![]() ![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 12 de xuño de 1863 ![]() Melbourne, Australia ![]() |
Morte | 10 de outubro de 1931 ![]() Torquay, Reino Unido (pt) ![]() ![]() |
Actividade | |
Campo de traballo | Escultura ![]() |
Lugar de traballo | Londres ![]() |
Ocupación | artista, escultor, deseñador de selos, medallista ![]() |
Período de actividade | 1882 ![]() ![]() |
Membro de | |
Influencias | |
Compañeiro profesional | John Pinches (en) ![]() ![]() Erik Lindberg (pt) ![]() ![]() ![]() |
Premios | |
Descrito pola fonte | Obálky knih, ![]() ![]() |
![]() |
Edgar Bertram Mackennal nado en Melbourne, Australia, o 12 de xuño de 1863 e finado en Torquay, Devon, Inglaterra, foi un escultor e medallista australiano coñecido polos seus deseños de moedas e selos postais británicos e dos seus territorios coa efixie do rei Xurxo V.
Mackennal foi o artista australiano de maior recoñecemento internacional do século XIX e de principios do século XX.[1]
Foi un artista próximo á casa real británica e realizou estatuas de Vitoria, Eduardo VII e Xurxo V, tanto en Inglaterra como en Australia e na India Británica. Foi condecorado por Xurxo V como cabaleiro da Real Orde Vitoriana.
Bertram Mackennal naceu o 12 de xuño de 1863[2] en Fitzroy, un suburbio de Melbourne, Victoria, o segundo fillo dunha familia orixinaria de Escocia. A súa nai era Annabella Hyde e o seu pai John Simpson Mackennal (1832-1901), un destacado artista e escultor de Melbourne.[3][4] O irmán de Bertram, Horace John Mackennal, chegou a ser un destacado arquitecto, responsable do deseño de moitos grandes proxectos en Victoria, como director de obras nese estado.[5]
O seu pai, John Mackennal, proporcionoulle a Bertram a súa formación inicial, á que seguiron os estudos na Melbourne Model School,[2] no King's College e na escola de deseño da Galería Nacional de Melbourne —a actual Galería Nacional de Victoria—, baixo a dirección de O. R. Campbell, á que asistiu entre 1878 e 1882.[3][4]
Marshall Wood, un escultor inglés de visita en Australia en 1880, aconselloulle que viaxase a Europa e prometeulle un emprego. Daquela, Mackennal marchou a Londres en 1882, e ao chegar descubriu que Wood falecera; alí estudou nas escolas da Royal Academy,[2] onde compartiu estudos con Charles Douglas Richardson e Tom Roberts. Logo desprazouse a París para recibir clases e asistir aos estudios de varios escultores. En 1884, ao recibir unha encarga para realizar unha escultura dun membro do exército británico, regresou a Londres, onde casou cunha compañeira de estudos, Agnes Spooner.[3][4]
Logo do seu matrimonio, visitou Italia e novamente París,[2] xunto coa súa esposa. Cando estaba nunha situación económica delicada, Mackennal foi nomeado xefe de modelaxe e deseño na compañía de porcelanas Coalport Potteries, no condado de Shropshire, a principios de 1886. Ese mesmo ano gañou un concurso para esculpir os relevos da fachada da Sede do Parlamento de Victoria en Melbourne, polo que regresou a Australia en 1887 para os executar,[4] e instalou un estudio nesa cidade, en Swanson Street.[3]
Durante a súa estadía en Australia, Mackennal acadou outras encargas, entre elas a figura sobre a porta da Cámara de Comercio de Melbourne. Mackennal tamén coñeceu a actriz teatral Sarah Bernhardt, quen lle aconsellou encarecidamente que abandonase Australia e regresase a París. Seguindo os seus consellos, Mackennal pediulle prestado diñeiro ao parlamentario Frank Stuart e chegou a París en 1891.[3][4]
La Tete d'une Saint ("Cabeza dun santo") foi esculpida en 1892, pouco despois do seu regreso a París. A versión en mármore desta escultura, que representa unha muller contemporánea, exhibiuse no Salón de París de 1892, e coñécese tamén a existencia dunha única versión en bronce. En 1892, o xornal Argus informaba de que "o relevo en mármore, polo seu tamaño, é o mellor do seu xénero no Salón". En 1893 acadou o seu primeiro éxito cando a súa figura de corpo enteiro Circe, actualmente na Galería Nacional de Victoria, mereceu unha "mención" no Salón Antigo e suscitou un grande atención. Posteriormente expúxose na Royal Academy de Londres,[2] en 1894, onde tamén espertou interese,[4] o que confirmou a Mackennal como un dos escultores máis importantes do momento.[3]
Foi o primeiro australiano que expuxo na Academia Real de Londres. A partir de aí comezaron a chegarlle as encargas privadas, entre elas as figuras Oceana e Grief para o Union Club de Sydney. Dúas encargas de Melbourne levárono novamente a Australia en 1901: o monumento ao baronete William Clarke nos Xardíns do Tesouro de Melbourne e as esculturas para o Springthorpe Memorial en Kew.[4]
Mackennal regresou despois a Londres e comezou a recibir encargas de organismos públicos, entre elas varias estatuas da raíña Vitoria para Inglaterra, a India e Australia.[3] Entre as súas obras dese período están o fermoso frontón para a oficina da xunta do Goberno local en Westminster, un monumento conmemorativo da Guerra dos Bóers para Islington, Londres, e estatuas da raíña Vitoria para Ballarat, Lahore e Blackburn. En 1907 o seu grupo de mármore The Earth and the Elements ("A Terra e os elementos") foi adquirido para a Tate Gallery, de Londres, en virtude do legado Chantrey, e en 1908 a súa Diana Wounded ("Diana ferida") tamén foi comprada para os fondos nacionais. Grazas a este duplo éxito, Mackennal adquiriu unha gran notoriedade e en 1909 foi elixido membro asociado da Royal Academy de Londres, converténdose no primeiro australiano en recibir esta honra.[4] Tamén deseñou as medallas dos Xogos Olímpicos de Londres de 1908.[3][7]
En 1910, Mackennal deseñou a medalla da coroación do rei Xurxo V e tamén obtivo a importante encarga do deseño da cabeza do monarca para o anverso das novas moedas para o seu reinado de Xurxo V,[7] a partir de 1911, sobre a base do cal do cal desenvolveu o novo deseño tamén para os selos postais británicos e doutros territorios de soberanía británica, que se converteron nos seus deseños máis perdurables.[3][4]
A súa seguinte obra importante foi o monumento ao pintor Thomas Gainsborough en Sudbury, Suffolk, e posteriormente a tumba conmemorativa do rei Eduardo VII na capela de San Xurxo, no castelo de Windsor. Mackennal tamén esculpiu estatuas dos reis Xurxo V e Eduardo VII para Londres, Melbourne, Calcuta e Adelaida.[3][4]
Mackennal foi nomeado membro da Real Orde Vitoriana en 1912, e en 1921 Xurxo V concedeulle o título de cabaleiro desa mesma orde, con motivo da inauguración da estatua euestre de Eduardo VII en Londres,[7] o que o converteu no primeiro artista australiano en recibir o título de cabaleiro no Reino Unido. Tamén foi elixido membro de pleno dereito da Royal Academy en 1922.[3][4]
En 1923 erixiuse en Londres o seu grupo pedimental de bronce titulado Phoebus Driving the Horses of the Sun ("Febo conducindo os cabalos do sol"), na Australia House, a misión diplomática de Australia na cidade.[3]
En 1926 visitou Australia e Nova Zelandia, e en outubro dese mesmo ano expuxo nas Macquarie Galleries de Sydney, e logo volveu definitivamente a Inglaterra, onde continuou cunha abundante produción escultórica.[3]
Entre as obras posteriores de Mackennal destacan a figura masculina espida Here I Am ("Aquí estou"), para o monumento de guerra do Eton College; o monumento de guerra a aos membros de ambas as cámaras do Parlamento do Reino Unidoo, en Londres; as figuras do soldado e o mariñeiro para o cenotafio de Martin Place, en Sydney; a estatua de bronce do rei Xurxo V na antiga sede do Parlamento, en Camberra, e a cabeza da Vitoria, regalada ao Goberno australiano polo artista, tamén en Camberra. Pouco antes da súa morte, completou o monumento conmemorativo do Corpo Montado do Deserto no Canal de Suez a partir dos deseños de Charles Web Gilbert.[4]
Bertram Mackennal morreu repentinamente por mor dunha ruptura de aneurisma abdominal na súa casa, Watcombe Hall, preto de Torquay, en Devon, o 10 de outubro de 1931,[4][8] e foi soterrado no cemiterio de Torquay.[3][9]
Os arquivos de Bertram Mackennal están conservados na Galería de Arte de Nova Gales do Sur.[10]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Bertram Mackennal ![]() |
Predecesor: George William de Saulles |
![]() Moedas da libra esterlina Autores dos anversos 1910 - 1936 |
Sucesor: Humphrey Paget |