Biografía | |
---|---|
Nacemento | 22 de novembro de 1861 Springville, Estados Unidos de América (pt) |
Morte | 14 de novembro de 1944 (82 anos) Arlington, Estados Unidos de América |
Lugar de sepultura | Mount Pleasant Cemetery (en) |
Residencia | Taylor-Dallin House (en) (1899–1944) |
Relixión | Unitarismo |
Educación | Academia Julian (pt) |
Altura | 174 cm |
Actividade | |
Campo de traballo | Escultura |
Ocupación | escultor, arqueiro |
Período de actividade | 1890 - 1944 |
Empregador | Universidade Drexel (pt) |
Membro de | |
Nacionalidade deportiva | Estados Unidos de América |
Deporte | tiro con arco |
Participou en | |
1904 | archery at the 1904 Summer Olympics – men's team round (en) (Medalla de bronce olímpica) |
Obra | |
Obras destacables
| |
Descrito pola fonte | Encyclopædia Britannica The Encyclopedia Americana (mul) |
Cyrus Edwin Dallin, nado en Springville, Utah, o 22 de novembro de 1861 e finado en Arlington, Massachusetts, o 14 de novembro de 1944, foi un escultor e deseñador de moeda estadounidense.
Destaca polas súas representacións de nativos norteamericanos, cun coidadoso tratamento da súa anatomía e da súa indumentaria, o que os dotaba de grande autenticidade e dignidade.[1]
Ademais da súa actividade artística, Dallin dedicouse tamén ao tiro con arco, e mesmo competiu nos Xogos Olímpicos de Verán de 1904, que tiveron lugar en San Luís, nos que gañou a medalla de bronce na competición por equipos.[2][3]
Cyrus E. Dallin naceu en 1861, nunha cabana de madeira en Springville, no daquela coñecido como territorio de Utah,[4] fillo duns pioneiros mormóns,[1] Jane Hamer e Thomas Dallin.[5][6][7]
A súa infancia transcorreu con moitas necesidades, facendo os labores habituais da vida agrícola,[8] preto dos asentamentos dos indios paiute e ute, que se achegaban á vila para comerciar, e esta proximidade marcou a súa carreira artística posterior.[9] De rapaz, modelaba lobos, antílopes, búfalos e outros animais salvaxes da súa contorna,[1] e segundo el mesmo, foi a comunidade indíxena a que espertou nel o interese pola arte:[10]
“ | Hipnotizoume bastante a beleza das súas decoracións. Experimentaba emocións extáticas cada vez que vía un destes espléndidos homes cos seus magníficos atavíos. | ” |
En 1879, cando traballaba co seu pai nunha mina, uns mineiros viron algunhas das estatuíñas que Dallin elaborara con arxila e decidiron envialas á feira de Salt Lake City, xunto con outros dous debuxos do incipiente artista. Estas primeiras creacións foron moi apreciadas por dous ricos comerciantes, Blanchard e Lawrence, que decidiron impulsar os estudos de Dallin e sufragaron o seu desprazamento a Boston, na primavera de 1880, para que puidese estudar escultura con Truman Howe Bartlett.[11][12][13]
Anos máis tarde viaxaría a París, para ingresar na prestixiosa Académie Julian, onde, entre outros, estudou con Henri Chapu no curso 1888-1889.[12][13] En 1889 chegou a aprobar o exame de acceso á École des Beaux-Arts de París, aínda que non chegou a ingresar nesta institución académica.[14]
En 1883, Dallin gañou a un concurso para esculpir unha estatua ecuestre de Paul Revere para a cidade de Boston. Os modelos expuxéronse na galería do Boston Art Club en abril de 1884 e o contrato para a elaboración do monumento asinouse en 1885. Aínda que as primeiras versións que Dallin presentou do seu modelo foron rexeitadas por diferentes motivos —o que ocasionou sucesivas prórrogas do contrato—,[16] a sétima versión que presentou foi finalmente aceptada en 1939, e a estatua acabou inaugurándose o 22 de setembro de 1940.[17][18][15] Con este traballo, Dallin gañou un concurso de arte ecuestre.[1]
En Boston, Dallin tivo como colegas a Augustus Saint-Gaudens e de John Singer Sargent.
Logo do seu matrimonio en 1891, regresou a Utah para traballar na escultura do anxo Moroni.[19] Ao non ser membro da Igrexa de Xesús Cristo dos Santos dos Últimos Días, xa que se convertera ao unitarismo, Dallin rexeitara inicialmente a oferta de esculpir o anxo Moroni para a agulla do templo de Salt Lake, pertencente a esa comuñón.[20] Máis tarde, no entanto, acabou aceptando a encarga e, logo da conclusión da estatua en 1893, dixo: "O meu anxo Moroni achegoume a Deus máis que calquera outra cousa que eu fixera".[21][22] Esta estatua converteuse nun símbolo da igrexa mormona e foi o modelo para outras estatuas de Moroni nas agullas dos templos da Igrexa de Xesús Cristo dos Santos dos Últimos Días.[23]
Durante o ano 1894 foi profesor de modelaxe no Drexel Institute de Filadelfia, Pensilvania,[1] en tanto que concluía a súa estatua de Isaac Newton (1895) para a Biblioteca do Congreso.[24]
En 1897 viaxou a París para continuar a súa formación con Jean Dampt, e permaneceu nesa cidade durante case tres anos.[25] En 1889 fixo amizade coa destacada pintora europea Rosa Bonheur, e xuntos viaxaron a Neuilly, área metropolitana de París, para debuxar os animais e os personaxes do espectáculo Buffalo Bill Cody's Wild West Show no seu campamento.[13][26] No Salón de París de 1897 presentou unha estatuíña de Don Quixote.[25]
En 1899 seguinte, Dallin volveu a Arlington, Massachusetts, xunto coa súa muller e os seus fillos, e o ano seguinte presentou 14 das súas obras e fotografías doutras sete nunha exposición organizada polo St. Botolph Club, de Boston. [27]
Entre 1899 a 1941, Cyrus Edwin Dallin foi membro do claustro de profesores da Massachusetts Normal Art School —o actual Massachusetts College of Art and Design—, en Boston.[1] En 1912, foi elixido membro asociado da National Academy of Design, da que pasou a ser académico de número en 1930. Tamén foi membro da Sociedade Nacional de Escultura e da Asociación Nacional de Artes e Letras.[28]
Estre as obras máis significativas de Dallin está unha serie de catro esculturas ecuestres de indíxenas: A Signal of peace ou The Welcome ("Sinal de paz" ou "A benvida"), de 1890; The Medicine Man ou The Warning ("O xamán" ou "A advertencia"), de 1899; Protest of the Sioux ou The Defiance ("Protesta dos siux" ou "O desafío", de 1904; e Appel to the Great Spirit ("Chamamento ao grande espírito") de 1908. Para Dallin a creación destas obras supuxo un medio de utilizar os estudos preliminares que realizara tras visitar o espectáculo do campamento de Buffalo Bill en Neuilly, Francia, na compaña de Rosa Bonheur, mentres estudaba en París en 1888.[1][29]
A Signal of Peace exhibiuse na Exposición Universal de 1893. William A. Coffin escribiu en The Nation, o 3 de agosto de 1893, que se trataba dunha das mellores obras amosadas polos americanos nesa mostra, e nela recibiu unha medalla e un diploma. Este monumento foi inaugurado en Lincoln Park en xuño de 1894.[36]
The Medicine Man presentouse no Salón de París de 1899, onde tivo un lugar de privilexio,[37] e na Exposición Universal de París de 1900, onde gañou unha medalla de ouro,[38] e logo instalouse no parque Fairmount de Filadelfia en 1903.[39]
A versión de tamaño natural de Protest of the Sioux amosouse na Exposición Universal de 1904, onde gañou unha medalla de ouro. O valente a cabalo que axita desafiante o puño ante o inimigo nunca foi fundido en bronce a tamaño natural e só se conserva en forma de estatuíña. No Museo de Arte de Springville, Utah, consérvase unha versión en bronce dun terzo de tamaño, fundida en 1986.[33][40]
Appeal to the Great Spirit converteuse nunha icona da arte estadounidense e é unha das obras máis famosas de Dallin. A versión a tamaño real fundiuse en bronce en París e gañou unha medalla de ouro no Salón de 1909. Instalouse fronte á entrada principal do Museo de Belas Artes de Boston en 1912.[35] Tamén hai outras versións máis pequenas da obra en diversos museos estadounidenses e na colección permanente da Casa Branca. En 1929, instalouse en Muncie, Indiana, unha versión a tamaño natural desta obra fundida en bronce, supervisada e aprobada persoalmente por Dallin, que moitos residentes consideran un símbolo da súa cidade.[41] En 1923 regalóuselle unha versión en xeso dun terzo de tamaño ao Central High de Tulsa, Oklahoma, e en 1985 ese xeso utilizouse para fundir unha versión en bronce dun terzo de tamaño, que agora se acha en Woodward Park, Tulsa.[42]
Cando a Comisión do Tricentenario dos Peregrinos acadou a aprobación para a emisión dunha moeda de medio dólar do tricentenario da chegada dos Peregrinos, elaborou uns esbozos e encomendoulle a Dallin que completase o deseño e elaborase os correspondentes modelos en xeso do anverso e do reverso, traballo que concluíu en agosto de 1920,[43] e que contou coa aprobación da Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos.[44]
No seu anverso, a moeda presenta unha figura de medio corpo de William Bradford, gobernador da colonia de Plymouth, un personaxe a quen Dallin tamén lle dedicou unha escultura no mesmo 1920, titulada Governor William Bradford. Pola súa banda, no reverso represéntase o buque Myflower, no que viaxaron os Pais Peregrinos.[45][46] Os modelos de xeso presentados inicialmente por Dallin engadían as súas iniciais, CED, a modo de marca de gravador,[47] mais na versión finalmente cuñada elimináronse e, no canto delas, colocouse unicamente un D baixo o cóbado de Bradford, probablemente impreso con posterioridade nos cuños mediante un punzón utilizado normalmente para crear a marca de ceca D, propia da Ceca de Denver, aínda que a cuñaxe se produciu na Ceca de Filadelfia, en senllas tiraxes en 1920 e 1921.[48]
O historiador da arte Cornelius Vermeule considerou esta moeda de Dallin como "unha obra mestra na tradición conservadora",[49] e suxeriu que o retrato do anverso estaba influído por Augustus Saint-Gaudens e a súa escultura "O Puritano". Ademais, Vermeule considera que o barco do reverso supuxo un presaxio dos barcos —polo menos cinco— que aparecerían nas moedas conmemorativas estadounidenses da década de 1930: "Visto desde a popa sobre as ondas, o barco dos peregrinos é impresionante".[50]
Dallin casou con Vittoria Colonna Murray en xuño de 1891.[5][19] A parella fixou a súa residencia en Arlington, Massachusetts, en 1900, onde se criaron os seus tres fillos.[51]
Cyrus Edwin Dallin faleceu o 14 de novembro de en 1944 en Arlington Heights,[1] e foi soterrado no cemiterio Mount Pleasant de Arlington.[7]
Máis de sesenta obras de Dallin están recollidas no Museo Cyrus E. Dallin, da Jefferson Cutter House de Arlington, e moitas outras das súas esculturas están polos seus arredores.[52] Nesa cidade, unha escola de educación primaria leva tamén o seu nome.[53]
No Museo de Arte de Springville, na súa cidade natal, expóñense máis de 30 obras súas.[54] Nesa cidade, a Casa Dallin, situada en East Street, está inscrita no Rexistro Nacional de Lugares Históricos.[55]
Os documentos de Dallin áchanse nos arquivos de arte dos Estados Unidos do Instituto Smithsoniano.[56]
Por outra banda, os Beach Boys basearon o logotipo do seu selo discográfico Brother Records na escultura de Dallin Appeal to the Great Spirit.[57][58] En 2020, o Museo de Arte Hood, do Dartmouth College de Hanover, New Hampshire, encargoulle unha obra ao artista cree Kent Monkman, que pintou The Great Mystery, unha interpretación de Appeal to the Great Spirit, con tamaño aproximado da metade da orixinal de Dallin.[59]
Entre 2017 e 2020, un cabalo de carreiras chamado Cyrus Dallin participou nas competicións hípicas do Reino Unido.[60]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cyrus Edwin Dallin |