The Durutti Column | |
---|---|
Orixe | Greater Manchester, Inglaterra |
Período | 1978 - presente |
Xénero(s) | post-punk, art rock, post-rock, ambient |
Selo(s) discográfico(s) | Factory Records |
Membros | Vini Reilly Bruce Mitchell Keir Stewart Poppy Morgan |
Antigos membros | Dave Rowbotham Chris Joyce Phil Rainford Tony Bowers Colin Sharp Tim Kellett Peter Hook Martin Jackson John Metcalfe |
Artistas relacionados | Simply Red |
Na rede | |
http://www.thedurutticolumn.com/ | |
The Durutti Column é unha banda inglesa de post-punk formada en 1978 en Manchester. A banda é un proxecto do guitarrista Vini Reilly que adoita a estar acompañado do batería Bruce Mitchell. Outros membros actuais do grupo son Keir Stewart (baixo, teclados e harmónica) e Poppy Morgan, a moza de Reilly (piano).
En 1978 Tony Wilson e Alan Erasmus, que máis tarde serían compañeiros en Factory Records, formaron unha banda con membros da banda local de punk rock Fast Breeder, o batería Chris Joyce e o guitarrista Dave Rowbotham. Fixéronse chamar The Durutti Column. O 25 de xaneiro o antigo guitarrista da banda local de punk rock Ed Banger and The Nosebleeds, Vini Reilly, uniuse a eles, ao que lle seguiu o vocalista Phil Rainford semanas máis tarde. Finalmente, a finais de febreiro, Tony Bowers, antigo membro de Alberto Y Lost Trios Paranoias, uniuse como baixista. A formación completouse pero só durante un tempo, xa que Rainford foi despedido en xullo, sendo substituído por Colin Sharp, que se converteu nun dos compositores da banda.
A banda tocou no club Factory e gravou dous temas para a primeira edición de Factory Records, o recompilatorio A Factory Sample (no que tamén estaban Joy Division, John Dowie e Cabaret Voltaire). Xusto antes de gravar o seu álbum de estrea, o grupo separouse despois dunha disputa entre Wilson e Erasmus pola elección do produtor, Martin Hannett. Reilly foi o único membro que permaneceu no grupo, mentres que Rowbotham, Bowers e Joyce formarían The Mothmen. Os dous últimos serían membros de Simply Red durante anos, e Sharp continuou na música formando The Roaring 80s, SF Jive e Glow e tamén adicouse á actuación.
The Durutti Column converteuse así no proxecto en solitario de Reilly dende entón; o batería Bruce Mitchell e outros músicos contribuíron ocasionalmente nas gravaciósn e nas actuacións, e Mitchell e Wilson xestionaron o grupo durante a súa etapa en Factory e algúns anos despois.
O nome da banda deriva dunha falta de ortografía do nome Buenaventura Durruti, que liderou unha columna de anrquistas durante a Guerra civil española (a Columna Durruti). Un póster de 1967 da Internacional Situacionista incluía a frase "The Return of the Durutti Column", que se converteu no nome do primeiro álbum do grupo.
O seu primeiro álbum, The Return of the Durutti Column, aparecido en 1980. Foi unha colaboración entre Reilly e o produtor Martin Hannett. As primeiras copias tiñan unha portada feita con papel de lixa. Isto, ao igual que o título do disco, inspirouse nunha broma situacionista, un libro (Mémoires de Guy Debord, membro da Internacional Situacionista) cunha capa de papel de lixa que esnaquizaba os outros libros do estante. A música era distinta a calquera gravada por un grupo de post-punk da época; a pesar de que Reilly se identificaba como un artista "new wave", o disco contiña nove suaves pezas instrumentais de guitarra. A música incluía elementos do jazz, folk, música clásica e o rock. A produción de Hannett incluía a inclusión de ritmos electrónicos e outros efectos, coma sons de paxaros no tema "Sketch for Summer". O álbum estivo acompañado por un flexidisc con dous temas de Hannett só.
LC ("Lotta Continua") foi editado en 1981. Gravouse sen Hannett, pero co percusionista Bruce Mitchell, o compañeiro máis habitual de Reilly e manager ocasional. O EP Deux Triangles, lanzado en 1982, contén tres temas instrumentais, co piano destacando máis que a guitarra. Another Setting (1983) contaba tamén con Reilly e Mitchell, pero en 1984 ingresaron no grupo Richard Henry (trombón), Maunagh Fleming (corno inglés e óboe), Blaine Reininger (violín e viola), Mervyn Fletcher (saxofón), Caroline Lavelle (violonchelo) e Tim Kellett (trompeta). O álbum Without Mercy, arranxado por John Metcalfe, foi un intento dunha evocación instrumental do poema "La Belle Dame sans Merci" de John Keats.
Kellett e Metcalfe quedaron na banda (Metcalfe tocando a viola) e apareceron xunto a Reilly e Mitchell en Circuses and Bread, editado por Factory Benelux en 1985, e Domo Arigato, un álbum ao vivo gravado en Toquio.
Kellett deixou o grupo para unirse a Simply Red, pero apareceu como convidado en The Guitar and Other Machines (1987). Este álbum tiña un son máis directo que os discos anteriores, con voces de Stanton Miranda e o entón compañeiro de Reilly, Pol, e o uso dun secuenciador e unha caixa de ritmos ademais da batería de Mitchell. O álbum foi producido por Stephen Street, que tamén produciu o álbum en solitario de Morrissey Viva Hate (1988), onde Reilly tocou a guitarra.
Vini Reilly (1989), tamén producido por Reilly e Street, conta cun extensivo uso de samplers, con loops sampleados de vocalistas como Otis Redding, Tracy Chapman, Annie Lennox e Joan Sutherland, usadas como bases de varios temas.
En Obey the Time (1990) Mitchell toca en só un tema, converténdose de certa maneira nun álbum en solitario de Reilly. Este disco está fortemente influenciado pola música dance contemporánea. Acompañouno o sinxelo "The Together Mix", editado a principios de 1991, e que se converteu na derradeira edición da banda co selo Factory Records.
Durante os primeiros anos despois de deixar Factory, os únicos álbums editados por The Durutti Column foron Lips That Would Kiss (unha colección dos seus primeirosa sinxelos, contribución a recompilatorios e material non lanzado anteriormente editado en 1991), Dry (1991) e Red Shoes (1992), con versións alternativas e descartes.
O antigo membro Dave Rowbotham foi asasinado en 1991, e posteriormente os Happy Mondays adicaríanlle o tema "Cowboy Dave".
En 1993 Tony Wilson intentou resucitar Factory Records, e Sex and Death sería a primeira edición de Factory Too (subsidiaria de London Records). O álbum foi novamente producido por Stephen Street, con Mitchell e Metcalfe, e nel colaborou Peter Hook de New Order no tema "The Next Time". Time Was Gigantic ... When We Were Kids, editouse en 1998 e foi producido por Keir Stewart, que tamén tocou no álbum e dende entón traballa frecuentemente con Reilly.
Os oito álbum editado para Factory (The Return of the Durutti Column, LC, Another Setting, Without Mercy, Domo Arigato, The Guitar and Other Machines, Vini Reilly e Obey the Time) serían reeditados con material adicional por Factory Too/London entre 1996 e 1998. Nese último ano, The Durutti Column contribuíu con "It's Your Life Baby" no recompilatorio Onda Sonora: Red Hot + Lisbon para a loita contra a SIDA, producido pola Red Hot Organization.
Factory Too desaparaceu en 1998, e os seguintes traballos da banda foron lanzados polos selos independentes Artful Records (Rebellion (2001), Someone Else's Party (2003), Keep Breathing (2006), Idiot Savants (2007)) e Kookydisc (Tempus Fugit (2004), Sunlight to Blue... Blue to Blackness (2008)). Un disco só dispoñible como descarga dixital, Heaven Sent (It Was Called Digital, It Was Heaven Sent), apareceu no ano 2005.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: The Durutti Column |