Medio dólar da Liberdade camiñando [1] | |
---|---|
A/: A Liberdade camiñando cara ao abrente, con pólas de carballo e loureiro nas mans. Data.
Lendas: LIBERTY / IN GOD WE TRUST. |
R/: Aguia coas ás despregadas ollando cara á esquerda, pousada nun cumio. Marca de gravador (monograma WA).
Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURUBUS UNUM / HALF DOLLAR. |
|
O medio dólar da Liberdade camiñando é unha moeda estadounidense de prata con valor de 50 centavos ou medio dólar emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos entre 1916 e 1947 e cuñada nas cecas de Filadelfia, Denver e San Francisco. Esta moeda foi deseñada e gravada polo escultor Adolph A. Weinman.
En 1915, o novo director da Casa da Moeda dos EEUU, Robert W. Woolley, decatouse de que a lei o facultaba para substituír os deseños das moedas circulantes que levaban máis de 25 anos en uso, polo que de camiño iniciou o proceso de substitución das moedas da vixente serie Barber (10 centavos, ¼ dólar e ½ dólar) todas elas cun deseño moi similar creado por Charles E. Barber e cuxa cuñaxe comezara xa en 1892. Woolley encargoulle á Comisión de Belas Artes a organización dun concurso, como resultado do cal resultou escollido Weinman como deseñador das novas moedas de 10 centavos e de medio dólar.
O deseño de Weinman da Liberdade camiñando cara ao Sol resultou difícil de adaptar para o seu gravado nos cuños, ante o que o secretario do Tesouro, William G. McAdoo, de cuxo departamento depende a US Mint, considerou a posibilidade de que Barber crease o seu propio deseño alternativo. Os funcionarios da Casa da Moeda conseguiron preparar os cuños para comezar a produción co deseño de Weinman, aínda que os resultados non foron os esperados e xurdiron diversos problemas, o que se puido converter nun dos motivos para a súa substitución en 1948 polo medio dólar Franklin, creado por John R. Sinnock e Gilroy Roberts.
Malia todo, o historiador da arte Cornelius Vermeule considerou que o medio dólar da Liberdade camiñando se acha entre as moedas máis fermosas da historia dos EEUU. En 1986 levouse a cabo unha modificación do seu anverso para o incorporar a unha moeda de investimento emitida a partir de entón, o dólar American Silver Eagle. En 2016 realizouse unha emisión extraordinaria en ouro do medio dólar da liberdade camiñando, conmemorativa do centenario da súa creación.
O 26 de setembro de 1890, o Congreso dos Estados Unidos aprobou unha lei na que se establecía, entre outras cousas, o seguinte:[2][3]
“ | O director da Casa da Moeda está facultado, coa aprobación do secretario do Tesouro, para facer que se preparen e se adapten novos deseños [...] No entanto, non se poderá facer ningún cambio nin no deseño nin no cuño dunha moeda máis dunha vez cada vinte e cinco anos desde a primeira adopción do seu deseño [...] O director da Casa da Moeda terá a facultade de contratar temporalmente os servizos de un ou varios artistas, distinguidos nas súas respectivas disciplinas artísticas, aos que se lles aboará o devandito servizo coa asignación continxente para a Casa da Moeda de Filadelfia. | ” |
A serie de moedas circulantes Barber, así coñecida por estar deseñada polo daquela gravador xefe da Casa da Moeda dos EEUU Charles E. Barber, introducírase en 1892, e estaba composta por moedas de 10 centavos (dime), dun cuarto de dólar e de medio dólar.[5] Mais estas moedas non gozaban do recoñecemento da poboación que as utilizaba.[6] A partir de 1905, as sucesivas administracións presidenciais intentaron dotar o sistema monetario dos Estados Unidos duns deseños modernos e atractivos.[7] Logo dos novos deseños da serie de ouro formada pola dobre aguia (20 dólares), a aguia (10 dólares), a media aguia (5 dólares) e o cuarto de aguia (2½ dólares) entre 1907 e 1908, os partidarios da substitución tamén da serie Barber de prata comezaron a exercer presión para que se producise o cambio en 1916, cando expiraba o prazo mínimo de 25 en circulación. Xa en 1914, Victor David Brenner, deseñador do centavo Lincoln, presentara pola súa conta novos deseños para as moedas de prata, aínda que a resposta por parte do secretario do Tesouro, William G. McAdoo, foi que daquela estaba moi ocupado con outros asuntos.[8]
O 2 de xaneiro de 1915 publicouse no xornal Michigan Manufacturer and Financial Record unha entrevista co superintendente da Ceca de Filadelfia, Adam M. Joyce, na que este afirmaba:[9]
“ | Ata onde eu sei [...] non se pensou en emitir novas moedas dos valores de 50, de 25 e de 10 centavos. Mais se se fai un cambio, todos esperamos que se produzan moedas máis útiles e satisfactorias que as recentes dobre aguia e aguia de Saint-Gaudens, e que a media aguia e un cuarto de aguia de Pratt. Os 5 centavos "buffalo" e o centavo Lincoln tampouco son satisfactorios desde o punto de vista práctico. Todas son resultado do desexo do Goberno de cuñar moedas que satisfagan os artistas, mais non os cuñadores. | ” |
En xaneiro de 1915, o subsecretario do Tesouro, William P. Malburn, envioulle a McAdoo un informe sobre a cuñaxe das moedas divisionarias de prata, no que se sinalaba que "o medio dólar, o cuarto de dólar e a moeda de 10 centavos de prata actuais cambiaron en 1892, polo que se poderá adoptar un novo deseño en 1916. Isto pódese facer en calquera momento do ano".[11] A resposta de McAdoo foi: "deixemos que a Casa da Moeda presente os seus deseños, antes de probarmos con ninguén máis.[12]
En abril de 1915, Robert W. Woolley asumiu o cargo de director da US Mint, en substitución de Abram Piatt Andrew. O 14 dese mesmo mes, o novo director pediulle ao superintendente Joyce que lle encargase novos deseños ao gravador xefe da ceca, que seguía a ser Charles E. Barber logo de 36 anos no posto. O mesmo día, o subsecretario Malburn solicitou a opinión do asesor xurídico do Departamento do Tesouro acerca da idea da Casa da Moeda de cambiar os deseños das tres moedas de prata para 1916, e tres días despois este respondeu que non había óbice ningún para facer o cambio.[13] Naquel momento, a Casa da Moeda estaba moi ocupada coa produción das moedas conmemorativas da Exposición Panamá-Pacífico, polo que non se tomaron medidas inmediatas.[12] En outubro, o director Wooley convocou a Barber para tratar o asunto dos novos deseños, aínda que non se coñece con certeza se este xa tiña preparados daquela algúns esbozos para as novas moedas.[13]
O 3 de decembro, Woolley reuniuse coa Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos e pediu a esta institución que examinase os esbozos realizados polo departamento de gravado da Casa da Moeda, dirixido por Barber, quen estivo presente na reunión para lles explicar aos membros da Comisión os detalles do proceso de cuñaxe. O director suxeriulles aos membros que, se non lles gustaban as propostas presentadas pola Casa da Moeda, seleccionasen eles mesmos un grupo de escultores que presentasen os seus propios deseños para as novas moedas. A intención de Woolley era que as tres moedas tivesen deseños diferentes entre elas —as da serie Barber eran moi semellantes—.[14] O director tamén informou a comisión de que, como os modelos anteriores levaban 25 anos en circulación, cumpría cambialos, o que o historiador numismático David Lange considera unha "interpretación errónea da lei", que só facultaba, mais non obrigaba o director para facer o cambio.[15]
Á comisión non lle pareceron satisfactorias as propostas presentadas por Barber,[16] polo que seleccionou unha tríade composta polos escultores Adolph Weinman, Hermon MacNeil e Albin Polasek, para que presentasen os seus propios deseños para as moedas. Os escultores podían presentar varios esbozos, e a Casa da Moeda reservábase o dereito de poder utilizar un deseño para unha moeda diferente da prevista polo seu autor, aínda que os deseños non eran totalmente intercambiables, xa que, por lei, no reverso do cuarto dólar e do medio dólar debería aparecer unha aguia, que non podía, ademais, representarse na de 10 centavos. Aínda así, Woolley esperaba que cada escultor tivese éxito cunha soa peza.[17]
Os tres escultores enviaron as súas propostas a mediados de febreiro e o 23 dese mes reuníronse con Woolley en Nova York. Logo das consultas mantidas entre Woolley e McAdoo, o 28 de febreiro notificóuselle a Weinman que os seus esbozos foran os seleccionados para as moedas completas de 10 centavos e de medio dólar, así como para o reverso da dun cuarto de dólar. Ese mesmo día, Woolley comunicoulle tamén a MacNeil que se ocuparía do anverso desta última, e a Polasek que as súas propostas non tiveran éxito.[19] No entanto, os membros da comisión convenceron a Woolley de que non se lle debía confiar tanto traballo a un só artista, polo que finalmente se lle enco mendarona MacNeil ambas as faces do cuarto de dólar, coa condición de que o escultor realizase un novo deseño que lle agradase a Woolley.[20]
O 3 de marzo realizouse o anuncio público das novas moedas, nun comunicado de prensa no que se indicaba que o Departamento do Tesouro esperaba que a súa produción comezase aproximadamente en dous meses, logo de finalizar os deseños. Ese mesmo día, o director Woolley escribiulle ao gravador xefe Barber para lle comunicar formalmente que os seus esbozos foran rexeitados e que os modelos propostos por Weinman e MacNeil chegarían á Ceca de Filadelfia como máximo o día 1 de maio.[21] Segundo o historiador numismático Walter Breen, a partir dese momento Barber pasou a amosar unha actitude "túzara e nada colaborativa".[22] Pola súa banda, David Lange sinala que se produciron "numerosos atrasos á medida que os artistas afinaban os seus modelos e, ao mesmo tempo, sorteaban os obstáculos que Barber lles puña no camiño. Aínda que as súas observacións sobre moitos aspectos do proceso de cuñaxe eran moi acertadas, é evidente que se poderían ter formulado dun xeito máis construtivo".[23] No seu libro sobre as moedas de 10 centavos Mercury, Lange indica que Barber, que daquela tiña 75 anos, se vira "obrigado nos dez anos anteriores a participar na destrución sistemática dos logros de toda unha vida"; de feito tivo que colaborar no proceso que deu lugar a que as moedas deseñadas por outros substituísen as que foran deseñadas por el.[24]
Coas novas pezas, completaríase o cambio recente de todas as moedas estadounidenses —coa excepción do dólar Morgan, que non se cuñaba daquela—.[25] Segundo unha columna publicada na revista The Art World no mesmo 1916, aínda que despois da aparición das novas moedas:[26]
“ | Desde aquela [o século XIX] produciuse un gran progreso artístico nas nosas cuñaxes. Contratáronse escultores de sona con resultados admirables [...] e agora imos ter un novo medio dólar e unha moeda de 10 centavos de Weinman, así como unha nova de 25 centavos de MacNeil. En conxunto, en retrospectiva, semella un logro incrible. | ” |
Consonte o secretario do Tesouro McAdoo, no seu informe anual correspondente a 1916:[28]
“ | O deseño do medio dólar amosa unha figura de corpo enteiro da Liberdade, cos pregamentos das barras e as estrelas [a bandeira dos EEUU] ondeando coa brisa como fondo, avanzando con paso firme cara ao abrente dun novo día, portando pólas de [[loureiro[[ e de carballo, como símbolo da gloria civil e militar. A man da figura está estendida en sinal de espírito de liberdade. O reverso do medio dólar amosa unha aguia pousada no cumio dunha montaña, coas ás despregadas, intrépida en espírito e sabedora do seu poder. Nunha fenda darocha agroma un rebento de piñeiro de montaña, símbolo de América. |
” |
O anverso de Weinman ten unha notable semellanza do deseño da "sementadora" de Louis Oscar Roty para as moedas do franco francés da época. Consonte o historiador numismático Roger Burdette, "Weinman tomou o ideal dunha figura feminina provinciana do século XIX e converteuno nunha icona estadounidense".[29] Burdette pon tamén en relación tanto o aspecto da cabeza da Liberdade como as pólas que sostén co monumento aos soldados e aos mariñeiros da Unión de Baltimore, unha das obras escultóricas do propio Weinman.[30] O escultor tamén puido inspirarse nun busto que fixo en 1913 da súa inquilina Elsie Stevens, a muller do avogado e poeta Wallace Stevens. Dáse por seguro que Elsie Stevens serviu como modelo para a moeda de 10 centavos Mercury de Weinman, e a súa filla, Holly Stevens, escribiu en 1966 que a súa nai servira como modelo para ambas as moedas.[31][32]
O reverso é similar ao da medalla creada por Weinman para o Instituto Americano de Arquitectos, aínda que o escultor substituíu o loureiro da medalla polo rebento de piñeiro. O traballo de Weinman nesa medalla fora moi admirado pola forza que amosaba a aguia representada nela.[30][33]
Breen, no seu detallado volume acerca das moedas estadounidenses, di sobre o medio dólar da Liberdade camiñando que "a señora Liberdade loce a bandeira estadounidense, adiantándose medio século á contracultura rebelde". Aínda que admiraba a peza en xeral, observou que a Liberdade camiña dando grandes alancadas cara ao Leste, é dicir, cara a unha Europa que estaba devastada pola Guerra, e neste sentido escribiu: "apunta ao ceo cara a nada visible —talvez como advertencia dos avións de guerra alemáns?—". Breen opúxose ao uso do piñeiro de montaña no reverso, ao non consideralo particularmente relacionado cos Estados Unidos nin especialmente salientable.[34]
O historiador da arte Cornelius Vermeule escribiu que o medio dólar da Liberdade camiñando "trata realmente o anverso e o reverso como un conxunto escultórico único; o seu deseño dá a verdadeira sensación de respiración e transmite o mesmo ca unha escultura na escala dunha moeda". Vermeule sinala o parecido deste medio dólar coa "sementadora" de Roty, aínda que afirma que a peza de Weinman "é unha creación orixinal, non unha copia servil". No reverso, Vermeule admira a aguia, que domina o deseño sen abafalo, e afirma que as plumas da ave son "un marabilloso tour de force" que amosa a influencia de Augustus Saint-Gaudens, con quen Weinman estudara. Vermeule cualificou o deseño do medio dólar da Liberdade camiñando como "unha das mellores moedas non só dos Estados Unidos, senón do mundo".[35]
Os tres escultores reuníronse novamente con Woolley o 6 de marzo de 1916 na Oficina de Ensaios de Nova York para seren informados oficialmente do resultado do concurso, incluíndo o cambio na concesión do cuarto dólar, así como para lles devolver todos os modelos e esbozos que foran rexeitados. Polasek, que recibiu como cota de participación 300 dólares o 10 de marzo, non volveu ter relación ningunha coa Casa da Moeda nin co deseño de moedas. Ata que en 2002 se descubriu no Museo Polasek —a súa antiga vivenda— un modelo en escaiola dunha das súas propostas, a súa participación só se coñecía a través dos rexistros da Casa da Moeda.[37]
Logo do éxito de Weinman no concurso, visitou novamente a US Mint para falar acerca da conversión dos seus modelos en cuños funcionais. Na súa primeira visita non estaba presente o gravador Barber, aínda que mantivo unha produtiva conversa con George T. Morgan. A esta primeira seguiron outras visitas, e o 29 de marzo Woolley escribiu ao superintendente Joyce nestes termos: "confidencialmente, os escultores que deseñan as novas moedas consideraron que na súa última viaxe o señor Morgan foi moito máis cordial e cooperativo que o señor Barber. Decátome de que estou a tratar con temperamentos artísticos en extremos opostos".[38] Woolley visitou o 26 de maio o estudio de Weinman para comprobar o avance dos seus deseños.[39] Un episodio grave de amigdalite atrasou o traballo de Weinman, o que o obrigou a solicitar unha prórroga do prazo establecido para o 1 de maio. O 29 de maio, Woolley escribiu a Weinman para o informar de que os seus deseños, tanto para a moeda de 10 centavos como para a de medio dólar, foran aceptados pola Casa da Moeda.[24]
Durante o mes de xuño, o Departamento de Gravado da Casa da Moeda, dirixido por Barber, reduciu os modelos ao tamaño que debía ter a moeda e preparou os cuños para as primeiras cuñaxes de proba, que se realizaron posteriormente. Woolley esperaba poder comezar a produción das novas moedas o 1 de xullo, mais a concesión de tempo a Weinman obrigou a Casa da Moeda a actuar con maior celeridade. Burdette suxire que a présa coa que se prepararon os cuños fixo que as moedas cuñadas con eles parecesen desgastadas e cos detalles pouco nítidos.[40] O 22 de xuño, Weinman xa vira as primeiras probas cuñadas e escribiulle a Woolley para lle comunicar que non lle gustaba como quedara a palabra LIBERTY no anverso, e para lle pedir que lle prestase dúas probas para refacer as letras.[41] O 24 de xuño, Woolley escribiu ao superintendente Joyce, para o informar deste préstamo,[42] e comentoulle sobre as novas pezas:[41]
“ | Cumprirá refacer o modelo do anverso do medio dólar e o señor Weinman infórmame de que xa está a traballar niso. O mesmo ocorre co cuarto de dólar. Tanto o reverso do cuarto como o do medio dólar, tal e como se amosa nas probas cuñadas a partir dos cuños puídos, son satisfactorios [...] Todas as persoas ás que se lles amosaron as moedas pensan que son fermosas. | ” |
Co permiso de Woolley para refacer o anverso, Weinman decidiu eliminar a palabra LIBERTY de encima da figura e colocala sobre o lema nacional IN GOD WE TRUST, á dereita da figura. Isto permitiulle estender a cabeza da Liberdade case ata a grafila na parte superior da moeda, maximizando o tamaño da representación. A letra "L" colocouse na concavidade que forma a bandeira ao caer baixo o cóbado esquerdo da figura, e o resto da palabra estendeuse desde alí cara á dereita, coa letra "T" en tamaño superior, o que en realidade aforraba espazo, xa que o maior tamaño permitía que o traveseiro do "T" se estendese por riba das letras maiúsculas "R" e "Y". Isto permitiu apertar máis as letras. Cando Woolley dimitiu o 15 de xullo para se converter en director de publicidade da campaña de reelección do presidente Woodrow Wilson, comentou na súa carta de dimisión ao secretario McAdoo —xenro de Wilson—: "ao traballar no modelo do anverso do medio dólar, o señor Weinman está a facer unha lixeira reorganización da palabra LIBERTY, e terao listo para a súa inspección nuns días. Gústame, e coido que a vostede tamén lle ha gustar". Weinman escribiulle ao exdirector o 20 de xullo que o aumento do tamaño da figura da Liberdade melloraba o seu aspecto.[44]
McAdoo aceptou o deseño modificado de Weinman o 26 de xullo. Nese momento, Fred H. Chaffin, axustador da Casa da Moeda, exercía como director interino da institución ata que o presidente Wilson puidese nomear o substituto de Woolley e obter a confirmación do nomeamento por parte do Senado.[45] Weinman decidiu, por iniciativa propia, unha reorganización das lendas do reverso. No modelo orixinal, UNITED STATES OF AMERICA estaba na parte superior do reverso, con HALF DOLLAR xusto debaixo e E PLURIBUS UNUM no exergo da moeda. Nesta nova revisión de Weinman, as lendas sitúanse xa nos lugares que ocuparán nas moedas finalmente cuñadas e postas en circulación; este deseño definitivo da moeda foi aprobado por McAdoo o 10 de agosto.[46]
O 18 de agosto, o presidente Wilson nomeou como sucesor de Woolley á fronte da Casa da Moeda a Friedrich Johannes Hugo von Engelken, que foi confirmado axiña polo Senado. Von Engelken debería xurar o cargo o 21 de agosto, mais a súa toma de posesión tivo que demorarase ata o 1 de setembro, xa que o presidente Wilson non asinara o seu nomeamento.[47]
Cando von Engelken asumiu o novo cargo de director da US Mint o 1 de setembro de 1916, xa se aprobara o medio dólar e estaban cuñadas as primeiras pezas de proba. A produción real da moeda de medio dólar atrasouse porque a Casa da Moeda estaba dedicada á finalización do proxecto das novas moedas de 10 centavos Mercury, tamén creadas por Weinman.[49] O 6 de setembro, a produción das moedas de 10 centavos detívose, xa que as empresas notificaron que a moeda non era válida para o seu uso nas máquinas expendedoras por un defecto na cuñaxe, e o mesmo problema se detectou tamén nas probas que se cuñaran do medio dólar. Ese mesmo día, Engelken escribiu ao subsecretario do Tesouro, Malburn, utilizando unha información que, segundo Burdette, proviña de Barber:[50]
“ | Envíolle con esta carta dez das moedas de 10 centavos e unha do novo medio dólar. Se vostede examina detidamente estas moedas, ha comprobar que son claramente imperfectas. Observará que tanto no medio dólar como na moeda de 10 centavos hai un saínte agudo de metal no canto, que é a "aleta" á que me referín. Ha notar tamén, sinaladamente no medio dólar, por mor do seu tamaño, unha variación no grosor da moeda, especialmente notable no canto. Onte fun a Filadelfia para comprobar se isto podía solucionarse e descubrín que nos enfrontamos a certas restricións mecánicas que fan imposible producir unha moeda cun canto de grosor uniforme e evitar a aleta do canto, sempre que manteñamos o alto relevo da moeda, como na actualidade. | ” |
A carta de Von Engelken causou inquietude no Departamento do Tesouro; McAdoo temía que, se a Casa da Moeda era incapaz de emitir con éxito as novas moedas, os republicanos poderían aproveitar o fracaso como tema de debate nas eleccións presidenciais. O secretario preguntou canto tempo tardaría Barber en arranxar o problema de deseño e, logo de consultar os traballadores da Casa da Moeda, von Engelken contestoulle que entre seis e oito meses. Decidiuse entón que cumpría pedirlle a Weinman que levase a cabo a modificación do deseño para o medio dólar: esperábase que se este reducía a figura da Liberdade e rebaixaba o relevo, a moeda resultaría cuñable.[51]
Weinman chegou á Casa da Moeda o 11 de setembro e marchou con dúas cuñaxes de probas do medio dólar e instrucións para reducir o tamaño da figura da Liberdade. Barber pediulle permiso a Joyce para introducir cambios importantes no deseño de Weinman, cousa que en principio se lle negou. Así e todo, despois de que o primeiro cambio de Weinman non conseguiu eliminar o problema da rebarba en forma de "aleta", Joyce cedeu e deulle vía libre a Barber, quen encolleu o deseño, arredándoo do canto e creando un amplo espazo entre a figura e a grafila. Barber insistiu en que este era o único xeito de evitar a aparición da aleta e a irregularidade do canto. Para Burdette, as figuras representadas cos novos cuños resultaban aburridas e menos interesantes, xa que o tamaño desas figuras era o que lles daba a forza.[52]
O 18 de outubro, Weinman escribiu a Joyce para lle preguntar como ían as moedas de 10 centavos e de medio dólar, e expresoulle o seu desexo de ir a Filadelfia. Joyce contestoulle dous días máis tarde e informouno de que o deseño do medio dólar estaba a reducirse de tamaño para evitar os problemas de cuñaxe, e Weinman amosoulle a súa esperanza de que Joyce puidese evitar que a figura da Liberdade se reducise indebidamente.[53]
En tanto que o escultor e o superintendente da Ceca de Filadelfia mantiñan correspondencia, na Casa da Moeda comezou a conversión dos deseños modificados por Barber en cuños de produción, cos que se puidese iniciar a produción en masa, pero Joyce intercedeu antes de que puidese comezar a cuñaxe. O superintendente Joyce, que contaba co apoio do director, consideraba que as modificacións de Barber eran innecesarias. Joyce cría que se poderían cuñar moedas máis próximas ao concepto de Weinman rebaixando lixeiramente o relevo e axustando a forza coa que as prensas da Casa da Moeda premían os discos de prata, e tamén dispondo mellor estes discos para a cuñaxe. A postura de Joyce foi a que saíu adiante e o seu departamento preparou os cuños de traballo para a cuñaxe das pezas destinadas á circulación, omitindo as modificacións no canto e o amplo espazo que Barber previra entre a figura e o bordo. Así as cousas, so cuños de traballo estaban na Ceca de Denver e na Ceca de San Francisco o 27 de novembro, e a produción do medio dólar da Liberdade camiñando comezou nestas cecas e na principal de Filadelfia só uns días despois.[53]
A finais de decembro, Weinman, que non recibira información ningunha da Casa da Moeda desde que se lle informara das modificacións de Barber, pero que lera nos xornais que xa se estaban a producir as moedas de medio dólar, envioulle un xiro postal de 10 dólares a Joyce cunha solicitude da 20 exemplares da nova moeda. O 2 de xaneiro de 1917, Weinman escribiu de novo a Joyce para lle dicir que as moedas foran recibidas adecuadamente e a tempo para poder regalalas como obsequio de Aninovo, e desexoulle ao superintendente "todos os bos desexos nestes días de Ano Novo e con agradecemento ao Todopoderoso e a vostede mesmo, porque as rebarbas xa non están no canto do medio dólar".[53]
Aínda que o lanzamento da moeda de 10 centavos o 30 de outubro de 1916 fora obxecto dunha considerable publicidade, a Casa da Moeda non fixo grandes anuncios sobre a posta en circulación do medio dólar da Liberdade camiñando o xaneiro seguinte, e os xornais non recolleron amplamente a noticia. Isto debeuse a que os Estados Unidos se achegaba á guerra contra Alemaña e tamén a que o interese da poboación polas novidades numismáticas se esgotara coa novidade dos 10 centavos. Malia a escasa publicidade, consonte un informe de xaneiro de 1917 do axustador da Casa da Moeda Chafflin, as tres cecas tiveron problemas inicialmente para satisfacer a ampla demanda das novas moedas de medio dólar.[54]
The New York Times sinalou o 3 de xaneiro de 1917 que as novas moedas foran recibidas xa pola Subtesouraría e que se empezarían a distribuír de dúas en dúas a partir do 9 de xaneiro, e tamén informaba de que a Casa da Moeda estaba a facer todo o posible para satisfacer a demanda, aínda que inicialmente as cantidades distribuídas serían limitadas.[55] Banking, o xornal da Asociación de Banqueiros dos Estados Unidos, publicou que "os deseños das novas moedas foron moi eloxiados polos expertos na materia".[56] O Meriden Daily Journal, de Connecticut, predixo que os seus lectores lles gustaría cinco veces máis o novo medio dólar que a nova moeda de 10 centavos.[57]
Pola súa banda, o Mercury de Huntsville, Alabama, expresou o seu desagrado polo novo medio dólar. Nun artigo titulado "O novo medio dólar está doente", afirmaba:[58]
“ | A nova moeda é radicalmente diferente a todas as demais producidas polas casas de moeda do Goberno. Amósase unha sufraxista sementando estreliñas nunha leira do Oeste que non foi arada moi profundamente. O Sol está a pórse e a anciá semella bastante cansa dos seus labores do día; de feito, pódese ver a súa suor pingando da súa testa. A señora leva sandalias e os seus pés están bastante poeirentos. Tamén parece levar un mono de traballo debaixo do seu lixeiro vestido. Leva unha brazada de leña e un gran pano no pescozo, o que fai pensar que deixou un cativo na casa. O vento sopra do Norte e o Sol ten aspecto como de xistra. En grandes letras lese LIBERTY, que se estende en máis da metade de toda a superficie. Do outro lado aparece a aguia, crecida ata un tamaño enorme e marchando entolecida cara a México, e ao fondo amósase un arbusto de cacto. A aguia ergueu a á como se fose bater con ela; a vella compañeira parece que podería ofrecer unha boa pelexa se dese espertado, mais parece que ten unha gran cantidade de plumas nas patas. |
” |
As marcas de ceca colocáranse inicialmente no anverso, o que sucedía por primeira vez nunha emisión circulante dun medio dólar desde 1839.[60] O 14 de febreiro de 1917, von Engelken ordenou que a marca de ceca se trasladase do anverso ao reverso, xa que consideraba que a súa aparición no anverso tiña a aparencia dun defecto do cuño. Naquel momento, Von Engelken presentara a súa dimisión á espera de ser nomeado presidente do Banco Federal de Terras para o Terceiro Distrito. Ao que marchou para ocupar ese posto, foi substituído na dirección da Casa da Moeda por Raymond T. Baker. En abril, o superintendente Joyce pediulle a Baker unha confirmación por escrito da orde de von Engelken e, logo de obtela, a marca de ceca foi trasladada ao reverso. A maioría das moedas de medio dólar de 1917 cuñadas en Denver (marca de ceca "D") e en San Francisco ("S") levan a marca de ceca xa no reverso.[61][62]
Durante todo o tempo en que a Casa da Moeda dos Estados Unidos produciu o medio dólar da Liberdade camiñando tivo dificultades técnicas para resaltar plenamente os trazos do deseño. Segundo Breen:[34]
“ | As autoridades da Casa da Moeda saían ben que o deseño de Weinman, malia o seu gran mérito artístico, por moi minucioso que fose o intento orixinal de Barber de reducir o relevo, era tecnicamente insatisfactorio. As zonas de maior relevo segían a oporse ás zonas resaltadas da outra face. | ” |
A Ceca de San Francisco tivo unhas dificultades especiais na produción destas moedas, o que deu lugar a que moitas das pezas cuñadas alí sexan particularmente débiles.[60] En 1918, Morgan —que sucedera a Barber no cargo de gravador xefe logo do falecemento deste en febreiro de 1917— axustou levemente o deseño resaltando algúns detalles no pescozo da Liberdade. Segundo Bree, "o intento foi un fracaso".[65] O sucesor de Morgan a partir de 1925, John R. Sinnock, fixo novos intentos en 1937 e en 1938, cuns resultados algo máis positivos. Breen suxire que as dificultades para cuñar a moeda contribuíron á vontade de substituíla logo da segunda guerra mundial.[66]
Ningunha data do medio dólar da Liberdade camiñando é especialmente rara,[67][68] aínda que algunhas escasean en condicións de conservación excelentes, sen mostras de teren circulado, sinaladamente as pezas cuñadas en 1921 en Filadelfia (sen marca de ceca) e en Denver ("D").[60][69]
A Casa da Moeda cuñou tamén exemplares con acabamento especial proof —fondo espello e relevo mate— para coleccionistas entre 1936 e 1942, todas elas na ceca de Filadelfia.[63] Ademais, en 1916 produciuse tamén unha escasísima tiraxe desta moeda en condición proof —Breen sinala que unicamente viu catro espécimes— e en 1917 só esta confirmada a existencia de tres exemplares, cuñados non para a venda aos coleccionistas senón para a súa entrega ás autoridades como presentación da nova moeda. Varias das moedas en condición proof dos derradeiros anos carecen do habitual monograma de Weinman, a modo de marca de artista. Esta ausencia é máis común en concreto nas cuñadas en 1941, aínda que tamén se dá noutros anos, e débese a un excesivo pulido dos cuños, que fixo desaparecer a marca.[70] A tiraxe total de moedas en condición proof emitidas entre 1936 e 1942 foi de 74.400 exemplares.[60][63]
Existen moi poucas variantes nesta serie e, ademais, son relativamente menores. Estas variantes concéntranse sinaladamente nas marcas de ceca: varios punzonazos, presenza dunha marca "D" gravada sobre "S" en 1942 e algúns cambios nos tamaños das letras. Unha rareza máis salientable é a dos exemplares nos que aparece a data de 1943 sobre a de 1942.[34] Algunhas moedas de 1946 sen marca de ceca (Filadelfia), amosan unha dobre estampaxe no seu reverso.[60]
En 1947, a daquela directora da US Mint, Nellie Tayloe Ross, pediulle ao gravador Sinnock que deseñase unha nova moeda de medio dólar coa efixie dun dos Pais Fundadores, Benjamin Franklin. Ross era moi admiradora de Franklin e tiña o propósito de honrar a súa figura dedicándolle unha moeda.[72] En 1941, os responsables da Casa da Moeda formularon a posibilidade de incluír a Franklin na moeda de 10 centavos, mais este proxecto arquivouse por mor da gran demanda de moedas xurdida pola entrada dos Estados Unidos na segunda guerra mundial.[73] Durante a guerra, a US Mint pensou na posibilidade de engadir ao sistema algúns valores faciais novos, e Sinnock preparou un deseño do busto de Franklin en previsión das novas emisións, aínda que estas non chegaron a producirse.[74] En 1946, o Tesouro substituíu a moeda de 10 centavos (dime) de tipo Mercury por outra dedicada ao falecido presidente Franklin Roosevelt, que estivera estreitamente vinculado á March of Dimes.[73] Ante a popularidade do centavo Lincoln e a inconveniencia política de substituílo, o medio dólar era a única moeda que se podía redeseñar sen que cumprise o permiso do Senado. Así as cousas, o Congreso aprobou o novo deseño, aínda que Sinnock faleceu antes de que se emitise a nova moeda, o medio dólar Franklin, que comezou a súa produción a principios de 1948, pondo fin así á serie do medio dólar da Liberdade camiñando.[75] A cantidade total de exemplares cuñados durante a existencia desta moeda, entre 1916 e 1947, foi de 485.320.340.[60]
A partir de 1986, o deseño de Weinman para o anverso do medio dólar da Liberdade camiñando utilizouse novamente como anverso da moeda de investimento American Silver Eagle.[76] Ao adaptar o deseño, o gravador da US Mint John Mercanti e outros membros do Departamento de Gravado reforzaron moitos detalles. Mercanti observou que o modelo de escaiola orixinal de Weinman só tiña 150 milímetros de diámetro e estaba modelado con suavidade, e el aumentou os detalles para que o deseño, logo de acuñalo nunha moeda meirande, tivese un fluxo do metal máis uniforme que na moeda orixinal de Weinman.[77]
En decembro de 2010, o presidente Barack Obama asinou unha lei pola que se autorizaba a cuñaxe de moedas de investimento en paladio; o anverso desta moeda tomou como modelo o da moeda de 10 centavos Mercury, en tanto que o reverso se creou a partir da medalla do Instituto Americano de Arquitectos de Weinman, na que se baseou o reverso do medio dólar.[78] Mais diversos estudos acerca da previsible demanda da moeda no mercado do investimento, así como algunha controversia cos intereses da industria do paladio acabaron por desaconsellar esta emisión.[79].[80]
Por outra banda, en 2015 a Casa da Moeda dos Estados Unidos fixo públicos os seus plans para levar a cabo unha nova emisión do medio dólar da Liberdade camiñando, esta vez cuñada en ouro e destinada ao mercado do coleccionismo, xunto coas outras dúas moedas creadas en 1916: a moeda de 10 centavos e o cuarto de dólar.[83] Esta versión de ouro do medio dólar da Liberdade camiñando ten o peso de media onza troy ou, o que é o mesmo, 15.552 gramos. A moeda produciuse na Ceca de West Point (marca de ceca "W") e estivo ao dispor dos coleccionistas a partir do 17 de novembro de 2016, cunha tiraxe máxima autorizada de 75.000 exemplares.[81][82][84]
Na seguinte táboa reflíctense as tiraxes anuais do medio dólar da Liberdade camiñando en cada unha das tres casas de moeda onde se produciu:[67]
Ano | Casa da Moeda de Filadelfia | Casa da Moeda de Denver |
Casa da Moeda de S. Francisco | |
---|---|---|---|---|
Estándar | Proof [70] | |||
1916 | 608.000 | 0 | 1.014.400 | 508.000 |
1917 | 12.292.000 | 0 | 2.705.400 | 6.506.000 |
1918 | 6.634.000 | 0 | 3.853.040 | 10.282.000 |
1919 | 962.000 | 0 | 1.165.000 | 1.552.000 |
1920 | 6.372.000 | 0 | 1.551.000 | 4.624.000 |
1921 | 246.000 | 0 | 208.000 | 548.000 |
1923 | 0 | 0 | 0 | 2.178.000 |
1927 | 0 | 0 | 0 | 3.392.000 |
1928 | 0 | 0 | 0 | 1.940.000 |
1929 | 0 | 0 | 1.001.200 | 1.902.000 |
1933 | 0 | 0 | 0 | 1.786.000 |
1934 | 6.964.000 | 0 | 2.361.400 | 3.652.000 |
1935 | 9.162.000 | 0 | 3.003.800 | 3.854.000 |
1936 | 12.614.000 | 3.901 | 4.252.400 | 3.884.000 |
1937 | 9.522.000 | 5.728 | 1,676.000 | 2.090.000 |
1938 | 4.110.000 | 8.152 | 491.600 | 6.812.000 |
1939 | 6.812.000 | 8.808 | 4.267.800 | 2.552.000 |
1940 | 9.156.000 | 11.279 | 0 | 4.550.000 |
1941 | 24.192.000 | 15.412 | 11.248.400 | 8.098.000 |
1942 | 47.818.000 | 21.120 | 10.973.800 | 12.708.000 |
1943 | 53.190.000 | 0 | 11.346.000 | 13.450.000 |
1944 | 28.206.000 | 0 | 9.769.000 | 8.904.000 |
1945 | 31.502.000 | 0 | 9.966.800 | 10.156.000 |
1946 | 12.118.000 | 0 | 2.151.000 | 3.724.000 |
1947 | 4.094.000 | 0 | 3.900.600 | 0 |
TOTAIS | 259.460.000 | 74.400 | 86.906.640 | 119.652.000 |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Medio dólar da Liberdade camiñando |
Predecesor: Medio dólar Barber |
Moeda de medio dólar estadounidense (1916 - 1947) |
Sucesor: Medio dólar Franklin |