(2018) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 7 de marzo de 1927 Barcelona, España |
Morte | 5 de febreiro de 2023 (95 anos) Barcelona, España |
Educación | Universidade de Barcelona - Grao de Dereito (1945–1949) Escolápios (pt) - escola primaria (–1945) |
Actividade | |
Ocupación | xornalista, avogado, editor literario, xurista, escritor, empresario, poeta |
Período de actividade | 1954 - 2023 |
Membro de | |
Premios | |
| |
Josep Maria Espinàs i Massip, nado en Barcelona o 7 de marzo de 1927 e finado o 5 de febreiro de 2023,[1] foi un escritor, xornalista, avogado e editor catalán, coñecido polas súas novelas, crónicas de viaxes e artigos xornalísticos. Autor dunha extensa obra narrativa, coa que acadou o Premio de Honor des Letras Catalás, o Premio Joanot Martorell, o Premio Sant Jordi e o Premi Víctor Català. Tamén foi un dos cofundadores de Els Setze Jutges e da editorial La Campana. En 1983 recibiu o Premio Creu de Sant Jordi, concedida pola Generalitat de Cataluña.
Estudou cos escolapios até 1945, cando comezou a estudar Dereito na Universidade de Barcelona, licenciándose en 1949. Nese mesmo ano gañou o Premio Guimerà co seu primeiro artigo. Exerceu de avogado até 1955, cando comezou a traballar en Ediciones Destino.
En 1961 foi un dos impulsores da Nova Cançó e un dos fundadores de Els Setze Jutges. El mesmo cantou versións de cancións de Georges Brassens para iniciar o movemento, retirándose ao aparecer cantantes profesionais. Tempo despois escribiu a narración infantil Viatge a la Lluna, con música de Xavier Montsalvatge. En 2007 recibiu a Medalla de Honra do Parlament de Catalunya en recoñecemento ao traballo realizado por Els Setze Jutges.
O 23 de abril de 1976 comezou a súa colaboración diaria no novo xornal Avui, co título de "A la vora de...", que mantivo de modo ininterrompido até xaneiro de 1999. Con esta columna gañou diversos premios, como o Premio Ciutat de Barcelona de xornalismo en 1983, o Premio AVUI de artigos xornalísticos en 1992 e o Premio Nacional de Periodismo en 1995, concedido pola Generalitat. Despois pasou a escribir en El Periódico coa columna de opinión "Petit observatori", que aínda publica. Os artigos de Espinàs caracterízanse por tratar moitos temas de forma amena e desde diversas perspectivas.
Presentou programas de entrevistas en televisión como Personal i intransferible (Canal 33), Identitats (TV3, de 1984 a 1988) e Senyals (Canal 33, de 1989 a 1990).
En 1953 deuse a coñecer como escritor ao lograr o Premio Joanot Martorell coa novela Com ganivets o flames. A partir de entón logra certo éxito de público coas obras Dotze bumerangs (1954) e El gandul (1955). En 1961 acadou recoñecemento internacional logo da tradución ao inglés de Tots som iguals (1956), con boas críticas no New York Herald Tribune, o New York Times, o The Washington Post, e na revista Book of the Month, que destacou o libro xunto a outros once de todo o mundo. Logo desa obra publicou La trampa (1956), a escolma Variétés (1958, premio de narracións Víctor Català), Cita de narradors (1957, recompilación de artigos de diversos narradores falando cada un da obra doutro, premio Josep Yxart), e a máis próxima ao realismo social, Combat de nit (1959). En 1961 gañou o Premio Sant Jordi de novela coa obra L'últim replà, e iniciou unha longa etapa con pouquísima produción novelística, exceptuada por La collita del diable (1968) e Vermell i passa (1992).
En 1986 publicou unhas emotivas cartas dirixidas á súaa filla co título de El teu nom és Olga, que acadou un grande éxito editorial e foi obxecto de numerosas traducións, amais de contribuír ao coñecemento da relación un pai coa súa filla con síndrome de Down.
Destacou no cultivo de libros de viaxes. Amais de relatos das súas viaxes por zonas rurais de Cataluña e a Península Ibérica, percorreu outra zonas de Europa, Israel, a India, o Nepal, Tailandia, Malaisia, Hong Kong, o Xapón e os Estados Unidos. Entre as obras deste xénero destacan Ciutats de Catalunya (1956-1958), Viatge al Pirineu de Lleida (1957; logo dunha viaxe feita con Camilo José Cela), Carrers de Barcelona (1961), Viatge al Priorat (1962), Viatge a la Segarra (1972), El llibre de la diada (1975), Visions de Cadaqués (1978), Imatges de Catalunya i Balears (1979), Geografia de Catalunya (1982, 4 volumes), Catalunya: tranports metropolitans (1988), A peu per la Terra Alta (1989) ou A peu per la Llitera (1990).
A mediados da década de 1990 escribiu unha serie de reportaxes atípicos como Viatge als grans magatzems (1993) e A peu per la terra cremada (1995), un percorrido por terras da Cataluña interior devastadas polos incendios forestais do verán de 1994. En 2002 publicou A peu per Galícia, relato da súa viaxe por Palas de Rei, Santa Mariña, Agolada, Rodeiro, Chantada, Taboada, Monterroso e Antas de Ulla. En 2004 publicou A peu per la Costa da Morte, escrito logo do afundimento do Prestige e no que fala da súa viaxe por Laxe, Camelle, Camariñas, Muxía, Lires, Corcubión e Fisterra.
No 2002 recibiu o Premio de Honra das Letras Catalás, concedido por Òmnium Cultural, e no 2006 o seu libro A peu per Mallorca foi galardoado co Premio Lletra d'Or. As súas obras foron traducidas ao alemán, inglés, éuscaro, castelán, francés, italiano, xaponés, neerlandés, portugués e checo.
É autor da letra do himno do FC Barcelona xunto a Jaume Picas, musicada por Manuel Valls Gorina.