Manuel María Fernández Teixeiro, nado en Outeiro de Rei o 6 de outubro de 1929 e finado na Coruña o 8 de setembro de 2004,[1][2] foi un poeta, narrador, dramaturgo e académico da lingua galega, destacado polo seu carácter combativo e máis polo seu compromiso político.[3] O 19 de abril do ano 1970 foi elixido membro correspondente da Real Academia Galega, mais renunciou en 1975 ao entender que a institución non estaba á altura que esixía o momento histórico.
Nas eleccións municipais de 1979 presentouse como cabeza de lista á alcaldía de Monforte de Lemos, e foi nomeado concelleiro de Augas e Recollida do lixo. Tras non ser elixido nas eleccións ao Senado de 1982 en representación do BNG, abandonou a militancia política para se dedicar por completo á actividade literaria e cultural. Volveu ingresar na RAG, desta volta como membro de número, o 15 de febreiro de 2003, por proposta de Xosé Luís Franco Grande, Ramón Lorenzo Vázquez e Xosé Luís Méndez Ferrín, pronunciando o discurso A Terra Chá: poesía e paisaxe.
Fillo de dous labregos acomodados, Antonio Fernández Núñez, que foi alcalde de Outeiro de Rei, e Pastora Teixeiro Casanova, da parroquia de San Mamede dos Anxos (Lugo). Estudou as primeiras letras na súa vila co mestre Domingo Cabana e en Rábade con Bautista Núñez Varela, quen o iniciou na literatura galega da man das antoloxías de Uxío Carré Aldao e Álvaro das Casas. Completou as súas lecturas iniciais cos libros do seu pai e do seu tío, o sacerdote Xosé Fernández, párroco de San Froilán. En 1942 trasladouse a Lugo para estudar o bacharelato nos Maristas, grazas a que o seu tío se fixo cargo dos custos. Alí foi alumno de Lázaro Montero. Nos veráns ía en xullo co crego até Cespón (Boiro) para axudalo como sancristán, e alí coñeceu as irmás de Castelao. O mes de agosto pasábao na casa familiar, onde coñeceu o xornaleiro Manuel de Paderna que lle aprendeu a compoñer versos.[3]
Publicou o seu primeiro poema no número 2 da revista Xistral, que editou xunto co seu amigo Manuel Antonio Sopena. Publicou tamén o poema "Fume" na revista La Noche. En 1952 creou canda a Ánxel Xohán a Colección Xistral, continuadora da Colección Benito Soto. Nesta colección publicara en 1950 o seu primeiro poemario, Muiñeiro de brétemas, co que se inaugura a denominada "Escola da Tebra".[3] Tamén en 1952 publicou o seu primeiro libro de narrativa, Contos en cuarto crecente e outras prosas (Edicións Celta).
O seu tío quería que estudase Dereito, mais el prefería facer Filosofía e Letras, carreira da que se matriculou por libre na Universidade de Santiago de Compostela ao non ter posibilidade de facelo presencialmente. Os resultados que obtivo nos exames do primeiro curso foron malos, e decidiu abandonar a formación universitaria. Froito deste fracaso foi o seu segundo poemario Morrendo a cada intre.[5] Sendo a poesía o seu xénero preferido, tentou a man tamén co ensaio, a narrativa e o teatro. Pasou dunha postura existencialista pesimista cara ao compromiso social e político.[3]
Manuel María, o poeta de Lugo, era un tipo de cadro de Manet. Era de feitura lixeira, o seu traxe negro víñalle apertado ao redor das súas pernas de bailarín de ballet, e frouxo sobre os seus ombreiros caídos. O seu mesto bigote en forma de manillar de bicicleta e grandes patillas non podían agachar a fresca cute dos seus vintecinco anos, e os seus grandes ollos ambarinos deberon causar moitas emocións entre as "luguesas". Era un home fermoso. Pero tomou a súa poesía a serio e estaba disposto a sufrir. Ía polas rúas de Santiago coas súas costas fráxiles dobregadas polo peso de emocións aínda non clarexadas e postas en rima. Igual que a meirande parte dos poetas, estaba anceioso de ler os seus últimos versos, e a súa voz grave e sonora axeitábase ben aos ecos do Santiago vello.
Nina Epton: Uvas e granito, páx. 106
En agosto de 1953 regresou a Outeiro de Rei, e animado por Celso Emilio Ferreiro comezou a preparar oposicións para o posto de procurador de tribunais. En 1954 gañou os Xogos Florais de Ourense[3] e participou no III Congreso Internacional de Poesía. Ao ano seguinte acadou o Premio Pondal convocado polo Centro Galego de Buenos Aires pola obra Libro de pregos. Logo de aprobar as oposicións, en 1958 instalouse en Monforte de Lemos como procurador dos tribunais. Comezou a colaborar en Radio Juventud de Monforte, dirixida por César Quiroga, e a dar clases na academia Balmes primeiro e na Monforte despois.[6] Alí foi mestre de Camilo González Torres e Lois Diéguez. O 9 de maio de 1959 casou con Saleta Goi García na igrexa da Milagrosa, en Lugo[3] quen foi a súa parella dende 1956.[7]
Nas axitadas décadas de 1960 e 1970 Manuel María participou na reorganización política -na clandestinidade- dos partidos nacionalistas, como o Partido Socialista Galego e a Unión do Povo Galego. Ao tempo colaborou con numerosas organizacións dedicadas á recuperación cultural, impartindo conferencias e recitando poemas. O 9 de maio de 1967 presentou o cantante Raimon na Residencia de Estudantes compostelá. Contactou cun selo musical e creou o proxecto EDIGSA-Xistral, que deu pé á Nova Canción Galega, presentada no Teatro Capitol o 1 de decembro de 1968.
En 1967 retoma o proxecto editorial coa colección de poesía Val de Lemos, coa colaboración de Basilio Losada e a dirección de Lois Diéguez. En setembro de 1970 montou canda a Saleta a libraría Xistral en Monforte de Lemos, que serviu tamén como punto de venda da cerámica do Grupo Sargadelos.[3] O 19 de abril dese mesmo ano foi elixido membro correspondente da Real Academia Galega, mais renunciou en 1975 ao entender que a institución non estaba á altura que esixía o momento histórico.
Nas eleccións xerais de 1977 presentouse pola provincia de Lugo na candidatura do BN-PG. Nas eleccións municipais de 1979 presentouse como cabeza de lista á alcaldía de Monforte de Lemos, e foi nomeado concelleiro de Augas e Recollida do lixo. Tras non ser elixido nas eleccións ao Senado de 1982 en representación do BNG, abandonou a militancia política para se dedicar por completo á actividade literaria e cultural. Xubilouse como procurador en 1995, e en abril de 1998 foron vivir á Coruña, ao barrio de Monte Alto.
Volveu ingresar na RAG, desta volta como membro de número, o 15 de febreiro de 2003, por proposta de Xosé Luís Franco Grande, Ramón Lorenzo Vázquez e Xosé Luís Méndez Ferrín, pronunciando o discurso "A Terra Chá: poesía e paisaxe",[8] respondido por Méndez Ferrín.[9] Finou na Coruña o 8 de setembro de 2004, e logo do velorio no Panteón de Galegos Ilustres foi soterrado en Santa Isabel, Outeiro de Rei.[3][10]