.000 | |
Ronald Reagan
1091-1989 |
R.Masters / J. Menna | 2016 | 5.880.000 | 7.140.000 | 13.020.000 | |
George H. W. Bush
1989-1993 |
J. Menna / E. Hagler | 2020 | 1.502.425 | 1.242.275 | 2.744.700 |
A mesma lei pola que se creou a serie do dólar presidencial prevé tamén a creación dunha serie de moedas de ouro con valor facial de 10 dólares mediante a que se honra cada un dos cónxuxes dos presidentes que forman parte da serie presidencial, na mesma orde e coa mesma cadencia que esta. Ata hoxe, todos os cónxuxes das persoas que ocuparon a presidencia dos EEUU foron mulleres e, xa que logo, reciben adoito a denominación de primeiras damas, aínda que a lei utiliza o termo "primeiro cónxuxe" (en inglés: first spouse), sen marca de xénero.[114]
No anverso das moedas desta serie figuran os retratos das esposas dos presidentes falecidos e os seus nomes, así como as datas e o ordinal do período do mandato dos seus maridos. Tamén no anverso, amósanse o lema IN GOD WE TRUST e a palabra LIBERTY, xunto coa data de emisión e a marca de ceca. Cada moeda ten un deseño único para o seu reverso, cunha imaxe emblemática da vida ou da obra da esposa homenaxeada, así como o nome do país e o lema E PLURIBUS UNUM e indicacións sobre a lei e o peso da moeda: $10 · 1/2 OZ. · .9999 FINE GOLD.[115][116]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Dólar presidencial |
Predecesor: Dólar Sacagawea |
Moeda dun dólar estadounidense 2007-2016, 2020 |
Sucesor: Dólar Sacagawea |