Biografía | |
---|---|
Nacemento | 12 de marzo de 1882 Vysočany, República Checa |
Morte | 1 de agosto de 1956 (74 anos) Dejvice, República Checa |
Lugar de sepultura | Cemiterio de Šárka |
Educación | Universidade Técnica de Praga |
Actividade | |
Campo de traballo | Arquitectura moderna |
Lugar de traballo | Praga (1907–1956) |
Ocupación | arquitecto, comisario de arte, mestre, teórico da arquitectura, deseñador, urbanista, profesor universitario |
Profesores | Josef Schulz |
Obra | |
Obras destacables
| |
Descrito pola fonte | Obálky knih, regional database of the Regional Library of Highlands (en) >>>:Janák, Pavel, 1882-1956, regional database of the Research Library in Hradec Králové (en) , |
Pavel Janák, nado en Karlín o 12 de marzo de 1882 e finado en Dejvice o 1 de agosto de 1956, foi un arquitecto, urbanista, deseñador e teórico da arquitectura checo. Evolucionou do cubismo ao racionalismo.
Estudou na Academia de Belas Artes de Viena (1906-1908), onde foi discípulo de Otto Wagner. Entre 1907 e 1909 traballou no estudo de Jan Kotěra. Os seus primeiros traballos mostran a influencia da Sezession vienesa, especialmente Josef Hoffmann. En 1911 uniuse ao Grupo de Artistas Plásticos (Skupina Výtvarných Umělců) e comezou a traballar no estilo cubista, como indican a vila Jakubec en Jičín (1911-1912) e a vila Drechsel en Pelhřimov (1912-1913). Entre 1911 e 1914 publicou diversos ensaios na revista Umělecký měsíčník (Mensual artístico), nos que expuxo unha teoría expresionista da arquitectura cubista, que consideraba unha loita espiritual coa materia inerte.[1]
Despois da Primeira Guerra Mundial e da independencia de Checoslovaquia, Josef Gočár comezou a procura dun estilo arquitectónico nacional checo, o que deu lugar ao chamado "rondocubismo", que incorpora formas redondeadas e multicolores da decoración vernácula bohemia - moravia, como proba no crematorio de Pardubice (1921-1923) e no palacio Adria de Praga (1922-1925, con Josef Zasche).[1]
A partir de mediados dos anos 20 evolucionou cara ao racionalismo de moda no contexto internacional, como se aprecia no edificio Škoda (1924-1926), o conxunto de vivendas das rúas Lomená, Cokrovarnická e Na Ořechovce de Praga (1923-1924), a terminal de Mariánské Lázně (1928-1930), o Hotel Juliš de Praga (1931-1933) e a sala de reunións evanxélica Husův sbor de Praga (1931-1933).[1]
En 1932 encargouse da planificación xeral da exposición Werkbundsiedlung celebrada no barrio de Baba en Praga, onde se construíron varias vivendas deseñadas por dezaoito arquitectos, todos checos agás o holandés Mart Stam. Janák foi o arquitecto de tres casas: a vila Dovolil (1932), a vila Janák (1931-1932) e a vila Linda (1933-1934).[2]
Nos últimos anos da súa carreira dedicouse especialmente á reconstrución de monumentos en Praga, como o Salón de Baile do Castelo de Praga (1948-1950) e o Pavillón de Hvězda (1948-1952).[1]