Isaac Díaz Pardo, nado en Santiago de Compostela o 22 de agosto de 1920 e finado na Coruña o 5 de xaneiro de 2012[1][2], foi un intelectual, artista e empresario galeguista que se impuxo a tarefa de preservar, fortalecer e reconstruír a cultura e a memoria de Galicia, acometendo facetas de empresario cultural, deseñador industrial, escritor, editor, promotor e mecenas de proxectos.[3] Como escritor deixou ensaios sobre arte, economía, historia, ademais de poesía e teatro.
Usou os pseudónimos Cego Zago, Ollarnovo, S.F. Ollarnovo, Xoán Mazaricos, Santiago Fernández, Xalo.[4]
Fillo do pintor e escenógrafo Camilo Díaz Baliño[5] e de Antonia Pardo Méndez, na súa casa tiñan lugar xuntanzas diversas relacionadas coas Irmandades da Fala e el mesmo lle axudou a traballar nos carteis para o Estatudo. O seu pai foi asasinado cos primeiros movementos da Guerra civil española, o que fixo que Isaac tivera que agocharse durante seis meses ata poder saír de Santiago de Compostela. Pasou logo a traballar como rotulador na Coruña na empresa Bianchi.[6]
A súa condición de supervivente marcou a súa vida cunha misión: lembrar os mortos e levar a cabo os soños polos que os mataron.[3]
Nese tempo desestimou a oferta de pintar en Cuelgamuros, na obra do Val dos Caídos, deixando a pintura e volvendo a Galicia.[7] Ao seu regreso inicia, cunha exposición na Coruña, unha etapa de dedicación plena á pintura que abandonaría en 1948, para entregarse por completo a un proxecto de dinamización sociopolítica e empresarial que visaba, por un lado, a modernización e internacionalización da cultura galega e, por outro, a rexeneración da desartellada historia de Galicia.[5][8]
Desenvolveu un importante labor acollendo a moitos dos galeguistas que viñan a Galicia desde o exilio.
O seu soño de novo era estudar arquitectura, que non puido levar a cabo pero acabou recibindo o nomeamento de Arquitecto de Honra polo Colexio de Arquitectos de Galicia no ano 2001. El foi o responsable de cada espazo dentro do grupo Sargadelos e planificou, en colaboración con outros arquitectos, edificios, corredores, exposicións, mobles e plantas.[11]
Das institucións que este colectivo creou para recuperar a memoria histórica, sería a dirección e administración do Grupo Sargadelos a faceta máis coñecida do intelectual galeguista e a que marcaría os seus derradeiros anos e o seu último fracaso, xa que foi apartado da dirección e da administración do grupo.[10]
Ademais de escribir unha obra dramática contribuíu coa súa arte a múltiples facetas teatrais: escenografías (sobre todo con Ricard Salvat), carteis, edición e promoción.[12]
Morreu o 5 de xaneiro do 2012 aos 91 anos de idade no Hospital San Rafael na cidade da Coruña.
Fixo un deseño ético, responsable, sostible e identitario. Foi premiado no 2005 cunha medalla FAD (Foment de les Arts Decoratives) de Barcelona polo seu activismo plástico. Como deseñador gráfico, a súa obra gráfica caracterízase por un expresionismo de formas precisas e sinxelas, e o uso de técnicas moi básicas. Realizou multitude de carteis culturais e políticos. Na década dos 70 realizou tamén carteis de cego, mestura de viñetas en branco e negro con fío narrativo:[14]
1970: Paco Pixiñas, Historia dun desleigado contada por il mesmo de Celso Emilio Ferreiro con ilustracións de Isaac Díaz Pardo
1970: A nave espacial. Historia contada polo cego Zago na que refírese os traballos pasados por Manuela Canle e os seu home pra chegar a voar.
1970: O marqués de Sargadelos. Historia contada polo cego Zago onde gábase as sabencias de Antonio Raimundo Ibáñez na vida e nárrase seus erros e a súa tráxica morte.
1977: O crime de Londres. A criada que estrangulou á súa ama pola música.
Canto ao deseño industrial no Castro de Samoedo, en Sada creou o seu taller cerámico, xerme da fábrica de Cerámicas do Castro, de Magdalena en 1955 (Buenos Aires) e de Sargadelos en 1970. Alí aplicará os fundamentos do deseño á industria cerámica. Para conseguir a tecnoloxía adecuada, el mesmo inventou e patentou máquinas e fornos avanzados para a fabricación da porcelana de Sargadelos.[16]
Comezou creando as súas propias pezas, para seguir como director da produción, deseñador de máquinas, control do persoal, e moitas outras tarefas. Seguindo a Xosé Díaz, Fernando Arribas e Teresa Pena Moreda hai tres etapas na súa obra:[17]
1947-1955, O Castro. Etapa clásica ou pictórica. Comezou por reproducir pezas de tiraxe limitada, orixinais del, que reproducen a súa obra pictórica. Despois viñeron os primeiros servizos de mesa de porcelana translúcida: as series Nenos, Cabalos ou Cabezas. Da época son Candelabro feminino, Nu tendido, Pondaliana, Tangaraño e as botellas-figura.
1955-1968, Magdalena. Etapa funcional e de transición. Xa na Arxentina, na Magdalena, a 100 km de Buenos Aires, alí consolidou e perfeccionou os seus coñecementos técnicos como ceramista, cunha depuración nas formas cara a decoracións máis abstractas e xeométricas. Culminará na creación en 1963 do Laboratorio de Formas, que funcionará como un ente de discusión e de creación. Exemplos son Portomarínica, Monférica ou Castrondourica. Díaz Pardo soamente asinará unha peza decorativa, unha María Magdalena.
1970, Sargadelos. Etapa diferencialista. Xa en Sargadelos coas pezas o azul cobalto na decoración como identificador e saen os servizos de mesa de porcelana de alta temperatura, decorados baixo cuberta. Os decorados son funcionais e xeométricos con símbolos da cultura popular galega.[17]
Primeira etapa: década dos 40. Segundo María Luísa Sobrino é a etapa académica, moi influenciada polos clásicos dos séculos XV e XVI, con presenza importantísima da figura da muller, xunto a bodegóns e grandes composicións. Pinta por encarga:[18]
1939 – Asociación de Artistas da Coruña
1944 – Casino de Vigo
1946 – Salóns Macarrón e Sala de Arte Greco, Madrid
Despois de abandonar a pintura para dedicarse a outras tarefas vén a Segunda etapa de 1949 a 1955: influencia do grupo dos renovadores galegos, especialmente de Maside e Colmeiro, ademais de Renoir e Cezanne. Segue instalado na figura da muller asociada á nai, á patria e á fertilidade.[18]
Etapa americana, do ano 1955 a 1971, na que experimenta unha importante evolución estética influenciada polo contacto directo coa arte internacional e con Luís Seoane. Hai temática social, traballadores, campesiños.
1961. Xente alporizada
1962. Nu
1964. Estudos e variacións sobre unha dobre crucifixión
1964. A nave espacial
1967. Dobre crucifixión
Pinturas e fracasos», 2011, Casa da Parra de Santiago de Compostela, é a súa última exposición, con obras que van desde 1944 ata 2004.[18]
Crónicas inconformistas (2006). Universidade de Santiago de Compostela. 125 páxs. ISBN 9788497507769. Artigos escritos de 1963 a 2009, un total de 514.
O ollar clarividente de Isaac Díaz Pardo (2018). Consorcio de Santiago e Andavira Editora. Recompilado polo filólogo Xosé Ramón Fandiño Veiga. Artigos escritos de 1963 a 2009, un total de 514.
El escultor Emiliano Barral (1966). Sada: Ed. do Castro.
Galicia Hoy (1966). París: Ed. Ruedo Ibérico. Coordinado por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, cos pseudónimos de Maximino Brocos e Santiago Fernández, respectivamente.
Contribución de urgencia al entendimiento de los problemas de arte/industria. (1976). Número 18 dos Cadernos do Seminario de Estudos Cerámicos de Sargadelos. Sada: Ed. do Castro. ISBN 978-84-85134-12-0.
La cerámica de Arcadio Blasco (1978). Sada: Ed. do Castro, Cuadernos do Seminario de Sargadelos. ISBN 978-84-85134-98-4.
Rememoración de José Martínez, fundador de Ruedo Ibérico (1987). Sada: Ediciós do Castro, Cuadernos do Seminario de Sargadelos, 49. ISBN 978-84-7492-355-1.
Presencias galegas na arte dos nosos días (1993). Fundación Otero Pedrayo. 96 páxs. ISBN 9788460464563.
Isaac Díaz Pardo, obra cartelística (1936-1999) (2000). Culleredo: Espiral Maior. ISBN 978-84-89814-87-5.
Tentando construir uma esfinge de pedra, desassossegos (2007). Sada: Ed. do Castro.
Lembranza de Carlos Maside no seu 50 cabodano (2008). Sada: Ed. do Castro, Cadernos do Laboratorio de Formas de Galicia, 12. ISBN 978-84-8485-295-7.
No 2020, co motivo do centenario do seu nacemento, teñen lugar diversas iniciativas, de mostras expositivas de institucións e entidades a programas televisivos, pasando por algunha que incorpora a participación popular.[25][26][27]
Diáspora :10 artistas galegos no exilio latinoamericano, 1930-1970 = 10 artistas gallegos en el exilio latinoamericano, 1930-1970 : Ángel Botello, Alfonso R. Castelao, Manuel Colmeiro, Isaac Díaz Pardo, Eugenio Granell, Maruja Mallo, Luis Seoane, Arturo Souto, José Suárez, Carlos Velo. Vigo: Fundación MARCO; A Coruña : Fundación Luis Seoane, 2005, ISBN 84-609-5108-1; 221 p.
Fandiño Veiga, Xosé Ramón. Isaac Díaz Pardo: a patria enteira na memoria. Vigo: Ir Indo, 2008. 64 p.
Fandiño Veiga, Xosé Ramón. Isaac Díaz Pardo: Memoria do compromiso. Santiago: Concello de Santiago, 2020. 164 páxs.
Fernández Martínez, Luciano. O Romance de cego O marqués de Sargadelos, de Isaac Díaz Pardo. En: Comentarios de textos populares e de masas. Vigo: Xerais, 1994. P 79-116.
Isaac Díaz Pardo: creación e compromiso na Galicia do século XX / [editores, Xosé Díaz Arias de Castro, Guillermo Escrigas ; coordinación Carolina Díaz ; introdución Ramón Villares]. A Coruña: Deputación Provincial, 2006. ISBN 84-9812-0489.
Diéguez, Uxío Breogán. Entrevista a Isaac Díaz Pardo. Murguía (8 de xaneiro de 2012).
Romero, Daniel e Rúa, Manuel. Isaac Díaz Pardo pronunciando un discurso que ninguén entende. Galicia S.L. / (Entrevistas) 1º ed. Vigo: Xerais, 1995, pp. 107–145.