Nome orixinal | George Edward Kruger Gray |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | (en) George Kruger 25 de decembro de 1880. Londres. |
Morte | 2 de maio de 1943 (73 anos) Chichester, West Sussex. |
Lugar de sepultura | Cemiterio de St Mary, Fittleworth, Chichester. |
País de nacionalidade | Británica |
Educación | Bath Spa University. Royal College of Art. |
Q89547790 | Deseños de moedas británicas e do Imperio Británico. |
Actividade | |
Ocupación | Deseñador de moedas e de vidreiras. |
Carreira militar | |
Rama militar | Exército Británico |
Familia | |
Cónxuxe | Frances Audrey Gordon Gray (1918) |
Fillos | Douglas Gray. |
Pais | Edwin Charles Kruger. e Francis Hester Harris. |
Premios | |
Comendador da Orde do Imperio Británico. | |
George Kruger Gray, nado en Londres o 25 de decembro de 1880 e finado en Chichester, West Sussex, o 2 de maio de 1943, foi un artista inglés coñecido polos seus deseños de moedas e de vidreiras.
Gray foi o autor dos deseños de numerosas moedas do Reino Unido e doutros territorios do Imperio Británico e da Commonwealth, como o Canadá, Nova Zelandia ou Australia.
George Kruger naceu o día de Nadal de 1880 no número 126 de Kensington Park Road, en Londres,[1][2] fillo de Edwin Charles Kruger, un comerciante de Jersey, e de Francis Hester Harris, e foi bautizado como George Edward Kruger en Kensington.[3]
Kruger educouse na escola de nenos Merchant Taylors en Crosby. En xullo de 1893, cando tiña 12 anos sufriu un incidente na praia de Crosby no que faleceu o seu irmán maior e un amigo de ambos, todos alumnos da mesma escola, aínda que el puido ser rescatado.[1][4]
Logo realizou os seus estudos superiores na Escola de Arte de Bath, hoxe pertencente á Universidade de Bath Spa. Alí acadou unha bolsa de estudos para o Royal College of Art de Londres,[4] onde se licenciou en Deseño.[1]
A partir de 1905 e ata 1943 participou en 27 edicións da Exposición da Royal Academy, especializándose en paisaxes, estudos florais e retratos. Entre outras, participou tamén na Exposición de Obras de Artistas Modernos da Sociedade de Artistas de Aberdeen (1926).[1][4]
Durante a primeira guerra mundial, Kruger serviu nos Artists Rifles,[3] unha unidade de camuflaxe dos Enxeñeiros Reais especializada en ocultar artefactos militares e fabricar obxectos simulados para confundir as forzas inimigas.[1][4]
En 1918, logo do seu casamento con Frances Audrey Gordon Gray (1881-1955),[3][5] cambiou o seu nome polo de George Kruger Gray,[1] engadindo o apelido da súa muller.[6] O matrimonio tivo un fillo chamado Douglas, en outubro de 1920.
Despois da guerra, continuou a súa carreira como artista. En 1923 continuou expondo os seus traballos numismáticos na Royal Academy of Arts, o que lle proporcionou unha considerable reputación nese ámbito, e converteuse en "contratista preferente" da Royal Mint, encargándose do deseño de moedas para o Reino Unido, así como para outros territorios de soberanía británica. Habitualmente, nas moedas creadas por el engadía as súas iniciais KG ou G a modo de marca de gravador.[6]
Malia ser máis coñecido polo deseño de moedas, tamén é moi salientable o seu labor como deseñador de vidreiras para igrexas, universidades e outras institucións. Ademais, ilustrou libros e realizou carteis, caricaturas e escudos de armas, entre outros.[1][3]
Gray foi membro da Royal Society of Arts.[4] En 1936 outorgóuselle o nomeamento de Lacaio da Asociación de Vidreiros e Pintores de Vidro, e en 1938 foi nomeado Comendador da Excelentísima Orde do Imperio Británico (CBE).[1]
Kruger Gray finou no hospital Saint Richards de Chichester, West Sussex, o 2 de maio de 1943,[1] e foi soterrado no cemiterio da igrexa de St Mary en Fittleworth, Chichester.[4]
George Kruger Gray foi o creador dos seguintes deseños para moedas do Reino Unido e doutros territorios do Imperio Británico e da Commonwealth:[6][8][9]
Kruger Gray foi un deseñador ben coñecido na súa época entre as súas creacións hai varios escudos de armas, entre eles o utilizado pola Universidade de Australia Occidental entre 1929 e 1963.[32] Tamén se encargou do deseño da bandeira da colonia de Adén.[33]
Igualmente creou unha importante distinción outorgada ao Servizo Real de Patrulla Naval en forma de insignia prateada, e outras condecoracións e obxectos cerimoniais como o colar da Orde do Imperio Británico (1926), a Cruz Procesional do Arcebispado de Gales, as dúas mazas do Parlamento do Ulster (1943), o reverso do Gran Selo do Ulster,[2] ou os selos oficiais da Unión de Suráfrica, da provincia de Nova Escocia e de Rodesia do Norte, entre outros.[1][3]
En 1940, Gray deseñou a nova Medalla de Xurxo á valentía baseándose nun ex libris da Biblioteca Real do Castelo de Windsor do artista Stephen Gooden.[6][34]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: George Kruger Gray |