Moeda de 10 centavos de dólar Roosevelt

10 centavos de dólar Roosevelt [1][2]
A/: Retrato de Franklin D. Roosevelt cara á esquerda. Marcas de ceca e de gravador (JS) e data.

Lendas: LIBERTY / IN GOD WE TRUST

R/: Facho e pólas de oliveira e de carballo.

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURUBUS UNUM / ONE DIME

A moeda de 10 centavos de dólar Roosevelt (en inglés: Rooselvelt dime) é unha moeda de curso legal con ese valor facial emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos, caracterizada por amosar no seu anverso un retrato do expresidente Franklin D. Roosevelt (1882-1945). A moeda foi autorizada pouco despois do falecemento de Roosevelt en 1945 e produciuse ininterrompidamente a partir de 1946.

Roosevelt fora un dos impulsores da March of Dimes, unha organización sen ánimo de lucro centrada na saúde materna e infantil. Como transcorreran xa máis de 25 anos co anterior modelo dos 10 centavos Mercury en circulación, a Casa da Moeda podía cambiar o deseño desta moeda sen necesidade dun trámite laborioso no Congreso, polo que se lle encargou ao seu gravador xefe, John R. Sinnock, que preparase uns deseños que representasen o retrato de Roosevelt. Sinnock presentou unha proposta que tivo que ser modificada, logo das reiteradas críticas da Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos, e finalmente a moeda entrou en circulación en xaneiro de 1946.

Desde a súa introdución, os 10 centavos Roosevelt cuñáronse anualmente sen interrupción e en grandes cantidades, inicialmente en prata e a partir de 1965 en metal común, cun núcleo de cobre bañado cunha capa de cuproníquel, mantendo sempre o deseño orixinal de Sinnock.

Inicio e preparación

[editar | editar a fonte]
Sinnock traballando co modelo dos 10 centavos Roosevelt.

O presidente dos Estados Unidos Franklin D. Roosevelt morreu o 12 de abril de 1945, despois de dirixir o país durante gran parte da Gran Depresión e a segunda guerra mundial. Roosevelt estaba enfermo de poliomielite desde 1921 e axudara economicamente e apoiara con firmeza a creación da organización March of Dimes, que, entre outras cousas, loitaba contra esa doenza paralizante. Este feito resultou determinante para que se pensase na súa figura para ser honrada na nova moeda de 10 centavos (dime).[3][4]

Logo de que o 3 de maio de 1945 o representante por Luisiana James Hobson Morrison presentase un proxecto de lei para a creación da nova moeda de 10 centavos,[5] o 17 de maio o secretario do Tesouro Henry Morgenthau anunciou que a vixente moeda de 10 centavos Mercury (Mercury dime) sería substituída por unha nova co retrato de Roosevelt no seu anverso, que entraría en circulación cara a finais do ano.[6] Aproximadamente o 90 por cento das cartas recibidas polo editor do xornal The Numismatist, Stuart Mosher, amosaban o apoio ante este cambio, aínda que el non o facía, a título persoal, xa que consideraba que o deseño Mercury era fermoso e que o limitado espazo da moeda, por mor do seu tamaño, non lle faría xustiza a Roosevelt; por este motivo, Mosher avogaba pola emisión dunha moeda dun dólar conmemorativo no canto do pequeno dime.[7] Outras persoas obxectaron que, malia os seus méritos, Roosevelt non gañara un lugar na historia do país á altura de Washington, Jefferson e Lincoln, os outros personaxes honrados nas restantes moedas circulantes dos Estados Unidos naquel momento.[8] Como o deseño da moeda de 10 centavos Mercury, cuñada por primeira vez en 1916, xa cumprira os 25 anos en circulación, a lei permitía que a Casa da Moeda dos Estados Unidos e o Tesouro cambiasen o seu modelo sen que o Congreso tivese que pronunciarse ao respecto. Con todo, as comisións encargadas da moeda en ambas as cámaras foron informadas do proxecto.[9]

A responsabilidade do novo deseño foi do gravador xefe da US Mint, John R. Sinnock, que levaba nese posto desde 1925,[10] mais dunha gran parte do traballo de preparación ocupouse o seu axudante, Gilroy Roberts, que máis tarde sería tamén gravador xefe.[11] A principios de outubro de 1945, Sinnock presentoulle os modelos en xeso ao daquela director en funcións da Casa da Moeda, F. Leland, quen llos fixo chegar á Comisión de Belas Artes. Este organismo era o encargado de revisar os deseños das moedas, xa que unha orde executiva de 1921 do presidente Warren G. Harding lle encomendara a emisión de ditames acerca de calquera de obra de arte pública, incluídas as moedas.[12]

Dous esbozos de Sinnock para o reverso.

Os modelos presentados inicialmente por Sinnock amosaban un busto de Roosevelt no anverso, e no reverso unha man suxeitando un facho e unhas poliñas de oliveira e de carballo. Sinnock preparara tamén outros deseños para o reverso, entre eles un que flanqueaba o facho con pergamiños nos que estaban escritas as Catro Liberdades (expresión, culto, vivir sen miseria e vivir sen medo). Outros esbozos amosaban representacións da deusa Liberdade e un deles, que amosaba a War Memorial Opera House, conmemoraba a Conferencia das Nacións Unidas de 1945.[13] O numismático David Lange, especializado na moeda estadounidense, considerou todos estes deseños alternativos como "débiles".[14]

As maquetas da nova moeda foron enviadas o 12 de outubro a Gilmore Clarke, presidente da Comisión de Belas Artes, onde se someteron á análise dos seus membros. A comisión deu a súa opinión o 22 de outubro; unha opinión negativa, xa que: "a cabeza do defunto presidente Roosevelt, tal como se representa nas maquetas, non é boa; cómprelle máis dignidade".[10] Sinnock enviara un reverso alternativo similar ao da moeda definitiva, no que se omitía a man e se colocaban as poliñas a ambos os lados do facho; Clarke preferiu este deseño.[15]

Sinnock asistiu a un encontro na casa de Lee Lawrie, un escultor membro da Comisión de Belas Artes, co fin de resolver as diferenzas, e inmediatamente despois presentou un novo modelo para o anverso, que intentaba responder ás obxeccións recibidas sobre a cabeza de Roosevelt. A daquela directora da US Mint, Nellie Tayloe Ross, envioulle as fotografías á comisión, que seguiu amosando o seu rexeitamento, e propuxo a celebración dun concurso entre cinco artistas entre eles Adolph A. Weinman —(deseñador dos 10 centavos Mercury e do medio dólar "Liberdade Camiñando"— e James Earle Fraser — gravador dos 5 centavos Buffalo). A directora Ross declinou esta posibilidade, xa que a Casa da Moeda tiña moita presión para que a moeda estivese preparada para a campaña de March of Dimes de xaneiro de 1946. Contactouse entón co novo secretario do Tesouro, Fred Vinson, mais a el tampouco lle gustaron os deseños e rexeitounos a finais de decembro. Entón Sinnock cambiou a posición da data e da palabra LIBERTY, o que permitiu unha ampliación do tamaño da cabeza, e tamén levou a cabo outros pequenos cambios. Para o autor numismático Don Taxay, "Roosevelt nunca tivera un aspecto mellor!".[15]

Lawrie e Vinson aprobaron os modelos, logo destes cambios, e o 8 de xaneiro a directora Ross telefonou a Comisión para informar disto. Con Sinnock gravemente enfermo —de feito, morreu en 1947— e coa campaña de March of Dimes en marcha, Ross non esperou pola reunión do plenario da Comisión e decidiu autorizar o inicio da produción da moeda. Esta tirapuxa entre a Casa da Moeda e a Comisión de Belas Artes provocou un certo malestar entre ambas as institucións, mais esta última considerou que non fixera máis que cumprir coas súas obrigas, en virtude do que a orde executiva lle encomendara.[16]

O reverso dos 10 centavos Mercury, cunha fasces e, igual que nos de Roosevelt, cunha póla de oliveira.

O anverso da moeda representa a cabeza do expresidente Roosevelt de perfil ollando cara á esquerda, xunto coas lendas LIBERTY e IN GOD WE TRUST, a data de emisión, as inciais de John Sinnock ("JS") a modo de marca de gravador e tamén a marca de ceca. Pola súa banda, o reverso presenta no centro o facho da liberdade, flanqueado por unha póla de oliveira como representación da paz e unha póla de carballo como símbolo da forza e da independencia. A inscrición E PLURIBUS UNUM ("Un entre varios") esténdese polo campo do reverso, que se completa co nome do país e o valor facial da moeda (ONE DIME = "10 centavos).[17] Todo este conxunto do reverso simboliza o final vitorioso na segunda guerra mundial.[4]

O numismático Mark Benvenuto suxeriu que a imaxe de Roosevelt na moeda de dez centavos é máis natural que a doutros presidentes en moedas circulantes estadounidenses, o que a aproxima a unha medalla de arte, máis ca a unha moeda.[4] O autor numismático Walter Breen, no seu volume exhaustivo sobre a moeda dos EEUU argumentou que "o novo deseño non era [...] ningunha mellora sobre o de Weinman [o autor dos 10 centavos Mercury], agás pola eliminación das fasces [no reverso] e por facer que a vexetación fose máis recoñecible como unha póla de oliveira pola paz".[18] Pola súa banda, o historiador da arte Cornelius Vermeule cualificou a moeda de 10 centavos Roosevelt como "unha moeda limpa, satisfactoria e cun estilo modesto, que no seu conxunto presenta notas de grandeza".[19]

O busto de Roosevelt nunha placa da escultora Selma Burke.

Algúns autores, tanto no momento do deseño como desde entón, viron similitudes entre esta moeda e unha placa que representa a Roosevelt realizada pola escultora afroamericana Selma Burke, inaugurada en setembro de 1945, que se acha no edificio do Rexistro de Escrituras en Washington. A propia Burke foi unha das que coincidiu en considerar que o seu traballo fora utilizado por Sinnock para crear o anverso da moeda de 10 centavos;[18] Burke mantivo esta opinión ata a súa morte en 1994 e mesmo convenceu a varios numismáticos e políticos, incluído o fillo do expresidente, James Roosevelt. Os numismáticos que a apoiaron sinalan que non era a primeira vez que Sinnock se baseaba noutro traballo alleo sen recoñecer a súa procedencia, como é o caso da Campá da Liberdade que aparece no seu medio dólar do Sesquicentenario (1926) e no medio dólar Franklin (1948). No entanto, o estudoso Robert R. Van Ryzin, no seu libro sobre os aspectos misteriosos da moeda estadounidense, indicou que Sinnock debuxara a Roosevelt do natural en 1933 para a súa primeira medalla presidencial, e os relatos da época da emisión da moeda de 10 centavos afirman que este debuxo foi utilizado por Sinnock para a moeda, xunto cunha fotografía do expresidente.[20] Un obituario de 1956 en The New York Times atribúelle a Marcel Sternberger a toma da fotografía na que Sinnock se tería baseado para o anverso da moeda de 10 centavos.[21] Consonte Van Ryzin, o paso do tempo fixo imposible verificar ou invalidar a afirmación da escultora Burke sobre este asunto.[22]

Produción

[editar | editar a fonte]

Cuñaxe en prata: 1946-1064

[editar | editar a fonte]
Moeda de 10 centavos Roosevelt de prata.

A moeda de 10 centavos Roosevelt cuñouse por primeira vez o 19 de xaneiro de 1946 na Ceca de Filadelfia,[23] e púxose en circulación o 30 de xaneiro, a data en que o expresidente tería feito os seus 64 anos.[17] Inicialmente, a data prevista para a posta en circulación era o 5 de febreiro, pero adiantouse para a facer coincidir con este aniversario.[23] Con esta moeda, Sinnock convertíase no primeiro gravador xefe da Casa da Moeda dos estados Unidos ao que se lle atribúe o deseño dunha nova moeda estadounidense desde que se puxeron en circulación as deseñadas por Charles E. Barber en 1892.[24]

O lanzamento da moeda tivo moita repercusión nos medios de comunicación e o seu acollemento foi moi positivo, aínda que no eido político supuxo a indignación de moitos opoñentes de Roosevelt, particularmente membros do Partido Republicano.[25] Houbo algúns informes relativos a que a nova moeda non era aceptada por algunhas máquinas expendedoras, aínda que non se fixo ningún axuste por ese motivo na moeda.[23] O seu deseño non cambiou substancialmente desde o primeiro día; as únicas modificacións que sufriu nas súas primeiras sete décadas de produción foron uns pequenos axustes no cabelo de Roosevelt e o cambio da marca de ceca do reverso ao anverso na década de 1960.[24]

No momento de lanzamento dos 10 centavos Roosevelt as relacións coa Unión Soviética estaban a deteriorarse e algúns consideraron —igual que con outras moedas do mesmo autor— que as iniciais JS de John Sinnock gravadas na moeda facían referencia realmente a Josif Stalin, colocadas por un simpatizante comunista. Cando estes rumores chegaron ao Congreso, a Casa da Moeda dos Estados Unidos emitiu comunicados de prensa para desmentir tal hipótese.[26][27] Malia estes desmentidos oficiais, na década de 1950 correu o rumor de que se chegara a un acordo secreto na Conferencia de Ialta para honrar a Stalin cunha moeda estadounidense.[23] A controversia reavivouse en 1948 co lanzamento póstumo do medio dólar Franklin, tamén obra de Sinnock, mesmo incluíndo este entre as súas iniciais a do seu segundo nome, Ray: "JRS".[28]

Aínda que o normal é que se cuñasen máis exemplares na Ceca de Filadelfia que nas outras cecas da US Mint na época en que se produciu a moeda de prata, en 1955 só se cuñaron alí 12.450.181 exemplares, menos do producido aquel ano na Ceca de Denver e na Ceca de San Francisco.[29] Isto debeuse á caída da economía e ao descenso de demanda das moedas, que fixo que a Casa da Moeda anunciase en xaneiro de 1955 o pechamento da Ceca de San Francisco para finais do ano. A tiraxe dos 10 centavos nas tres cecas correspondente a 1955 foi a menor por ceca e ano entre as moedas circulantes da serie, aínda que non son o suficientemente escasas como para supor unha dificultade engadida nin prezos elevados no mercado do coleccionismo, dado que moitas delas foron almacenadas en rolos de 50 espécimes e non chegaron a entrar no seu día na circulación.[30]

Cuñaxe en cuproníquel (desde 1965)

[editar | editar a fonte]

Coa Lei da Moeda de 1965, a Casa da Moeda dos Estados Unidos abandonou a prata nas súas emisións de moeda circulante e a moeda de 10 centavos pasou a cuñarse con núcleo de cobre puro revestido por unha fina capa de cuproníquel, co que mantiña a súa característica aparencia abrancazada. As moedas datadas entre 1965 e 1967 carecen de marcas de ceca, xa que a US Mint se esforzou en desalentar o acaparamento das variedades por parte dos coleccionistas, a quen se culpaba en parte da escaseza de moedas que precedera a Lei de 1965.[31]

A Casa da Moeda fixo algún leve axuste nas matrices dos cuños no momento de comezar coa cuñaxe das moedas con revestimento, e non foi ata 1981 cando se levaron a cabo posteriores axustes, que deron como resultado un considerable descenso do relevo da moeda, dándolle un aspecto máis plano ao retrato de perfil de Roosevelt. Este cambio veu motivado por un desexo de que a vida útil dos cuños fose superior.[32]

Por outra parte, en 1968 retomouse o costume de gravar nas moedas a súa correspondente marca de ceca, no caso das producidas en Denver (marca "D") —dado que a Ceca de Filadelfia carecía de marca— e tamén nas cuñadas en condición proof para coleccionistas na Ceca de San Francisco ("S"), que reabrira as súas portas. Aínda que en 1965 en San Francisco se cuñaron ocasionalmente moedas de 10 centavos para a súa posta en circulación ordinaria, estas non levan marca de ceca, polo que resultan indistinguibles das producidas en Filadelfia.[32] Xa que logo, as únicas moedas de 10 centavos con marca de ceca "S", de San Francisco, son moedas con acabamento especial proof —fondo espello e relevo mate—, seguindo a tradición da serie cuñada nesta condición en Filadelfia entre 1946 e 1964, carentes de marca de ceca.[33] A partir de 1992 comezaron a cuñarse en San Francisco moedas de 10 centavos en prata coa composición anterior a 1965, para as incluír nos estoxos de presentación anuais de moedas en prata para coleccionistas.[34] A partir de 2019, estas emisións en prata pasaron a cuñarse cunha pureza de 999 milésimas, no canto das 900 milésimas, que a US Mint xa non utiliza en ningunha emisión conmemorativa nin de colección.[35]

Exemplar cuñado en 2015 na Ceca de West Point en condición proof, en conmemoración de March of Dimes.

En 1980, a Ceca de Filadelfia comezou a utilizar nas súas moedas de 10 centavos a marca de ceca "P".[36] Ademais, durante as décadas de 1970 e 1980 a Ceca de West Point, sita no estado natal de Roosevelt, cuñara moedas de 10 centavos para a circulación ordinaria, aínda que non lles engadira marca de ceca , xa que se trataba dunha cuñaxe suplementaria á de Filadelfia, que daquela non utilizaba marca ningunha. Esta situación cambiou en 1996, cando se cuñaron en West Point 1.457.000 exemplares en conmemoración do 50 aniversario da moeda, en calidade proof para a súa inclusión nos estoxos de presentación anuais, que por primeira vez inclúen a marca de ceca "W (de West Point) sobre esta moeda.[2] De igual xeito, en 2015 cuñáronse en West Point moedas de 10 centavos Roosevelt en prata e en condición proof,[37] para as incluír nunha serie especial en conmemoración da March of Dimes, que se complementaba con outra moeda de dez centavos da Ceca de Filadelfia e un exemplar do coñecido como dólar de prata March of Dimes, emitido no mesmo ano.[38] En xeral, as tiraxes mantivéronse altas, superando adoito os mil millóns de pezas anuais tanto na Ceca de Filadelfia como na de Denver.[39]

En 2003, o representante por Indiana Mark Souder propuxo que o expresidente Ronald Reagan, que daquela estaba nos seus derradeiros días por mor do Alzheimer, substituíse a Roosevelt na moeda de dez centavos, afirmando que Reagan era tan emblemático para os conservadores como Roosevelt para os liberais. A esposa de Reagan, Nancy, expresou a súa oposición ao proxecto e asegurou que o seu marido tampouco estaría de acordo con substituír a Roosevelt. Logo do falecemento de Reagan en 2004, renaceu o apoio para o cambio de deseño, aínda que Souder rexeitou seguir adiante coa súa proposta.[40]

A Lei de Redeseño de Moedas Circulantes de Colección (Lei Pública 116-330) asinada polo presidente Donald Trump o 13 de xaneiro de 2021,[41] prevé, entre outras cousas deseños especiais durante un ano para todas as moedas circulantes en 2026, con motivo do 250 aniversario dos Estados Unidos.[42]

Coleccionismo

[editar | editar a fonte]

Por mor da gran cantidade de moedas cuñadas, moi poucas moedas de 10 centavos Roosevelt da emisión regular circulante acadan prezos elevados no mercado do coleccionismo. Só algunhas delas merecen un especial interese para os coleccionistas, como é o caso dalgúns exemplares dos dez centavos cuñados na Ceca de Filadelfia en 1982 sen a marca de ceca "P", que se viña utilizando desde dous anos antes; as moedas resultado deste erro acadan no mercado numismático prezos de entre 50 e 75 dólares a principios da década de 2020, en función do estado de conservación. Outro erro é o das moedas cuñadas con datas de 1970, 1975 e 1983 en condición proof da Ceca de San Francisco pero que aparecen carentes de marca de ceca. Neste caso, un dos escasísimos exemplares coñecidos datados en 1975 acadou nunha poxa pública en 2011 o prezo de 349.600 dólares,[24][43] e outro chegou a 456.000 dólares en 2019.[44][45]

  1. "1 Dime "Roosevelt Silver Dime" (Ag)". Numista.com
  2. 2,0 2,1 "1 Dime "Roosevelt Dime" (Cu-Ni)". Numista.com
  3. Benvenuto, M. A. (1996). Páxina 1312.
  4. 4,0 4,1 4,2 Sanders, M. (2003). Páxina 109.
  5. "A Roosevelt Dime Is Proposed". En The New York Times. 4 de maio de 1945.
  6. "New Dime to Honor Roosevelt". En The Numismatist. American Numismatic Association. Xuño de 1945. Páxina 612.
  7. "Let Well Enough Alone". En The Numismatist. American Numismatic Association. Xullo de 1945. Páxina 732.
  8. Vermeule, C. (1971). Páxina 209.
  9. Weikert, E. L. (1946). Páxina 646.
  10. 10,0 10,1 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 371.
  11. Ganz, D. L. (1992). Páxina 1538.
  12. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas v-vi, 371.
  13. Vermeule, C. (1971). Páxinas 209-210.
  14. Lange, D. W. (2009). Páxina 21.
  15. 15,0 15,1 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 371, 375.
  16. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 375.
  17. 17,0 17,1 "Roosevelt Dime Put into Circulation". En The Numismatist. American Numismatic Association. Marzo de 1946. Páxina 275.
  18. 18,0 18,1 Breen, W. (1988). Páxina 329.
  19. Vermeule, C. (1971). Páxina 208.
  20. Van Ryzin, R. R. (2009). Páxinas 189-213.
  21. "Marcel Sternberger; Photographer of Portrait for Roosevelt Dime Dead at 57". En The New York Times. 27 de outubro de 1956.
  22. Van Ryzin, R. R. (2009). Páxina 213.
  23. 23,0 23,1 23,2 23,3 LaMarre, T. ( 2011). "Roosevelt on the Dime". En Coins. 7 de marzo.
  24. 24,0 24,1 24,2 McMorrow-Hernandez, J. (2016). Páxina 32.
  25. Reiter, E. "The Roosevelt Dime: Going Like Sixty Arquivado 28 de xullo de 2017 en Wayback Machine.". Littleton Coin Company.
  26. Breen, W. (1988). Páxinas 329-330.
  27. Guth, R.; Garrett, J. (2005). Páxina 64.
  28. Breen, W. (1988). Páxina 416.
  29. "Roosevelt Dime Mintage". Rooseveltdimes.net
  30. Brothers, E. (2017). Páxinas 51-52.
  31. Breen, W. (1988). Páxina 132.
  32. 32,0 32,1 Lange, D. W. (1999). Páxina 1361.
  33. Yeoman, R. S. (2015). Páxinas 707-719.
  34. Yeoman, R. S. (2015). Páxinas 1265-1267.
  35. Gilkes, P. (2019). "U.S. Mint abandons 90 percent silver composition Arquivado 26 de abril de 2020 en Wayback Machine.". En Coin World. 22 de febreiro.
  36. Breen, W. (1988). Páxina 332.
  37. "1 Dime "Roosevelt Dime" Silver Proof". Numista.com
  38. McMorrow-Hernandez, J. (2016). Páxinas 34-35.
  39. Yeoman, R. S. (2015). Páxinas 711-719.
  40. McMorrow-Hernandez, J. (2016). Páxinas 32-33.
  41. "Public Law116-330 - JAN. 13, 2021". Govinfo.gov
  42. Gilkes, P. (2021). "Circulating Collectible Coin Redesign Act of 2020 signed by president". En Coin World. 15 de xaneiro.
  43. Yeoman, R. S. (2015). Páxina 713.
  44. Jewett, L. (2021). "Common 1975 dimes bringing ridiculous prices online". En Coin World. 12 de marzo.
  45. McMorow-Hernandez, J. (2019). "1975 No-S Roosevelt Dime a Modern Rarity Worth Big Bucks". En Coin Week. 16 de setembro.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Artigos e outros

[editar | editar a fonte]
  • Benvenuto, M. A. (1996). "The Roosevelt Dime...a Half Century Later". En The Numismatist. American Numismatic Association. Novembro. Páxina 1312.
  • Brothers, E. (2017). "1955: The End of an Era". En The Numismatist. American Numismatic Association. Xaneiro. Páxinas 51-55.
  • Ganz, D. L. (1992). "An Idea Whose Time Has Not Yet Come". En The Numismatist. American Numismatic Association. Novembro. Páxinas 1536-1546, 1611-1614.
  • Lange, D. W. (1999). "Grading Roosevelt Dimes". En The Numismatist. American Numismatic Association. Novembro. Páxina 1361.
  • Lange, D. W. (2009). "A Look at the Roosevelt Dime". En The Numismatist. American Numismatic Association. Agosto. Páxinas 21-22.
  • McMorrow-Hernandez, J. (2016). "The Roosevelt Dime Turns Seventy". En The Numismatist. American Numismatic Association. Marzo. Páxinas 30-35.
  • Sanders, M. (2003). "Rounding Up Roosevelt Dimes". En The Numismatist. American Numismatic Association. Agosto. Páxina 109.
  • Weikert, E. L. (1946). "Numismatic News from the Capitol". En The Numismatist. American Numismatic Association. Xuño. Páxina 646.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Predecesor:
10 centavos Mercury

Moeda de 10 centavos de dólar

(Desde 1946)
Sucesor:
Vixente