Nome orixinal | (fr) Jules Chaplain |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 12 de xullo de 1839 Mortagne-au-Perche (Francia) |
Morte | 13 de xullo de 1909 (70 anos) París (Francia) |
Lugar de sepultura | Cemiterio de Montparnasse |
Educación | Escola Nacional Superior de Belas Artes |
Actividade | |
Ocupación | escultor, produtor, medallista, gravador, deseñador |
Período de actividade | (Con vida en: 1878 ) |
Empregador | Manufacture nationale de Sèvres (pt) , director (1895–) |
Membro de | Academia de Belas Artes (1881–1909) |
Profesores | François Jouffroy, Eugène-André Oudiné (pt) e Eugène-Stanislas Oudinot (pt) |
Alumnos | Frédéric de Vernon (pt) , Auguste Davin (pt) e Raoul Bénard (pt) |
Obra | |
Obras destacables | |
Premios | |
| |
Jules Clément Chaplain, nado en Mortagne-au-Perche, departamento de Orne, o 12 de xullo de 1839 e finado en París o 13 de xullo de 1909, foi un escultor, medallista, deseñador de moedas, debuxante e litógrafo francés.[1]
Jules Chaplain naceu no departamento de Orne en 1839, fillo de Joséphine Lazarine Nourry e de Jean-Pierre Ferdinand Chaplain, panadeiro establecido na rúa Bellême de Mortagne-au-Perche.[2][3] O 8 de outubro de 1857 ingresou na Escola de Belas Artes de París para completar a súa formación artística, e alí estudou co escultor François Jouffroy e co gravador de medallas Eugène André Oudiné.[4][5][6][7]
Chaplain quedou segundo clasificado no Premio de Roma de gravado de medallas e pedra fina en 1860, e logo acadou o primeiro premio en 1863 pola súa medalla "Baco facendo beber unha pantera" e unha pedra gravada coa cabeza de Mercurio,[6] o que lle permitiu ser residente en Villa Medici, Roma, de 1864 a 1867.[8] Durante a súa estadía alí creou unha boa cantidade de debuxos e deseños de medallas;[4][9][10] Gaston Migeon sinalou que nesa etapa executou "algúns fermosos debuxos a partir das obras de pintura máis famosas da pintura de Roma".[7]
Durante a década de 1860 expuxo no Salón de París diversas obras da súa primeira época, entre elas bustos, medallóns de retrato, fichas e varias medallas, como a da Exposición Universal de 1867.[6][7] Nos salóns de 1870 e 1872 recibiu senllos premios e, finalmente, no Salón de 1878 acadou a medalla de ouro de primeira clase.[9][10] Igualmente, obtivo un dos grandes premios na Exposición Universal de 1900.[11]
En 1870, xunto co arqueólogo helenista Albert Dumont (1842-1884), recibiu a encarga do Ministerio de Instrución Pública de estudar e investigar as orixes dos vasos gregos pintados. Non puideron comezar este traballo ata despois da guerra franco-prusiana de 1870, xa que ambos se incorporaron ao servizo de ambulancias durante a contenda. Esta investigación estivo acompañada dunha misión a Grecia, Albania e Dalmacia,[12] e ao seu remate as conclusións foron publicadas en varios números do Journal des savants en 1872 e 1873,[13] e posteriormente nunha monografía publicada en 1888 en dous volumes, con textos de Dumont e os debuxos de Chaplain.[14][15] Raymond Poincaré escribiu ao respecto: "Nunha estreita e frutífera colaboración, os dous amigos estudaron todos os vasos antigos, hydriai e lekythoi, copas e ánforas, cráteras e cántaros, e Chaplain reproduciunos fielmente en láminas que expresan o seu relixioso respecto pola beleza antiga".[16]
O 11 de agosto de 1874, Jules Chaplain casou con Marie-Louise Dumont (1853-1922).[18] Os catro fillos que seguiron ao maior, Paul, falecido na infancia, foron Louise (1877-1951), Marcel (1879-1966), Suzanne (1882-1908) e Maurice (1884-1886), cuxos catro perfís aparecen xuntos nunha medalla que o artista realizou en 1886. Aínda que a medalla, que Chaplain asinou no centro, era "unha obra íntima e inicialmente destinada a permanecer no círculo familiar", como para "situar o pai no corazón dos irmáns", foi exposta no Salón de París de 1886 xunto con outras creacións súas cos bustos de Paul Baudry, Jean-Léon Gérôme e Victor Hugo.[17][19]
Realizou medallas para as Exposicións Universais de 1867, de 1878 e de 1900, así como para os primeiros Xogos Olímpicos modernos de Atenas en 1896.[20] O seu obradoiro achábase na rúa Mazarine de París.[16]
Ademais de pola súa creación de múltiples medallas, Chaplain é mundialmente recoñecido como gravador de dúas moedas de ouro cuñadas pola Monnaie de Paris, a de 10 francos e a de 20 francos Coq, emitidas entre 1899 e 1914. Estas moedas da Terceira República caracterízanse pola figura dun galo no seu reverso e unha representación alegórica da Marianne con barrete frixio no anverso, coroada con follas de carballo.[21][22] Igualmente foi o gravador da moeda dun birr de Etiopía emitida a nome do emperador Menelik II entre 1900 e 1903.[23]
Jules Chaplain ingresou na Academia de Belas Artes o 9 de abril de 1881, en substitución do gravador de medallas Jacques Gatteaux.[7][9][10][11] En 1895 foi nomeado director da fábrica de porcelana de Sèvres (Manufacture nationale de Sèvres).[8][15]
Chaplain tamén foi o autor da composición posteriormente utilizada polo deseñador Robert Louis para un dos emblemas da República Francesa.[25]
Jules Chaplain finou o 13 de xullo de 1909 no seu domicilio do número 3 da rúa Mazarine, en París.[11][26][27][28][29] O seu corpo foi soterrado no cemiterio de Montparnasse.[30]
Na súa honra, unha das rúas do distrito 6 de París leva o nome de Jules-Chaplain.[31] Tamén na súa vila natal, Mortagne-au-Perche, se lle dedicou unha rúa, e nos xardíns da casa consistorial desta localidade inaugurouse un monumento na súa memoria, deseñado por Denys Puech, inaugurado o 12 de xullo de 1914.[32]
En 1877 fora nomeado cabaleiro da Lexión de Honra;[33] en 1888 fora ascendido ao grao de oficial e,[34] finalmente, en 1900 ao de Comendador.[35][11]
“ | Parece que Chaplain reunía todas as calidades necesarias para sacar a medalla do labirinto en que a deixaran os artistas da primeira metade do século XIX. Todos os seus esforzos ían encamiñados a lle devolver a independencia e a orixinalidade que perdera. Coa súa ciencia consumada, o seu gusto puro, o seu gran respecto pola natureza, volvendo sempre a ela como fonte de toda a verdade artística, e a súa mente lúcida que se nega a perderse na complicación e a escuridade dos símbolos, non amando nada tanto como a claridade, debémoslle a aurora dun renacemento radiante. O seu debuxo ten estilo e afirma o seu gusto polas formas fixas. A súa man é extraordinariamente hábil, e por veces non pode resistir a tentación de se aproveitar dela. Que difícil é para un artista ser quen de se deter no tempo e sentir o límite onde a habilidade se converte en virtuosismo! — Gaston Migeon (1900).[36] |
” |
“ | Chaplain foi un dos primeiros mestres da nova escola e, xunto con Roty, seguiu a ser o máis venerado, ata o punto de que durante moito tempo estes dous nomes parecían resumir por si sós o conxunto da medalla francesa [...] A obra de Chaplain impón tanto pola súa cantidade como por unha calidade case indestrutible: era un mestre. Quen non lle debe algo? Non cómpre mencionar os seus célebres retratos de Jules Ferry, Gréard, Casimir-Perier, Garnier, o duque de Aumale e tantos outros. Chaplain, sen deixar de ser el mesmo, ten un xenio o bastante logrado como para se adaptar cada vez ao seu modelo, para compor a actitude, o volume mesmo dos seus personaxes segundo o carácter que quere facer dominar. — Jean Babelon (1948).[37] |
” |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Jules Clément Chaplain |