![]() ![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 15 de outubro de 1870 ![]() Roma, Italia ![]() |
Morte | 9 de abril de 1957 ![]() Roma, Italia ![]() |
Senador vitalicio | |
1 de decembro de 1950 – 9 de abril de 1957 (finado no cargo) Nomeado por: Luigi Einaudi ![]() | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Roma La Sapienza ![]() |
Actividade | |
Campo de traballo | Política, arqueoloxía, historiografía e numismática |
Lugar de traballo | Roma ![]() |
Ocupación | historiador da antigüidade clásica, arqueólogo, profesor universitario, político, historiador ![]() |
Empregador | Istituto dell'Enciclopedia Italiana. Istituto Italiano di Numismatica. Accademia delle Scienze di Torino. Pontificia Academia Romana di Archeologia Académie des Inscriptions et Belles-Lettres. Académie royale des Sciences, des Lettres et des Beaux-Arts de Belgique. Academia Română. Bayerische Akademie der Wissenschaften. American Philosophical Society. British Academy. |
Membro de | Academia de Inscricións e Linguas Antigas (foreign member of Académie des Inscriptions et Belles-Lettres (en) ![]() Accademia delle Scienze di Torino (1903–) Academia Romena (pt) ![]() Akademie der Wissenschaften und der Literatur (pt) ![]() Accademia Nazionale dei Lincei Academia de Ciencias de Baviera Academia Austríaca de Ciencias ![]() |
Alumnos | Mariano da Torino (pt) ![]() ![]() |
Familia | |
Cónxuxe | Emilia Rosmini de Mondovi ![]() |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Biblioteca dixital BEIC ![]() |
![]() |
Gaetano De Sanctis (tamén escrito de Sanctis), nado en Roma o 15 de outubro de 1870 e finado na mesma cidade o 9 de abril de 1957, foi un político e antifascista italiano, arqueólogo, numismático e historiador especializado en historia antiga.[1]
Entre outros cargos, foi senador da República Italiana, director do Instituto da Enciclopedia Italiana e presidente do Instituto Italiano de Numismática.
Gaetano De Sanctis naceu en Roma en 1870, terceiro dos fillos de Maria Orlandini e de Ignazio De Sanctis, capitán da xendarmaría papal. A súa familia —sinaladamente o seu pai e o seu avó materno— negárase insistentemente a recoñecer o Estado italiano. O ambiente familiar no que se educou foi clasista e conservador, illado dos sectores sociais e políticos partidarios da nova Italia.[2]
Cursou a súa educación primaria e secundaria en escolas relixiosas, e entre 1883 e 1888 estudou no seminario romano de S. Apollinare, onde adquiriu un profundo coñecemento do latín e do grego clásico, nun ambiente educativo moi arcaizante.[2]
En 1888 ingresou na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Roma La Sapienza, atraído particularmente pola historia das antigas Grecia e Roma. Alí foi alumno de Federico Halbherr e do historiador xermano-italiano Karl Julius Beloch. Alí tomou contacto coa historia antiga e publicou os seus primeiros artigos na Rivista di filologia. En 1892 acabou os sesu estudos universitarios coa tese Contributi alla storia ateniese dalla guerra lamiaca alla guerra cremonidea ("Contribucións á historia ateniense desde a guerra Lamiaca ata a guerra Cremonidiana"), merecedora do premio Corsi e publicada o ano seguinte dentro do volume Studi di storia antica.[2]
Posteriormente acadou unha bolsa de estudos de posgrao en Grecia, grazas á cal viaxou ao Pireo o 5 de xaneiro de 1895 para realizar unha investigación epigráfica, que lle valeu tamén para establecer contactos con outros intelectuais —como o arqueólogo francés Théophile Homolle ou o historiador ruso Mikhail Rostovtsev —, algúns dos cales mantivo toda a súa vida.[2]
Logo do seu regreso a Roma, en 1896 gañou a oposición para acceder á cátedra de Historia Antiga da Universidade de Padua, mais este foi anulado polo Ministerio de Educación por recomendación do Consello Nacional de Educación, que considerou que non tiña a formación nin a experiencia suficientes. Así as cousas, De Sanctis viuse obrigado a impartir clases de Grego no curso 1896-1897 no Colexio Nazareno Escolapio, que abandonou por desavinzas co seu director. O ano seguinte publicaba a súa primeira monografía: Atthis. Storia della Repubblica Ateniese dalle origini alle riforme di Clistene, revisada e ampliada en 1912.[2]
En 1899 aceptou a invitación do seu exprofesor e amigo Federico Halbherr para o acompañar nunha exploración arqueolóxica en Creta.[2]
En 1900 gañou novamente un concurso para a provisión dunha cátedra de Historia Antiga, desta volta na Universidade de Turín, o que o obrigou a trasladarse a esta cidade. Alí casou coa súa antiga alumna Emilia Rosmini de Mondovi, e fixou a súa residencia familiar no prestixioso palacio Rossi, onde escribiu moitas das súas obras posteriores e onde recibía os seus discípulos, aos que instruía na historia de Grecia e de Roma.[2] En 1903 foi admitido como membro nacional na Academia das Ciencias de Turín.[3]
En 1909 participou, novamente por unha invitación de Halbherr, nunha campaña arqueolóxica en Cirenaica, un territorio que Italia mantería ocupado posteriormente entre 1911 e 1912.[2]
En 1918, De Sanctis intentou o seu traslado á Universidade de Roma, ao haber alí unha vacante na Facultade de Letras, mais non tivo éxito neste intento, xa que o posto foi cuberto por Ettore Pais.[2]
En 1923 accedeu á dirección da Rivista di Filologia, xunto con A. Rostagni. Nesta época, a revista converteuse nun espello da cultura italiana, cunha difusión de alcance europeo, e nela analizáronse e difundíronse todos os grandes descubrimentos histórico-epigráficos e histórico-papirolóxicos do momento. En 1929 comezou tamén a dirixir a sección de Antigüidade Clásica na Enciclopedia Italiana.[2]
O mesmo 1929, De Sanctis abandonou o seu posto na universidade turinesa para suceder o seu antigo mestre Karl Julius Beloch como titular da cátedra de Historia Grega na Universidade de Roma La Sapienza. Nesta cidade tivo que se enfrontar por unha parte á hostilidade de Ettore Pais e os seus seguidores, e por outra a un ambiente intelectual moi influído polo fascismo clerical, sinaladamente focalizado no Instituto de Estudos Romanos. Porén, esta nova etapa serviulle tamén para tomar contacto cos máis prestixiosos historiadores estranxeiros e a ser recoñecido con senllos doutoramentos honoris causa polas universidades de Oxford e de Cambridge (1930).[3] Mais en 1931 viuse obrigado a renunciar á súa cátedra en Roma ao formar parte da ducia de profesores que se negaron a asinar un manifesto de fidelidade ao fascismo. A maiores, en 1934 negouse tamén a asinar un xuramento académico, o que levou consigo a súa total exclusión de calquera organismo cultural. Nos anos seguintes continuou na súa residencia Romana, traballando unicamente para a Enciclopedia Italiana e nas súas investigacións e publicacións a título particular.[2]
Entre 1930 e 1957, De Sanctis foi o presidente da Pontificia Academia Romana de Arqueoloxía.[4]
Tras a liberación de Roma logo da segunda guerra mundial, De Sanctis foi restituído en 1944 na súa cátedra de Historia Grega en La Sapienza e confirmado nela de por vida. Paralelamente, malia a súa idade xa avanzada e a súa deficiente saúde, os órganos da nova República outorgáronselle varios nomeamentos, entre eles comisario do Instituto Histórico Italiano da Idade Media (1945-1952), do Instituto de Historia do Risorgimento Italiano e do Museo Central do Risorgimento (1944-1952), así como presidente do Instituto da Enciclopedia Italiana (1947-1954).[2] Ademais, entre 1944 e 1952 exerceu a presidencia do Instituto Italiano de Numismática.[5]
Entre outras institucións académicas de países estranxeiros, en 1952 foi elixido membro da Academia Británica,[6] e en 1953 membro estranxeiro da Académie des Inscriptions et Belles-Lettres.[7] Previamente entrara xa a formar parte da Academia Real de Ciencias, Letras e Belas Artes de Bélxica (2 de novembro de 1929),[8] e fora nomeado membro de honra da Academia Romanesa (1924),[9] e membro estranxeiro da Academia Bávara de Ciencias e Humanidades (1930),[10] e da American Philosophical Society (1946).[11]
Nos seus derradeiros anos, á medida que ía sentindo que a súa saúde e a súa fortaleza se deterioraban, foise desprendendo progresivamente dos diversos cargos que o ocupaban, ata que o 9 de abril de 1957 faleceu na súa residencia de Roma, afectado xa, daquela, dunha cegueira total.[2][12]
Logo da primeira guerra mundial e o auxe do nacionalismo en Italia, De Sanctis atopou no Partido Popular Italiano unha vía para a súa posición crítica, e non só se afiliou senón que ocupou nel cargos de responsabilidade e postos nas listas das eleccións locais en Turín en novembro de 1920. Durante toda a década de 1920 declarouse firme defensor da monarquía como garante da oposición ao fascismo.[2]
En 1925, De Sanctis foi un dos intelectuais asinantes do manifesto antifascista redactado por Benedetto Croce, en resposta ao dos intelectuais fascistas promovido por Giovanni Gentile.[2]
Malia todo, a súa conivencia co colonialismo levouno a apoiar —para escándalo de moitos dos seus colegas e discípulos— a ventura imperialista do fascismo na África Oriental italiana (1936-1941) e mesmo a ver con bos ollos a vitoria de Franco na guerra civil española, aínda que desaprobaba a Intervención armada dos nazifascistas en Italia.[2]
Finalmente, en recoñecemento aos seus méritos ao longo dunha ampla traxectoria, en 1950, no seu octoxésimo aniversario, o presidente da República, Luigi Einaudi, nomeouno senador vitalicio. Como mostra da súa independencia política, decidiu adscribirse ao grupo mixto.[2][13]
Esta é unha escolma dos traballos monográficos publicados por Gaetano De Sanctis ao longo da súa traxectoria —moitos deles postumamente—:
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gaetano De Sanctis ![]() |