Biografía | |
---|---|
Nacemento | 23 de novembro de 1861 Vigo, España |
Morte | 6 de agosto de 1925 (63 anos) Vigo, España |
Lugar de sepultura | Cemiterio de Pereiró |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Ideoloxía política | Anarquismo |
Actividade | |
Ocupación | xornalista , autor , escritor , político |
Partido político | Partido Republicano Democrático Federal |
Lingua | Lingua castelá, lingua inglesa e lingua italiana |
Familia | |
Fillos | Ricardo Mella Serrano, Urania Mella |
Páxina web | ricardomella.org |
Ricardo Mella Cea, nado en Vigo o 23 de abril de 1861[1] e finado o 7 de agosto de 1925 na mesma cidade,[2][3] foi un dos primeiros escritores, intelectuais e activistas libertarios de España. Caracterizouse por ser un estudoso e crítico de variados temas, así como falante e tradutor de inglés, francés e italiano.
Foi o pai da activista feminista Urania Mella, que fora represaliada polos sublevados na Guerra civil española xunto co seu marido Humberto Solleiro, e tamén do político socialista Ricardo Mella Serrano
Naceu na Gamboa, fillo de Dolores Cea Fernández e de José Mella Buján, sombreireiro e militante do republicanismo federal, que influíu ao seu fillo máis vello no respecto polos ideais republicanos e democráticos e máis a admiración por Francesc Pi i Margall. Ingresou moi novo Mella no partido deste, o Partido Republicano Democrático Federal, do que chegou a ser secretario, e destacando xa na súa defensa do estatuto republicano federalista, ollando para a autonomía política e administrativa de Galicia.
Traballou na súa mocidade nunha axencia marítima do seu Vigo natal, que xa daquela estaba a experimentar unha transformación e expansión considerable coma cidade mercantil e industrial. Comezou o seu traballo xornalístico no periódico La Verdad, xornal portavoz do máis extremo republicanismo, que apoiaba de raíz a loita do proletariado galego, e denunciando a presenza do caciquismo que xa se vía presente en Galicia. O carácter duro das súas denuncias ocasionaron unha denuncia por inxurias de José Elduayen -Marqués do Pazo da Mercé-, político canovista e representante local do poder central do goberno de Sagasta, a quen Mella acusou dun desfalco no Banco de España no que Elduayen fora gobernador. En abril de 1881 foi condenado pola Audiencia Provincial a 4 anos e 3 meses de desterro e multa de 625 pts., conmutada posteriormente a 3 anos e 7 meses en 1882.
Era federal aos 22 anos; a Revista Social fíxome decidir polo anarquismo.Ricardo Mella, La Revista Blanca 1902.
Fundou en Vigo La Propaganda, publicación federalista de marcado carácter obreirista, que se mantivo catro anos, de 1881 a 1885. O xornal foi presentado no congreso sindical de Barcelona onde se fundou a Federación de Trabajadores de la Región Española, dando un xiro do republicanismo socialista ao anarquismo, cambio que foi seguido con ledicia por Mella. Poucos días denantes de recoller a súa condena, asistiu en Sevilla ao 2º congreso da Federación (24 a 26 de setembro de 1882), onde coñeceu a Juan Serrano Oteiza, coñecido anarquista de Madrid e editor de La Revista Social e tamén a Antoni Pellicer, membro directivo do comité federal.
Trasladouse a Madrid a cumprir a condena imposta, renovando o contacto con Juan Serrano, casando logo coa filla deste, Esperanza Serrano Rivera, coa que tivo 12 fillos. Foi nesta época (1884) cando traduciu o libro Dios y el Estado de Bakunin, colaborando coa Revista Social, coa publicación mensual Acracia de Barcelona e co xornal barcelonés El Productor (subtitulado Periódico Anarquista) dirixidos por Antoni Pellicer, Rafael Farga i Pellicer e Anselmo Lorenzo.[4]
Aconsellado polo seu sogro, estudou topografía, gañando unha oposición e trasladándose a Andalucía para exercela; onde tomou contacto cos ambientes libertarios da época, que se opuñan ao latifundismo ao que estaban suxeitos os campesiños, aprendendo deles a súa gran capacidade de propaganda, e rexeitando a súa violencia. Durante a súa estancia en Sevilla, fundou o xornal La Solidaridad, entre outros, e no que defendeu o anarquismo colectivista.
Nesta época acode ao I e II Certame Socialista (Reus, 1885, Barcelona 1889), con 8 traballos, todos eles premiados: El problema de la emigración en Galicia; Diferencias entre el comunismo y el colectivismo; La anarquía: su pasado, su presente y su porvenir; Breves apuntes sobre las pasiones humanas; La nueva utopía (novela imaginaria); El colectivismo: sus fundamentos científicos; Organización, agitación, revolución e El crimen de Chicago.
En 1895 volveu a Vigo, e durante o ano seguinte acolleu na súa casa a Josep Prat que fuxira de Barcelona escapando da represión na cidade durante o proceso de Montjuïc e a quen lle conseguirá un embarque para América.[5] En Vigo, pasou pouco tempo pois, en 1897, foi chamado polo seu traballo a Pontevedra, para colaborar no tendido do ferrocarril. Na capital da provincia tratou aos redactores de La Unión Republicana e escribiu para El Progreso de Madrid e El Corsario da Coruña, desde onde denunciou os fusilamentos de anarquistas de Montjuïc, Barcelona. Alí principiou o seu labor de espallar o anarquismo entre o campesiñado gallego, inspirándose na súa experiencia andaluza.
Ao mesmo tempo comezou unha intensa colaboración con varias publicación como os xornais La Revista Blanca, La Anarquía e La Idea Libre de Madrid; con El Despertar de Nova York;[6] en La Protesta de Bos Aires; revistas Ciencia Social, de Barcelona e Bos Aires; en La Questione Sociale de Bos Aires e L'Humanite Nouvelle de París. Desta época é tamén o seu libro Lombroso y los anarquistas (Barcelona, 1896), onde criticou as teorías antropolóxicas do médico e criminólogo italiano Cesare Lombroso; Los sucesos de Jerez (Barcelona, 1893); La barbarie gubernamental en España (Brooklyn, 1897); La ley del número (Vigo, 1899); La cooperación libre y los sistemas de comunidad (memoria que levou, en setembro de 1900, ao Congreso Revolucionario Internacional de París); Del amor, modo de acción y finalidad social (Barcelona, 1900); Táctica socialista (Madrid, 1900) e La coacción moral (1901).
O seu traballo de topógrafo levouno a Asturias, onde comezou un período de silencio, ante as graves divisións do anarquismo da época. Porén deixou sona naquela terra a través do seu primeiro biógrafo Pedro Sierra e máis de Eleuterio Quintanilla con quen fundaría Acción Libertaria.
Volveu escribir nos xornais a raíz da Semana tráxica de 1909, desta vez nas páxinas de Acción Libertaria de Xixón e Vigo e El Libertario, onde, segundo Pedro Sierra están as mellores liñas que produciu coa súa pluma e mantivo un contacto permanente por correspondencia co presidente do Ateneu Enciclopèdic Popular de Barcelona, Josep Maria de Sucre. Foi tamén neste ano cando volveu a Vigo, chamado para a construción das liñas de tranvías da cidade, dos que ao seu remate, foi nomeado Director-Xerente por Martín Echegaray Olañeta.
Dende este momento e até a súa morte, deixou a militancia activa e as colaboracións nos xornais, dedicándose de cheo ós seus labores profesionais, mais aínda en 1911 asistiu en representación de Asturias ao congreso da Confederación Nacional do Traballo. O seu pasamento constitúe a maior mostra de dor pública que se viu na época, deténdose os tranvías e máis toda a cidade, nunha demostración do alto respecto que acadou na súa vida de calada loita.[7][8] Fica enterrado do Cemiterio de Pereiró, nun mausoleo feito por Asorey e pagado por colecta publica.
Escribiu máis de trinta ensaios ao longo da súa vida, sendo moitos deles premiados internacionalmente, e sendo traducido ao italiano, holandés, francés, inglés e portugués. O peso do sindicalismo revolucionario da CNT dos primeiros tempos procede das súas teses, nas que se reflectían os seguintes preceptos básicos:
En Vigo puxéronlle o seu nome a un Instituto de Ensino Secundario e a unha avenida.[2][9] En 2018, os irmáns Ramón e Xosé Trigo remataron, mediante crowfounding na plataforma Verkami, a obra de banda deseñada "Ricardo Mella. O home novo", sobre a súa vida, con edición en galego e en castelán.[10]