Festival Internacional de Edimburgo | |
---|---|
Tipo | festival de teatro e evento anual |
Data de fundación | 1947 |
En | Cidade de Edimburgo |
País | Escocia, Reino Unido |
55°57′12″N 3°11′21″O / 55.9533, -3.1892 | |
Na rede | |
https://www.eif.co.uk/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Festival Internacional de Edimburgo (en inglés Edinburgh Festival, en gaélico escocés Fèis Dhùn Èideann para o evento xeral e Fèis Eadar-nàiseanta Dhùn Èideann para o Internacional) é un festival artístico anual en Edimburgo, Escocia, celebrado nas últimas semanas de agosto. Persoeiros destacados do mundo da música, especialmente clásica, e das artes escénicas, son convidados ao festival, e tamén se acollen exposicións de arte, charlas e obradoiros.
O primeiro 'Festival Internacional de Música e Drama' tivo lugar en 1947. Co primeiro director do festival, Rudolf Bing, houbo un programa amplo, con música orquestral, coral e de cámara, Lieder e cancións, ópera, ballet, drama, cine e danza e baile escocés na explanada do Castelo de Edimburgo, estrutura seguida nos anos seguintes.
Moitos traballos recibiron a súa estrea mundial en Edimburgo, desde The Cocktail Party e The Confidential Clerk de TS Eliot, até a versión 2018 de James MacMillan de Quickening e a Sinfonía nº 5.
Sir Brian McMaster foi quen dirixiu o Festival en máis edicións, de 1992 a 2006, e celebrouse todos os anos desde 1947, excepto en 2020 debido á pandemia de COVID-19.[1] En 2021 houbo unha versión reducida, dirixida polo irlandés Fergus Linehan, músico e produtor de teatro, e desde 2022 é Nicky Benedetti, unha violinista escocesa-italiana, quen asumiu a dirección.
A idea dun Festival coa misión de "proporcionar unha plataforma para o florecemento do espírito humano" e enriquecer a vida cultural escocesa, británica e europea tomou forma após a guerra. A idea foi concibida por Bing, director do festival de Glyndebourne, a mecenas Lady Rosebery, o dramaturgo Sir Tyrone Guthrie e Audrey Mildmay nunha xira da Beggar's Opera.[2]
Foi financiado por primeira vez por Lord Rosebery con 10.000 libras gañadas nas dúas maiores carreiras de cabalos en tempo de guerra. Despois fixeron achegas o goberno municipal e o Arts Council baixo a presidencia de J. M. Keynes. Outros cofundadores foron H. H. Wood, xefe do British Council, Sidney Newman, profesor de música na Universidade de Edimburgo, e Sir John Falconer.
Bing mirara varias cidades inglesas antes de cambiar o foco a Escocia. Harvey Wood describiu a reunión na que xurdiu a idea:
Debería, como Salzburgo, ter un atractivo escénico e pintoresco considerábel e situarse nun país que poida ser atractivo para visitantes estranxeiros. Debería contar cun número suficiente de teatros, salas de concertos e espazos para a adecuada posta en escena dun programa ambicioso e variado. Por riba de todo, debería ser unha cidade susceptíbel de acoller a oportunidade e disposta a facer do festival unha gran preocupación non só nas Cámaras da Cidade, senón no corazón e na casa de cada cidadán, por modesto que for. Moi atrevido pero non sen confianza recomendei Edimburgo como centro e prometín facer investigacións preliminares.[3]
Desde o principio, o festival tivo énfase na música clásica, como os concertos da Filharmónica de Viena, reunida co seu antigo director Bruno Walter, que abandonara Europa após a Anschluss.[4] Apareceron músicos destacados a finais dos anos 40 e principios dos anos 50, entre eles Thomas Beecham, Adrian Boult, Fritz Busch, Pierre Monteux, Vittorio Gui, Artur Schnabel, Joseph Szigeti, Lotte Lehmann e moitos outros.
Estrelas en ascenso da Europa da posguerra, como os directores Herbert von Karajan, Wolfgang Sawallisch ou Leonard Bernstein, os pianistas Claudio Arrau ou Artur Rubinstein, os cordas Yehudi Menuhin, Pierre Fournier e Isaac Stern, os cantantes Dietrich Fischer-Dieskau, Victoria de los Ángeles, Boris Christoff ou Elisabeth Schwarzkopf estiveron presentes nos recitais.
Algunhas figuras prometedoras dos primeiros anos do Festival, como Kathleen Ferrier e Dennis Brain, viron as súas carreiras truncadas nos anos 50, pero Edimburgo mantívose como epicentro musical na súa segunda década (1957-1966), atraendo a directores como Otto Klemperer, Ernest Ansermet e Leopold Stokowski.
Os fundadores estiveran moi relacionados con Glyndebourne e a ópera sempre foi parte importante do programa. A cidade non dispón de instalacións adecuadas para montar producións propias e optouse por convidar a compañías externas. Nos primeiros anos, a compañía de Glyndebourne presentou dúas producións anuais. En 1952, a compañía de ópera de Hamburgo tomou o relevo con seis producións. Na segunda década (1957–1966), Edimburgo recibiu compañías como a Piccola Scala, a San Carlo de Nápoles o Ballet e Ópera de Budapest, o Národní divadlo de Praga, ou a Bavarian State Opera. A partir de 1965, un "Edinburgh Festival Opera" comezou a ofrecer espectáculos de creación local.
Na terceira década (1967–1976), a 'Edinburgh Festival Opera' tornouse intérprete destacada, xunto coa 'Schottish Opera' de Glasgow, e seguiron convidando a compañías foráneas, de Berlín, Frankfurt, Florencia, Palermo, Praga, Estocolmo etc.
Grandes artistas, directores de cine, de orquestra, etc. chegaron a Edimburgo nos primeiros trinta anos, como Claudio Abbado, Daniel Barenboim, Fritz Busch, Luchino Visconti e Franco Zeffirelli entre outros, e apareceron en óperas escenificadas cantantes como Victoria de los Angeles, Teresa Berganza, Maria Callas, Birgit Nilsson, Renata Scotto, Joan Sutherland, Galina Vishnev, Boris Christoff, Tito Gobbi, Alfredo Kraus, Luciano Pavarotti, Hermann Prey e outros.
O ballet inaugurouse no festival coas representacións de The Sleeping Beauty con Margot Fonteyn, Robert Helpmann e a Birmingham Royal Ballet. Nos anos seguintes chegaron os Ballets des Champs-Élysées de París, o American National Ballet Theatre de Nova York, o Grand Ballet de George de Cuevas, o Ballet Español de Pilar López, o Ballet Iugoslavo e o Ballet Real Danés.
O drama foi unha característica importante do Festival Internacional de Edimburgo desde o seu inicio e até os exitosos primeiros anos do evento.
A Old Vic Theatre Company, como Glyndebourne para ópera e Sadler's Wells para ballet, deron o seu forte apoio ao festival, e a eles uníronse unha serie de compañías escocesas, inglesas, francesas e alemás, como Le compagnie de mime Marcel Marceau entre moitas outras.
Un dos primeiros éxitos dramáticos do festival produciuse en 1948 cando unha adaptación de The Thrie Estaites de Sir David Lyndsay foi interpretada con gran éxito por primeira vez desde 1552 no Assembly Hall on the Mound.[5]
Entre os actores coñecidos figuran Ralph Richardson, Alec Guinness, John Gielgud, Claire Bloom, Peter Finch, Richard Burton ou Ann Todd.
As artes plásticas apareceron a partir de 1949 con grandes exposicións na National Gallery of Scotland e na Royal Scottish Academy. Entre eles figuran Rembrandt en 1950, Pinturas españolas (El Greco to Goya) en 1951, Degas en 1952, Renoir en 1953, Cézanne en 1954, Gauguin en 1955, Braque en 1956, Monet en 1957, obras mestras da arte bizantina e a Colección Moltzau (Cézanne a Picasso) en 1958, Obras mestras da arte checa en 1959, pintura expresionista alemá en 1960, unha selección da Colección Bührle (Zurich) en 1961. Pinturas primitivas modernas de Iugoslavia e Matisse (colección Sonja Henie — Niels Onstad en Oslo en 1962. Modigliani e Soutine máis a "Music and Dance in Indian Art", en 1963, Delacroix en 1964, Corot en 1965 e Rouault en 1966.
Derain en 1967, Charles Rennie Mackintosh, unha exposición de Boudin a Picasso e outra da arte canadense contemporánea en 1968. Debuxos italianos do século XVI de coleccións privadas británicas e Arte polaca contemporánea en 1969. En 1970, as exposicións foron Arte celta temperá e Arte alemá contemporánea de Düsseldorf. En 1971, A contribución belga ao surrealismo e Bicentenario de Walter Scott. En 1972 o pintor escocés Alan Davie foi presentado na Royal Scottish Academy, seguido en 1973 por Permanences e l'Art Francais na mesma galería, así como por Objects USA na City of Edinburgh Art Gallery e unha exposición de Tyrone Guthrie.
O Festival Internacional de Edimburgo emprega varias sedes dende 1947, como a Usher Hall (2.200 asentos) para concertos, o Kings Theatre (1.300) para ópera, o Royal Lyceum Theatre (658) para teatro. O Festival Theatre (1.915) para ballet e ópera tras ser remodelado en 1994. O Queen's Hall (920), aberto en 1979, é sede da Scottish Chamber Orchestra. O Hub, aberto en 1999 baixo o Castelo de Edimburgo, co seu alto gótico spire, o punto máis alto en Edimburgo central, serve como taquilla e centro de información. O Dunard Center, unha nova sala de concertos con 1.000 asentos, estaba previsto que se abrise en 2024. Outras sedes inclúen o Church Hill Theatre, o Edinburgh Playhouse (3.059, sendo teatro máis grande de Gran Bretaña); o Freemasons' Hall (500) para recitais; o Gateway Theatre (hoxe residencia estudantes); o Salón de Asembleas Xeral da Igrexa de Escocia para teatro; o Leith Theatre, en restauración; e St Cecilia's Hall (180), unha sala de concertos histórica.
Outros dez festivais celébranse en Edimburgo aproximadamente ao mesmo tempo que o Festival Internacional. Colectivamente, o grupo enteiro denomínase Festival de Edimburgo.
O máis destacado é The Fringe, que comezou como unha rama do Festival Internacional no primeiro ano e desde entón pasou a ser o maior festival de artes do mundo.
O Festival Internacional de Cine de Edimburgo tamén comezou en agosto de 1947 cun programa de filmes documentais. Na década de 1990 este festival trasladouse a xuño. O Writers' Festival de 1966, iniciado por John Calder, Richard Demarco, Jim Haynes, fundadores da Bookshop Paperback e do Traverse Theatre, levou finalmente ao Festival Internacional do Libro de Edimburgo, tamén en agosto.
O desexo do exército británico de mostrarse no festival levou á posta en escena independente do Edimburg Militar Tattoo, con exhibicións de gaitas e baile, desde 1950. Este evento anual pasou a ser considerado como parte do festival oficial, aínda que segue organizándose por separado.[6]
O resultado é unha colección de festivais con máis de 2.500 actuacións e eventos todos os días en Edimburgo en agosto, que se di que é moitas veces máis grande que calquera conglomerado similar de festivais en calquera parte do mundo.
A Galipedia ten un portal sobre: Escocia |
A Galipedia ten un portal sobre: Música |
A Galipedia ten un portal sobre: Música clásica |