Robert Wallace McLachlan (segundo pola dereita) no arquivo en 1911 | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 9 de marzo de 1945 |
Morte | 10 de maio de 1926 (80 anos) Montreal. Canadá |
Residencia | Montreal |
País de nacionalidade | Canadense. |
Educación | Universidade McGill. |
Q89547790 | Estudos de numismática canadense. |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática. |
Ocupación | numismático |
Premios | |
(1926): Medalla da RNS. |
Robert Wallace McLachlan, nado en Montreal o 9 de marzo de 1845 e finado na mesma cidade o 10 de maio de 1926, foi un numismático canadense especializado na moeda e do Canadá anterior á confederación de 1867. [1][2]
McLachland naceu en Montreal, provincia do Quebec, o 9 de marzo de 1845, o quinto dos fillos de Ann Stephen e William McLahland, provenientes de Escocia.[2][3] Educouse primeiro na Huntingdon Academy e posteriormente na McGill Model School, antes de realizar os seus estudos superiores na Universidade McGill, de Montreal.[4]
Nesa cidade foi durante máis de 20 anos funcionario do departamento de arquivosdo Palacio de Xustiza, posto do que se retirou en 1924, e tamén exerceu como notario.[4]
McLachlan comezou a súa colección de moedas aos doce anos, cando estudaba na McGill Model School, motivado polo director da escola.[2][3][4] Cultivou esta afección durante moitos anos e en 1894, P. N. Breton asegurou que a colección de moedas de McLachlan era a máis nutrida do país, con arredor de 8.000 pezas, desde a época grega ata a Idade Contemporánea.[5] En 1922 McLachlan vendeu a colección completa (daquela cunhas 20.000 pezas) á Sociedade Canadense de Anticuarios e Numismática, de Montreal.[6] En 1974 foi finalmente adquirida polo Banco do Canadá para o seu museo. Pola súa banda, a súa biblioteca especializada en numismática canadense foi adquirida polo numismático estadounidense George Kolbe.[4]
En 1883 realizou unha viaxe por Gran Bretaña e Francia na que visitou a Royal Mint e a Monnaie de Paris, así como o Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico e a colección de moedas da Universidade de Glasgow, entre outras.[3]
McLachlan foi un prolífico investigador acerca da moeda e a medalla do Canadá, que publicou tanto en monografías como en numerosos artigos nas máis prestixiosas revistas numismáticas do momento.[3][4]
Xunto coas doutros colegas numismáticos canadenses, como Alfred Sandham, P. N. Breton e Joseph Leroux, considérase que as súas publicacións sentaron as bases da investigación sobre a numismática do Canadá.[7]
Entre outras entidades asociativas e académicas, en 1864 foi elixido membro da Sociedade Numismática de Montreal, onde ocupou diversos postos directivos. En 1866 ingresiou na Royal Numismatic Society, de Londres, que en 1926 lle concedeu a súa medalla de ouro.[8] Así mesmo, foi membro da British Numismatic Society, da American Numismatic Society (1884), da American Numismatic Association (1899), da que foi vicepresidente, e da Real Asociación Numismática do Canadá, a cuxa presidencia accedeu en 1915. Ademais, foi membro asociado estranxeiro da Sociedade Suíza de Numismática e da Sociedade Real de Numismática de Bélxica (1887) e presentou un relatorio No Congreso Internacional de Numismática celebrado en Bruxelas en 1891.[2][3][4][9]
McLachlan foi tamén membro do comité editorial de The Canadian Antiquarian and Numismatic Journal, en cuxo primeiro número, aparecido en 1872, publicou o seu primeiro artigo numismático, titulado "A Plea for an Artuistic Coinage".[2][3][10]
Robert Wallace McLachlan faleceu o 10 de maio de 1926 aos 81 anos de idade na súa casa da avenida Westmount, de Montreal, e foi soterrado no cemiterio Mont-Royal, de Outremont, Quebec.[1][4]
Esta é unha listaxe das publicacións máis sobranceiras de Robert Wallace McLachlan sobre numismática canacense. Nalgúns casos trátase de traballos monográficos e noutros de separatas de artigos previamente aparecidos en revistas e posteriormente publicados en forma de folleto:[3][4][12]