Biografía | |
---|---|
Nacemento | 12 de xuño de 1846 París, Francia |
Morte | 23 de marzo de 1911 (64 anos) París, Francia |
Lugar de sepultura | Cemiterio de Montparnasse |
Educación | Ecole Nationale Supérieure des Arts Décoratifs (pt) Escola Nacional Superior de Belas Artes |
Actividade | |
Lugar de traballo | París |
Ocupación | medallista, deseñador de selos, escultor, artista visual |
Membro de | Academia de Belas Artes (1888–1911) |
Profesores | Horace Lecoq de Boisbaudran e Hubert Ponscarme |
Obra | |
Obras destacables
| |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | New International Encyclopedia |
Sitio web | oscar-roty.fr |
Oscar Roty, nado en París o 12 xuño de 1846 e finado na mesma cidade o 23 de marzo de 1911,[1] foi un escultor, medallista e deseñador de moedas e de selos de correos francés.
A súa figura é destacable sobre todo como autor do deseño da "Sementadora", cuxa orixe se remonta a un proxecto de medalla inconcluso de 1887 que Roty retomou en 1896 para responder a unha encarga do Ministerio de Finanzas. Esta figura foi moi utilizada en moedas da República Francesa en diversas ocasións a partir de 1897, e tamén nos selos postais a partir de 1903.
Oscar Roty, fillo dun profesor particular, naceu o 12 de xuño de 1846[2] no daquela municipio de Belleville, do departamento do Sena, posteriormente anexionado a París.[3][4]
Na xuventude foi aprendiz dun gravador e polas tardes recibía clases de debuxo. Uns anos despois, na Escola das Artes Decorativas de París foi alumno de Horace Lecoq de Boisbaudran, e na Escola de Belas Artes desta cidade tivo como mestre a Hubert Ponscarme en 1864.[2][5]
Posteriormente aprobou o exame que o habilitaba como profesor de Debuxo nas escolas de París.[2]
Roty concoreu ao prestixioso Premio de Roma de gravado de medalla e pedra fina en tres ocasións: en 1869 acadou unha mención,[6] en 1872 o segundo posto e,[7] finalmente, en 1875 conseguiu o primeiro premio,[5][8] o que lle permitiu pasar unha estadía como bolseiro na Villa Medici, de Roma, entre 1876 e 1879.[5][9]
Á volta a París en 1879 atopouse con graves dificultades económicas e procurou un posto como profesor nas escolas nocturnas, que ocupou durante cinco anos, ao tempo que a súa obra, sinaladamente as súas medallas e as súas plaquetas, ían gañando reputación na capital francesa.[9]
En 1878 casou con Marie Boulanger, filla do ferraxeiro de arte Pierre François Marie Boulanger,[8] autor dos tirantes de ferro das portas de Notre Dame de París.[9]
En 1888 foi elixido membro da Academia de Belas Artes de París, e en 1897 presidente da institución.[10] Así mesmo, foi membro da Sociedade de Amigos dos Monumentos Parisienses desde 1898.[5] entre as entidades estranxeiras máis salientables, foi tamén membro da Academia Real de Bélxica e da American Numismatic Society.[10]
Xa desde 1901, Oscar Roty padecía de arteriosclerose. Morreu en París o 23 de marzo de 1911,[1][3][4] na súa residencia do número 30 da rúa Luxembourg, en París, e o seu corpo foi soterrado no cemiterio de Montparnasse,[11] nunha tumba que fora deseñada por el mesmo.[12]
O estilo de Oscar Roty pódese relacionar remotamente co da Art Nouveau, pola fluidez e a delecadeza dos trazos, cunha marcada influencia da arte antiga no gusto polas cortinas ben traballadas, aínda de moda na época. Algunhas das súas obras están cargadas dun profundo simbolismo tradicional.
A cera sobre lousa preparatoria da "Sementadora" de 1887 consérvase en París no Museo de Orsay,[14] que tamén alberga outras 150 obras de Roty.[15]
No Museo Oscar Roty, establecido en Jargeau (Loiret) polo seu fillo Georges Roty,[16] consérvase practicamente toda a obra gravada do artista, con debuxos e ceras, entre elas a cera de 1896 preparatoria das moedas que o ano seguinte comezou a cuñar a Monnaie de Paris coa imaxe da "Sementadora".[17]
Louis Oscar Roty asinaba os seus traballos coa marca "O. Roty".[8]
As orixes da Sementadora remóntanse a un proxecto de 1887, que ficou inconcluso, para a creación dunha medalla de premio que o Ministerio de Agricultura lle encargara a Oscar Roty.[14][18]
Cando en 1896 o Ministerio de Facenda encargou novos deseños para as moedas francesas, Roty reelaborou a súa figura alegórica de 1887 cun estilo menos naturalista máis próximo á Art Nouveau, e tamén máis adaptado ás esixencias técnicas da cuñaxe industrial da época.[18]
A modelo de corpo enteiro que aparece nas dúas fotografías da época coñecidas —unha conservada no Museo Roty e a outra no Musée de La Poste— foi identificada en ocasións como Charlotte Ragot,[19][20] que efectivamente era unha das cinco modelos profesionais que o artista empregaba con regularidade.[21] No entanto, esta muller tiña naquel momento máis de trinta anos e deixara a profesión de modelo logo do seu casamento en 1890.[22]
Xa que logo, e seguindo os pasos do conservador do Museo Roty, Pierre Marc Chantereau,[21] acéptase xeralmente que Oscar Roty non se inspirou para a súa "Sementadora" nunha das súas modelos habituais, senón nunha rapaza inmigrante italiana que residía no seu mesmo barrio, Montparnasse, chamada Rosalinda —ou Rosalina— Pesce,[16][23][24][25] cuxo aspecto respondía á idea que Roty tiña e a quen non volveu utilizar despois. Con todo, a data de nacemento desta rapaza, o 8 de marzo de 1885 en Gallinaro,[26] atribúelle só once anos no momento da creación da obra, no canto dos supostos quince anos,[23][24][25] o que levou a Chantereau á hipótese de que o artista tería empregado varias modelos e que a Rosalinda lle correspondería unicamente o perfil do rostro.[22]
Ademais de ser utilizada para as moedas francesas que comezaron a cuñarse en 1897, a figura da "Sementadora" de Roty retomouse en 1960 para as series do "novo franco" introducido nese ano.[27][28] Do mesmo xeito, unha imaxe modernizada da "Sementadora" aparece novamente nas moedas francesas da serie do euro con valores de 10, de 20 e de 50 céntimos, baixo o deseño de Laurent Jorio.[29][30]
Pola súa banda, a "Sementadora" que comezou a aparecer nos selos de correos francesas a partir de 1903 foi gravada orixinariamente por Louis-Eugène Mouchon, baseándose nunha placa en relevo subministrada polo propio Roty.[31]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Oscar Roty |