Nome orixinal | Jere Lehman Bacharach |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 18 de novembro de 1938 |
Morte | 9 de abril de 2023 (84 anos). Seattle, Washington. |
País de nacionalidade | Estadounidense. |
Educación | Universidade Harvard. Universidade de Míchigan |
Q89547790 | Estudos sobre Oriente Medio. |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática e historia. |
Lugar de traballo | Seattle |
Ocupación | Islamólogo, historiador, académico, profesor universitario, numismático |
Empregador | Universidade de Washington |
Familia | |
Cónxuxe | Ruth Balka (1962). |
Premios | |
2004: J. L. Bacharach (MESANA). 2007: S. Shamma (RNS). 2015: Mentoring (MESANA). | |
Sitio web | history.washington.edu… |
Jere Lehman Bacharach, nado en Nova York o 18 de novembro de 1938 e finado en Seattle, Washington, o 9 de abril de 2023, foi un historiador e numismático estadounidense especializado no mundo oriental.
Jere L. Bacharach naceu en Nova York en 1938, fillo de Adele Alice Lehman e de Justin L. Bacharach.[1] Cursou os seus estudos universitarios no Trinity College de Connecticut, onde se graduou en 1960. Posteriormente acadou un mestrado na Universidade Harvard en 1962 e doutorouse na Universidade de Míchigan en 1967.[2][3][4]
O seu interese polos estudos de Oriente Medio e a historia islámica comezou no outono de 1958, cando pasou unha estadía formativa dun ano no estranxeiro, na Universidade de Edimburgo, e alí asistiu ao seu primeiro curso de historia islámica.[5]
A súa carreira académica transcorreu na Universidade de Washington, na que ingresou como profesor adxunto no curso 1967-1968, e onde exerceu a docencia ata a súa xubilación formal en 2004, aínda que seguiu a impartir clases ata 2007, como catedrático emérito de Historia. Ao longo desta traxectoria académica na Universidade de Washington, Bacharach ocupou varios cargos, entre eles o de director do Departamento de Historia (1987-1992), director da Escola de Estudos Internacionais Henry M. Jackson (1995-2000),[6] e director interino do Departamento de Linguas e Civilizacións do Oriente Próximo (2005-2006).[2][3] Nesta universidade foi tamén o fundador do programa de doutoramento interdisciplinario en Estudos sobre Oriente Próximo e Oriente Medio (1991-2000).[4][5][6]
A traxectoria acedémica de Bacharach transcorreu entre Seattle e O Cairo. Ademais da súa dedicación á docencia no estado de Washington, dirixiu con carácter interino o Centro Americano de Investigación en Exipto entre 2002 e 2003 e participou en diversos proxectos co Instituto de Investigación Americano en Siria, coa Sociedade Internacional de Estudos Iranianos e con Historiadores da Arte Islámica. Entre outras entidades de carácter asociativo, Bacharach foi tamén presidente da Asociación de Estudos de Oriente Medio de América do Norte (1999-2000) e editor do boletín informativo desa entidade; tamén presidu Medievalistas de Oriente Medio (1997-2000 e 2003-2006) e a Asociación de Escolas Profesionais de Asuntos Internacionais, e pertenceu ao consello directivo da American Numismatic Society desde 1993 ata o seu falecemento.[2][3][4][5]
As súas investigacións abranguen desde a arquitectura do poder no mundo islámico ata o uso de escravos africanos nos exércitos musulmáns. Mais o seu principal foco de traballo foi a numismática islámica, un eido no que publicou numerosos artigos, sinaladamente acerca da evolución monetaria circasiana do século XV e as cuñaxes da dinastía Iquíxida do século X.[7] O seu libro Islamic History Through Coins, publicado no Cairo en 2006, foi recoñecido pola Royal Numismatic Society de Londres co premio Samir Shamma, como o mellor libro do ano sobre a numismática islámica do século XIX.[5][8]
Jere L. Bacharach casou con Ruth Balka o 23 de decembro de 1962,[9][10] con quen tivo dúas fillas, chamadas Deborah e Julia.[1]
Morreu en Seattle, no estado de Washington, o 9 de abril de 2023, aos 84 anos,[1][6][11][12] como consecuencia dunha grave doenza.[5]
En recoñecemento á súa figura, a Middle East Studies Association of North America decidiu en 2004 darlle o nome de Jere L. Bacharach ao seu premio ao servizo, que xa viña outorgando desde que se establecera en 1996. Esta é a listaxe de galardoados co premio:[13]
Jere L. Bacharach é autor de decenas de artigos e colaboracións en materia de historia e numismática islámicas, publicados en diversas revistas especializadas e volumes conxuntos, ademais dalgúns traballos monográficos, dos que a seguir se citan algúns dos máis significativos.[4][7]